ATOPO
Rexistros actuais: 1.618.278
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Acta de sesión 2005/02/23_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.365/2.2005-02-23_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2005/02/23_Ordinaria

  • Data(s) 2005-02-23 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 23 de febreiro de 2005 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día vinte e tres de febreiro do ano dous mil cinco, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, D. Xosé Antón Araujo Quintas, Dona Nidia María Arévalo Gómez, D. Ramón Campos Durán, Dona Francisca Canal Gómez, D. José Costa Díaz, D. José Juan Durán Hermida, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Efrén Juanes Rodríguez, D. José Antonio Landín Eirín, D. José Antonio Lorenzo Rodríguez, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Manuel Núñez Sestelo, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. Juan Manuel Rey Rey, D. Alfredo Rodríguez Millares, D. Rodrigo Santiago Novas, Dona Belén Sío Lourido, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Xabier Toba Girón e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Accidental, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asiste o Sr. Deputado D. Xosé Crespo Iglesias. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: APOIO E SOLIDARIEDADE DESTA INSTITUCIÓN PROVINCIAL COA TRAXEDIA POLO AFUNDIMENTO DO BARCO DE BURELA "SIEMPRE CASINA" Sr. Presidente.- Vamos a dar comezo á sesión ordinaria do Pleno da Corporación Provincial, pero antes creo que deberíamos facer constar en acta o noso apoio e solidariedade en relación ó suceso no día de onte, que, pois, como todos saben, ten neste momento en vilo a unha serie de familias polo acaecido en Burela. Polo tanto creo que nese sentido o apoio e a solidariedade de todos os grupos da Corporación Provincial en relación ó sucedido no día de onte. Pero bueno, como a vida ten que seguir vamos a comezar, como digo, o Pleno ordinario. Acórdase por unanimidade mostrar o apoio e solidariedade desta Institución provincial coa traxedia polo afundimento do barco de Burela "Siempre Casina". ------ Folla: 2.5183.- MOCIÓN DO GRUPO PROVINCIAL DO PARTIDO POPULAR SOBRE A CREACIÓN DUNHA FACULTADE DE ENOLOXÍA NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA Sr. Presidente.- O punto número dous. Moción do Grupo Provincial do Partido Popular sobre a creación dunha Facultade de Enoloxía na provincia de Pontevedra. Ten a palabra o Sr. Landín Eirín. Tamén é casualidade que para un día, bueno non, xa interviu máis veces, non quero dicir con eso. Tampouco. Agora. Agora se te escoita perfectamente. Sr. Landín Eirín.- Agora si. Bos días Sr. Presidente, señoras e señores Deputados, despois de facer unha observación dos últimos do proceso que sufriu o campo na nosa comunidade e sobre todo na provincia de Pontevedra, e en certas zonas como pode ser esa franxa que vai entre o mar e a media montaña onde as terras non fai falta levar moito esforzo para ver que as terras están practicamente abandonadas, polo que no seu momento ese tratado da Unión Europea que para algunhas cousas foi beneficioso para outras non tanto, quizá o único ou sen quizá, o único sector agrícola que nos últimos anos se invertiu e se modernizou foi o sector vitivinícola sobre todo nas zonas da Denominación de Orixe Rías Baixas, tanto na zona do Salnés, sobre todo, como na zona do Miño, pero esto coma outras veces pasa e moitas veces pasa e sobre todo pasa no Estado español e sobre todo en Galicia, faise moitas veces sen os fundamentos, sen a base científica, sen a base que logo tratará de continuar, de que eso se faga no que podía ser e no que se dá en chamar un desenrolo sostible. Bueno, pois como dicía sen abundar máis nestes temas o noso grupo pois tivo a ben elaborar para que estas cousas se fagan como dicía apostando pola inversión privada, que foi a que apostou, a que tivo que importar os coñecementos doutras rexións de España ou mesmo doutras rexións de Europa, doutros países de Europa, pois nos levou a presentar a moción que vou a ler e que di que: "Ó longo dos últimos anos o sector vitivinícola sufriu en España unha importante transformación e profesionalización. De xeito substancial na nosa Comunidade Autónoma e en particular na nosa Provincia, este sector está en constante puxanza. Nalgunha comunidade de España estase a regularizar a través da creación de centros de ensinanza a nivel medio ou superior, eu diría máis ben medio e superior, o que levou á creación de sete Facultades de Enoloxía, apuntábanme onte que está a oitava en marcha na xeografía española e diversos centros de ensinos medios. A nosa Comunidade, quero dicir Galicia, na actualidade conta cun só centro de FP, A Granxa en Ponteareas, o cal resulta insuficiente para atender a grande demanda existente nun sector cada vez máis puxante. Polo exposto ó Pleno proponse a adopción do seguinte acordo: Dirixirse á Universidade de Vigo e á Xunta de Galicia para que tome en consideración a creación dunha Facultade de Enoloxía na provincia de Pontevedra. Bueno, a todo esto quizais engadir, que, porque dende o primeiro día que se presentou por urxencia neste Pleno esta moción pois xurdiron voces, é dicir, tamén é certo, que a inmensa maioría, de apoio e de considerar o tema como unha idea que necesita levarse á práctica. Que eu saiba só unha voz do mundo da ensinanza pois dixo que esta necesidade en Galicia non facía falta e que estaba cuberta, e que estaba cuberta polos estudios agroalimentarios sobre todo no campus de Ourense. Non é certo, agroalimentarias en Lugo sobre todo está dirixida, ten unhas asignaturas optativas que se dirixen sobre todo ó campo do leite. E en Ourense pois si ten unhas asignaturas optativas que se dirixen basicamente ó mundo do viño pero en ningún caso son estudios regularizados nin estudios programados, nin estudios específicos do que é o mundo da viticultura, o mundo da viticultura que vai dende o chan ata a comercialización, ata facer o mundo dende que se analiza a terra ata que a botella de viño pode chegar ós mellores restaurantes. Temos un sector privado que está invertindo neste campo, temos un medio que nos favorece e temos unhas condicións para que esto se profesionalice e non se siga facendo sempre en plan aficionado, queda moito que facer, eu diría que queda todo que facer na provincia de Pontevedra e en Galicia, e sobre todo na provincia de Pontevedra onde é este sector. Polo tanto reitero, o noso grupo propón dirixirse á Xunta de Galicia e á Universidade de Vigo para a creación dunha Facultade de Enoloxía na provincia de Pontevedra e concretamente en Pontevedra capital. Sr. Presidente.- Moitisimas gracias Sr. Landín. Ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Bos días a todos e a todas. Ben, como xa sucedeu na Comisión o noso grupo vai votar a favor desta moción, que consideramos que é oportuna en canto ó contido e que polo tanto é algo que debemos apoiar. De todas maneiras, en fin, xa o dixemos no Pleno dos Orzamentos e polo tanto creo que obriga reiteralo aquí, de que está moi ben pedir, pero, en fin, temos unha certa limitación, cando menos, digo como Institución Provincial, cando menos con respecto á Universidade de Vigo, porque hai un protocolo firmado no ano 2003 en que se ía a colaborar con esta Universidade para certas construccións no campus de Pontevedra e a día de hoxe non hai nada de nada. Eu supoño, supoño, que como mesmo trámite desta moción, para darlle máis forza e para que quedemos colocados en boas condicións e para poder votar adiante esta iniciativa, pois, repito no mesmo trámite pois se efectivizará ese convenio porque senón sae un pouco eivada, sae un pouquiño tocada alá en canto ás relacións e á disposición desta casa en relación á Universidade. Eu agardo que sexa así, en todo caso o noso voto vai ser favorable. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. Rey Rey. Sr. Rey Rey.- Gracias. Bos días. Nós tamén estamos tanto no fondo coma na forma absolutamente de acordo na creación desta Facultade de Enoloxía, e ademais da súa radicación en Pontevedra, e compartimos polo tanto tal como manifestáramos tamén con anterioridade, tanto a modernización como a profesionalización do sector de pasar por estes vieiros e polo tanto vamos a apoiar esta moción. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. Landín. Sr. Landín Eirín.- Si, bueno, eu dicir que con respecto ó Sr. Mosquera, gracias Sr. Rey, ó Sr. Mosquera que eu creo que unhas declaracións do Presidente da Deputación que hai un compromiso público de que esta Facultade de Enoloxía contaría como mínimo co apoio económico da Deputación, desta casa, que contou a Facultade de Moda e Deseño, que bueno, pois por certo eu non sei canto aportou o Concello de Pontevedra, pero creo que a Deputación aportou penso que foron 150.000 euros se mal non recordo. Polo tanto, como mínimo Sr. Mosquera, a Deputación está nesa liña de aportar un primeiro diñeiro para que esto se faga realidade, é cousa que será de estudialo, a dotación económica, as ideas pois son boas e ás veces é o primeiro telas, manifestalas e defendelas, e logo ás veces vén executalas e levalas á práctica, bueno e aí pois os cartos normalmente pois exercen de moderadores, eu non sei Sr. Presidente, o tema do compromiso económico, podemos neste momento, estamos en condicións de financiar unha cousa máis, pero como mínimo eso si que esta nova Facultade vai afrontar con eloxios a realidade. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Landín. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, perdón, pero me parece que estamos confundindo. Hai un escrito, un protocolo, un convenio firmado no ano 2003 coa Universidade para pagar a certos edificios que nunca se efectivizou. Nun ego e supoño que evidentemente estamos aprobando esto, se esto vai adiante, que agardo que si, pois que esta Institución vaia a colaborar economicamente na súa implantación. Pero o que dixen e repito é que se hai compromisos previos que non se están cumprindo evidentemente nos pon nunha situación limitada, nos limita algo é o que digo. Entón supoño que as dúas situacións se resolverán neste proceso, agardo que sexa así, e nada máis, non teño ningunhas gañas de polemizar, simplemente está aí, xa o dixen no Pleno dos Orzamentos, e está aí ese escrito, é dicir, unha Institución cando firma un convenio con outra parte e resulta que ese convenio despois non se leva adiante pois non queda en gran situación de forza con respecto á outra, porque claro o incumprimento presuponse que limita con respecto a outros tal. Eu agardo que non sexa así, e agardo tamén que esta Institución pois dea cumprimento ás súas obrigas, que non estamos falando de pagar ou aportar á nova Facultade de Enoloxía, estamos falando de compromisos previos que non se cumpriron. Estamos falando de cousas diferentes. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. Landín. Sr. Landín Eirín.- Non sei se se refire ó compromiso dos 55.000 euros ano Concello-Deputación, por catro ou cinco anos firmado máis ou menos. ¿Non?. Sr. Presidente.- Non, non. Bueno, eu dicir que bueno, ese é un tema evidentemente que haberá que tratar no seu momento, hoxe estamos aquí discutindo por algo, creo que no tempo que leva esta Corporación Provincial dun tema de tremendo calado, de tremenda importancia para a provincia de Pontevedra por moitos motivos, pero hai un que eu creo que é especial. Primeiro, estamos no amparo dunha denominación de orixe que se chama Rías Baixas, que o seu ámbito abarca a provincia de Pontevedra practicamente en exclusiva, excepto algunha pequena parte na provincia da Coruña, pero o 99% practicamente está na provincia de Pontevedra. O sector conxuntamente me estou a referir, bodegueiros, viticultores especialmente, consello regulador, incluso eu diría as administracións, tanto a Xunta de Galicia coma esta casa, lograron, pero sobre todos os primeiros viticultores e bodegueiros colocar a esta, neste caso denominación de orixe, a este producto pois no máis alto nivel, non só a nivel nacional senón a nivel internacional. E creo que é tremendamente oportuna a idea de que sexa Pontevedra quen poida albergar, neste caso a provincia e se pode ser o campus de Pontevedra pois mellor que mellor, pero eso non creo que teñamos que decidilo nós, quen poida albergar como digo pois esa Facultade de Enoloxía que ó mesmo tempo como ben explicaba neste caso o Portavoz, o Sr. Landín, se trata de algo máis que o propio estudio de Enoloxía, se trata de todo o proceso que a cultura do viño ten na provincia de Pontevedra e por eso que era fundamental e importantísimo que esta Facultade se crease en Pontevedra. Para eso como ben recordou neste caso o Sr. Landín, a Deputación de Pontevedra igual que fixo para a creación da Facultade de Moda, a estancias da Federación de Asociacións de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, colaborou economicamente para poñela en marcha, se fose necesario para esta Deputación tamén colaboraría para poñer en marcha esta titulación que entendemos que é unha titulación das importantes, das que teñen proxección de futuro, e de que se o sector logrou todo o que logrou agora que menos podemos facer as administracións que en volcarnos precisamente en darlle a base fundamental, que é seguir estudiando ó lado do sector e da man do sector para a mellora global de todo esto, que na provincia de Pontevedra, pois socio economicamente, ten unha achega tremenda para todos, as máis de cinco mil familias que viven directamente deste sector, as máis de 180 bodegas, etc., etc. Por eso eu considero tremendamente oportuno que trouxeramos precisamente aquí a aprobación que agradezo ademais é de todos os grupos porque todos estamos na mesma idea de que Pontevedra debe albergar precisamente esta nova titulación. Xa hai evidentemente conversas coa Xunta de Galicia e co propio Rector da Universidade de Vigo para o mesmo, e seguiremos presionando, pero ademais coa man tendida de que vamos a poñer colaboración económica encima da mesa para que esto se leve adiante. Ou sexa, que a nosa disposición é total e esperamos que hoxe se inicie que teña un bo fin e o fin é que Pontevedra albergue neste caso á Facultade de Enoloxía. Pola miña parte eu creo que nada máis, está todo perfectamente dito, e polo tanto tal e como se dixo agora procedemos á aprobación. Sr. Rey. Sr. Rey Rey.- Un pequeno matiz, dicía vostede que non eramos nós os que debíamos decidir a ubicación en Pontevedra, eu non é por discrepar e agradezo ademais que me deixara intervir fóra, pero creo que en base ás últimas palabras e se vamos a poñer cartos e por razóns que ... a Lei universitaria, que non se lle escapan a ninguén, creo que temos que presionar para que sexa Pontevedra, o Campus de Pontevedra cidade o receptor desa Facultade. