Creador de
Colexio Notarial de Galicia
Área de descrición
Datas de existencia 1862-
Historia O actual Colexio Notarial de Galicia foi creado no ano 1862, coa Lei do Notariado. Xa dende entón (e salvo por un período de dous anos, entre 1903 e 1905, no que se crearon colexios provinciais), o seu ámbito territorial comprendía a actual Comunidade Autónoma de Galicia. Hoxe en día existen 185 notarías demarcadas: 75 na provincia da Coruña (31 de primeira clase, 13 de segunda clase e 31 de terceira clase); 30 na provincia de Lugo (6 de primeira clase, 2 de segunda clase e 22 de terceira clase); 59 na provincia de Pontevedra (23 de primeira clase, 15 de segunda clase e 21 de terceira clase); e 21 na provincia de Ourense (8 de primeira clase e 13 de terceira clase). O seu antecedente máis próximo é o Real Colexio de Escribáns da cidade da Coruña, cuxas Constitucións datan de 1797. Coa Lei do Notariado, en 1862, créase o Colexio Notarial da Coruña, que conservou dita denominación ata o ano 2002, ano no que por Orde do Ministerio de Xustiza de 24 de setembro, pasa a chamarse Colexio Notarial de Galicia. A primeira sede oficial do Colexio estivo situada, desde 1866, no número dous da Praza da Constitución. Máis adiante, as oficinas e dependencias do colexio estiveron instaladas no piso 1º da casa sinalada actualmente cos números 72-74 da rúa San Andrés, piso que máis adiante sería ocupado pola Pena Taurina Coruñesa. En sesión celebrada o 15 de xaneiro de 1927, a Xunta Xeral do Colexio facultou á Xunta Directiva para que procedese á adquisición e construción de Casa-Colexio. O día 7 de outubro do mesmo ano procedeuse á adquisición do solar no que se construíu o actual edificio do Colexio. O construtor, don José Taboada Pan, materializou o proxecto que no mesmo ano 1927 se lle encargara ao arquitecto don Eduardo Rodríguez Losada. A construción concluíu en 1931, realizándose o traslado á actual sede no ano 1932.
Lugares Galicia - Pontevedra
Área de control da descrición
Regras e/ou convencións usadas International Standard Archival Authority Record of Corporate Bodies, Persons and Families, ISAAR (CPF)