ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.601
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.666

Fondos

CONCELLO DE BOUZAS

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36057.AM.VIG.2.

  • Título CONCELLO DE BOUZAS

  • Data(s) 1561-1905 (Creación)

  • Volume e soporte 45 unidades de instalación; 1.138 expedientes ou agrupacións documentais en soporte papel na súa práctica totalidade. Contén un pergamiño.

Área de contexto

  • Nome do produtor Concello de Bouzas(1836-1904) San Miguel de Bouzas é unha parroquia do concello de Vigo que limita coas parroquias de Santa Baia de Alcabre e San Martiño de Coia, pertencendo ao arciprestado de Vigo-Polígono. Bouzas foi un concello independente con orixe na Idade Media, froito do enfrontamento entre o Arcebispado de Santiago e o Bispado de Tui. Este último promoveu o establecemento da vila mariñeira en contraposición aos dominios adquiridos polo Arcebispado de Santiago en Santa María de Vigo. En 1501 o bispo de Tui outorgoulle o “instrumento de liberdade franqueza (“foro”) no que se lle concedía unha primitiva organización política. Eclesiasticamente pertencía á freguesía de San Martiño de Coia pero en 1572 ordenouse a construción dunha ermida baixo a advocación de San Miguel de Bouzas. Dous anos máis tarde a ermida elévase a Igrexa parroquial e se segrega da freguesía de Coia. Xa na Idade Moderna, no Catastro de Ensenada (1749), aparece referida a xurisdición de Bouzas, pertencente ao bispado de Tui, composta por cinco parroquias: Bouzas, Coia, Beade, Bembrive e Coruxo. Esta xurisdición gozaba dun xuíz ordinario, un escribán e catro rexedores. Máis tarde, o 22 de outubro de 1778 Carlos III concede (ou confirma) o título e prerrogativa de “vila”. Coa chegada do Réxime Liberal no século XIX a vila de Bouzas seguiu gozando da súa independencia, esta vez como concello constitucional. Tanto a altura de 1813, como de 1820 e 1822 aparece citado o Concello de Bouzas. Finalmente, tras a división provincial de Javier de Burgos en 1833 e a aprobación do RD do 23 de xullo de 1835, estableceríase a nova planta dos concellos constitucionais da Provincia de Pontevedra. Nesta nova divisións territorial o municipio de Bouzas pasaría a ter nove parroquias: Bouzas, Coia, Alcabre, Comesaña, Matamá, Navia, Coruxo, Oia e Saiáns. Esta composición manteríase practicamente inalterada durante todo o século XIX a excepción dun breve lapso de tempo no que o Concello de Bouzas sería anexionado ao veciño municipio de Vigo durante a Revolución Gloriosa de 1868. Xa a finais do século XIX comezará a absorción definitiva do Concello de Bouzas por parte do Concello de Vigo. Serán os veciños de Matamá os primeiros en solicitar a segregación en 1898 sendo aprobada e consumada eno ano 1900 pasando a formar parte do Concello de Vigo. Pouco tempo despois serían os veciños de Coia os que solicitará a súa unión ao Concello de Vigo sendo confirmada en xullo de 1901. Finalmente, en 1904, o resto das parroquias do Concello de Bouzas serían agregadas ao Concello de Vigo mediante a Lei de 5 de xaneiro dese ano dando fin a sesenta e oito anos como municipio independente.