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Dicir que nós entendemos que se é Pontevedra mellor que mellor, como non, porque ademais é un campus que hai que ir ampliando e dotando, pero entendemos que non debemos ser nós senón que hai dúas administracións superiores que teñen que decidir, que é a Universidade de Vigo e tamén neste caso a Xunta de Galicia e que a nova regulación que neste momento establece a Unión Europea para novas titulacións pois será tamén a que ten que decidir. É certo, a posición neste caso pois da Deputación en relación á que sexa Pontevedra, xa o decidimos no seu momento en relación tamén á ubicación do Consello Regulador, que está instalado en Pontevedra e que seguirá en Pontevedra e que proximamente ademais inaugurará unha nova sede tremendamente necesaria e xustificada e que está na capital das Rías Baixas que é Pontevedra e polo tanto pois oxalá poida ser aí. Pero entendemos que por encima de todo eso está a necesidade da creación da Facultade. Entendemos que a provincia de Pontevedra debe albergala e se pode ser Pontevedra pois mellor que mellor. Polo tanto procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. A favor todos os grupos e se aproba por unanimidade. Acórdase por unanimidade aprobar a Moción do Grupo Provincial do Partido Popular sobre a creación dunha Facultade de Enoloxía na provincia de Pontevedra que é do teor seguinte: MOCIÓN "Ó longo dos últimos anos, o sector vitivinícola, sufriu en España unha importante transformación e profesionalización. De xeito substancial, na nosa comunidade autónoma, e en particular, na nosa provincia, este sector está en constante puxanza. Nalgunha comunidade de España este sector estase a regularizar a través da creación de centros de ensinanza a nivel medio ou superior, o que levou á creación de sete FACULTADES de Enoloxía na xeografía española e diversos centros de ensinos medios. A nosa comunidade, na actualidade conta cun só centro de FP: "A Granxa", en Ponteareas, o cal resulta insuficiente para atender a grande demanda existente nun sector cada vez máis puxante. Polo exposto, proponse ó Pleno a adopción do seguinte acordo: - Dirixirse á Universidade de Vigo e á Xunta de Galicia para que tomen en consideración a creación dunha Facultade de Enoloxía na provincia de Pontevedra." ------ Folla: 3.5184.- ADHESIÓN DO CONCELLO DE SILLEDA Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA CATASTRAL Sr. Presidente.- Punto número tres. Adhesión do Concello de Silleda ó Convenio de colaboración en materia catastral. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Visto o acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), adoptado na sesión do día 21 de xaneiro de 2005, polo que se acepta a petición do Concello de Silleda, de adhesión ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001, solicitada por acordo do Pleno do Concello de Silleda adoptado na sesión do día 11 de febreiro de 2004, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade ratificar o referido acordo do Consello Rector do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), aceptando a adhesión do concello de Silleda ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral. ------ Folla: 4.5185.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO "CONSORCIO PARA O SERVIZO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO DAS COMARCAS DE DEZA E TABEIRÓS-TERRA DE MONTES" A FAVOR DO ORAL PARA A XESTIÓN, LIQUIDACIÓN, INSPECCIÓN E RECADACIÓN DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS DO CONSORCIO E OUTROS INGRESOS DO MESMO Sr. Presidente.- Punto número catro. Delegación de competencias do "Consorcio para o Servizo contra incendios e salvamento das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes" a favor do ORAL para a xestión, liquidación, inspección e recadación da taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios do Consorcio e outros ingresos do mesmo. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Visto o acordo do Consello Rector do ORAL (Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra), de data 21 de xaneiro de 2005, sobre a aceptación da delegación do "Consorcio para o servizo contraincendios e salvamento das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes" para realizar as facultades de xestión, liquidación, recadación e inspección da taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios do Consorcio, así como de calquera outro ingreso do que se realice liquidación, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: Aceptar, de conformidade co previsto no artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a delegación na Deputación Provincial de Pontevedra-ORAL, que en materia de xestión, liquidación, recadación e inspección da taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios, así como de calquera outro ingreso do que se realice liquidación, realizou o "Consorcio para o servizo contraincendios e salvamento das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes", por acordo do Pleno do Consorcio, de data 28 de outubro de 2004, seguindo o establecido nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de réxime local, e 7 do citado Real decreto lexislativo 2/2004. A citada delegación publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o meritado artigo 7.2 "in fine". ------ Folla: 5.5186.- RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS Ó PROXECTO DE "TERMINACIÓN DO ACCESO Á IGREXA DE VILALONGA (SANXENXO)". DECLARACIÓN DE NECESIDADE DE OCUPACIÓN. APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO E DA RELACIÓN DE BENS E PROPIETARIOS AFECTADOS Sr. Presidente.- Punto número cinco. Resolución de alegacións ó proxecto de "Terminación do acceso á Igrexa de Vilalonga (Sanxenxo)", declaración de necesidade de ocupación, aprobación definitiva do proxecto e da relación de bens e propietarios afectados. Esta é unha estrada provincial no termo municipal de Sanxenxo. Estrada que foi mellorada pola Deputación Provincial de Pontevedra e que non pudo selo na súa totalidade por non haber acordo creo que con un dos afectados e polo tanto se fai este plantexamento dunha mellora que se trae agora para a urxente ocupación destes terreos e así poder rematar esta estrada importante para este municipio como é o acceso á Igrexa de Vilalonga. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra acordou na sesión celebrada o 30-06-2004, a aprobación inicial do proxecto "Terminación do acceso á igrexa de Vilalonga (Sanxenxo)", pertencente a Fondos Propios 2004, con orzamento para coñecemento da Administración de 67.336,19¤, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 35.032,19¤, e capítulo de expropiacións por importe de 32.304,00¤, coa finalidade de ensanchar a explanación do vieiro, coa construcción de novos valos de contención necesarios para obter a plataforma desexada, a formación de paseos e fosos, cunha lonxitude de 190 m., a mellora do firme actual e beirarrúas de 1,80 e 1,90 metros de ancho, así como a declaración de utilidade pública da obra e solicitude á Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens afectados, someténdose a información pública, por prazo regulamentario, o expediente expropiatorio e o proxecto da obra en virtude de edicto publicado no BOP nº 186, e co fin de dar continuidade ó expediente expropiatorio iniciado no seu día pola Deputación Provincial de Pontevedra, á vista do informe emitido polo enxeñeiro técnico Xefe da Zona Norte, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Vías e Obras, acorda por unanimidade: 1. A resolución das alegacións presentadas ó referido proxecto, no seguinte sentido: A) Desestimar a alegación formulada por D. Octavio Pérez Otero, propietario do predio nº 3 afectado polo proxecto "Terminación do acceso á igrexa de Vilalonga (Sanxenxo)", con base ó informe emitido polo enxeñeiro técnico Xefe da Zona Norte con data de 25 de outubro de 2004, en canto a que os trámites seguidos ata agora no expediente expropiatorio son axustados a dereito e que non procede a construcción dun valo que evite a expropiación necesaria polo noiro do desmonte, salvo que a propiedade o solicitase e se chegase a un acordo sobre a súa construcción e aboamento. B) Desestimar a alegación formulada por Dona María Beatriz Besada Martínez, dona do predio nº 1, con base ó informe emitido polo enxeñeiro técnico Xefe da Zona Norte en canto a que o proxecto "Terminación do acceso á igrexa de Vilalonga (Sanxenxo)", se axustase ó planeamento urbanístico vixente no concello de Sanxenxo. 