ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.590
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.660

Fondos

  • ES.GA.36055.ACHDT.2.. ARQUIVO HISTÓRICO DIOCESANO DE TUI

ARQUIVO HISTÓRICO DIOCESANO DE TUI

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36055.ACHDT.2.

  • Título ARQUIVO HISTÓRICO DIOCESANO DE TUI

  • Data(s) 1563-2005 (Creación)

  • Volume e soporte As unidades de instalación ocupan uns 250 metros lineais de estantes en soporte papel case na súa totalidade.

Área de contexto

  • Nome do produtor Diócese de Tui-Vigo(1095-) A diocese é unha parte do Pobo de Deus que se confía a un bispo para que a apaciente coa colaboración do seu presbiterio. Así, unida a un pastor, que a reúne no Espírito Santo por medio do Evanxeo e a Eucaristía, constitúe unha Igrexa particular. Nela está verdadeiramente presente e actúa a Igrexa de Cristo unha, santa, católica e apostólica. (Cristus Dominus nº 11) A tradición reitera que a historia da nosa Diocese arrinca co episcopado de S. Epitacio no século I; pero, só contamos con apoio documental para establecer a sucesión dos seguintes bispos e os seus nomes, a partir de finais do s. VI. Eles estamparon as súas firmas ao pé das actas dos Concilios de Braga: Anila, en tempo dos suevos, e logo Neufila, Gardingo, etc. Bispos no desterro Durante as invasións árabes e normandas a presenza episcopal na sede tudense resultou moi dificultosa, por mor das continuas devastacións. Os bispos, con moita frecuencia, víronse obrigados a “desterrarse e refuxiarse” acollidos á hospitalidade dos seus irmáns veciños, unhas veces en Iria Flavia (Padrón), outras en Labrugia (Portugal) ou en San Esteban de Ribas do Sil (Ourense). Así do prelado Naustio (ca. 926-932) di unha escritura atopada en 1112 que os normandos e sarracenos penetraban na cidade de Tui polo río Miño e causaban moitos danos ao noso pobo, por iso o bispo retirouse ao mosteiro de Labruxe (Labrugia) para evitar sobresaltos, gobernando desde alí a diocese. O mesmo tiveron que facer Oveco (ca. 932-936), Vimara (936-948), Baltario (ca. 942-950) e Vilulfo (950-1002). Por iso os historiadores falan de “restauración” da diocese de Tui a finais do século XI, porque ata chegara a estar xuridicamente vinculada á de Santiago polo menos desde 1024. A recuperación da estabilidade con presenza episcopal definitiva acontece en 1095 cando os Condes de Galicia, D. Ramón de Borgoña e a súa esposa Dna. Urraca (a filla de Afonso VI) outorgan ao Bispo D. Aderico o “señorío de Tuy”, que excedía amplamente a liña do Miño. De Rebordáns á Catedral en Tui No citado ano 1095 menciónase a sede de “Santa María de Tui”, aínda cando parece que esta habería que situala entón en Rebordanes (actual igrexa de S. Bartolomeu) onde residía o Bispo. Porque é ao sucesor de Aderico, D. Afonso II, a quen algúns atribúen a iniciación das obras da Catedral actual (1120-1125) reinando Afonso VII “O Emperador”, fillo de Dna. Urraca. Outros con todo, asignan a honra de comezar a construción da Catedral ao Bispo D. Pelayo cara ao 1131 (el crearía segundo parece un mosteiro en Rebordanes baixo a regra de S. Agustín, no que vivían “cóengos da mesma igrexa”). Está claro historicamente que será o rei Fernando II (1170) quen mande trasladar a cidade “a un lugar máis alto e máis seguro” -o emprazamento actual- deixando a cidade antiga e outorgando ao Bispo novas doazóns “para que o Bispo D. Beltrán e o Cabildo poidan levantar -así di o documento real- un alcázar e torre xunto ao palacio episcopal e continuar a fábrica da Catedral”. A Catedral, cofre de “S. Telmo” Corresponderá ao Bispo D. Esteban Egea, esta vez co apoio do rei Fernando III “O Santo” e da súa nai Dna. Berenguela, terminar a obra e consagrar a Catedral na festividade de san Andrés do ano 1225, aínda que se fixou o 1º de decembro como día hábil litúrgicamente para conmemorar a dedicación. Foi o Bispo D. Lucas de Tui quen elixiu o lugar de honra que é a nosa Catedral para depositar nela (cara aos anos 1246-1249) o corpo do que agora é Patrón da Diocese, o Beato Pedro González vulgarmente coñecido como “San Telmo”, cuxas reliquias serían trasladas solemnemente á Capela actual, o 27 de abril de 1579. Momento crítico e azaroso na historia da Igrexa e consiguientemente da Diocese foi o do cisma de Occidente (1378-1417), pola división creada tamén entre os membros do Cabildo, adscritos a favor dos distintos pontífices. Así tras a polémica, a Colexiata de Valença do Minho con 230 parroquias en territorio portugués se desgaxarían do Obispado de Tui. Outras dúas Colexiatas existiron tamén na dioceses dedicadas ambas a Santa María: a de Baiona a Real (elevada a ese rango en 1482) e a de Vigo (en 1497). Ambas deixaron de ser “colexiatas” en virtude do Concordato de 1851 que fixo desaparecer esas categorías. Diocese de Tui-Vigo desde 1959 Hai unha data histórica recente da que acabamos de cumprir as Vodas de Ouro, o 25 de xuño de 1959, pola Bula “Quemadmodum impiger”, o Papa XOÁN XXIII concede á Diocese a dobre titularidade de Tui-Vigo e rango de Con-catedral ao templo vigués de Santa María. O Bispo Frei José López Ortiz trasladou desde entón a Residencia Episcopal, a Curia diocesana e o Seminario Maior á cidade de Vigo, o que orixinou tamén un só Cabildo con dobre sede. “Tui dará a Vigo a súa experiencia milenaria -dicía Frei José- e Vigo achegará á actividade diocesana o seu ritmo puxante de conquista activa e emprendedora”. A partir da dobre denominación da Diocese de Tui-Vigo ocuparon a sede diocesana quen son agora xa Bispos eméritos: D. José Delicado Baeza (1969-1975); D. José Cerviño Cerviño (1975-1996) e D. José Diéguez Reboredo (1996-2010). O territorio da Diocese -que en diversos momentos comprendeu terras hoxe de Portugal e do Ribeiro ourensán-, abarca na actualidade 1.721 quilómetros cadrados do sur da provincia de Pontevedra e é a máis pequena das dioceses españolas do territorio peninsular en extensión, aínda que non en poboación. Dividida en 276 parroquias, o último censo atribúelle unha poboación de 517.658 habitantes. Para a atención pastoral dos fieis dispón a Diocese de algo máis de douscentos sacerdotes entre os seculares e os relixiosos. O Seminario Maior "de San xosé" (Vigo) ten 15 seminaristas e no Seminario Menor “de S. Pelayo” ( Tui) estudan 18 aspirantes ao sacerdocio. Arquitectura e arte na Catedral Sobre a arquitectura da Catedral-fortaleza baste dicir que foi inicialmente románica e adaptada ás posibles necesidades defensivas; pero moi pronto se viu afectada polas novas correntes de transición ao gótico. Anótese tamén que o espléndido pórtico da fachada principal, no que están representadas escenas da Natividade, non sería concluído ata 1236. E na imposibilidade de enumerar todas as obras de arte encerradas na Catedral, invitamos a admirar a beleza artística e a teoloxía do misterio da encarnación genialmente expresada no retablo da Expectación, obra do redondelano Antonio do Villar (1722), que se acha no brazo sur do cruceiro xunto á porta que dá acceso ao Claustro; a detallada exposición da vida e milagres de San Telmo, na sillería do coro, obra de Francisco Castro Canseco (1699); tamén polo seu simbolismo, a sede desde a que nos preside o Bispo (obra de Domingo Rodríguez de Pazos, 1712) e os frontais do altar, que son do século XV, de inspiración mudéjar. A Igrexa Catedral é aquela en a cal o Bispo ten situada a súa Cátedra, signo do maxisterio e da potestade do pastor da Igrexa particular, como tamén é signo da unidade de todos os crentes na fe que o Bispo anuncia como pastor da grey». (Cerimonial dos Bispos nº 4)