  • Institución arquivística Arquivo municipal de Vigo

  • Historia arquivística O fondo documental do Concello de Bouzas sufriu innumerables calamidades ao longo da historia que teñen provocada unha perda documental irreparable. Segundo conta o cronista oficial de Vigo, Lalo Vázquez Gil, “los documentos anteriores al ataque de los ingleses en 1719 se perdieron al ser escondidos en la playa del Arenal”. Desta forma, os documentos anteriores a esa data producidos pola vila mariñeira son escasos. Posteriormente, durante a primeira, e efémera, anexión producida en 1868 o arquivo do Concello de Bouzas foi trasladado a Vigo. Os documentos e enxoval serían devoltos tres meses despois coa desanexión. Por tanto, a maioría do fondo documental do Concello de Bouzas é produto da actividade administrativa desenvolta por esta entidade local desde a súa conformación en 1836 até a súa anexión ao Concello de Vigo en 1904, con especial relevancia da documentación da segunda metade do século XIX. A segregación das parroquias de Matamá (1900) e Coia (1901) supuxo o antecedente da posterior anexión ao Concello de Vigo. Esta primeira anexión foi recibida no consistorio boucense con certa resistencia dado que en marzo de 1903 aínda non se tiña recibido nas oficinas municipais viguesas a maior parte da documentación destas parroquias (deslindes, padróns, montes, quintas etc.). Finalmente, tras a disolución do concello e a súa integración no Concello de Vigo, a súa documentación foi transferida para a súa custodia polo Arquivo municipal deste concello. O traslado da documentación non foi satisfactoria dado que, segundo indica Lalo Vázquez Gil, foron situados “en los lugares más oscuros, lóbregos, lúgubres y húmedos” provocando graves danos e perdas pola acción da humidade e as inundacións.

  • Forma do ingreso Por transferencia directa ao arquivo ao remate da súa tramitación administrativa e coincidindo co seu escaso uso administrativo. Tras a fusión desta institución co Concello de Vigo o seu fondo documental foi transferido ao Arquivo municipal de Vigo.

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido O fondo do extinto Concello de Bouzas comprende 45 unidades de instalación, repartidas entre 43 caixas e 2 libros de gran formato e sumando un total de 5 metros lineais de documentación aproximadamente. As datas extremas deste conxunto son 1599-1904, non obstante os rexistros non se distribúen de xeito homoxéneo dentro do arco temporal, concentrándose a práctica totalidade da documentación entre 1840 e 1904. Entre as series documentais máis destacadas pola súa representatividade no fondo podemos citar os Expedientes de recrutamento, Correspondencia de Alcaldía ou Expedientes xerais do presuposto ordinario. Cualitativamente cabe subliñar os Libros de actas do Pleno, dos que só se conservan 10 exemplares en malas condicións por mor da humidade e que comprenden o período 1883-1904. Por último destacar certos documentos que, debido a súa antigüidade, gozan de gran valor histórico. Así o rexistro máis antigo conservado sería o Libro dos autos, contas e cousas do Concello da vila de Bouzas, que comeza en 1599. De datas similares son tamén o Libro de contas de propios e acordos da Vila de Bouzas, que comeza en 1615 e o Título dos oficios e rendas e aproveitamentos do peso maior do Concello e outros da vila de Bouzas para o Concello, Xustiza e Rexemento dela perpetuamente, fermoso título en pergameo concedido no ano 1616 polo rei Felipe III. Xa que logo, pódense apreciar importantes perdas documentais dentro deste fondo, especialmente as referidas ao período temporal que abrangue a primeira metade do século XIX. Neste senso destaca a ausencia dos Libros de actas do Pleno anteriores a 1883.

  • Valoración, selección e eliminación A pesar da existencia de manuais e estudos de valoración e expurgo documental, tendo en conta a inexistencia dunha consistente argumentación técnica e legal, ademais da escaseza do fondo xa de por si conservado, a única eliminación levada a cabo foi a dos duplicados, fotocopias ou publicacións periódicas que acompañaban aos documentos e expedientes

  • Novos ingresos Non se esperan novos ingresos dado que se trata dun fondo pechado pertencente a unha institución desaparecida.

