ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.765
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

OBRA PÍA DA FAMILIA CORONEL

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36057.AM.VIG.8.

  • Título OBRA PÍA DA FAMILIA CORONEL

  • Data(s) 1563-1850 (Creación) 1563 - 1901 (Produción)

  • Volume e soporte 5 unidades de instalación con 185 expedientes ou agrupacións documentais en soporte papel na súa totalidade

Área de contexto

  • Nome do produtor Familia Coronel(s. XVI-s.XIX) Os Coronel serán unha das grandes familias conversas do sur de Galicia, protagonista en moitos sentidos dos procesos inquisitoriais de comezos do século XVII. Descoñécese a data exacta da chegada desta familia a Tui, aínda que se pensa que sería a mediados do século XVI, como outros conversos portugueses. Os Coronel aséntanse en Salvaterra de Miño, Tui, Baiona e Vigo durante o século XVI, converténdose nunha das familias que acapararán maior atención como entre os conversos do sur de Galicia durante os séculos XVI e XVII polo seu ascenso social, que os fixo visibles e obxecto da envexa e odio dos seus veciños. A orixe da familia, probablemente estea relacionado coa conversión e bautismo de Abraham Seneor, xuíz maior das alxamas de Castela en 1492, adoptando o apelido Pérez Coronel, que tamén adquiriría toda a súa familia. Existirían outros membros da familia participando e dirixindo a rebelión dos Comuneiros (1519-1521) en Segovia, ou sendo profesor de hebreo na Universidade de Salamanca (1531). Certamente que a procedencia portuguesa dos Coronel de Tui fai pensar que sería esta unha das ramas familiares que non aceptaron o bautismo en 1492 e, en Portugal, víronse forzados a facelo, adquirindo o apelido. Tamén se ten constatado a estreita relación familiar con outras dúas poderosas familias que se asentarán no territorio: os Saravia e os Dinís. Os primeiros estableceranse maioritariamente en Vigo e Pontevedra, mentres os Dinís asentaranse en Pontevedra. Por outro lado, tamén se coñece o entronque da familia Coronel coa familia conversa Rodríguez mediante o casamento de Blanca Rodríguez e Francisco Coronel e de Felipa Cardosa, irmá de Francisco Coronel "el viejo", con Álvaro Rodríguez. Os Rodríguez eran orixinariamente barqueiros de Salvaterra e Monção, cuxo pai era Isaq de Castro. Seus fillos, Lope e Álvaro Rodríguez foron forzados a bautizarse nunha data moi tardía, cara 1540 antes de que a Inquisición de Coimbra actuase con toda a súa contundencia, adoptando a partir dese momento o apelido Rodríguez. Posteriormente pasarían a Salvaterra e Tui O cabeza de familia Coronel que chega a Tui será Francisco Coronel. Casará coa filla duns cristiáns novos de Salvaterra, pero de orixe portugués, Blanca Rodríguez, que era sobriña de Lope Rodríguez, quen fora barqueira e pescador. Deste matrimonio nacerán Antonio, Duarte e Sant Juan Coronel. Os máis destacados serán estes dous últimos, que chegarían a establecer grandes negocios na rexión e incluso San Juan Coronel chegaría a ser banqueiro en Roma. De Duarte Coronel sábese que xa sería cuarto rexedor en Tui no ano 1572, polo que alcanza un posto relevante no poder municipal algo que noutras poboacións galegas -Pontevedra- os conversos non chegarían a conseguir até o século XVII. Isto mostra o destacado papel dos Coronel na sociedade tudense. O irmán de Duarte, San Juan, será cuarto rexedor en 1586 