2. A aprobación definitiva do proxecto "Terminación do acceso á igrexa de Vilalonga (Sanxenxo)", pertencente a Fondos Propios 2004, con orzamento para coñecemento da Administración de 67.336,19¤, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 35.032,19¤, e capítulo de expropiación por importe de 32.304,00¤. 3. A declaración de necesidade de ocupación dos bens afectados polo proxecto "Terminación do acceso á igrexa de Vilalonga (Sanxenxo)", que ten por obxecto ensanchar a explanación do vieiro, coa construcción de novos valos de contención necesarios para obter a plataforma desexada, a formación de paseos e fosos, cunha lonxitude de 190 m., a mellora do firme actual e beirarrúas de 1,80 e 1,90 metros de ancho. 4. A aprobación definitiva da relación de propietarios e bens afectados: Nº Predio PROPIETARIOS 1 Mª Beatriz Besada Martínez Revel, 20 - Vilalonga (Sanxenxo) BENS AFECTADOS: 233,50m² Terreo cesión vieiros 2 Elipio Rodríguez Fernández Montalvo, 47 - Vilalonga (Sanxenxo) BENS AFECTADOS: 75,00 ud. Eucalipto479,50 m² Terreo cesión vieiros105,00 ud. Cepas 3 Octavio Pérez OteroCarballal-Vilalonga (Sanxenxo) BENS AFECTADOS: 652,50 m² Terreo cesión vieiros105,00 ud. Cepas Contra o presente acordo, que pon fin a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o órgano que o dictou no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción do presente acordo, ou ben recurso contencioso-administrativo perante os órganos e no prazo que determinan os artigos 8 e ss. e 46.1 da Lei 29/1998, de 13 xullo, reguladora da Xurisdicción Contencioso-Administrativa. ------ Folla: 6.5187.- BASES DE SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS. ANO 2005 Sr. Presidente.- Punto número 6. Bases de subvencións para actividades culturais para o ano 2005. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Non sei se o Deputado Delegado quere facer algunha exposición previa. Non. Ben, vamos a ver, a intervención vaise referir ó punto 6 e 7. Hai anos que estamos batallando porque as bases de subvencións desta Deputación teñan polo menos no papel e nas bases unhas normas máis ou menos claras e que polo tanto teñan unha obxectividade, unha presunta obxectividade, polo menos de entrada, despois xa entrariamos na concesión. Ben, estas dúas en concreto si as teñen, eu creo, quero dicir por primeira vez, por primeira vez, a diferencia por exemplo co que sucedeu no que pasou por Comisión no mes de xaneiro do Plan de Acción Comunitaria en que seguimos violentando dunha maneira tremenda as normas tanto da Lei de subvencións como as mínimas normas de obxectividade. Estas si as teñen, teñen algunha cuestión digamos que habería que matizar seguramente como é o silencio negativo, en principio se se entende que se algunha se despistou e non se lle contestou enténdeselle denegada, pero bueno, se se utiliza como un mecanismo universal pois non parece nada correcto, non parece nada correcto e entón habería que mirar esa interpretación, home, tamén poñer que en caso de non contestar é positivo pois tampouco sería, pero bueno, témome que se está utilizando como mecanismo universal para denegalas pola vía de silencio que non parece o mecanismo máis correcto. Pero aínda así, aínda así, e eso creo que habería que buscar unha nova redacción desa parte, pois dado que, en fin, levamos anos intentando que haxa unhas bases que teñan esa presunta obxectividade, que se lle dea entrada, vamos a votar a favor. En todo caso como dixemos na Comisión, se pon unhas cláusulas de proporcionalidade da subvención con respecto ó total da actividade e que nalgún momento xa houbo e que despois non se aplicou, que creo que vai crear certos problemas o primeiro ano, pero que se deberían intentar manter durante anos. Ou sexa que, explícome, se alguén pide, pide moitísimo, se lle dá pois o 20%, verdade, e despois resulta que gasta menos e se lle baixa, ou sexa, só se financia o 20%, evidentemente vai crear dificultades, a idea final está clara e a compartimos, que é que as asociacións ou entidades, clubs, ou o que sexa, me estou referindo ós dous puntos, pida exactamente polo que necesita e polo que vai gastar, non pida a boleo e se me dan despois xa farei o que poida. A idea é boa o problema é que haberá que mantela, supoño que este ano vai crear problemas porque xa os creou a outra vez, haberá que mantela pois durante dous ou tres anos, para que realmente se axusten e non se crean despois inxustizas comparativas porque o que cubriu moito papel, dixo pois vou a facer por valor de 40.000 euros, non, despois ó final fai por 1.000, pero como lle dan unha subvención de 1.000 lle paga todo. E outro que é moito máis sensato e di mire pido por esto que é o que intento facer pois resulta que sae peor parado. Pois entón eso pois levará o seu tempo pero eu o que pido é que se manteña independentemente dos problemas que poida crear o primeiro ano. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Si, tanto este punto que son as bases de subvencións para actividades culturais como o seguinte que son as bases de subvencións a agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro nós estaríamos dispostos a retomar o sentido do voto se se fai unha concesión máis por parte do grupo de goberno e me explico. Na base IV, tanto deste punto coma do seguinte, como dicía antes, recóllese que aquelas solicitudes que ó cabo de 6 meses non foran contestadas afirmativamente entenderíanse denegadas por silencio. Como nun punto anterior recóllese que serán dictaminadas por Comisión, ó menos maioritariamente, se dá a circunstancia que se vén dando ata agora e que a nós non nos permite votar a favor posto que á Comisión só van aquelas ás que se lle vai conceder a subvención e as que se denegan non van, nin as coñecemos, nin podemos valorar se realmente están cumprindo co baremo presentado ou non. Polo tanto se van todas a Comisión e se contestan todas, excepto, home unha que se perda ou que non sei que, pois podería ser, votaríamos afirmativamente e senón absteriámonos neste tema, tanto neste punto coma no seguinte. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. González Iglesias. Sr. Durán Hermida. Sr. Durán Hermida.- Si, ben, bos días Sr. Presidente, bos días señoras e señores Deputados. Bueno, empezar por agradecer, pola orde en que se desenvolveron, a intervención do Sr. Mosquera, se ben é certo que quen lles fala pois sostén e mantén que esa presunción de obxectividade da que vostede falaba xa ocorría con anterioridade. En todo caso respecto ás bases das subvencións que se promoven dende esta casa, como é o caso precisamente das subvencións para actividades culturais, que con este límite que establece de 300.000 euros pois vai a servir para que unha grandísima, bueno, pois a maioría das asociacións, en todo caso moitisimos colectivos da provincia poidan desenvolver ese tipo de actividades culturais que redundan por suposto nunha dinamización tamén cultural moi importante. Nestas bases tamén hai que dicilo, quero manifestalo aquí, recollen como non podía ser doutro xeito, as prescripcións da coñecida como Lei de Subvencións que fai que experimente o seu articulado unha serie de modificacións en todo caso, bueno, pois me parece que xa na propia Comisión Informativa se falara das mesmas. Polo que respecta á intervención do Voceiro do Grupo Socialista, tendo en conta que tamén se refire, fixo unha alusión ó seguinte punto, ó punto das subvencións a agrupacións e clubs deportivos, falando no punto cuarto desa cuestión de que foran ás Comisións Informativas, incluso as denegadas, bueno, nós entendemos que por razóns de operatividade, por razóns de funcionamento das Comisións e da tramitación das mesmas pois non sería en principio axeitado o poder atender a esa petición. En todo caso, en todo caso, quedariamos abertos para en próximos exercicios pois podelo ter en conta. