ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.590
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.660

A Deputación presenta mañá o libro sobre memoria histórica 'O pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo'

Trátase dunha publicación coordinada por Montse Fajardo na que participan outras nove investigadoras e investigadores do país

08 de xuño de 2021 Memoria histórica
micrófono

A Deputación de Pontevedra acollerá mañá mércores día 9, ás sete da tarde, no Salón de Plenos do Pazo provincial, a presentación do libro O pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo, unha obra editada polo Departamento de Memoria Histórica dirixido pola deputada María Ortega e que conta cos artigos de dez persoas investigadoras de prestixio na materia dentro do país coordinadas pola xornalista Montse Fajardo.

A presentación deste libro acóllese dentro do proxecto homónimo, "O pasado por vir", que ao longo de todo este mandato pretende reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do golpe de estado do 1936. Na obra inclúense artigos de investigadores e investigadoras como Marcelino Abuín, Dionisio Pereira, Carlos Francisco Velasco Souto, Ricardo Gurriarán, Raúl Soutelo, Xosé Álvarez Castro, M.ª Carmen Vidal Lage, Manuel Igrexas Rodríguez, ou M.ª Victoria Martins Rodríguez, que analizan desde diferentes perspectivas as iniciativas que se estaban a poñer en marcha no primeiro terzo do século XX desde o eido económico, a política, os movementos sociais, a cultura, e o ensino e que se viron truncadas coa chegada do golpe de estado e do franquismo.

Todo este traballo será recollido e divulgado de diferentes maneiras e con diferentes formatos, xa que ademais da edición impresa que se presentará mañá, os textos subiranse á nova web do Departamento de Memoria Histórica, agora en construción. Tamén se porán a disposición dos concellos e asociacións charlas e encontros con algunhas das persoas investigadoras que participaron nesta iniciativa.

Para poder asistir á presentación do libro é precisa inscrición previa no teléfono 986 804 100, extensión 40022, antes das 14 horas.