ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

PALABRA

Esta colección está formada por máis de 1.000 documentos sonoros que rexistran a palabra oral. Aproximadamente o 25 % son con gravacións comerciais de diverso contido, publicadas entre as primeiras décadas do s. XX e a actualidade, e o 75 % restante abrangue principalmente as gravacións de distintos actos da propia institución realizados desde 1984 e rexistrados en diferentes soportes de audio.

Gravacións comerciais

Entre as gravacións comerciais da palabra sobresaen máis de 70 discos históricos de 78 RPM. Arredor de 40 foron publicados en Cuba no primeiro terzo do s. XX e conteñen diálogos cómicos propios do teatro vernáculo cubano, no que o galego era un dos habituais personaxes estereotipados deste xénero satírico, xunto co "negrito" e a mulata; nestes diálogos parodiábanse temas de actualidade da altura e acostumaban finalizar cun número musical, dos xéneros rumba ou danzón. Os outros 30 discos conteñen relatos recitados ou contos do polifacético actor, político e comunicador baionés de adopción José Rodríguez de Vicente "Joselín", que foi protagonista dos primeiros rexistros sonoros do teatro galego e acadou gran popularidade tanto en Galicia a finais dos anos 20 coma na Arxentina a partir dos 30. A modo de curiosidade podemos salientar tamén o discurso do militar, aviador e político ferrolán Ramón Franco á súa chegada a Bos Aires en 1926, despois de cruzar o océano Atlántico desde España co hidroavión Plus Ultra. Aos mencionados rexistros históricos hai que engadir 8 gravacións instantáneas domésticas en discos de acetato de 78 e 33 1/3 rpm, de mediados dos 50 e finais dos 60, con reunións familiares e descricións paisaxísticas do contorno de Pontevedra dunha familia de emigrantes de Borela (Cerdedo-Cotobade).

A partir da segunda metade do século aparecen as edicións en discos de vinilo (33 1/3 e 45 rpm), casete e disco compacto. Nestes soportes, na colección da Palabra atópanse unhas 150 referencias coas voces de destacados poetas, políticos e intelectuais galegos, poesía recitada das nosas figuras máis senlleiras, narracións paisaxísticas, traballos de campo sobre memoria oral, contos infantís, materiais didácticos así como os contos humorísticos de figuras como Cándido Díaz "O'Xestal" ou Farruco, herdeiros do mencionado Joselín.

Gravacións non comerciais

A este grupo pertence un numeroso conxunto de gravacións en cinta magnética fundamentalmente con plenos e actos orgánicos da Deputación e actos culturais (conferencias, xornadas, presentacións etc.) da Deputación de Pontevedra realizados entre 1984 e 2013, en diferentes formatos: cintas abertas, cintas DAT, CD etc.

Completa a colección un reducido grupo gravacións tamén en cinta magnética (cinta aberta e casete) con programas de radio das cadeas COPE e Radio Galega, materiais didácticos e actividades do Centro de Recursos de Pontevedra así como algúns CD con traballos de campo sobre a memoria oral.