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Si, vamos a ver, a base IV di o mesmo neste punto que no seguinte, por eso facía referencia á base IV. Eu simplemente fágolles unha pregunta, ¿como poderían vostedes valorar se tiveran na oposición, se realmente se está cumprindo coas bases e se realmente é favorable a concesión se ó lado non lle poñen as que se van denegar. Nós dende logo eso si que non o podemos facer e entendemos que nadie o pode facer, é dicir, se non nos poñen ó lado as que denegan e nos motivan, porque se denegan non podemos pronunciarnos, esa é a razón pola que historicamente non estamos votando a favor dese tipo de subvencións da Comisión e se o seguen mantendo pois temos que seguir mantendo o mesmo voto. Vamos absternos. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, moitas gracias. Mire Sr. Durán, vamos a ver, eu non sei este Pleno podíamos chegar a, incluso, aínda que se nos pretende excluír a ese acordo que propuxo o Sr. Fraga de que aquí haxa un partido único, PP-PSOE, pois quérenos votar fóra a nós, pero bueno, ata podía, vai saír todo por unanimidade, faga un esforciño para que saia por unanimidade e así lle dá a razón ó seu patrón aínda que sexa con estes raros do BNG, tamén, incluídos no medio. Ben, evidentemente hai unha decisión política Sr. Durán, hai unha decisión políticia, porque a Lei de Subvencións está en vigor dende o 2003 e é de igual aplicación ó PAC, ó Plan de Acción Comunitaria que a estas subvencións e no PAC non se recolleu e aquí si. Bueno, non pode haber esas razóns tan democráticas ou legais porque aquí a Lei se aplica cando se quere e cando non, non, e no PAC non a quixeron aplicar por decisión política e eso é o que se agradece e o que estamos dispostos a votar a favor sen ningún problema. Agora ben, busque unha redacción, colla o compromiso de que o vai levar á Comisión, se non é cada Comisión pois ó final de ano, leva todas concedidas e non concedidas, adquire un compromiso dese tipo e así podemos darlle, vamos, votar todos a favor e poñerlle un acordo que creo que levamos un Pleno espléndido nesa dirección. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si, gracias Sr. Presidente. Decisión política Sr. Mosquera haina sempre, haina aquí e haina aí enfrente, xa me entende, e haina en todos os sitios, decisións políticas hainas sempre, loxicamente a nós o que nos corresponde é tomar ese tipo de decisións, bueno, se hai ese ofrecemento para compartir esa proposta nun trío, facela nun trío, non sei, xa teríamos que falalo ó mellor sen cámaras e sen micrófonos. En todo caso nós dende a maior dispoñibilidade para aceptar ese tipo de cuestión que nos plantexan nos reiteramos en principio en manter o esquema actual, si se podería con vistas a final de ano, a final de exercicio, acceder ó que están plantexando os grupos da oposición, incluso dende unha perspectiva de remanentes, bueno, unha última distribución de axudas. En todo caso no momento actual entendemos que non sería operativo. Vostedes si que teñen por outra banda posibilidade de acceder a expedientes e de contemplar este tipo de cuestión. Nese sentido, bueno, quen lles fala en nome do grupo de goberno pois vamos a valorar e vamos a ter en conta esa posibilidade hacia ó final do exercicio. Máis nada. Sr. Presidente.- Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Home, de verdade é duro ter que oír que temos esa capacidade de acceder a expedientes e tal. Si, temos a capacidade pero cando vostedes queren, e lle podo dicir dalgúns que seguimos esperando por eses temas e referidos concretamente a temas como o que vamos a votar tanto neste punto coma no seguinte. De todos os xeitos, mire, esto é algo que nós vimos plantexando todas as veces que traen bases á Comisión, é dicir, e a Pleno, non é a primeira vez. Polo tanto tiveron tempo máis que suficiente para retomar o tema. Dende logo a nós non nos vale o plantexamento que fai agora vostede de que bueno xa o mirarán, se ó final de ano, co que quede de remanentes. Non, non, o tema é tan clariño como esto, mire, retírano das bases e nas bases aparece o compromiso de que van todas a Comisión e que valoran as que son a favor e as que son en contra. E alí valoramos todos, repito que se seguen traendo só as que conceden non podemos valoralas, é imposible, absolutamente imposible. Polo tanto seguimos mantendo a abstención. Sr. Presidente.- Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Non, pois xa digo, a postura do grupo de goberno é a que lle estou comentando, eu podo entender o seu plantexamento parcialmente, pero entendemos que por outra parte neste momento eso non é posible, tampouco gusta que estean permanente poñendo en cuestión pois dende esa perspectiva que fai vostede agora as decisións que tomamos porque coidamos que á hora de concesión de axudas hai un criterio moi amplo, un criterio de acoller o maior número de axudas posibles e eu lle podo comentar e lle podo recordar que por esta casa, polo despacho de quen lle fala pasan persoas que representan diversidade de asociacións, diferentes ópticas e perspectivas e dende logo nós actuamos sempre tentando acadar se é posible, sempre, acadar a imparcialidade e á obxectividade, na concesión das axudas e por eses criterios vámonos a seguir rexendo, non podemos loxicamente convencelo do que vostede non queira estar convencido. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Para terminar. Mire Sr. Durán, se supón, e quero crer que é así, que para conceder unhas subvencións valóranas todas, se supón, valóranas todas, e teñen unha información de todas, o único que estou pedindo é que esa valoración vaia á Comisión Informativa, é o único que pido, algo tan sinxelo como eso, porque claro senón é así, claro que teño que poñer en cuestión a concesión de subvencións e teño que entender que é como se fai historicamente nesta casa, que non queren cambiar e o único que queren é concederlla ó que chegue a vostedes e ó que a vostedes lle interesa. E ó resto xa nin lle contestan. Eso é así. E senón dígame cal é a razón para non facelo do xeito que nós lle plantexamos, dígame unha razón, non hai perda de tempo porque teñen que valoralas todas. Polo tanto perda de tempo ningunha, é a mesma, e simplemente o acto de presentalas na Comisión Informativa, se a eso lle chama perda de tempo pois acláremo vostede. Sr. Presidente.- Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, é que non entendo, e entón a verdade é que o noso gozo nun pozo, porque, a ver, que problema hai, moi ben, vostedes van concedendo cada mes, seguen concedendo cada mes, o que teña máis urxencia, o que non sei que, pasa por Comisión e demais, ¿que problema hai que ó final de ano se faga unha relación de todas concedidas e non concedidas, e polo tanto e ademais que á parte incluso é obrigatorio pola Lei de Subvencións, é que non entendo o empecinamento, de verdade que non o entendo, creo que está ofrecendo unha saída, ou sexa, deron un paso adiante de adaptación ou do que sexa, pero o deron, adiante, entón non sei porque non, cando ó final, incluso evidentemente ten vostede razón, un traballo que se pode facer. Home pero cando se xestiona, faga, mándalle a un funcionario que o faga, se recollen todas e punto, polo tanto hai un panel de todas as pedidas concedidas ou non concedidas coa súa puntuación ou por que quedaron excluídas. Creo que é absolutamente razoable e saímos do paso, senón pois vamos a ter que pensar que realmente o paso é forzado e non é asumido e non vamos a poder manter o voto favorable. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si, ben, para rematar xa Sr. Presidente, eu volvo a reiterar a impresión do aspecto positivo que plantexan os grupos da oposición, pero esta cuestión que plantexan tamén se pudo haber plantexado con anterioridade, estamos xa no proceso anual habitual de poñer en marcha as subvencións e o que non poderíamos sería demoralo agora. Ó mellor e non o quero pensar, é un pensamento así en voz alta, ó mellor vostedes, non sei se a título de broma, pois queren retrasar un pouquiño este ano o inicio da concesión de subvencións. Creo que non, porque vostedes son xente seria e rigurosa, e entón en todo caso nos mantemos nesa postura e o estudiamos de cara ó futuro. Gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. González Iglesias.- Si, simplemente para aclarar Sr. Durán. Cambiar unha liña nas bases non significa demora en absoluto, ocorre que non ten argumentos, non hai máis, dígao así e xa está. Sr. Presidente.- Sr. Mosquera ten algo que dicir. Sr. Mosquera Lorenzo.- Vamos a ver, home, é que de verdade, eu non sei si, home, pode suceder que nalgún momento un estea ofuscado e entón se engancha por calquera lado. Vamos a ver, nós non estamos nin propoñendo que se cambia unha liña nas bases, simplemente que se adquira neste Pleno o compromiso de que ó final do ano vai haber ese panel de todas as concedidas e non concedidas. E lle pido a vostede Sr. Presidente, que me parece que agora o Sr. Durán se ofuscou aí, que resolva esto, se se compromete ou non se compromete, e llo pido a vostede directamente porque parece que se ofuscou saíndo polos lados por onde non teñen nin pés nin cabeza. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Eu creo que a referencia que se acaba de facer eu creo que está perfectamente clara, son unhas bases que demos un paso como vostede ben recoñecía Sr. Mosquera importante, porque hai que adaptarse á normativa, e neste momento, a verdade é que está funcionando ben, creo que eso que vostedes plantexan, creo que é posible que cara ó futuro pois poidamos estudiar incluso unha baremación, con puntuación, etc., por cada unha das peticións que hai e en base ó que solicitan para poder argumentala. Neste momento temos perfectamente claro as bases que presentamos a este Pleno, entendemos que é necesaria a urxencia de sacalas canto antes, porque de feito están chegando peticións que neste momento non se poden atender porque non hai as bases, e de aí a nosa celeridade de traelas evidentemente no segundo Pleno do ano para que se poidan presentar cantas máis mellor e poder atendelas. Estamos falando dunha cifra de presuposto de 300.000 euros que evidentemente pois como todos saben é imposible que poida atender todas aquelas que se presentan. Por eso que intentamos valoralas para eso. Evidentemente existe a responsabilidade do equipo de goberno, valoralas da mellor maneira e traelas como non á Comisión Informativa para que alí se aprobe. Creo que se está obrando en consecuencia, e sobre todo para atender a demanda que neste momento existe. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Si, é que me asalta unha dúbida tremenda ademais. Sr. Presidente, ¿como facían a valoración ou como fan a valoración se resulta como acaba de dicir vostede agora mesmo non hai nin baremación nin puntuación?. Ó chou, ¡ah!, por Dios. Sr. Presidente.- ¿Quérelle contestar?. Non, ata agora, temos evidentemente un equipo precisamente no servizo, que nos medita cada unha das que temos alí presentada e entendemos que marcamos un obxectivo de prioridades, e se van atendendo aquelas, e ademais figuran aí precisamente nas bases cales son. Por eso estar discutindo deso, e incluso ademais, entendo que ó mellor pois podemos baremar con puntuación, etc., pero cara ó futuro pois se poden preparar unhas bases en consecuencia e se dan. Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si, gracias Sr. Presidente. Vamos a ver, eu á verdade, ás veces, supoño que os vinte anos que leva nesta casa o Sr. González Iglesias, bueno, pois lle permite facer segundo que tipo de intervencións. ¿Como que non está aquí nas bases establecida a baremación?, ¿como que non están aquí no punto cuarto, valoración e concesión?, ¿como que non están?. Eu creo que bueno, que, está ben, podemos intervir, podemos reproducir turnos de intervencións, pero eu creo que está absolutamente claro o tema, creo que está, e temos aquí os datos, bueno, son unhas bases que levan anos funcionando, a plenitude, a plenitude de satisfacción para todos os colectivos salvo cando chegan estes momentos todos os anos dos Plenos para vostedes, o cal me parece moi ben dentro do que é o debate, a dialéctica política, perfecto, pero falar de que non hai baremación, de cales son os criterios, me parece un pouco, un pouco esaxerado. E eu dende logo me gustaría retomar o que debe ser, o final do debate deste punto dende esa perspectiva, do ofrecemento que se fixo dende o grupo de goberno. Sr. Mosquera, o triángulo ese, o trío, me parece que non é posible porque vostedes falan de cousas distintas, están mantendo posicións distintas, unha cuestión é a que mantén o Portavoz do Partido Socialista e outra é a que dicía vostede, polo menos eso foi o que interpretei eu dende aquí. En todo caso Sr. Presidente eu creo que estas bases van a seguir tendo a finalidade e sendo o instrumento que sempre foron e o grupo de goberno pois terá en conta o que xa comentamos en intervencións anteriores. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Sr. Durán, dende a perspectiva dos vinte anos voulle dar un consello. Un, cando é novato é prudente, cousa que vostede parece que non é e ademais entende mal. Non fun eu, non fun eu quen dixo nada de baremacións e puntuacións, foi o Sr. Presidente que tampouco leu as bases, foi el o que dixo que podería considerarse en bases futuras o recoller ese tema, xa sei que ben a puntuación aí, pero foi o Sr. Presidente, non fun eu, eu simplemente lle fixen a referencia e lla fago a vostede, se non o fan por puntuación e baremación entón como facían e o Sr. Presidente polo que me contestou, e me remito á acta, non o fan nin por puntuación nin por baremación, fanno por un grupo de persoas que llo din, perfecto, e entre elas encabeza vostede, perfecto, xa está, entón nós loxicamente non podemos avalar eso, se ocorrese votamos a favor, mire, é que é tan sinxelo como eso. Sr. Presidente.- Sr. González Iglesias, o único, vostede que forma parte deste grupo provincial, o único que se reuniu con todos os colectivos culturais nos once anos que eu levo nesta casa fun eu. Con todos. Polo tanto o que vostede fala de descoñecemento das bases, evidentemente vostede leva vinte, eu levo algúns tamén e coñezo as bases, pero ademais me preocupei de falar con eles e de escoitalos e ver cales eran as súas demandas e polo tanto entendo igual que o dixen no seu día do Plan Cultural, por exemplo, que está funcionando bastante ben, o único problema que hai é que o diñeiro que hai non é todo o suficiente que debía selo, pero ese é un problema que pasa nesta administración e pasa noutras moitas e polo tanto bueno, pois, eso é o que realmente temos que mellorar. No resto, como non temos grandes problemas, neste sentido pois cremos que está funcionando ben, vamos a seguir nesta liña, vostedes aporten o antes posible, non agora que estamos na aprobación das bases senón cara vindeiros anos, pois a súa opinión onde se debería modificar, e probablemente sexa atendida porque estamos nese momento de talante e de diálogo tamén. Entón como estamos nesa fase pois probablemente poidamos atender como ben dixo neste caso o responsable de Cultura, pois esa demanda. O resto está en boa sintonía e funcionando moi ben e vamos a intentar incluso aumentar, se fose posible, a nosa colaboración económica para anos vindeiros. Polo tanto procedemos á votación deste punto número catro, perdón cinco e seis, porque ó mellor podemos xa votar conxuntamente, perdón seis e sete. ¿Quere algunha intervención Sr. Mosquera?. Sr. Mosquera Lorenzo.