  • Institución arquivística Arquivo Diocesano de Tui

  • Historia arquivística O Arquivo Histórico Diocesano foi erixido en 1974 para asegurar e difundir o patrimonio documental conservado nos arquivos parroquiais da diocese con dilixente esmero por parte dos párrocos. Ese inaprezable tesouro chegou íntegro ata nós, salvo moi contadas excepcións, nas que sufriu deterioros por deixamento persoal ou por destrución a mantenta, coma no caso do saqueo e queima dos arquivos das parroquias do Porriño, de Vilavella e de Redondela polos franceses en 1809. Para evitar perdas irreparables das fontes que posibilitan a reconstrución da vida relixiosa, cultural, económica e social dos tempos pretéritos, en 1971 a Conferencia Episcopal Española determinou que se transferiran os arquivos parroquiais con máis de cen anos de antigüidade ó Arquivo Histórico Diocesano. Facéndose eco da importante iniciativa, o Boletín Oficial del Obispado de Tuy-Vigo, número 115 (1974), publicou o decreto do entón bispo da diocese, D. José Delicado Baeza, no que dicía: “De conformidade co acordo da Confederación Episcopal Española dispoñemos que os arquivos parroquiais con antigüidade de cen anos se transfiran ó arquivo xeral diocesano, conservando a súa propiedade as respectivas parroquias”. Co mencionado decreto de 1 de maio de 1974 creouse o Museo e Archivo Diocesano baixo a dirección do sempre lembrado D. Jesús Gómez Sobrino. Ambas entidades patrimoniais e culturais permaneceron unidas e ocuparon o nobre edificio do antigo hospital de pobres e peregrinos, inmediato á catedral, que o prelado D. Juan Manuel Rodríguez Castañón construíra ás súas expensas en 1756 sobre outro anterior, levantado no século XVI. Polo 1983, para mellorar o ordenamento físico do Arquivo Capitular, habilitáronse as dependencias do non utilizado pazo de contaduría, sito no lado norte da catedral. As obras realizáronse no 1797, sendo bispo D. Juan García Benito. No ano 1994 trasladouse tamén alí o Arquivo Histórico Diocesano. Dende xuño de 1998, xa co bispo actual, D. José Diéguez Reboredo, separáronse totalmente os arquivos Catedralicio e Diocesano do Museo Histórico Diocesano. O Arquivo Diocesano dispón, ademais, dunha biblioteca especializada en temas históricos para facilitar o traballo dos investigadores.

