ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.590
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.660

Arquivo municipal de Vigo

Área de identificación

  • Identificador ES.GA.36057.AM.VIG

  • Forma(s) autorizada(s) do nome Arquivo municipal de Vigo

  • Forma(s) paralea(s) do nome Arquivo municipal de Vigo

Área de contacto

Arquivo municipal de Vigo

  • Enderezo Enderezo (rúa) Praza do Rei, s/n Localidade Vigo Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36202

Diego Gómez-Aller Andrés

  • Enderezo Enderezo (rúa) Praza do Rei, s/n Localidade Vigo Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36202

Fernando Santaló

  • Enderezo Enderezo (rúa) Praza do Rei, s/n Localidade Vigo Rexión Galicia-Pontevedra Nome do país Código postal 36202

Área de descrición

  • Historia O Arquivo municipal nace parello á creación da Institución tras o establecemento do Estado liberal a principios do século XIX. Será en 1836 cando fiquen establecidos definitivamente os concellos constitucionais que irán evolucionando ao longo do século XIX e século XX e adquirindo unha maior conciencia e dedicación en relación ao o seu patrimonio documental. A nova planta dos concellos aprobada naquela data supoña a creación de tres concellos dentro da territorialidade actual do Concello de Vigo, a saber: Bouzas, Lavadores e Vigo. Por tanto, cada unha destas institucións tería o seu Arquivo aínda que lamentablemente non dispomos de informacións referidas aos dous primeiros. No caso do Concello de Vigo a primeira referencia que temos data de 1840, cando a corporación acorda realizar os pertinentes traballos sobre a masa documental, que por aquel entón estaba sen clasificar nin indizar. Para realizar eses traballos sería escollido Francisco Ávila y la Cueva dando lugar ao “Índice de todos los papeles que se cutodian en el archivo de las casas consistoriales de la muy fiel, leal y valerosa ciudad de Vigo” que conta cun total de setenta follas. A seguinte noticia será o grave incendio acontecido na Casa Consistorial, situada na Rúa Joaquín Yáñez, durante a madrugada do 29 ao 30 de agosto de 1851 que provocará a destrución de boa parte da documentación pertencente ao Concello. Na sesión extraordinaria do 30 de agosto indícase que por mor do incendio nas dependencias municipais non se salvou “aboslutamente nada de ellas, siéndolo tan solo los (...) papeles de archivo que se arrojó por las ventanas a la calle recogiéndolos el Secretario de la Corporación y los Oficiales en la casa inmediata”. Nesa sesión acordouse que o Secretario, auxiliado polos concelleiros Rendo, Coca e León “recoja los papeles salvador del archivo (...) y se conduzcan a dicho edifico [Fonda del León de Oro]”. Tras este acontecemento a Corporación, na figura dos alcaldes Ramón Lafuente e José Agres, contratará a Francisco Blein para realizar o “arreglo de los papeles del archivo de esa corporación que se han salvado del incendio acaecido en la misma que se hallan sueltos y completamente revueltos”. Non obstante, non se conserva ningunha documentación máis alá da solicitude de percepción dos correspondentes honorarios e o acordo do Pleno para a contratación do serivzo. Así e todo, si que se conservan varios inventarios do Arquivo datados entre 1864 e 1868 coa documentación producida polo concello desde o incendio da Casa Consistorial realizados polo secretario interino José Núñez Novoa e o secretario propietario Eduardo Avalle y Conde. Tamén se conserva un Catálogo Xeral do Arquivo Municipal datado en xuño de 1929. Coa anexión dos concellos de Bouzas (1904) e Lavadores (1941) suponse que os seus arquivos respectivos pasaron a formar parte do Arquivo municipal aínda que non temos constancia deste traslado. Non obstante, tras a segregación das parroquias de Matamá e Coia do Concello de Bouzas e a súa anexión ao Concello de Vigo, o consistorio boucense antepuxo unha resistencia pasiva que se traduciu na demora do traslado da documentación destas dúas parroquias ás oficinas municipais viguesas. Desta forma, a altura de marzo de 1903 aínda non se transferira a maior parte da súa documentación (deslindes, padróns, montes en man común, quintas etc) ao consistorio vigués. A pesar disto, o Arquivo municipal de Vigo conserva pequenas mostras da actividade destes concellos con senllos fondos documentais de pequeno tamaño. Como se pode observar o Arquivo municipal de Vigo ten pasado, desde a súa creación, por unha serie de acontecementos como poden ser incendios, inundacións ou traslados dado que na súa primeira etapa histórica viaxaba coa Casa do Concello que tivo diferentes emprazamentos. Estes acontecementos provocaron a destrución, fragmentación e dispersión dos fondos documentais pertencentes á Institución. En tempos máis recentes o Arquivo pasa dividido, xa que numerosas seccións e negociados mantiñan o seus arquivos particulares, ás dependencias que o Concello posuía no edificio do antigo Cárcere do Partido. Outra parte do fondo, que poderíamos denominar “histórica” sería depositada no Pazo Museo Quiñonés de León. Esta dispersión e a falta dun criterio unificado e un espazo axeitado provocou que o Arquivo se fose transformando nunha especie de “almacén” na que cada servizo ou negociado coñecía a organización e localización dos seus documentos sen existir ningún tipo de actuación conxunta e organizada. Xa que logo, o desenvolvemento que acadou a cidade deixara a antiga Casa Consistorial proxectada por José María Ortiz en 1859 diminuta para as necesidades da Corporación, encontrándose os servizos públicos dispersos por diferentes locais da cidade. Desta forma, e dadas as perentorias necesidades de espazo, sería aprobado o anteproxecto da actual Casa Consistorial o 16 de xullo de 1971 e inaugurado o 26 de xullo 1976. A partir dese momento o Arquivo foi trasladado a súa actual localización, no segundo soto da Casa do Consello, e comezou un proceso de clasificación, ordenación e inventariación do que temos noticias a través das memoria elaboradas polos diferentes funcionarios que ocuparon a dirección do Arquivo. Así, en 1982-1983, Pedro López Gómez director naquel momento do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dirixiu un equipo que realizou diversos traballos sobre a documentación. Xa nos anos noventa ocuparía o posto de Directos Bernardo M. Vázquez Xil e a partir de 1993 até 2004 o encargado sería Álvaro Sineiro Reinaldo. Durante este período o Arquivo sufriu diversas incidencias como inundacións pero tamén foi ampliando as súas dependencias, instalando estantes compactos e realizando procesos de inventariación e indización. Non obstante, a partir de 2004 o Arquivo carecerá de persoal técnico directivo polo que as funcións se limitarán á prestar servizo aos cidadáns e dependencias municipais. Non se teñen realizado procesos de clasificación ou catalogación nin tampouco se teñen realizado transferencias periódicas ou regulares desde o ano 2005 con pequenas excepcións. Actualmente, estase a traballar na recatalogación, redescrición, reordenación e reclasificación dos fondos documentais do Arquivo, así como nun plan piloto de dixitalización que modernice o servizo e o poña ao servizo de todos os cidadáns e dependencias municipais.