- Non, si, si, dúas cousiñas, ou sexa aí vostede por un lado, o lapsus lle saíu moi ben, dixo que o Sr. González Iglesias pertencía a ese grupo provincial do PP, caramba non creo que estivera tan avanzada a proposta de Fraga. Tómeme no sentido que me tome. E a segunda cuestión, a segunda cuestión é que en principio a responsable de Deportes lle daba á cabeza dicindo que aceptaba a proposta de ó final de ano mandar ese panel. Si a acepta evidentemente o voto sería distinto, non. Sr. Presidente.- Oe, por alusións terás que dicir algo. Sra. Pedrosa Silva.- Yo pretendía explicar cuáles son las bases en el punto siguiente que son muy parecidas a las del punto anterior, creo que están perfectamente explicadas aquí, que todos los Diputados de los tres grupos políticos tienen acceso a todas y cada una de las peticiones y a todas y cada una de las resoluciones en el equipo de gobierno y que no tenemos ningún problema, ninguna persona que este dedicada al equipo de deportes a informarle de cualquier petición que puedan hacer al respecto. Nada más que decir, nosotros nos parece que son muy adecuadas las bases, que están perfectamente recogidas, que es muy equilibrado el reparto y así lo haremos y lo seguiremos haciendo. Sr. Presidente.- Moi ben. Pois entonces procedemos, procedemos á votación do punto número seis que son Bases de subvencións para actividades culturais ano 2005 e o punto número sete Bases de subvencións a agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro para adquisición de material inventariable e mellora das súas instalacións deportivas. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. De conformidade co informe favorable da Comisión Informativa de Cultura, o Pleno acorda por maioría de votos a favor do PP e coas abstencións do PSOE e do BNG, aprobar as Bases para Actividades Culturais 2005, que son do seguinte teor: "BASES DE SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS- 2005 A Deputación establece as bases reguladoras de concesión de axudas e subvencións públicas destinadas a promocionar e fomentar actividades culturais, segundo os principios de obxectividade, concorrencia, publicidade e transparencia, e que son do seguinte teor: 1. Obxecto.- A Deputación Provincial de Pontevedra concederá axudas económicas para promover, fomentar e difundir aquelas actividades culturais que organicen as persoas xurídicas sen fin de lucro no seu ámbito territorial e excepcionalmente fóra deste, cando teñan relevancia para os intereses provinciais, durante o exercicio actual, e que se financiarán con cargo á partida 2005/451.451.489.05 do seu orzamento, co límite de 300.000,00 €, fixado nela, que poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades. A concesión das subvencións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria. Entenderanse como tales os concursos literarios, periodísticos, actos folclóricos e musicais, intercambios culturais, seminarios, certames, conferencias, etc., desestimándose as que poidan referirse a obras, adquisición de materiais inventariables ou reparación de centros e locais. 2. Beneficiarios.- Poderán solicitar estas axudas as persoas xurídicas que reúnan os seguintes requisitos: 1. Carecer de fins de lucro. 2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia ou sobre temas de interese para a provincia. 3. Estar inscrita no Rexistro de Asociacións de Galicia e no caso das asociacións de veciños, no rexistro municipal correspondente. 4. Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas 3. Solicitudes e documentación.- As solicitudes formalizaranse no modelo de instancia que se facilitará no Servizo de Cultura e presentaranse no rexistro xeral da Deputación no prazo de 30 días, a contar dende o día seguinte ó da súa publicación no BOP, achegando ademais a seguinte documentación: - Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade - Fotocopia do DNI do representante legal - Memoria explicativa da actividade asinada polo representante - Orzamento da actividade asinado polo representante - Declaración na que conste se se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade a subvencionar - Certificación de estar ó corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social - Certificación de inscrición no Rexistro de Asociacións de Galicia e no caso das asociacións de veciños, certificación de inscrición no rexistro municipal correspondente - Certificación da conta bancaria a nome da entidade peticionaria. As asociacións peticionarias deberán dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ó beneficiario, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art.70 da Lei 30/92, de 26 de novembro, requerirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, terase por desistido, arquivándose sen máis trámites. 4. Valoración e concesión.- Para adxudicar as axudas teranse en conta os criterios de: 1. Difusión da actividade: de ámbito local, provincial, nacional, internacional, ata 15 puntos. 2. Número de persoas que participan e se benefician da actividade ata 15 puntos. 3. Número de socios da asociación ata 10 puntos. 4. Orzamento total da actividade e porcentaxe solicitada de financiamento ata 30 puntos. 5. Conservación dos valores culturais, artísticos, folclóricos, pictóricos…, ata 30 puntos. As propostas de concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión Informativa de Cultura. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario, aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais, non puideran presentarse no prazo sinalado. Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan resposta expresa, entenderase desestimada a petición. O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario. 5. Xustificación e pagamento.- Os beneficiarios deberán xustificar a realización da actividade con facturas, recibos e demais documentos fidedignos que reúnan os requisitos legais segundo o R.d.1496/03, de 28 de novembro, sobre confección de facturas e recibos, no prazo de tres meses a partir do momento en que teña lugar a actividade e, en todo caso antes do 31 de marzo de 2006, quedando anulada a subvención unha vez transcorrido o prazo. Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no orzamento inicial non aboándose máis do importe xustificado co límite da subvención concedida. Para o cobro da axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Recadación. Para o pago da subvención terase en conta o seguinte: - No caso de que se xustifique gasto polo 100 % do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención. - No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100 %, aboarase a parte proporcional da subvención. O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor. Os gastos de aloxamento, gastronómicos e desprazamentos admitiranse soamente cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para esta. Os gastos gastronómicos non superarán o 50% da subvención concedida, obrigándose os beneficiarios a explicalos detalladamente. 6. Devolución e reintegro.- As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos: a.