e segundo rexedor municipal en 1590, apareciendo en 1597 como tesoureiro do Concello .Un dos seus fillos, Tomé Coronel, será procurador xeral en 1607, cargo electivo e cuxas atribucións consistían basicamente na defensa dos dereitos da cidade, promover os seus intereses e facer peticións no seu nome. A súa actividade económica era a de arrendador das alcabalas e dos beneficios eclesiásticos no bispado de Tui, con factores comerciais en toda a rexión e en Madrid e Lisboa. Outro importante membro da familia era o Doutor Coronel, fillo da primeira muller de Duarte Coronel. Este era un rico avogado en Valladolid e Madrid levando moitos dos negocios do seu pai. Tomé de León Coronel, curmán de Francisco, era fillo de Antonio Coronel, e tivo que instalarse en Salvaterra. Tomé de León tamén ocuparía a praza de cóengo na Catedral de Tui, o que provocaría hostilidades do cabido coa familia Coronel. Os Coronel usaban de fidalguía, tal e como se pode comprobar polo escudo atribuído a esta familia e que estaba na casa que tiñan na praza do Concello, xunto ao edificio municipal, no lado da Rúa Canicouba. Neste senso, sábese que Duarte Coronel iniciou un preito en Salvaterra con Gonzalo de Moreira e os Teixeira sobre as fidalguías e escudos de armas. Xa que logo a súa ascensión social irá acompañada de pretensións nobiliarias, encontrando forte oposición en Pontevedra e Tui. Ademais, as pretensións sobre cargos municipais ou sobre carta de fidalguía era unha parte do ascenso social que as familias conversas ían consolidando. O fillo de San Juan Coronel, Francisco, era clérigo e esperará en Roma a vacante dalgún canonicato en Tui, cargo que logrará en 1601. Un curmán del, Tomé de León Coronel, fillo de Antonio Coronel, lograría o canonicato en 1616. Outro curmán, Antonio Coronel, sería abade de Parada, parroquia próxima a Baiona, fundando unha capelanía na igrexa de Santo Domingo de Tui no ano 1662. Nestes anos a carreira eclesiástica podía contar con varias facetas que tiñan moito que ver co patrimonio das familias. As fundacións, obras pías e capelanías formaban parte da devoción cristiá. Un exemplo interesante dunha práctica xeneralizada entre a nobreza e que vemos manifestada polas familias conversas, témolo nos testamentos de Jerónimo Coronel e a súa muller Leonor Pereira. Falecerían ambos sen fillos. A súa fortuna, composta por numerosas propiedades repartidas por todo o bispado tudense, será entregada a Thomé de Lorenzana, administrador dos portos secos de Requena e os seus descendentes. A capelanía e obra pía que fundan na Igrexa de Santo Domingo de Tui, lugar onde serán enterrados, vinculará parte deses bens co compromiso de misas rezadas e cantadas ao longo do ano. Aínda que a comunidade relixiosa de Santo Domingo recibirá en principio o diñeiro correspondente á celebración desas misas en sufraxio das almas do matrimonio o certo é que os sucesores no vínculo dixarán pronto de continuar ese compromiso económico o que xerará preitos entre a comunidade conventual e os descendentes. A obra pía tamén incluía o pagamento de dotes para casamento ou ordenación relixiosa de mulleres e de estudos superiores para os varóns, sendo os receptores do beneficio sempre membros da propia familia Coronel. Coa chegada da desamortización, nos anos 30 do século XIX, a Obra Pía extínguese e os seus bens son repartidos entre os beneficiarios da mesma naquel momento.

