ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.603
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.671

PANDEMIAS NO SÉCULO XIX

A documentación de Sanidade no ADPO

 

Pavillón do hospital provincial
Nenos ingresados no Hospital Provincial de Pontevedra

As medidas sanitarias implantadas ao longo do século XIX e en boa parte do XX non tiñan un carácter estable, senón que o Estado as adoptaba cando as necesidades apremaban. Era unha actividade do Goberno, que lle correspondía á Policía de Salubridade e se lles confiaba aos xefes políticos e aos alcaldes, que tomaban as medidas segundo o estado de necesidade de protección da saúde.

Desde os seus comezos a Deputación de Pontevedra non escatimou esforzos no eido sanitario; canalizou o seu labor a través das xuntas de sanidade e consignou nos seus orzamentos unha cantidade fixa co concepto "calamidades públicas".

Consérvase un grupo documental que, baixo a denominación "Expedientes de Sanidade", describe un amplo abano de actuacións relacionadas co persoal médico, co control das epidemias, coa construción de cemiterios e instalacións sanitarias, balnearios, estatísticas sanitarias, órganos de control e decisións, ademais doutros asuntos, principalmente do século XIX.

A continuada actividade da Deputación no eido sanitario reflectiuse especialmente na creación e no mantemento do Hospital Provincial e do Hospital Psiquiátrico do Rebullón, ambos os dous transferidos xunto coa súa documentación. Queda só o rastro administrativo das súas contratacións, das taxas ou das copias dixitalizadas dos expedientes persoais.

CÓDIGO DE CLASIFICACIÓN:

3. SERVIZOS (sección)

3.6. SANIDADE (primeira división de sección)

3.6.1. Expedientes de Sanidade (serie)

DATA INICIAL: 1735

DATA FINAL: 2004

CARACTERES EXTERNOS:

CLASE: textual

SOPORTE: físico

FORMATO: DIN A4

FORMA: orixinais/copias

VOLUME: 990 expedientes en 66 unidades documentais

CONTIDO

É unha documentación que, aínda que compartida con outras administracións, recolle unha función básica como é velar pola saúde e polo benestar físico da poboación da provincia, as condicións de hixiene, salubridade e atención sanitaria axeitadas e se poñen en evidencia a falta de infraestruturas sanitarias en Galicia, a ausencia da hixiene pública máis elemental ou a imposibilidade de articular eficazmente axudas ante o feito consumado dunha invasión epidémica.

Así, na subsección de Sanidade existen moitas e diferentes agrupacións documentais, entre as que destaca a xenérica de Sanidade, aínda que con diversidade de temas coma o mantemento e coidado de doentes en centros benéficos, psiquiátricos e hospitalarios, o mantemento de hospitais e doutros centros, balnearios e o control dos centros de baños medicinais, así como a rehabilitación e o sostemento dos lazaretos. Cómpre salientar os expedientes de epidemias relacionados co estudo, coa detección e co tratamento dos andazos, co estado sanitario das localidades, coas medidas sanitarias que se deben tomar, cos nomeamentos de persoal sanitario, coa entrada e saída dos buques dos portos da provincia e coas corentenas realizadas nos lazaretos (destaca a ampla documentación sobre o lazareto de San Simón).

ORDENACIÓN

Cronolóxica

DESCRICIÓN DA SERIE DOCUMENTAL

Por unidade documental. Descríbese a agrupación documental.

NOTAS

Case toda a documentación recollida nesta serie documental é posterior a 1833, ano no que se publicou o Real decreto do 30 de novembro, no que se culmina a restitución das catro provincias galegas actuais e a constitución das deputacións; pola súa parte, a Deputación de Pontevedra fíxoo definitivamente o 12 de febreiro de 1836.

Aínda así, custódiase unha pequena documentación anterior a esa data, en concreto sete rexistros referentes á Escola de Veterinaria (1827); expedientes do Hospital de San Juan de Dios (1735-1835); o Expediente da Xunta Municipal de Sanidade de Santiago; a Real orde remitida polo Xulgado de Tabeirós para a adopción de medidas preventivas fronte á epidemia do cólera (1833); o Expediente da Xunta Superior de Sanidade de Galicia; as instrucións sobre o cólera morbo (1819); e as instrucións para os gardas da saúde nos barcos incomunicados, aprobadas pola Suprema Xunta de Sanidade do Reino (1819).

Ademais, existen moitas referencias nas actas e noutros documentos aos centros asistenciais cos que se contaba ou aos que se protexía ou axudaba no seu labor de protección da saúde no decurso dos séculos pasados (Instituto Provincial de Hixiene, Instituto Vacinóxeno, Instituto Antirrábico e Antidiftérico, Instituto Antiapestoso, Sanatorio Gil Casares, Sanatorio da Lanzada, e centros doutras provincias que lle prestaban asistencia á veciñanza de Pontevedra).

Tamén se poden atopar referencias ao labor pedagóxico e de difusión de traballos e estudos para coñecer os especialistas e a propia cidadanía.

Consciente da importancia do labor preventivo para afrontar a situación de epidemia ou crise sanitaria, a Deputación decidiu comprar a seguinte publicación para difundila: folla 150 3: "Se acuerda la adquisición de 500 ejemplares de la cartilla popular sobre la peste bubónica de que es autor D. Manuel García Cobas para su distribución entre los pueblos de la Provincia, debiendo satisfacerse la cantidad de 250 pesetas a que asciende su total importe, con cargo a la partida consignada para gastos de Biblioteca".

 

Cartilla de Salud

Cartilla de salud y preservativo del cólera-morbo, que, de acuerdo con la Real Academia de Medicina y Cirujía de Galicia y Asturias, publica la Junta Superior de Sanidad del Reino. Xunta Superior. A Coruña, Imprenta de Iguereta. (1834)

 

La peste bubónica en Oporto

La peste bubónica en Oporto, memoria presentada por A. Cobián Areal. Pontevedra: Deputación

 

 

A deficiente organización da Sanidade española no século XIX e a pandemia do cólera de 1853-1855

O primeiro intento organizativo no século XIX iníciase en 1804 por parte do ministro do Consello da súa maxestade Carlos IV, que quedou en suspenso polos acontecementos de 1808. Retomado en 1814 con Fernando VII, abórdase de novo un Regulamento xeral de Sanidade da Xunta Suprema de Sanidade. Este proxecto e outros intentos posteriores de organización fracasarían sucesivamente.

Sala do Hospital Provincial de Pontevedra
Sala do Hospital Provincial de Pontevedra

Na Real orde do 25 de setembro de 1833 establécese que en cada capital de provincia que conte cun intendente existirá unha xunta provincial de Sanidade presidida por este, que se encargará de vixiar a saúde das e dos súbditos do reino e de que non entren epidemias.

En 1839, durante o reinado da raíña rexente dona Cristina, desenvolveuse un novo proxecto de Lei orgánica de Sanidade, que tampouco prosperou. A Xunta Suprema asume en 1840 o goberno e a administración dos asuntos de Sanidade e en 1847 desaparece este órgano para darlle paso a unha organización máis eficaz e estable da Sanidade española.

O ano 1847 pódese considerar o comezo da verdadeira organización integrada nunha administración sanitaria xerárquica, xa que se desenvolven sucesivas reformas lexislativas (Real decreto orgánico de Sanidade de 1847, Lei orgánica de Sanidade de 1855). Estes órganos van poñer en orde as áreas temáticas permanentes da arte de curación; a primeira, garantir o exercicio das profesións sanitarias: médicos, farmacéuticos, cirurxiáns, matronas e ministrantes; e a segunda, situar a autoridade sanitaria en representación do poder público, o ben central (rei, presidente da nación, Consello, Goberno, as Cortes) e na orde periférica, as atribucións da Sanidade provincial e da municipal. Neste último campo vai ser onde se experimenten as maiores transformacións respecto do ámbito competencial na área de salubridade pública, así como na asistencia da cidadanía pobre (beneficencia), que culminarán na Instrución xeral de Sanidade de 1904.

As sucesivas epidemias do cólera no século XIX

Entrada a un pavillón no Hospital Provincial de Pontevedra
Entrada a un pavillón no Hospital Provincial de Pontevedra

A enfermidade preséntase en forma de epidemias locais ou pandemias mundiais das que, desde 1817, se contabilizaron sete; catro delas afectaron a Europa no século XIX.

En Galicia as dúas máis relevantes foron:

Epidemia de 1833-1834. A súa propagación describiuna o médico de Vigo Nicolás Taboada Leal no seu "Informe sobre el cólera morbo asiático" na Revista Médica, Periódico de la Emulación de Santiago, no núm. 25 do ano 1849: "Llegó de Asia Central (1831) a Europa y a Galicia a partir de Portugal (Oporto) por un barco inglés con soldados belgas contagiados en 1833. Ese mismo año, ese barco llega a las Cíes, contagiando a la población costera gallega. El primer caso aparece en Vigo el 19 de enero. En 1834 entra en Lugo, aunque parece ser que procede de Castilla. Se construyen lazaretos en As Nogais, Salvaterra y en los puertos de Vigo y Marín".

Epidemia de 1853-1855. É constatable que no ciclo demográfico antigo as epidemias se sucedían da seguinte maneira: malas colleitas, fame e epidemia. Así, a partir de 1852, chegou a fame debido á perda das colleitas, logo as febres tifoides, no verán de 1853, e, no inverno dese mesmo ano, o cólera. Esta será, con diferenza, a epidemia máis grave de todas. O barco de guerra Isabel La Católica arribou a Vigo a finais de 1853 con tres mariñeiros enfermos, que se levaron ao lazareto da illa de San Simón. En decembro o cólera xa estaba en Tui e en Pontevedra. Durante o inverno de 1854 non avanzou moito, pero en maio unha fragata con enfermos tivo que arribar novamente no lazareto, estratexia que resultou ineficaz, xa que se produciron contaxios na zona. As autoridades de Vigo negaron a orixe colérica da doenza para non prexudicar a cidade e evitar as posibles consecuencias políticas: desatención sanitaria e hixiénica, necesidade de recursos para o coidado e hospitalización e, sobre todo, declaración da corentena en portos e zonas de Galicia. Mentres tanto, a epidemia progresaba día a día, sen que se actuase coa rapidez necesaria para freala. Desde o punto de vista técnico tamén se complicou a cuestión, xa que comezou a discutirse sobre se o cólera era contaxioso. As persoas que compartían a teoría de que non se contaxiaba querían impedir que o porto de Vigo se pechase ao tráfico e que, deste xeito, a economía da zona non se vise afectada.

  • Medidas sanitarias públicas
    Medidas Sanitarias
  • Receita Médica
    Receita médica para o cólera
  • Prohibición de soterramentos
    Soterramentos
  • Os remedios para os males
    Os remedios para os males
  • Historia do cólera
    Historia do cólera
  • Lazareto de San Simón
    Lazareto de San Simón
  • Medidas para os buques
    Medidas para os buques
  • A pandemia e Portugal
    A pandemia e Portugal
  • Cemiterio de Redondela
    Cemiterio de Redondela
  • Portos e buques
    Portos e buques
  • Axudas médicas
    Axudas médicas