24 de outubro: Día da Biblioteca
Como cada ano, o día 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca, creado para homenaxear tanto ao persoal profesional como ás institucións bibliotecarias en xeral e para difundir un servizo público de proximidade á cidadanía que facilite o acceso ao coñecemento.
A orixe desta efeméride atopámola no ano 1992 cando a Biblioteca Nacional de Sarajevo foi bombardeada polas forzas que asediaban a cidade, motivo polo que se destruíron textos de gran valor para o acervo cultural e a memoria colectiva desa comunidade. Durante ese bombardeo moitas persoas comprometeron a súa vida para tratar de manter a salvo a maior cantidade de libros posible, ata o punto de algunhas faleceren no intento baixo as balas dos francotiradores.
Para conmemorar ese feito, e desde o ano 1997, cada 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, o cal quere compartir o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación agasallando cun pequeno lote de libros a todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2023 fixeran uso do servizo de préstamo ou consulta en sala.
Os libros, todos facilitados pola editorial da propia Deputación, pódense recoller nas instalacións da biblioteca (Padre Amoedo, n.º 1, edificio Arquivo, 2.º andar) desde o luns 23 ata o venres 27 de outubro, en horario de atención ao público (09.00-14.00 h).
Boletín de novidades
Paralelamente o Departamento de Biblioteca publicou na súa correspondente sección da web o boletín de novidades en que se recollen as últimas incorporacións. Este será remitido tamén vía correo electrónico a todas aquelas persoas que realizaran a correspondente solicitude a través da subscrición.
En total están dispoñibles 57 novos títulos na modalidade de préstamo relacionados na súa práctica totalidade, desde o punto de vista da súa autoría, edición ou temática, co ámbito galego e, nunha alta porcentaxe, coa provincia de Pontevedra.