- Por obtelas falseando as condicións requiridas b.- Por non aplicala ós fins para os que foi concedida c.- Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases. 7. Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/03)." ------ Folla: 7.5188.- BASES DE SUBVENCIÓNS A AGRUPACIÓNS E CLUBS DEPORTIVOS SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA ADQUISICIÓN DE MATERIAL INVENTARIABLE E MELLORA DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS De conformidade co dictame favorable da Comisión Informativa de Xuventude e Deportes, o Pleno acorda por maioría de votos a favor do PP e coas abstencións do PSOE e do BNG, aprobar as Bases de subvencións a agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro para adquisición de material inventariable e mellora de instalacións 2005 que ten por obxecto a concesión de axudas económicas a agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro no ámbito territorial da provincia, e que son do seguinte teor: "BASES DE SUBVENCIÓNS A AGRUPACIÓNS E CLUBS DEPORTIVOS SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA ADQUISICIÓN DE MATERIAL INVENTARIABLE E MELLORA DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS Esta Deputación Provincial, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas facetas e coñecedora das carencias tanto en material coma en instalacións que teñen aqueles que desexan realizar a súa práctica, establece axudas para paliar ese déficit que se rexerán polas seguintes: B A S E S PRIMEIRA. Obxecto.- A Deputación Provincial de Pontevedra concederalles axudas económicas para material deportivo inventariable e mellora de instalacións deportivas ás agrupacións e clubs deportivos sen fin de lucro no seu ámbito territorial, durante o exercicio actual, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 05/451.452.789.00, cunha dotación de douscentos mil (200.000,00) euros, que poderá ser ampliada en función das dispoñibilidades. A concesión das subvencións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria. SEGUNDA. Beneficiarios.- Poderán solicitar estas axudas todas as agrupacións e clubs deportivos legalmente constituídos que reúnan os seguintes requisitos: 1. Carecer de fins de lucro. 2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia ou sobre temas de interese para a provincia. 3. Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidades para a percepción de axudas ou subvencións públicas. TERCEIRA. Solicitudes e documentación.- As solicitudes formalizaranse no modelo de instancia que se facilitará no Servizo de Cultura, Xuventude e Deportes e presentaranse no rexistro xeral da Deputación no prazo de trinta días, a contar dende o día seguinte ó da súa publicación no BOP e achegándolle ademais os documentos seguintes: 1. Tarxeta de identificación fiscal. 2. Fotocopia do DNI do representante legal. 3. Memoria explicativa da necesidade do material ou instalacións, asinada polo representante . 4. Orzamento detallado asinado polo solicitante. 5. Declaración na que conste se se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade a subvencionar. 6. Certificación de estar ó corrente das obrigas tributarias e coa seguridade social. 7. Certificado da conta bancaria ó seu nome. As entidades deportivas deberán dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentación debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ó beneficiario, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no artigo 70 da Lei 30/92, de 26 de novembro, do procedemento administrativo, requirirase ó interesado para que, no prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou achegue os documentos preceptivos, indicando que, no caso de non o facer, se terá por desistido, arquivándose sen máis trámites. CUARTA. Valoración e concesión.- Para adxudicar as axudas teranse en conta os seguintes criterios: 1. Categoría da asociación ou club, ata 15 puntos. 2. Número de licencias federativas, ata 15 puntos. 3. Antigüidade da asociación ou club deportivo, ata 10 puntos. 4. Orzamento total do investimento e porcentaxe solicitada de financiamento, ata 30 puntos. 5. Adecuación dos investimentos que se van realizar ó interese provincial, ata 30 puntos. As propostas da concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión de Xuventude e Deportes. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais non puideran presentarse no prazo sinalado. Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte do remate do prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición. O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo real da adquisición ou mellora. QUINTA. Xustificación e pagamento.- Os beneficiarios deberán xustificar o investimento con facturas, recibos e demais documentos fidedignos, que reúnan os requisitos legais, para efectos do IVE e de carácter xeral, no prazo de tres meses e, en todo caso, antes do 31 de marzo de 2006, quedando anulada a subvención unha vez transcorrido dito prazo. Para cobraren a axuda as entidades deportivas deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Recadación. Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose máis do importe xustificado có límite da subvención concedida. Para o pagamento da subvención terase en conta o seguinte: No caso de que se xustifique gasto polo 100% do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención. No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100%, aboarase a parte proporcional da subvención. O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor. SEXTA. Devolución e reintegro.- As axudas concedidas deberán devolverse ou reintegrarse nos seguintes casos: a) Por obtelas falseando as condicións requiridas. b) Por non aplicar os fins para os que foi concedida. c) Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases. SÉTIMA.- Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/03)." ------ Folla: 8.5189.- APROBACIÓN DOS ESTATUTOS DO CONSORCIO URBANÍSTICO INTEGRADO POLO CONCELLO DE COVELO E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA O DESENVOLVEMENTO E XESTIÓN DO SOLO INDUSTRIAL NO CONCELLO DE COVELO Sr. Presidente.- O punto número oito é a aprobación dos Estatutos do Consorcio Urbanístico integrado polo Concello de Covelo e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra para o desenvolvemento e xestión do solo industrial no Concello de Covelo. Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si, ben, Sr. Presidente, moi brevemente, estamos en presencia dunha nova proposta, unha iniciativa chegada a esta Deputación dentro do marco do que é a decisión do grupo de goberno desta Corporación, de propiciar a habilitación de solo industrial na provincia, e estes Estatutos son na súa totalidade practicamente do mesmo teor que os que xa están aprobados respecto a Barro-Meis. E bueno, o que estamos procedendo hoxe aquí é a dar un paso máis dentro da súa tramitación administrativa ata que o Consorcio en cuestión sexa totalmente operativo e encamiñarse ós fins que ten establecido e que desexamos que todo coa observancia dos prazos legais sexa o antes posible. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Bueno, se non hai máis intervencións dicir que dentro da liña marcada por esta casa dende hai uns meses ou case un ano, na liña da creación de solo industrial en distintos puntos da provincia, sobre todo pois nalgúns pequenos concellos que lle sería inviable a posibilidade da xestión e de creación de solo industrial, poñemos en marcha pois un Consorcio máis que con toda seguridade acabará incorporándose ó que mañá se vai publicar no Boletín Oficial da Provincia, que é a creación do IPESPO, para

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición