ATOPO
Registros actuales: 1.338.173
Objetos digitales disponibles: 490.607

XX Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia

As xornadas terán lugar os días 21, 22 e 23 de maio na Sala do Tapiz do Castelo de Soutomaior. A inscrición é libre e gratuíta a través do correo electrónico galiciagen@gmail.com


06 de mayo de 2024 , Arquivos
Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra  rescata a historia esquecida do Castelo de Soutomaior nas XX Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia que terán lugar os días 21, 22 e 23 de maio na Sala do Tapiz do Castelo de Soutomaior. As persoas interesadas en asistir ás xornadas, organizadas polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, poderán inscribirse, de xeito libre e gratuíto, a través do correo electrónico galiciagen@gmail.com.

Os máis prestixiosos tratadistas e estudosos da liñaxe Sotomayor desvelarán entre o 21 e 23 de maio no Castelo os detalles dos personaxes desta estirpe, que supuxo unha revolución histórica, desde os puntos de vista documental, heráldico, xenealóxico e nobiliario. Deste xeito, os asistentes ás XX Xornadas de Xenealoxía, Herálidica e Nobiliaria de Galicia terán a oportunidade de afondar máis na historia do castelo e dos emblemas heráldicos dos seus antigos señores e na historia de Galicia desde o século XII ata a actualidade.

A xornada comezará o martes 21 pola tarde, coa profesora Argentina Otero Santiago que pronunciará a conferencia "O Castelo de Soutomaior, recurso turístico no conxunto monumental de Galicia". A continuación o doutor Suso Vila, autor do libro "A Casa de Soutomaior", detallará a historia da "Casa de Soutomaior nos documentos da Idade Media en Galicia". Nesta mesma xornada tamén se presentarán os traballos de investigación máis actuais, recentemente publicados no Boletín Nº 20 de Estudios de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia.

O mércores 22 de maio comezará cunha visita guiada polas dependencias do castelo, a partir das 17:00 horas. Despois, o xornalista Alfonso Fernández, investigador da historia de liñaxes próximos aos Sotomayor, impartirá a conferencia "Pegada Heráldica e Xenealóxica dos Soutomaior en espazos monumentais da provincia de Pontevedra". A continuación, o doutor medievalista do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, afondará na "Pegada cabaleiresca na heráldica medieval galega. O caso Soutomaior".

A última xornada, o xoves 23 de maio, comezará ás 12:00 horas na Praza do Teucro da cidade de Pontevedra, cunha visita guiada a cargo do presidente da Asociación Academia de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia, Carlos Acuña Rubio. Pola tarde, a partir das 17:00 horas no castelo de Soutomaior, Luis Valero ofrecerá a conferencia "Irrupción e influenza da heráldica no desenvolvemento de grandes liñaxes como os Soutomaior" e pechará as xornadas Carlos Acuña con "Casa e Sangue Soutomaior, dimensión e poder nos reinos de España e Portugal".