ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.765
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36057.AM.VIG.14

  • Título ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS

  • Data(s) 1886-1993 (Creación) 1886-00-00 - 2021-08-03 (Produción)

  • Volume e soporte 10 unidades de instalación; 415 expedientes ou agrupacións documentais en soporte papel na súa totalidade

Área de contexto

  • Nome do produtor Concello de Vigo. Escola Municipal de Artes e Oficios(1885-) A Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) está situada no emblemático edificio do arquitecto Pacewicz, doado por García Barbón á cidade. É o organismo autónomo do Concello de Vigo dedicado á formación en Artes e Oficios Artísticos que, de xeito gratuíto, imparte clases nas diferentes materias que os seus correspondentes plans de estudos establecen anualmente. A escola foi fundada en 1885 pola Sociedade de Socorros Mutuos La Cooperativa, por iniciativa do seu residente de honra e ex-ministro Eduardo Chao, e foi inaugurado o 26 de setembro de 1886. O seu obxectivo era o de facilitar a educación de mulleres e obreiros e outros colectivos que tiñan difícil acceso a instrución elemental. En 1888, co fin de facilitar o financiamento do centro, entregou a titularidade da escola ao concello vigués. En 1890 (en 1897 segundo outras fontes), José García Barbón encargou o arquitecto Michel Pacewicz o deseño dun edificio que albergara a escola, que se inaugurou en 1900. O edificio posteriormente foi doado a cidade a condición de que o ensino alí impartido fose gratuíto e que o concello da cidade xestionase o edificio. Tamén doou unha biblioteca de 5.000 volumes que se situou no edificio. Nos primeiros anos a formación impartida incluía aritmética, xeometría, debuxo lineal e artístico, esterotomía e música para os homes; para as mulleres as materias eran caligrafía, aritmética, teneduría, corte e confección. Ata o franquismo a institución continuou coa súa filosofía, pero posteriormente adoptou o seu programa o ensino regrado, e máis adiante ampliou a súa oferta a novas expresións artísticas e a novas necesidades formativas. A partir dos anos 70 a Escola pasou a chamarse Universidade Popular de Vigo, seguindo modelos do momento, pero no ano 2003 recuperou a súa denominación orixinal, o que lle obrigou a adaptar o seu curriculum oficial as directrices deste tipo de centros. Dende 1998 ata 2002 o edificio foi pechado por reformas, e as súas aulas foron trasladadas, sen que se interrompera a actividade. Recentemente, o Pleno do Concello de Vigo en sesión ordinaria do día 26 de outubro de 2015 adoptou o acordo para a modificación da modalidade de xestión directa dos Servizos Públicos de Educación, ocio e tempo libre e deportes, polo cal se decreta a extinción dos organismos autónomos a seguir.: Parque das Ciencias Vigo-Zoo. Instituto Municipal dos Deportes (IMD). Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO). Integráronse a partir do 1 de xaneiro de 2016 na estrutura municipal. O edificio foi construído en dúas etapas. Na primeira construíuse a fachada principal de García Barbón e o primeiro treito da rúa de Pontevedra e concluíuse en 1900. O seu dono, José García Barbón, cedello ao concello para dedicalo a Escola de Artes e Oficios e Biblioteca Pública. En 1902 engádeselle un corpo novo para dedicado ao ensino para mulleres. Esta ampliación remata en 1904. O conxunto presenta un carácter ecléctico cunha decoración que provoca unha aparencia de estilo neomedieval. A fachada de García Barbón está disposta en tres corpos, dous máis adiantados que enmarcan o central, diferenciado tamén polo tratamento dos vans. O carácter ecléctico da obra preséntase por cambiar a ornamentación, para diferenciar cada un dos andares, remarcado tamén por unha moldura que percorre as liñas de imposta decoradas cunha cinta vexetal nos tramos centrais. No primeiro andar destaca un amplo van con mainel que se decora no antepeito cunha galería cega de pequenos arcos de medio punto. Na fachada da rúa de Pontevedra destaca o balcón, con arcos de medio punto nas varandas, os mesmos que vemos na coroación do inmoble. En canto o van que coroa o balcón, aparece decorado cunha cinta vexetal e no sobrelintel un arco en cortina, decorado con cardas e un pináculo no centro que se relaciona co gótico flamíxero. O edificio anexo, engadido posteriormente, enlaza co anterior mediante un pórtico rematado en frontón conopial. A súa decoración é máis contida, no segundo andar destaca unha galería de vans alintelados e separados por columnas superpostas.

  • Institución arquivística Arquivo municipal de Vigo

  • Forma do ingreso Por transferencia

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido O fondo da Escola Municipal de Artes e Oficios componse de 418 rexistros contidos en 10 unidades de instalación, sendo as datas extremas do conxunto os anos 1886-1993. A lonxitude do fondo é de 1 metro lineal. Este conxunto supón a parte conservada polo Concello de Vigo, mentres que a propia Escola Municipal de Artes e Oficios alberga no seu arquivo un fondo complementario. A maior parte dos rexistros son de carácter económico e administrativo, destacando polo seu volume e importancia os “Oficios da Xunta Directiva da Escola Municipal de Artes e Oficios remitindo resumo dos acordos das sesións”, dispoñéndose de varias ducias de rexistros entre os anos 1915 e 1935. Outra sección importante é a dedicada ao persoal, conservándose todo tipo de instancias, currículos ou exames de oposición de mestres da escola. O documento máis antigo dos conservados é o Regulamento da Escola Municipal de Artes e Oficios (1886).

  • Organizació

    O fondo da Escola Municipal de Artes e Oficios está organizado en base a un cadro de clasificación orgánico funcional estruturado do modo a seguir:
    
    1.- ÓRGANOS DE GOBERNO (1886-1982)
    
    1.1.- Consellos e Xuntas (1898-1982)
    1.2.- Dirección (1886-1982)
    
    2.- ADMINISTRACIÓN (1886-1988)
    
    2.1.- Secretaría (1886-1987)
    2.2.- Matriculación (1908-1936)
    2.3.- Persoal (1890-1988)
    2.4.- Patrimonio e obras (1893-1974)
    
    3.- ACTIVIDADE ACADÉMICA E DOCENTE (1892-1988)
    
    4.- CONTABILIDADE (1890-1993)

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Documentación pública de libre acceso a excepción das limitacións legais derivadas das respectivas normativas vixentes.

  • Condicións de reprodución Reprodución libre a solicitude do interesado, coa excepción da protección documental e da salvagarda da súa integridade.

  • Instrumentos de descrición Catálogo informatizado accesible a traves do portal Atopo: https://atopo.depo.gal/

Área de documentación

  • Unidades de descrición relacionadas Este fondo documental encóntrase fragmentado xa que unha boa parte da documentación histórica está depositada nas dependencias da propia Institución.

Área de notas

  • Nota Dadas as características da Institución e a súa evolución histórica tomouse a decisión de tratar esta documentación como un fondo documental separado do fondo municipal. Non obstante, e dado que actualmente a entidade está integrada por completo no organigrama municipal, a documentación producida no exercicio das súa funcións estará integrada na subfunción correspondente do cadro de clasificación municipal.

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de topónimos

  • Nome dos puntos de acceso Concello de Vigo. Escola Municipal de Artes e Oficios (Tema) (Creador)

Área de control da descrición