  • Contexto xeográfico e cultural Vigo ten unha poboación de case 300.000 habitantes aínda que, en realidade, a diario viven, traballan e estudan nesta cidade case medio millón de persoas, representando o 32% da poboación da provincia de Pontevedra e o 12% da poboación de Galicia. Ademais de ser a cidade máis poboada de Galicia, é tamén a que maior fluxo migratorio rexistrou en toda a súa historia. Polo porto saíron, no pasado, centos de miles de emigrantes cara a América, pero tamén ducias de miles quedaron aquí e fixeron súa esta cidade axudando a construíla. Vigo é unha urbe moi nova. A súa carta de cidadanía data de 1810 e o gran desenvolvemento urbano e demográfico produciuse no século XX, no que multiplica por vinte a súa poboación. A cidade de Vigo está situada na metade da ría, á que dá o seu nome. A Ría de Vigo é a que está máis ao sur das Rías Baixas e, sen dúbida, a de maior beleza. Desde as Illas Cíes até a enseada de San Simón, abríndose tras o estreito de Rande, no longo esteiro vigués esparéxense pintorescas vilas mariñeiras presididas pola urbe olívica, coñecida como “A Porta do Atlántico”. Os seus maiores atractivos son a gran cantidade de praias que posúe e as súas estupendas instalacións para os deportes náuticos e rutas pola ría. O municipio, de 110km2, esténdese sobre unha orografía moi accidentada. Presidido polo monte do Castro e o monte da Guía, o seu perfil sinuoso xera as pintorescas costas do seu núcleo histórico e os magníficos miradoiros que, coa ría de protagonista, lle ofrecen ao visitante estampas de prodixio. Nesta superficie mestúrase unha consolidada estrutura urbana cunha morea de parroquias rurais. Xeralmente soleada, con veráns cálidos pero non sufocantes, Vigo goza dun microclima dentro de Galicia. É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (ría de Vigo), ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente. A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Vigo. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.708 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente. O Concello de Vigo ten un gran núcleo urbano, no que prima a división administrativa baseada nos barrios. Pero tamén posúe unha importante zona rural, onde a división tradicional en parroquias, formada por aldeas e lugares, segue estando moi viva. As parroquias do Concello de Vigo son: Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Saiáns, Sárdoma, Teis, Valadares e Zamáns. Bouzas, Coia, Freixeiro, San Paio e San Xoan do Monte non son parroquias administrativas do municipio pero pola súa tradición histórica as nomeamos nesta sección.

