ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

Espía da natureza, O

Espía da natureza, O
Deputación de Pontevedra, 2010
ISAN: 0000-0002-6A37-0000-I-0000-0001-I
0 p.
Il. col.; DVD

Este traballo audiovisual, realizado por Producciones Federico de la Peña, está incluído na colección “Natureza galega” da Editorial da Deputación, onde se atopan outros títulos como: “Sanidad de la vid en Galicia”, “De la reforestación de Pontevedra. El gran proyecto de Daniel de la Sota hecho realidad 1927-1958” ou o documental “Centro forestal de investigación Lourizán”. O documental recolle, entre outras, imaxes das zonas intermareais das costas da península do Morrazo, das neveiras de Terra de Montes, dos mexillóns do río Lérez, das mámoas nas Gándaras de Budiño e dos muíños de vento da provincia de Pontevedra. Está dividido en cinco capítulos: Cando baixa a marea (15:38), A serra de Candán (17:05), En busca do mexillón de río (16:25), As casas dos mouros (16:43) e Os muíños de vento (14:36); no primeiro Federico amósanos a fauna das zonas intermareais composta por mexillóns, anémonas, percebes, caracois, algas… e explica as condicións nas que se atopa cada especie durante as idas e vidas da marea. No segundo capítulo percorre a Serra do Candán, repartida polos concellos de Forcarei, Lalín e Silleda, en busca de neveiras onde se almacenaba a neve ata converterse en xeo para vendelo. O mexillón de río é o tema principal do terceiro capítulo; a margaritifera margaritifera atópase en ríos de Galicia, Asturias e Castela e León. A súa presenza está confirmada en 20 ríos da nosa Comunidade; neste caso as imaxes graváronse no río Lérez. As casas dos mouros son as Mámoas, en Galicia temos miles delas, ademais doutras moitas construcións megalíticas: os círculos líticos, dolmens, menhires, cistas... O último capítulo do documental trata sobre os muíños de vento de Pontevedra; na nosa provincia houbo máis de 20 muíños de vento, os mellor conservados son os de Catoira, únicos en Europa polo seu dobre sistema de aspas. O primeiro de Galicia fíxose na Coruña en 1525. Federico de la Peña ten outros documentais editados pola Deputación de Pontevedra como: Julio Camba. Crónica dunha vida, A muiñada do Salnés, Petroglifos. Testemuñas dos tempos, Amelia de Terra de Montes, Valle-Inclán. O tempo de Vilanova, Muíños tradicionais en Pontevedra e Gonipterus. Enemigo del eucalipto.