ATOPO
Rexistros actuais: 1.187.557
Obxectos dixitais dispoñibles: 427.119

A Deputación pon en marcha a campaña ‘Cae de Caixón' para recompilar no Arquivo Provincial imaxes e documentos de familias ou entidades privadas relacionados coa memoria

A nacionalista María Ortega destaca que os feitos relacionados co golpe do 36 e coa ditadura "non poden seguir baixo chave"

16 de decembro de 2022 Memoria histórica
María Ortega

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha a campaña ‘Cae de Caixón'. Trátase dun programa de captación e recompilación de fondos privados (imaxes, cartas e documentos ...) que poidan ter interese para a poboación pola súa relación co golpe de Estado de 1936, o tempo inmediatamente anterior ao golpe, ou da ditadura, para incorporalas ao Arquivo da Deputación, e de maneira pública difundir a memoria á sociedade en xeral e á xente investigadora en particular.

Segundo explica a deputada de Memoria Histórica María Ortega, moitas familias e entidades teñen "alfaias de interese público que deben saír do caixón: a foto do avó que estivo preso cando era novo,  ou da avoa na época en que foi rapada". Para a familia, subliñou, "son só fotografías dunha persoa querida, pero para o resto da sociedade son parte da historia dun tempo que non podemos esquecer".

O obxectivo da Deputación é facer que o Arquivo Provincial, subliñou a nacionalista, "se converta no grande lapis de memoria que recompile toda a memoria histórica que agora fica espallada nas casas e tamén nas institucións", asegurou. Lembrou que xa hai colaboracións co Concello de Redondela, o de Pontevedra ou o Arquivo Provincial estatal "no rescate de material dese tempo, porque para nós ‘cae de caixón' que a memoria non pode seguir oculta baixo chave", dixo insistindo no nome da campaña e facendo un chamamento á colaboración "xenerosa" da cidadanía.

Ortega explicou que a iniciativa de ‘Cae de Caixón' naceu da confluencia de dúas vontades: a da propia Deputación, que  quere  nutrir o Arquivo co maior número de material relacionado coa memoria que sexa posible, e a da cidadanía, "que moitas veces é consciente de que ten na casa material de interese para a investigación da memoria histórica, pero non sabe como canalizalo". Apuntou que a cesión dos fondos dos ‘Fillos do Sol' (Natalio Abad) tivo un efecto chamada para outras familias que se puxeron en contacto co departamento de Memoria para informar das súas posesións, por se eran de interese.

Que fará a Deputación cos fondos?

A xefa do Arquivo Provincial (servizo de Patrimonio documental e bibliográfico) Ana Vicente, explicou que todas as familias e entidades que desexen achegar fotografías, documentos, cartas, ou diarios poden facelo con total confianza porque o material será tratado "con todo o respecto, dignidade, esmero e dedicación".

O obxectivo da Deputación, dixo, é facer público o material e que se poida descargar a través de Atopo, pero sempre será decisión da persoa, familia ou institución que cede ata que punto se debe manter a privacidade. De feito, as persoas donantes deberán elixir se deixan o material só para ser consultado en sala por persoas investigadoras, se o deixan para que apareza en Atopo solicitando permisos concretos para usalo noutros ámbitos, ou se o ceden para a descarga libre.

Aclarou que o material sempre quedará en mans das persoas propietarias, xa que só o deben achegar polo tempo preciso (uns días) para que sexa dixitalizado. Logo, os orixinais devolveranse acompañados por un lapis de memoria (USB) con todos os fondos tamén en formato dixital.

As persoas interesadas neste proceso poden contactar co Arquivo Provincial, enviando un mail a memoriahistorica@depo.gal ou poñéndose en contacto persoalmente con este departamento ou coa área de fondos audiovisuais, onde tamén se lles informará de todo e se concertará cita para unha primeira reunión co equipo.

Ana Vicente fixo mención dalgúns dos fondos privados xa incorporados ao Arquivo dende a cesión das fotografías dos ‘Fillos do Sol' (192 imaxes). Destacou o arquivo familiar Osorio Tafall-Arruti, que contén 174 fotografías de quen fora alcalde de Pontevedra, Bibiano Fernández Osorio-Tafall e de Josefina Arruti, e outros documentos interesantes como fotogramas de cine da publicación Folk que foron cedidos pola súa filla, Carmiña Fernández Arruti.

Tamén lembrou documentos e fotografías do arquivo persoal de José Manuel Rodríguez Fernández, que fora xefe da prisión provincial de Figueirido (como listaxes de entradas e saídas de presos ou de persoas que el entregaba ás forzas armadas para supostos traslados a outros cárceres e que logo aparecían asasinadas ou directamente non volvían a aparecer xamais). Este fondo (44 fotos e 51 documentos) foi cedido por Numismática Sarmiento, de xeito absolutamente de balde a pesares, dixo Vicente, de que se trata dunha empresa que normalmente podería obter beneficio económico por un material semellante.

Outras das achegas foron o arquivo fotográfico de Juan González, alcalde de Nigrán e investigador, con 39 imaxes que ilustran a presenza nazi en Galicia, ou o material de Nieves Martínez, que inclúe 15 fotos: a histórica foto que fixo cando deixaron de ser visibles os efectos da rapa, fotografías  do avó Modesto, concelleiro en Marín, e tamén da outra filla deste, Lola Martínez, xa falecida, que tamén padeceu a barbarie da rapa.

A historia de Nieves Martínez

Na presentación da campaña ‘Cae de Caixón' estivo presente Emma, filla de Nieves Martínez, veciña de Marín que a día de hoxe ten 103 anos e que fora rapada con 16. A muller explicou que para ela foi importante ceder as imaxes da súa familia para que a cidadanía, en particular a xente moza, coñeza a historia e o que aconteceu naquel tempo.

Emma destacou que tanto súa nai como a irmá desta foran dúas das mulleres rapadas ao cero no 1936 como represalia pola ideoloxía de seu pai, Modesto Martínez, concelleiro no 1931 en Marín. Lembrou que o seu avó era responsable de cemiterios e que naquel momento ordenara retirar os crucifixos das lápidas argumentando que nas bases había velas con moito aceite e supoñía un perigo. Aquilo producira moita polémica, destacou.

"Eu por aquel motivo aínda son coñecida como a filla do ‘chupaceites', (...) e por aquilo intentaron fusilar ao meu avó", que se salvou, explicou, porque súa irmá traballaba de criada nunha casa de importancia da vila que puido interceder por el. Sen embargo, nunha das redadas que fixeron na casa de Modesto, ao non atopar o que buscaban, os gardas colleron ás súas fillas e rapáronlle a cabeza.

A nai das nenas decidiu mandalas fóra para que non sufrisen o escarnio na vila, e unha vez xa comezaba a medrar o cabelo, Nieves "moi presumida", explicou Emma, o primeiro que fixo foi buscar un fotógrafo para que a retratase. Esa imaxe, xunto con outras do arquivo familiar, estanse a dixitalizar estes días para incorporarse á plataforma provincial AtoPO de consulta de fondos en liña.