ATOPO
Rexistros actuais: 1.187.557
Obxectos dixitais dispoñibles: 427.119

Fondos

CONCELLO DE LAVADORES

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36057.AM.VIG.4.

  • Título CONCELLO DE LAVADORES

  • Data(s) 1786-1947 (Creación) 1786-00-00 - 1947-00-00 (Produción)

  • Volume e soporte 34 unidades de instalación con 283 expedientes ou agrupacións documentais en soporte papel na súa totalidade

Área de contexto

  • Nome do produtor Concello de Lavadores(1836-1941) Lavadores é unha parroquia do concello de Vigo lindeira ás freguesías de Teis, Candeán, Cabral, Bembrive, Sárdoma e Vigo centro. Ten unha poboación de 18.000 habitantes aproximadamente e conta con quince entidades de poboación. Entre 1836 e 1941 foi un concello independente conformado polas parroquias de Lavadores, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán e San Paio. Non obstante, a súa orixe remóntase a Idade Media e Idade Moderna como unha parroquia pertencente á xurisdición do Val do Fragoso que estaba composta por quince freguesías (Lavadores, Cabral, Oia, Matamá, Navia, Castrelos, Comesaña, Candeán Sárdoma, Alcabre, Freixeiro, Teis, Chapela, Saiáns e Trasmañó), estendéndose desde Oia-Saiáns até Trasmañó. Coa chegada do Réxime Liberal a Xurisdición do Val do Fragoso comezaría a súa desmembración. Durante o período gaditano (1812-1814 e 1820-1823) independizaríanse as freguesías de Teis, Lavadores (só a parroquia) e Cabral. Xa que logo, a altura de 1813 e 1820 xa aparece o Concello de Lavadores como tal. Tras a aprobación da división de provincial de Javier de Burgos en 1833 e a aprobación do RD do 23 de xullo de 1835 estableceríanse os concellos constitucionais de “nova planta” no que se incluía o Concello de Lavadores composto por sete parroquias, a saber: Lavadores, Candeán, Cabral, Bembrive, Beade, Valadares e Zamáns. A pesar de se configurar definitivamente no ano 1836, haberá reclamacións de diferentes parroquias para modificar o repartimento territorial. Así, por exemplo, en 1837 os veciños de Teis e Candeán solicitan segregarse para constituíren un concello propio. Posteriormente, en 1844, serán os veciños de Valadares e Zamáns os que se pretenderán segregarse e formar un concello de seu. Nese mesmo ano, a parroquia de Teis solicitará a segregación do Concello de Vigo e a súa agregación a Lavadores, circunstancia que se fará realidade mediante a aprobación do RD de 11 de xaneiro de 1846. Alén destes intentos de modificacións dos lindes do Concello de Lavadores, tamén podemos facer mención á efémera anexión do Concello de Lavadores, e tamén de Bouzas, ao Concello de Vigo tras a Revolución Gloriosa de 1868. Non obstante, esta integración ficou sen efectos ao pouco de se producir. Xa no século XX, o Concello de Lavadores sufrirá novos intentos de segregación como o solicitado polos veciños de Beade en 1925 coa intención de unirse ao Concello de Vigo. Non obstante, esta solicitude non prosperou pero animou ao consistorio vigués a reclamar a anexión do Concello de Lavadores, tal como acontecera coa vila mariñeira de Bouzas. En 1931 será a parroquia de Bembrive a que solicitará constituírse como entidade local menor aínda que a inexistencia desa figura legal impedirá a súa constitución. Aínda así, ostentará a condición de “pobo agregado”, dependente do Concello de Lavadores pero coa súa propia Xunta Administrativa. En 1932 o concelleiro vigués Manuel Costas formula a idea da anexión da parroquia de Teis ao Concello de Vigo, aínda que a proposta non sairá adiante. Tres anos despois o Concello de Lavadores sufriría a segregación desa parroquia pero conformando un concello de seu. Este durará un período moi curto de tempo xa que en 1936 voltaría formar parte de Lavadores ao prosperar o contencioso administrativo presentado polo concello matriz. Finalmente, tras o Golpe de Estado e a Guerra Civil o Concello de Vigo conseguiría finalmente anexionarse o Concello de Lavadores, feito que terá lugar mediante o acordo do Consello de Ministros do 27 de marzo de 1941.

