ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.590
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.660

Fondos

  • ES.GA.36055.ACHDT.4.. ARQUIVO HISTÓRICO DA CURIA DIOCESANA DE TUI-VIGO

ARQUIVO HISTÓRICO DA CURIA DIOCESANA DE TUI-VIGO

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36055.ACHDT.4.

  • Título ARQUIVO HISTÓRICO DA CURIA DIOCESANA DE TUI-VIGO

  • Data(s) 1528-1991 (Creación)

  • Volume e soporte As unidades de instalación ocupan uns 290 metros lineis de estantes en soporte papel case na súa totalidade.

Área de contexto

  • Nome do produtor Diócese de Tui-Vigo(1095-) A diocese é unha parte do Pobo de Deus que se confía a un bispo para que a apaciente coa colaboración do seu presbiterio. Así, unida a un pastor, que a reúne no Espírito Santo por medio do Evanxeo e a Eucaristía, constitúe unha Igrexa particular. Nela está verdadeiramente presente e actúa a Igrexa de Cristo unha, santa, católica e apostólica. (Cristus Dominus nº 11) A tradición reitera que a historia da nosa Diocese arrinca co episcopado de S. Epitacio no século I; pero, só contamos con apoio documental para establecer a sucesión dos seguintes bispos e os seus nomes, a partir de finais do s. VI. Eles estamparon as súas firmas ao pé das actas dos Concilios de Braga: Anila, en tempo dos suevos, e logo Neufila, Gardingo, etc. Bispos no desterro Durante as invasións árabes e normandas a presenza episcopal na sede tudense resultou moi dificultosa, por mor das continuas devastacións. Os bispos, con moita frecuencia, víronse obrigados a “desterrarse e refuxiarse” acollidos á hospitalidade dos seus irmáns veciños, unhas veces en Iria Flavia (Padrón), outras en Labrugia (Portugal) ou en San Esteban de Ribas do Sil (Ourense). Así do prelado Naustio (ca. 926-932) di unha escritura atopada en 1112 que os normandos e sarracenos penetraban na cidade de Tui polo río Miño e causaban moitos danos ao noso pobo, por iso o bispo retirouse ao mosteiro de Labruxe (Labrugia) para evitar sobresaltos, gobernando desde alí a diocese. O mesmo tiveron que facer Oveco (ca. 932-936), Vimara (936-948), Baltario (ca. 942-950) e Vilulfo (950-1002). Por iso os historiadores falan de “restauración” da diocese de Tui a finais do século XI, porque ata chegara a estar xuridicamente vinculada á de Santiago polo menos desde 1024. A recuperación da estabilidade con presenza episcopal definitiva acontece en 1095 cando os Condes de Galicia, D. Ramón de Borgoña e a súa esposa Dna. Urraca (a filla de Afonso VI) outorgan ao Bispo D. Aderico o “señorío de Tuy”, que excedía amplamente a liña do Miño. De Rebordáns á Catedral en Tui No citado ano 1095 menciónase a sede de “Santa María de Tui”, aínda cando parece que esta habería que situala entón en Rebordanes (actual igrexa de S. Bartolomeu) onde residía o Bispo. Porque é ao sucesor de Aderico, D. Afonso II, a quen algúns atribúen a iniciación das obras da Catedral actual (1120-1125) reinando Afonso VII “O Emperador”, fillo de Dna. Urraca. Outros con todo, asignan a honra de comezar a construción da Catedral ao Bispo D. Pelayo cara ao 1131 (el crearía segundo parece un mosteiro en Rebordanes baixo a regra de S. Agustín, no que vivían “cóengos da mesma igrexa”). Está claro historicamente que será o rei Fernando II (1170) quen mande trasladar a cidade “a un lugar máis alto e máis seguro” -o emprazamento actual- deixando a cidade antiga e outorgando ao Bispo novas doazóns “para que o Bispo D. Beltrán e o Cabildo poidan levantar -así di o documento real- un alcázar e torre xunto ao palacio episcopal e continuar a fábrica da Catedral”. A Catedral, cofre de “S. Telmo” Corresponderá ao Bispo D. Esteban Egea, esta vez co apoio do rei Fernando III “O Santo” e da súa nai Dna. Berenguela, terminar a obra e consagrar a Catedral na festividade de san Andrés do ano 1225, aínda que se fixou o 1º de decembro como día hábil litúrgicamente para conmemorar a dedicación. Foi o Bispo D. Lucas de Tui quen elixiu o lugar de honra que é a nosa Catedral para depositar nela (cara aos anos 1246-1249) o corpo do que agora é Patrón da Diocese, o Beato Pedro González vulgarmente coñecido como “San Telmo”, cuxas reliquias serían trasladas solemnemente á Capela actual, o 27 de abril de 1579. Momento crítico e azaroso na historia da Igrexa e consiguientemente da Diocese foi o do cisma de Occidente (1378-1417), pola división creada tamén entre os membros do Cabildo, adscritos a favor dos distintos pontífices. Así tras a polémica, a Colexiata de Valença do Minho con 230 parroquias en territorio portugués se desgaxarían do Obispado de Tui. Outras dúas Colexiatas existiron tamén na dioceses dedicadas ambas a Santa María: a de Baiona a Real (elevada a ese rango en 1482) e a de Vigo (en 1497). Ambas deixaron de ser “colexiatas” en virtude do Concordato de 1851 que fixo desaparecer esas categorías. Diocese de Tui-Vigo desde 1959 Hai unha data histórica recente da que acabamos de cumprir as Vodas de Ouro, o 25 de xuño de 1959, pola Bula “Quemadmodum impiger”, o Papa XOÁN XXIII concede á Diocese a dobre titularidade de Tui-Vigo e rango de Con-catedral ao templo vigués de Santa María. O Bispo Frei José López Ortiz trasladou desde entón a Residencia Episcopal, a Curia diocesana e o Seminario Maior á cidade de Vigo, o que orixinou tamén un só Cabildo con dobre sede. “Tui dará a Vigo a súa experiencia milenaria -dicía Frei José- e Vigo achegará á actividade diocesana o seu ritmo puxante de conquista activa e emprendedora”. A partir da dobre denominación da Diocese de Tui-Vigo ocuparon a sede diocesana quen son agora xa Bispos eméritos: D. José Delicado Baeza (1969-1975); D. José Cerviño Cerviño (1975-1996) e D. José Diéguez Reboredo (1996-2010). O territorio da Diocese -que en diversos momentos comprendeu terras hoxe de Portugal e do Ribeiro ourensán-, abarca na actualidade 1.721 quilómetros cadrados do sur da provincia de Pontevedra e é a máis pequena das dioceses españolas do territorio peninsular en extensión, aínda que non en poboación. Dividida en 276 parroquias, o último censo atribúelle unha poboación de 517.658 habitantes. Para a atención pastoral dos fieis dispón a Diocese de algo máis de douscentos sacerdotes entre os seculares e os relixiosos. O Seminario Maior "de San xosé" (Vigo) ten 15 seminaristas e no Seminario Menor “de S. Pelayo” ( Tui) estudan 18 aspirantes ao sacerdocio. Arquitectura e arte na Catedral Sobre a arquitectura da Catedral-fortaleza baste dicir que foi inicialmente románica e adaptada ás posibles necesidades defensivas; pero moi pronto se viu afectada polas novas correntes de transición ao gótico. Anótese tamén que o espléndido pórtico da fachada principal, no que están representadas escenas da Natividade, non sería concluído ata 1236. E na imposibilidade de enumerar todas as obras de arte encerradas na Catedral, invitamos a admirar a beleza artística e a teoloxía do misterio da encarnación genialmente expresada no retablo da Expectación, obra do redondelano Antonio do Villar (1722), que se acha no brazo sur do cruceiro xunto á porta que dá acceso ao Claustro; a detallada exposición da vida e milagres de San Telmo, na sillería do coro, obra de Francisco Castro Canseco (1699); tamén polo seu simbolismo, a sede desde a que nos preside o Bispo (obra de Domingo Rodríguez de Pazos, 1712) e os frontais do altar, que son do século XV, de inspiración mudéjar. A Igrexa Catedral é aquela en a cal o Bispo ten situada a súa Cátedra, signo do maxisterio e da potestade do pastor da Igrexa particular, como tamén é signo da unidade de todos os crentes na fe que o Bispo anuncia como pastor da grey». (Cerimonial dos Bispos nº 4)