  • Atribucións / fontes legais A normativa legal aplicable aos arquivos municipais e aos fondos que estes custodian é a seguinte: > Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español. > Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. > Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia. > Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Avaliación Documental de Galicia e o procedemento de avaliación e selección de documentos. As funcións atribuídas aos arquivos, de conformidade da normativa legal citada, son as seguintes: > A xestión documental e a información: Os arquivos públicos participan na xestión documental das administracións públicas e facilitan o acceso aos documentos e á información que conteñen, de forma presencial e a través de medios electrónicos, mediante a consulta, a reprodución directa ou a través dos instrumentos de referencia correspondentes. > Protección e promoción do patrimonio documental: Ademais das mencionadas no artigo anterior, son funcións dos arquivos públicos de carácter histórico as seguintes: a) Promover a recuperación ou reprodución dos documentos constitutivos do patrimonio documental galego ou de interese para Galicia que estean fóra da Comunidade. b) Promover a incorporación, por calquera medio legal, de fondos documentais privados que posúan interese cultural. c) Promover a conservación, organización e descrición dos fondos documentais de carácter permanente que custodien. d) Desenvolver accións de divulgación e de formación entre os cidadáns dos fondos documentais que custodien. e) Promover o desenvolvemento local mediante a colaboración cos centros educativos e asociacións culturais do seu contorno na divulgación do patrimonio documental.

  • Estrutura administrativa O Arquivo municipal está organicamente integrado na Área de Seguridade, Contratación e Xestión Municipal. Esta está subdividida en: > Secretaría de Goberno Local: esta, á súa vez, ten baixo a súa adscrición a Oficina de Asistencia en Materia de Rexistro e o Arquivo Xeral. > Secretaría do Pleno. > Secretaría de Administración Municipal. > Asesoría Xurídica. > Área de Seguridade > Área de Contratación e Novos Proxectos.

  • Xestión de documentos e política de ingresos Principalmente por transferencia directa. Tamén ten ingresado fondos documentais mediante doazón ou compra.

  • Edificio(s) As dependencias do Arquivo encóntrase situadas no segundo soto da Casa do Concello. Conta unha superficie total de 960 m2 e 6.100 metros lineais de estantes aproximadamente. A superficie distribúese nunha sala de recepción/sala de investigadores, unha oficina, un despacho, unha sala de dixitalización e tres depósitos documentais. Nestes últimos podemos encontrar tanto estantes fixos (primeiro depósito) como estantes compactos (segundo e terceiro depósito).

