SECCIÓN DE DOCUMENTACIÓN CARTOGRÁFICA
A Cartoteca Provincial é a primeira cartoteca de Galicia; creada no ano 2003, leva o nome de Domingo Fontán na honra do ilustre personaxe nacido en Porta do Conde (Portas, Pontevedra); é un dos máis destacados fillos destas terras de Pontevedra, matemático, político, astrónomo, xeógrafo e o máis relevante cartógrafo do século XIX pois a el se debe a realización do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Geométrica de Galicia (1845), considerado o traballo cartográfico rexional máis importante do século XIX.
Desde o ano 2006 a Cartoteca é membro de pleno dereito do Grupo de Traballo de Cartotecas Públicas Hispano-Lusas. IBERCARTO.
Ten ademais asociada desde o ano 2009 unha Casa del Mapa, coa que comparte espazo, e pon á súa disposición todo o material cartográfico procedente dos distintos organismos editores da Administración xeral do Estado.
Adscrita ao Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, ofrece un servizo público de consulta de material cartográfico, á vez que constitúe un punto de enlace con aqueles outros recursos cartográficos alleos aos propios fondos.
A Cartoteca Provincial naceu coa finalidade de formar, organizar e difundir un fondo cartográfico especializado polo seu ámbito xeográfico: a provincia de Pontevedra. Reúne todo o material cartográfico editado sobre a provincia, independentemente da temática e o soporte, cobre as necesidades de información xeográfica de toda a cidadanía e conforma un importante patrimonio histórico e científico de varios miles de documentos cartográficos desde o século XVII ata a actualidade.
Conta con diferentes ámbitos de actuación, de preservación-conservación, de almacenamento e ordenación, de reprodución, de catalogación e de difusión.
O seu fondo está dispoñible en libre acceso para calquera persoa a partir de 18 anos, presentando DNI ou pasaporte. Para poder utilizalo, debido ás súas especiais características, é necesario solicitarllo ao persoal da Cartoteca.
Consulta en sala
Todo o fondo da Cartoteca, mesmo aquel que por unha ou outra razón non se preste a domicilio, pódese consultar na sala da Cartoteca.
Existen varios postos reservados para a consulta do material cartográfico dixitalEmpréstito domiciliario
Do material autorizado para esta modalidade de empréstito poderase levar un número determinado de exemplares cunha duración variable segundo cada tipo de material.
Servizo de Información cartográfica
O persoal da Cartoteca proporciónalles ás persoas usuarias a información e a asistencia necesarias para unha óptima utilización dos seus fondos e servizos, á vez que as orienta na procura dos recursos cartográficos alleos aos propios fondos.
Outros servizos
- Acceso á base de datos do fondo cartográfico da Cartoteca dispoñible en liña
- Atención personalizada á persoa usuaria: correo electrónico, sede electrónica, vía telefónica (886201130 / 986804100 ext. 42131, 42132 e 42133) e presencial (rúa Padre Amoedo, 1, 2º piso, 36002 Pontevedra)
- Reprodución do material cartográfico, soporte analóxico e dixital
- Promoción e divulgación do patrimonio da Cartoteca
- Casa del Mapa. Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIX)
Fondos
Nos materiais cartográficos inclúese unha ampla gama de documentos, "todos os que representan na súa totalidade, ou en parte, a terra ou os corpos celestes a calquera escala, como os mapas e planos en dúas e tres dimensións, as cartas aeronáuticas, mariñas e celestes, os globos, os bloques–diagramas, os cortes de terreo, as fotografías aéreas, os atlas, as vistas de paxaro..."
O fondo da Cartoteca que conforman os anteriores documentos, calquera que sexa o soporte no que se publiquen, conta con tres seccións:
Fondo cartográfico
Corresponde a material moi diferenciado en tipoloxía, temática e soporte, e representa desde o punto de vista cronolóxico unha alta proporción de material moderno e contemporáneo, aínda que tamén en menor medida antigo (orixinais e reproducións).
Fondo bibliográfico
Conta con obras especializadas que serven de apoio á consulta do material cartográfico para poder interpretalo coa máxima eficacia: manuais, enciclopedias, dicionarios, publicacións periódicas...
Arquivo cartográfico dixital
Está constituído polo material cartográfico dixital dispoñible no fondo da Cartoteca. Tamén pertence a este arquivo o material cartográfico antigo da provincia de Pontevedra, localizado tanto en institucións públicas coma privadas.
A adquisición dos fondos estase a levar a cabo mediante a compra a entidades públicas e privadas, doazóns..., e a través de convenios con diferentes institucións, que consisten basicamente na transferencia de reproducións de todo o material cartográfico, con fins de consulta e investigación, de calquera temática e soporte que sobre a provincia de Pontevedra dispoñan no seu fondo.