  • Institución arquivística Arquivo Diocesano de Tui

  • Historia arquivística O arquivo da Curia ten un carácter eminentemente administrativo e de goberno. O principal responsable da súa organización e conservación é o chanceler, que pode estar asistido por un vicechanceler. A documentación xérase case totalmente nas parroquias, sendo de ordinario os párrocos os que elaboran as solicitudes, os informes, as memorias e os duplicados dos rexistros dos libros sacramentais, o que posibilita os organismos curiais para o recto goberno da diocese. Ó trasladárense as oficinas a Vigo, a maior parte da documentación quedou en Tui nas dependencias da catedral, ata que en 1974 pasou definitivamente ó Arquivo Histórico Diocesano.

  • Forma do ingreso Por transferencia directa.

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido A documentación producida polos diversos órganos de goberno, tanto unipersoal coma colexial, representa un 60%; aproximadamente un 20% fórmano os documentos das colexiatas, encomenda de Beade e seminario, e o 10% restantes son procesos notariais.

  • Valoración, selección e eliminación Naturalmente, algunha documentación é reservada, e non se transfire porque o uso indebido do seu contido pode atentar contra a boa honra e boa fama das persoas. Ofrecen especial interese os documentos que informan sobre a construción de novos templos ou sobre as intervencións nos edificios históricos.