  • Institución arquivística Arquivo municipal de Vigo

  • Historia arquivística O fondo documental do Concello de Lavadores é produto da actividade administrativa desenvolta por esta entidade local desde a súa conformación en 1836 até a súa anexión ao Concello de Vigo en 1941. Tras a efémera unificación dos concellos de Bouzas e Lavadores co municipio vigués en 1868, os documentos e enxoval destes concellos foron trasladados a Vigo pero devoltos ao tres meses cando se produza a “desanexión”, segundo afirma o cronista oficial da cidade Lalo Vázquez Gil. Posteriormente, despois da definitiva disolución do concello e a súa integración no Concello de Vigo, a súa documentación foi transferida para a súa custodia polo Arquivo municipal deste concello. Por transferencia directa ao arquivo ao remate da súa tramitación administrativa e coincidindo co seu escaso uso administrativo. Tras a anexión desta entidade local por parte do Concello de Vigo en 1941 o seu fondo documental foi transferido ao Arquivo municipal.

  • Forma do ingreso Por transferencia directa ao arquivo ao remate da súa tramitación administrativa e coincidindo co seu escaso uso administrativo. Tras a anexión desta entidade local por parte do Concello de Vigo en 1941 o seu fondo documental foi transferido ao Arquivo municipal.

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido O extinto Concello de Lavadores incorpórase ao termo municipal de Vigo no ano 1941. O fondo documental distribúese en 33 unidades de instalación, sendo 28 delas caixas de arquivo definitivo e 5 libros encadernados, cunha extensión de 3,24 metros lineais. As datas extremas do conxunto son 1786-1941, aínda que o primeiro documento que con seguridade pertence ao Concello data de 1839. A pesar desta amplitude cronolóxica pódense apreciar considerables perdas documentais, especialmente daquela documentación do século XIX. Por tanto, o groso da documentación pertence ao século XX. As series documentais máis destacadas en canto ao seu volume pero tamén en canto ao seu valor cualitativo son as de Libros de actas do Pleno e Libros de actas da Comisión Municipal Permanente, que documentan a vida e os procesos decisorios municipais con gran detalle. Comprenden os anos 1900-1941 e 1924-1939 respectivamente. Sobresae ademais de xeito especial a documentación relativa ó Concello de Teis, que existiu durante uns poucos meses tras separarse de Lavadores no ano 1936. Outro grupo de series documentais destacado cuantitativamente é o referente ás obras municipais. O rexistro máis antigo data do ano 1786, se ben presenta certas dificultades xa que se trata dunha Executoria do reparto dos bens do Vilar ou Rosal na freguesía de Santa Cristina de Lavadores dada por Agustín Varela Vaamonde, escribán da Real Audiencia de Galicia a instancia de Joseph Parraga Troncoso que se atopaba mesturada xunto coa documentación municipal, se ben as circunstancias da entrada no arquivo deste documento son descoñecidas.

  • Valoración, selección e eliminación A pesar da existencia de manuais e estudos de valoración e expurgo documental, tendo en conta a inexistencia dunha consistente argumentación técnica e legal, ademais da escaseza do fondo xa de por si conservado, a única eliminación levada a cabo foi a dos duplicados, fotocopias ou publicacións periódicas que acompañaban aos documentos e expedientes.

  • Novos ingresos Non se esperan novos ingresos dado que se trata dun fondo pechado pertencente a unha institución desaparecida.

