ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.590
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.660

Fondos

HOSPITAL DE POBRES DE VIGO

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36057.AM.VIG.9.

  • Título HOSPITAL DE POBRES DE VIGO

  • Data(s) 1724-1887 (Creación)

  • Volume e soporte 4 unidades de instalación con 59 expedientes ou agrupacións documentais en soporte papel na súa totalidade

Área de contexto

  • Nome do produtor Hospital de Pobres de Vigo(1753-1834) A Obra Pía do Hospital de Pobres de Vigo ten os seus antecedentes en 1616 coa fusión, ordenada polo bispo de Tui Juan García de Valdemora, de dous establecementos previos: o Hospital del Espírito Santo e o Hospital de María Magdalena. O Hospital de Pobres de Vigo aparece como tal en 1753 mediante a refundación, por vontade testamentaria de José Antonio Martínez, comerciante de Veracruz, da obra pía do Hospital de Pobres e peregrinos e da Escola para Nenos de Primeiras Letras. Este hospital conformaríase como a única infraestrutura sanitaria e de beneficencia coa que contaba a vila de Vigo durante o século XVIII e comezos do século XIX. O Concello de Vigo encargaríase do seu Padroádego, xestionando e administrando a institución. Dentro das súas funcións estaba o nomeamento e cesamento dos administradores ou mordomos, a aprobación e control das contas, a realización de obras mediante o emprego das rendas e censos das que dispuña a Obra Pía entre outras. Durante o período de actividade desta institución, podemos mencionar a existencia de diferentes administradores como, por exemplo, Pedro Patiño Bermúdez de Cea, Benito Antonio de Groba, Juan Antonio de Cambre, Joaquín Jorge Álvarez, Norberto Velázquez Moreno, Leopoldo Menéndez Colwell, Francisco Filgueira ou José Bernardo Villanueva. Desde a súa refundación o hospital atendía aos pobres doentes e necesitados da vila, pero tamén a forasteiros e peregrinos. Ademais, por acordo da corporación do ano 1814, o Hospital tamén albergaría o depósito de detidos ou cárcere da Vila nas súas instalacións. Tamén serviu de almacén para depositar obxectos da Colexiata de Santa María de Vigo. As instalacións do Hospital estaban situadas nun edificio da denominada Rúa Oliva, lindeira a casa señorial dos fidalgos Villavicencio, construído durante a invasión inglesa de 1719. Este edificio foi obxecto de diversas obras e remodelacións, tal como se pode observar nas relacións de xornais e gastos derivados das mesmas. A desaparición do Hospital vén dado por acordo plenario do Concello de Vigo polo que se debía entregar os caudais, documentos e enxoval que pasarían, o 30 de xuño de 1834, á Xunta de Caridade. Tras a desamortización de Mendizábal, en 1839 cedeuse o convento de San Francisco do Berbés para instalar un novo hospital e hospicio para prestar servizo á vila de Vigo.

  • Institución arquivística Arquivo municipal de Vigo

  • Historia arquivística Esta documentación estaba integrada na sección “Sanidade e Beneficencia” do denominado “Arquivo Histórico” do Concello de Vigo. Durante o proceso de reorganización dos fondos documentais do Arquivo municipal iniciado no ano 2020, esta documentación foi segregada conformando un fondo de seu separado do fondo municipal.

  • Forma do ingreso Descoñécese, aínda que é posible que a súa acumulación sexa resultado da participación do Concello como patrón do Hospital.

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido O fondo do Hospital de Pobres é un pequeno fondo composto de catro unidades de instalación e cincuenta e sete rexistros, ocupando un total de 0,44 metros lineais. A súa documentación distribúese cronoloxicamente entre 1724 e 1887, sendo o documento más antigo que se conserva unha instancia de José Patiño solicitando á Xustiza e Rexemento da Vila de Vigo a entrega de libros e papeis da Obra Pía do Hospital de Pobres por parte de Francisco González del Villar. Non obstante, a documentación máis relevante é o preito mantido entre Juan Villavicencio e Pedro Patiño Bermúdez de Cea, administrador da Obra Pía do Hospital de Pobres, relativo a construción dunha obra doméstica que podería afectar ao Hospital de Pobres, do ano 1773. A maior parte da documentación depositada correspóndese cos expedientes de dación de contas por parte dos mordomos encargados da administración da Obra Pía, especialmente no que a cobros de rendas, censos e pensións se refire, e que eran remitidas á Xustiza e Rexemento da Vila de Vigo. Así e todo, moitas veces estes expedientes inclúen os partes da atención médica a doentes, podendo coñecerse o número de ingresados, as súas afeccións ou as esmolas con que eran socorridos. Consérvase, ademais, un expediente de correspondencia entre o Goberno Civil de Pontevedra e o Concello de Vigo que achega valiosa información sobre a historia do sanatorio e da súa documentación, a través da que sabemos que en 1834 xa se tiña extraviado boa parte do arquivo da entidade, incluíndo as escrituras de fundación.

  • Valoración, selección e eliminación Non se realizou ningún expurgo dado a pequena dimensión do fondo e o seu carácter patrimonial e de conservación permanente.

  • Novos ingresos Non se esperan novos ingresos dado que se trata dun fondo pechado pertencente a unha institución desaparecida.

  • Organizació

    Este fondo está organizado en dúas series documentais, a saber:
    
    1.- Expedientes do Hospital de Pobres (1724-1887)
    2.- Contabilidade do Hospital de Pobres (1771-1834)

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Documentación patrimonial de libre acceso.

  • Condicións de reprodución Reprodución libre a solicitude do interesado, coa excepción da protección documental e da salvagarda da súa integridade.

  • CaracterÍsticas fÍsicas e requirimentos técnicos Documentación en soporte papel na súa totalidade. Aprécianse notables perdas documentais.

  • Instrumentos de descrición Cadro de clasificación Índice – inventario en soporte papel Catálogo informatizado accesible a través do portal Atopo: https://atopo.depo.gal/

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Non se coñece a existencia de orixinais fóra do arquivo municipal.

  • Existencia e localización de copias Non se coñece a existencia de copias

  • Unidades de descrición relacionadas O Concello de Vigo ostentaba o padroádego de varias obras pías da cidade como, por exemplo, o Hospital de Pobres ou a Escola de Nenos. A administración destas obras pías recaía na mesma persoa, na figura do mordomo. Así, pódese encontrar documentación relacionada con Hospital de Pobres, no fondo da Obra Pía da Escola de Nenos custodiado, igualmente, no Arquivo municipal de Vigo.

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición