Vilagarcía. A perla de Arousa

O libro, encadernado en cartoné e con 451 páxinas, fai un percorrido en imaxes pola historia da vila de Vilagarcía de Arousa; dende a súa fundación no século XIV, como un pequeno burgo mariñeiro que se chamou Villa de García, ata os nosos días. Retrátase unha das transformacións sociais, económicas e urbanísticas máis importantes da historia galega. A publicación amósanos a devoción dos vilagarciáns polo seu patrón, san Roque, festa de interese turístico nacional que se celebra desde o século XVII; a gran tradición deportiva da vila, primeira localidade española na que se disputou un partido de fútbol en 1873. As súas institucións, as súas escolas, as súas xentes.. todo este conxunto constitúe a Perla de Arousa. Na década dos 50 Vilagarcía evolucionou moito social e economicamente, comezando a súa conversión na cidade que hoxe é, a oitava máis importante de Galicia. O porto da vila foi un dos factores máis dinamizadores deste cambio no século XX. Esta publicación viu a luz grazas ó intenso traballo de recompilación das imaxes, levado a cabo pola coordinadora do libro, María Lourdes Agra Paz, a editorial Teófilo Comunicación e o Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra, que reuniron máis de 500 instantáneas cedidas polos veciños de Vilagarcía de Arousa.