  • Organización

    Actualmente, este fondo documental está sendo obxecto dunha reorganización, descrición e catalogación que ten por obxectivo a elaboración dun catálogo informatizado.
    Para a súa estruturación e clasificación será dotado dun cadro orgánico-funcional normalizado. Este estrutúrase en catro grandes seccións, coas súas respectivas divisións de sección e series documentais:
    
    CADRO DE CLASIFICACIÓN
    
    1. GOBERNO (1839/1941)
    
    1.1. CONCELLO / PLENO (1846/1941)
    1.2. ALCALDE (1839/1941)
    1.3. COMISIÓN DE GOBERNO/ PERMANENTE (1924/1939)
    
    2. ADMINISTRACIÓN (1786/1944)
    
    2.1. SECRETARÍA (1939)
    2.2. REXISTRO (1939)
    2.3. PATRIMONIO (1903/1944)
    2.4. PERSOAL (1936/1941)
    
    2.4.1. ADMINISTRACIÓN DE PERSOAL (1936/1941)
    2.4.2. DISCIPLINA E CONTROL (1937/1941)
    
    2.5. SERVIZOS XURÍDICOS (1786/1930)
    2.6. CONTRATACIÓN (1927/1931)
    2.7. ARQUIVO (1941)
    
    3. SERVIZOS (1841/1947)
    
    3.1. OBRAS E URBANISMO (1896/1947)
    
    3.1.3. OBRAS MUNICIPAIS (1896/1947)
    
    3.3. ABASTECEMENTOS E CONSUMOS (1940)
    3.3.1. ABASTOS E CONSUMOS (1940)
    
    3.6. SANIDADE (1884/1944)
    3.8. EDUCACIÓN (1937/1940)
    3.11. POBOACIÓN (1841/1940)
    3.12. QUINTAS E MILICIAS (1911/1941)
    3.13. ELECCIÓNS (1882)
    
    4. FACENDA (1926/1941)
    
    4.1. INTERVENCIÓN (1936/1941)
    
    4.1.1. ASUNTOS XERAIS (1936/1938)
    4.1.2. ORZAMENTOS ORDINARIOS (1936/1941)
    
    4.2. FINANCIAMENTO E TRIBUTACIÓN (1935)
    
    4.2.1. IMPOSTOS (1935)
    
    4.3. TESOURERÍA (1926/1941)
    
    4.3.1. CAIXA (1929/1934)
    4.3.3. CONTAS BANCARIAS (1926/1941)

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Documentación patrimonial de libre acceso.

  • Condicións de reprodución Reprodución libre a solicitude do interesado, coa excepción da protección documental e da salvagarda da súa integridade.

  • Características físicas e requirimentos técnicos Documentación en soporte papel na súa totalidade. Aprécianse notables perdas documentais.

  • Instrumentos de descrición Catálogo informatizado accesible a traves do portal Atopo: https://atopo.depo.gal/

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Non se coñece a existencia de orixinais fóra do arquivo municipal.

  • Existencia e localización de copias Non se coñece a existencia de copias, agás naquela documentación derivada dun proceso de colaboración con outras administracións (eleccións, padróns de habitantes e de impostos...).

  • Unidades de descrición relacionadas Pola realidade administrativa do eido local podería atoparse documentación moi directamente relacionada co concello e as súas actividades en arquivos doutras administracións do seu ámbito xeográfico, especialmente no Arquivo da Deputación Provincial e no Arquivo Histórico Provincial.

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de materias

  • Puntos de acceso de topónimos España Galicia Pontevedra Vigo Lavadores (Santa Cristina) Candeán (San Cristovo) Cabral (Santa Mariña) Bembrive (Santiago) Beade (Santo Estevo) Valadares (Santo André) Zamáns (San Mamede)

  • Nome dos puntos de acceso Concello de Lavadores (Tema) (Creador)

Área de control da descrición

  • Identificador da institución DEPO00201092784