  • Organizació

    O fondo está organizado en base a un cadro orgánico-funcional normalizado empregado para os municipios da Provincia de Pontevedra. Estrutúrase en catro grandes seccións, coas súas respectivas divisións de sección e series documentais:
    
    CADRO DE CLASIFICACIÓN
    
    1.- GOBERNO (1599/1904)
    
    1.1.- CONCELLO / PLENO (1599/1904)
    1.2.- ALCALDE (1829/1904)
    1.4.- COMISIÓNS INFORMATIVAS E ESPECIAIS (1901)
    1.5.- AUTORIDADES SUPRAMUNICIPAIS DO ANTIGO RÉXIME (1730-1772)
    
    2.- ADMINISTRACIÓN (1839/1903)
    
    2.1.- SECRETARÍA (1883/1887)
    2.3.- PATRIMONIO (1839/1903)
    2.4.- PERSOAL (1843/1903)
    2.4.1.- ADMINISTRACIÓN DE PERSOAL (1843/1903)
    
    2.5.- SERVIZOS XURÍDICOS (1884)
    2.6.- CONTRATACIÓN (1892/1903)
    
    3.- SERVIZOS (1751/1904)
    
    3.1.- OBRAS E URBANISMO (1851/1903)
    3.1.1.- PLANIFICACIÓN (1902)
    3.1.2.- PLANS DE OBRAS E SERVIZOS (1851/1902)
    3.1.3.- OBRAS MUNICIPAIS (1882/1903)
    3.1.4.- OBRAS PARTICULARES (1883/1903)
    
    3.2.- SERVIZOS AGROPECUARIOS E INDUSTRIAIS (1843/1893)
    3.3.- ABASTECEMENTOS E CONSUMOS (1892/1895)
    3.3.1.- ABASTOS E CONSUMOS (1892/1895)
    
    3.5.- SEGURIDADE CIDADÁ (1820/1904)
    3.6.- SANIDADE (1842/1904)
    3.7.- BENEFICENCIA E ASISTENCIA SOCIAL (1877/1881)
    3.8.- EDUCACIÓN (1883/1903)
    3.11.- POBOACIÓN (1751/1903)
    3.12.- QUINTAS E MILICIAS (1844/1904)
    3.13.- ELECCIÓNS (1877/1903)
    
    4.- FACENDA (1616/1904)
    
    4.1.- INTERVENCIÓN (1845/1904)
    4.1.1.- ASUNTOS XERAIS (1880/1903)
    4.1.2.- ORZAMENTOS ORDINARIOS (1845/1904)
    
    4.2.- FINANCIAMENTO E TRIBUTACIÓN (1616/1904)
    4.2.1.- IMPOSTOS (1770/1904)
    4.2.2.- TAXAS (1616/1902)
    
    4.3.- TESOURERÍA (1880/1901)
    4.3.1.- CAIXA (1880/1901)
    4.3.2.- RECADACIÓN (1881/1900)

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Documentación patrimonial de libre acceso.

  • Condicións de reprodución Reprodución libre a solicitude do interesado, coa excepción da protección documental e da salvagarda da súa integridade.

  • CaracterÍsticas fÍsicas e requirimentos técnicos Documentación en soporte papel na súa totalidade, con importantes danos e afectacións a causa de inundacións e o efecto da humidade. Aprécianse notables perdas documentais.

  • Instrumentos de descrición Catálogo informatizado accesible a traves do portal Atopo: https://atopo.depo.gal/

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Non se coñece a existencia de orixinais fóra do arquivo municipal.

  • Existencia e localización de copias Non se coñece a existencia de copias, agás naquela documentación derivada dun proceso de colaboración con outras administracións (eleccións, padróns de habitantes e de impostos...).

  • Unidades de descrición relacionadas Pola realidade administrativa do eido local podería atoparse documentación moi directamente relacionada co concello e as súas actividades en arquivos doutras administracións do seu ámbito xeográfico, especialmente no Arquivo da Deputación Provincial e no Arquivo Histórico Provincial.

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de materias

  • Puntos de acceso de topónimos España Galicia Pontevedra Vigo Bouzas (San Miguel) Coia (San Martiño) Alcabre (Santa Baia) Santo André de Comesaña (Santo André) Matamá (San Pedro) Navia (San Paio) Coruxo (San Salvador) Oia (San Miguel) Saiáns (San Xurxo)

  • Nome dos puntos de acceso Concello de Bouzas (Tema) (Creador)

Área de control da descrición