Creador de
Hospital de Pobres de Vigo
Área de descrición
Datas de existencia 1753-1834
Historia A Obra Pía do Hospital de Pobres de Vigo ten os seus antecedentes en 1616 coa fusión, ordenada polo bispo de Tui Juan García de Valdemora, de dous establecementos previos: o Hospital del Espírito Santo e o Hospital de María Magdalena. O Hospital de Pobres de Vigo aparece como tal en 1753 mediante a refundación, por vontade testamentaria de José Antonio Martínez, comerciante de Veracruz, da obra pía do Hospital de Pobres e peregrinos e da Escola para Nenos de Primeiras Letras. Este hospital conformaríase como a única infraestrutura sanitaria e de beneficencia coa que contaba a vila de Vigo durante o século XVIII e comezos do século XIX. O Concello de Vigo encargaríase do seu Padroádego, xestionando e administrando a institución. Dentro das súas funcións estaba o nomeamento e cesamento dos administradores ou mordomos, a aprobación e control das contas, a realización de obras mediante o emprego das rendas e censos das que dispuña a Obra Pía entre outras. Durante o período de actividade desta institución, podemos mencionar a existencia de diferentes administradores como, por exemplo, Pedro Patiño Bermúdez de Cea, Benito Antonio de Groba, Juan Antonio de Cambre, Joaquín Jorge Álvarez, Norberto Velázquez Moreno, Leopoldo Menéndez Colwell, Francisco Filgueira ou José Bernardo Villanueva. Desde a súa refundación o hospital atendía aos pobres doentes e necesitados da vila, pero tamén a forasteiros e peregrinos. Ademais, por acordo da corporación do ano 1814, o Hospital tamén albergaría o depósito de detidos ou cárcere da Vila nas súas instalacións. Tamén serviu de almacén para depositar obxectos da Colexiata de Santa María de Vigo. As instalacións do Hospital estaban situadas nun edificio da denominada Rúa Oliva, lindeira a casa señorial dos fidalgos Villavicencio, construído durante a invasión inglesa de 1719. Este edificio foi obxecto de diversas obras e remodelacións, tal como se pode observar nas relacións de xornais e gastos derivados das mesmas. A desaparición do Hospital vén dado por acordo plenario do Concello de Vigo polo que se debía entregar os caudais, documentos e enxoval que pasarían, o 30 de xuño de 1834, á Xunta de Caridade. Tras a desamortización de Mendizábal, en 1839 cedeuse o convento de San Francisco do Berbés para instalar un novo hospital e hospicio para prestar servizo á vila de Vigo.
Lugares Galicia - Pontevedra - Vigo
Área de control da descrición
Regras e/ou convencións usadas International Standard Archival Authority Record of Corporate Bodies, Persons and Families, ISAAR (CPF)