  • Novos ingresos A Curia segue producindo anualmente un considerable volume de documentos cuxo destino final será o Arquivo Histórico Diocesano; de momento permanece no ámbito primixenio a documentación posterior a 1959, clasificada como “época de Vigo”.

  • Organizació

    CADRO DE CLASIFICACIÓN
    
    1.- GOBERNO
    
    1.1.- Libros de visitas pastorais
    1.2.- Rendas e dereitos da dignidade episcopal (36 “caxones”)
    1.3.- Vacantes de beneficios
    1.4.- Ordes reais
    1.5.- Confraría da caridade, fundada polo bispo García Benito en 1806
    
    2.- ACCIÓN PASTORAL E SOCIAL
    
    2.1.- Pastorais dos bispos
    2.2.- Circulares
    2.3.- Edictos
    2.4.- Dispensas de parentesco
    2.5.- Dispensas de proclamas
    2.6.- Libros de cruzada
    
    3.- LIBROS ADMINISTRATIVOS
    
    3.1. Libros de contas
    3.2. Libro de décimos e rendas
    3.3. Libro de rexistro dos “caxones”
    3.4. Inventarios
    3.5. Arranxos e límites parroquiais
    3.6. Libros da Xunta Diocesana
    3.7. Libros de dotación de culto e clero
    
    4.- DOCUMENTACIÓN DA CURIA ROMANA
    
    4.1.- Bulas e breves pontificios
    4.2.- Dispensas de impedimentos
    
    5.- FUNDACIÓNS
    
    5.1.- Patrimonios
    5.2.- Capelanías
    
    6.- DOCUMENTACIÓN NOTARIAL
    
    6.1. Provisorato
    6.2. Protocolos
    
    7.- PATRIMONIO CULTURAL
    
    7.1. Xunta Diocesana de Reparacións
    7.2. Reparacións do palacio episcopal de Tui
    7.3. Reparacións de templos
    7.4. Reparación de capelas
    7.5. Desperfectos de casas reitorais
    
    8.- CEMITERIOS
    
    8.1. Concesión do traslado de cemiterios parroquiais
    8.2. Proxectos e planos
    
    9.- CLERO DIOCESANO
    
    9.1. Libros de Ordes
    9.2. Expedientes de liberdade
    9.3. Libros de licenzas
    9.4. Libros de confesores de relixiosas
    
    10.- SEMINARIO CONCILIAR DE TUI
    
    10.1.- Ingreso de alumnos
    10.2.- Contas
    10.3.- Obras e reparacións
    
    11.- ENCOMENDA DE BEADE (OURENSE)
    
    11.1.- Capelanías
    11.2.- Foros e rendas
    11.3.- Visitas pastorais
    
    12.- COLEXIATA BAIONA
    
    12.1.- Estatutos
    12.2.- Vacantes de beneficios
    12.3.- Foros e censos
    12.4.- Ordes reais
    12.5.- Contas
    12.6.- Acordos capitulares
    12.7.- Visitas pastorais
    12.8.- Capelanías
    12.9.- Hospital
    
    13.- COLEXIATA DE VIGO
    
    13.1.- Actas Capitulares
    13.2.- Capelanías e Obras Pías
    13.3.- Confrarías Santísimo Rosario
    13.4.- Circulares
    13.5.- Foros e Rendas
    13.6.- Reparacións
    13.7.- Hospital
    
    14.- ARQUIVOS DE PERSOAS FÍSICAS
    
    14.1.- Juan Domínguez Fontenla
    14.2.- José Espinosa Rodríguez
    14.3.- Familia Yáñez Acal
    14.4.- Domingo Álvarez Álvarez
    14.5.- Ricardo Torres Quiroga
    14.6.- Jesús Gómez Sobrino

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Ós documentos poden acceder os investigadores e todo aquel que xustifique a súa utilización por motivos persoais. Deben aterse ás limitacións das leis vixentes e ó Regulamento dos arquivos eclesiásticos españois.

  • Condicións de reprodución A reprodución está restrinxida para evitar o deterioro da integridade dos documentos. Existen uns impresos para solicitar fotocopias e a súa reprodución dixital.

  • CaracterÍsticas fÍsicas e requirimentos técnicos A maioría en papel; só as bulas teñen como soporte pergameo.

  • Instrumentos de descrición Ficheiro temático, guías e inventarios, parcialmente informatizados.

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Arquivos parroquiais e Arquivo da Curia, Vigairía Xeral.

  • Existencia e localización de copias Non se coñecen.

  • Unidades de descrición relacionadas Non se coñecen.

Área de notas

  • Nota Ocupa o mesmo edificio có Arquivo Histórico Diocesano e o Arquivo Capitular da catedral de Tui. Debido á súa prolífica produción documental, é o fondo que fai máis urxente a ampliación de espazos para que non se produza en breve un colapso no ordenamento arquivístico.

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de topónimos

  • Nome dos puntos de acceso Diócese de Tui-Vigo (Tema) (Creador)

Área de control da descrición