  • Forma do ingreso Por transferencia directa dos arquivos parroquiais ó cumprir a documentación máis de cen anos.

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Teñen depositados os arquivos 260 parroquias. Só unha ducia aínda non depositou os libros. O 65% do volume documental corresponde ós libros sacramentais, o 35% restante fórmano os libros de fábrica, confrarías, etc...

  • Valoración, selección e eliminación A documentación está formada por legaxos, libros manuscritos e impresos. O especial interese dos libros parroquiais é evidente, se se ten presente que os rexistros civís comezaron a súa andadura en 1870.

  • Novos ingresos Segue entrando, con moita frecuencia, documentación que xa supera os cen anos establecidos de retención, e outra das parroquias que aínda non transferiron.

  • Organizació

    CADRO DE CLASIFICACIÓN DO ARQUIVO HISTÓRICO DIOCESANO
    
    1.- LIBROS SACRAMENTAIS:
    
    1.1.- Bautismos
    1.2.- Casados
    1.3.- Defuncións
    1.4.- Confirmados
    
    2.- GOBERNO:
    
    2.1.- Libros de visitas pastorais
    2.2.- Libros sinodais
    2.3.- Libros de circulares
    2.4.- Confrarías ou asociacións
    2.5.- Capelas
    2.6.- Hospitais
    2.7.- Padrón veciñal (status animarum)
    
    3.- ACCIÓN PASTORAL E SOCIAL
    
    3.1.- Conferencias morais do clero
    3.2.- Acción Católica
    3.3.- Escolas parroquiais
    3.4.- Catequeses
    3.5.- Conferencias de San Vicente de Paúl
    3.6.- Sindicato Agrícola Católico
    3.7.- Santa Casa da Misericordia
    3.8.- Venerable Orde Terceira
    3.9.- Apostolado da oración
    
    4.- LIBROS ADMINISTRATIVOS:
    
    4.1.- Libros de fábrica
    4.2.- Libros de contas
    4.3.- Libros de inquilinato (casas reitorais)
    4.4.- Inventarios
    4.5.- Límites parroquiais
    4.6.- Libros de colecturía
    4.7.- Padroados
    4.8.- Censos e décimos
    4.9.- Marqués de Ensenada (interrogatorio)
    
    2.5.- FUNDACIÓNS
    
    2.5.1.- Capelanías
    2.5.2.- Obras pías
    
    6.- DOCUMENTACIÓN NOTARIAL:
    
    6.1.- Protocolos notariais
    6.2.- Testamentos
    
    7.- CEMITERIOS:
    
    7.1.- Concesión de parcelas
    7.2.- Obras (planos)

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Aos documentos poden acceder os investigadores e todo aquel que xustifique a súa utilización por motivos persoais. Deben aterse ás limitacións das leis vixentes e ó Regulamento dos arquivos eclesiásticos españois.

  • Condicións de reprodución A reprodución está moi limitada para evitar o deterioro e garantir a integridade da documentación. Existen uns impresos para solicitar fotocopias e reproducións dixitais.

  • CaracterÍsticas fÍsicas e requirimentos técnicos En papel na súa maioría, aínda que nalgúns libros se reutilizaron pergameos de cantorais e de bulas como tapas.

  • Instrumentos de descrición Ficheiro temático, guías e inventarios, parcialmente informatizados.

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Arquivos parroquiais e Arquivo da Curia Diocesana

  • Existencia e localización de copias Non se coñecen a existencia de copias

  • Unidades de descrición relacionadas Non se coñecen unidades de descrición relacionadas

Área de notas

  • Nota O Arquivo Histórico Diocesano comparte sé co Arquivo Capitular da catedral tudense, pero na actualidade hai unha proposta de adaptación de novos espazos porque corre o risco de quedaren colapsados de contado.

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de topónimos

  • Nome dos puntos de acceso Diócese de Tui-Vigo (Tema) (Creador)

Área de control da descrición