  • Fondos O Arquivo municipal de Vigo custodia distintos fondos, tanto de carácter público como privado, entre os que podemos enumerar: 1.- Concello de Vigo (1560-2020) 2.- Concello de Bouzas (1561-1905) 3.- Xulgado de Bouzas (1666-1904) 4.- Concello de Lavadores (1786-1946) 5.- Marquesado de Valadares (1532-1934) 6.- Marquesado de Mos e Valadares (1378-1969) 7.- Condado de Ramiráns e Ximonde (1505-1937) 8.- Obra Pía da Familia Coronel (1573-1850) 9.- Hospital de Pobres de Vigo (1724-1887) 10.- Capela do Castro (1659-1834) 11.- Colexiata de Santa María de Vigo (1578-1931) 12.- Escola de Nenos de Vigo (1803-1843) 13.- Banda de Música (1883-1984) 14.- Escola Municipal de Artes e Oficios (1886-1993) 15.- Fábrica de papel de Soutorredonde (1840-ca.1908) 16.- Colección documental Manuel Yáñez (1777-1809) 17. Xunta Carceraria do Partido Xudicial de Vigo Ademais destes fondos documentais, o Arquivo municipal de Vigo custodia unha serie de documentación que actualmente está organizada tematicamente e que durante o proceso de reorganización, reclasificación e redescrición que se está a desenvolver se intentará reintegrar dentro do seu fondo correspondente. Estas agrupacións documentais son: 1.- Títulos e privilexios: documentación reintegrada, na súa totalidade, na subfunción SF010 1.1.10. Autoridades Supramunicipais do Antigo Réxime do fondo municipal, así como na serie “Expedientes de fidalguía”; e na división de sección 1.5. Autoridade supramunicipais do Antigo Réxime do fondo documental do Concello de Bouzas. 2.- Documentación relixiosa: unha parte da documentación foi segregada en dous fondos (Colexiata de Vigo e Capela do Castro). Outra pequena porción foi reintegrada no fondo municipal. 3.- Documentación militar: parte da documentación foi reintegrada no fondo municipal como, por exemplo, aquela referida ás xuntas de defensa ou á milicia nacional. 4.- Documentación xudicial: unha parte foi reintegrada nos diferentes fondos documentais mentres que outra parte segregouse como a colección documental "Manuel Yáñez" 5.- Documentación histórica: a maior parte foi reintegrada nas series documentais dependentes da subfunción SF010 1.1.10. Autoridades Supramunicipais do Antigo Réxime, así como noutras series do fondo municipal. Finalmente, o Arquivo municipal de Vigo custodia dúas coleccións: 1.- Colección bibliográfica: composta por monografías e folletos. 2.- Colección hemerográfica (1828-2010): composta por publicacións oficiais, publicacións xornalísticas e publicacións periódicas. 3.- Colección de material gráfico: composta por fotografías e carteis

  • Instrumentos de descrición, guías e publicacións Catálogo informatizado dos fondos patrimoniais accesible a traves do portal Atopo: https://atopo.depo.gal/ Catálogo en proceso de informatización do fondo municipal. Índice documental en soporte papel dos fondos do Xulgado de Bouzas e do Condado de Ramiráns e Ximonde (incompleto)

Área de acceso

  • Horarios de apertura De luns a venres, de 09:00 a 13:30 horas

  • Condicións e requisitos para o uso e o acceso Acceso libre e gratuíto para todos os cidadáns previa solicitude. A documentación é de acceso libre a excepción daquela afectada pola normativa legal vixente en materia de acceso, protección de datos de carácter persoal e seguridade do Estado. Debido a actual situación só se atenderá con cita previa. É obrigatorio o uso de máscara e a hixiene de mans antes de realizar a consulta.

  • Accesibilidade Acceso apto para discapacitados. Accesible a través autobús urbano. Consulta de liñas e horarios en: http://www.vitrasa.es/php/index.php?pag=index

Área de servizos

  • Servizos de axuda á investigación O Arquivo conta cunha sala de recepción/sala de investigadores cun mostrador de atención e cinco postos de consulta (catro deles con computadores). Ademais, conta cunha pequena biblioteca auxiliar (sen catalogar) con materiais referentes á cidade de Vigo e a súa contorna, así como relacionado con temas administrativos e xurídicos.

  • Servizos de reprodución O Arquivo conta cunha fotocopiadora cun tamaño máximo de A3. Para a reprodución doutros formatos de maior tamaño será preciso a remisión do documento a outras oficinas coa súa correspondente ampliación do prazo. Na actualidade estase a desenvolver un programa de dixitalización polo que certa documentación poderá ser accesible a través de formato dixital.

  • Espazos públicos O Arquivo conta unicamente cunha sala de recepción/sala de consulta.