  • Institución arquivística Arquivo municipal de Vigo

  • Historia arquivística A fundación contaba cun patrón e un administrador que ao longo dos anos vanse ocupando da xestión proveitosa da mesma, por iso é de supor que o acervo se conservaba íntegro e ordenado en mans do último. O fondo depositado no Arquivo municipal de Vigo puidera ser unha fracción do fondo da Obra Pía, incluíndo os rexistros correspondentes ás propiedades levadas por un dos herdeiros, neste caso Benito Antonio Quirós Araújo, quen a mediados do século XIX aparece desempeñando o cargo de presidente da Xunta Electoral de Nigrán. Descoñécese como esta documentación pode ter ingresado finalmente no Arquivo municipal de Vigo. Durante o proceso de reorganización dos fondos do Arquivo municipal, este fondo foi provisionalmente organizado durante o ano 2020 sendo revisado e corrixido no ano 2024

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido O fondo da Obra Pía da familia Coronel componse de cinco unidades de instalación, con documentos entre finais do século XVI e mediados do século XIX. A maior parte dos rexistros documentais son censos consignativos ou ben preitos relativos a estes mesmos bens que a familia achegaba á Obra Pía. Moi por debaixo das tipoloxías sinaladas encontramos contas, testamentos e outros documentos. Así, o fondo é de grande utilidade para as investigacións en torno aos xudeoconversos da época moderna, permitindo caracterizar as súas prácticas económicas e de ennobrecemento, as súas relaciones familiares, etcétera. Serve, ademais, como punto de partida para traballos sobre o comercio e os comerciantes, historia familiar ou beneficencia, caridade e obras pías.

  • Valoración, selección e eliminación Non se realizou ningún expurgo dado a pequena dimensión do fondo e o seu carácter patrimonial e de conservación permanente.

  • Novos ingresos Non se esperan novos ingresos dado que se trata dun fondo pechado pertencente a unha institución desaparecida.

  • Organizació

    Este fondo está organizado en base a un cadro de clasificación orgánico-funcional normalizado para fondos familiares ou nobiliares, inspirado no cadro proposto por Olga Gallego no seu "Manual de arquivos familiares" e adaptado polo Arquivo da Deputación de Pontevedra:
    
    1.- DOCUMENTOS DE CARÁCTER PATRIMONIAL (1563-1850)
    
    1.1.- TRANSMISIÓN DA PROPIEDADE (1563-1826)
    1.1.1.- Foros (1563-1706)
    1.1.2.- Vendas (1573-1729)
    1.1.3.- Trocos. Permutas (1681-1682)
    1.1.4.- Doazóns e cesións	(1650-1704)
    1.1.5.- Arrendamentos (1826)
    1.1.6.- Dotes (1682-1805)
    1.1.7.- Testamentos (1757)
    1.1.8.- Censos (1627-1807)
    1.1.9.- Partillas de bens (1767)
    1.1.10.- Posesións (1774)
    
    1.2.- ADMINISTRACIÓN DA PROPIEDADE (1655-1850)
    1.2.1.- Inventario de bens (1839-1850)
    1.2.2.- Cobros de rendas. Contas (1655-1850)
    
    2.- DOCUMENTOS DE CARÁCTER SEÑORIAL (1733-1837)
    2.2.- Nomeamentos de cargos (1837)
    2.4.- Morgados (1733-1739)
    2.5.- Títulos (1773)
    
    3.- DOCUMENTOS DE CARÁCTER XURÍDICO	1588/1846
    3.1.- Preitos (1588-1846)
    3.2.- Poderes	(1600-1779)
    
    4.- OFICINA DA CASA. ARQUIVO (1749-1843)
    4.1.- Correspondencia	(1761-1843)
    4.2.- Índices documentais	(1749-1828)
    4.3.- Certificacións eclesiásticas (1754-1833)
    
    5.- OUTRA DOCUMENTACIÓN (1769)
    5.1.- Varios (1769)

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Documentación patrimonial de libre acceso.

  • Condicións de reprodución Reprodución libre a solicitude do interesado, coa excepción da protección documental e da salvagarda da súa integridade.

  • CaracterÍsticas fÍsicas e requirimentos técnicos Documentación en soporte papel na súa totalidade. Aprécianse notables perdas documentais.

  • Instrumentos de descrición Catálogo informatizado accesible a traves do portal Atopo: https://atopo.depo.gal/

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Non se coñece a existencia de orixinais fóra do arquivo municipal.

  • Existencia e localización de copias Non se coñece a existencia de copias

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de topónimos

  • Nome dos puntos de acceso Familia Coronel (Tema) (Creador)

Área de control da descrición