ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.324
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.655

AUDIOVISUAL GALEGO

Ademais do labor como arquivo da institución, a sección de Fondos Audiovisuais puxo en marcha un labor de recompilación da produción audiovisual provincial (ou directamente relacionada coa provincia, cos inconvenientes que unha limitación xeográfica pode supoñer). Resultado deste traballo é o continuo ingreso de obras, editadas ou inéditas, que reflicten o potencial das e dos creadores galegos no eido audiovisual en calquera dos seus diversos ámbitos:

Videocreación ou cine experimental

Contamos con preto de 200 referencias,  a maior parte deles en formato dixital, que amosan a evolución deste campo de traballo, dende os primeiros anos 80 do século XX ata as pezas máis actuais. No noso catálogo se atopan creacións de autores como Antón Reixa, Laura Pernás, Susana Rei, Xurxo Estévez, Xabier Villaverde, Patricia Dopico, Samuel Castro, Álvaro Negro, Din Matamoros, María Ruido, Augusto Fontám, Carme Nogueira, Sol Alonso, Mar Caldas, Uqui Permuy, Xoán Anleo, Borja Santomé…

  • O milagre da carne / Javier Codesal (1984)

  • La casita de Elena / Mar Caldas (2011)

Curtametraxes

Fondo moi numeroso, con case 500 traballos en diferentes soportes. O noso catálogo comprende traballos individuais, moitos deles presentados nos mellores festivais propios e de fóra de Galicia, primeiros traballos de autoras e autores vencellados ás escolas e centros de formación audiovisuais galegos, experiencias audiovisuais escolares etc.

Trátase dun fondo moi representativo do que se está a facer en Galicia neste campo.

  • Mamasuncion / Chano Piñeiro (1984)

  • As vacas de Wisconsin / Sara Traba (2016)

Documentais

Tamén dedicamos espazo nos nosos fondos ao documental como formato audiovisual en constante evolución e cun valor moi alto como testemuña dos cambios culturais e históricos e da problemática social, cambios que atopan neste formato un vehículo moi axeitado para a súa expresión.

O noso catálogo, con preto de 700 referencias na actualidade, recolle un panorama moi significativo do xénero documental e do cine de non ficción da provincia ou directamente relacionado con ela: traballos sobre aspectos sociais, culturais, antropolóxicos, históricos e da memoria, vidas de persoas etc.

  • O habitat / Cesar Portela, Uxío Novoneyra e outros, para TVE-Galicia (1983-1984)

  • O purgatorio de Francisco Leiro (Aser Álvarez, 2017)

Animación

Conscientes da importancia e do pulo que este sector audiovisual en concreto acadou en Galicia desde a década dos 90 do século XX, posuímos entre os nosos fondos traballos, a maior parte deles en soporte dixital, de creadoras e creadores galegos como Virginia Curiá, Tomás Conde, Fernando Cortizo, Borja Santomé, David Fidalgo…

  • O camiño de Santiago / Armando Perera (1992)

  • Phones / David Fidalgo (2014)

Longametraxes

No fondo de imaxe en movemento, dispoñemos tamén dun número bastante importante de copias de longametraxes relacionadas coa provincia pola súa temática, por estar rodadas en localidades da provincia, polas súas ou seus creadores etc.

A maior parte destes fondo atópanse en formato VHS ou DVD.