ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.728
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.461

A Deputación presenta este sábado a súa nova Colección Medal de poesía feita por mulleres

A editorial provincial inicia a nova serie co libro ‘Violetas no asfalto' da autora Lucía Novas

29 de setembro de 2021
Violetas no asfalto

A Editorial da Deputación de Pontevedra presenta este sábado a súa nova serie de poesía feita por mulleres baixo o nome de Colección Medal. O ciclo de publicacións iníciase co libro ‘Violetas no asfalto' da autora Lucía Novas, que se dará a coñecer ás 12.30 horas na propia Illa de Medal en Pontesampaio -ou no vestíbulo do Edificio Castelao do Museo no caso de choiva-. 

O illote, cuxo nome foi escollido seguindo o costume da Editorial provincial de denominar as coleccións coas illas existentes nas Rías Baixas,  daralle acubillo a un acto no que participará a deputada de Lingua e Patrimonio Documental e Bibliográfico, así como o coordinador da colección, Antón Sobral, que explicarán as características da iniciativa e o motivo da súa creación, así como a propia autora, Lucía Novas, que pronunciará parte dos poemas que forman parte da antoloxía poética a publicar pola Deputación.

A Colección Medal pretende ser unha variada mostra de poesía de autoras da provincia, poetas relevantes tanto pola alta calidade dos seus versos coma pola súa implicación como mulleres no eido artístico e literario. No caso de ‘Violetas no asfalto', a obra pretende poñer "no seu xusto lugar unha traxectoria poética senlleira e sólida, intensa e emotiva porque nace desde a honestidade creadora, o talento e a procura dun camiño propio".

Para poder acudir á presentación da Colección Medal é preciso confirmar asistencia no teléfono 981 80 41 00, na extensión 40022, ou ben no correo protocolo@depo.gal