ATOPO
Rexistros actuais: 1.336.161
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.467

A Deputación subvenciona con 90.000 euros a edición de 20 proxectos en galego de entidades sen ánimo de lucro

As axudas do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico permitirán a creación de 8 audiovisuais, 13 publicacións, un audiolibro e unha gravación sobre diferentes temas relacionados coa provincia

Proxectos en Galego de entidades sen ánimo de lucro

A  Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno as subvencións do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico para editar -en formato papel, audiovisual, mixto e ou especial- traballos en galego sobre diversos temas relacionados coa provincia de Pontevedra. Este exercicio, no que se incrementaron por segundo ano consecutivo as axudas ata os 90.000 euros, os fondos chegarán a 20 entidades sen ánimo de lucro e permitirán a creación de oito audiovisuais, trece publicacións, un audiolibro e unha gravación.

A deputada responsable da área, María Ortega, explica que a convocatoria deste ano chega a un grande número de entidades que apostan por editar exclusivamente en galego tanto monografías, revistas como documentos de interese tanto de ficción como ensaios, e estudos  sobre persoas ou colectivos relevantes desta que teñen incidencia na cultura da provincia.

No caso das subvencións de 2023, na comarca de Pontevedra recibirán preto de 9.000 euros a Asociación Musical Cultural Tirante para a publicación ‘Laboratorio da paisaxe' e a Asociación Galega de Percutas O mar para a publicación e a gravación ‘A batucada galega vol.2, o novo patrimonio pontevedrés'. Tamén recibirá unha axuda de 3.500 euros o Arcebispado de Santiago polo traballo de ‘Escolma das fotografías do profesor Ares Espada nas parroquias pontevedresas'.

A axuda ao Arquivo Histórico Diocesano (AHDS), irá destinada á publicación da colección fotográfica do profesor Ares Espada -delegado da Comisión Diocesana de Arte Sacro nos anos 70-  sobre as parroquias pontevedresas do Arcebispado de Santiago, un traballo que no pasado ano 2022 permitiu iniciar a dixitalización e catalogación da colección de máis de 35.000 negativos en 35 mm. No primeiro ano de traballo, o arquivo xa catalogou 6.900

fotografías das que 2.461 pertencen as bisbarras da provincia de Pontevedra.

Á vista do orixinalidade e valor do material fotográfico co que se traballou, o AHDS propuxo con este proxecto dar a coñecer este fondo e, concretamente, a parte del relacionada directamente coas parroquias pontevedresas dependentes do Arcebispado de Santiago de Compostela a través da edición dun pequeno repertorio que mostre a riqueza do fondo depositado no arquivo sobre toda a provincia.

Máis comarcas

No caso da comarca do Morrazo a axuda supera os 11.ooo euros, 8.000 para a asociación FICBueu, para o audiovisual ‘A Roiba. Un refuxio en Beluso', e máis de 3.000 para a Asociación Cultural Entre Bambalinas de Moaña, destinados á publicación de nove textos de dramaturxia galega. No caso do Salnés, a Asociación Pola Memoria Histórica do Grove recibirá preto de 7.000 euros para a publicación e o audiovisual ‘A memoria do mar´'.

No caso do Deza-Tabeirós, as subvencións chegarán a preto dos 22. 000 euros, repartíndose entre a Asociación Cultural Vagalumes, para o audiovisual ‘Ángel Lemos, apuntamentos biográficos', e tres colectivos de Lalín: a Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón (para a publicación ‘Manual de obradoiros educativos', a Asociación Etnográfica de Codeseda (para o audiovisual ‘Os trasnos de Doade: herdeiras dunha tradición musical), e Medrar 2.0 para a publicación ‘Tempo de celebrar'.

En Condado Paradanta as axudas (máis de 16.600 euros)  benefician á Asociación Cultural e Etnográfica San Cibrán para publicar o libro ‘Proxectos e realidades da emigración en Portugal e América para Mouriscados', á Asociación Mouriscados para publicar ‘Romarías da Franqueira', á Fundación Mondariz Templo del Agua para o audiovisual ‘Rockefeller en Mondariz, o renacemento do balneario global', e á Asociación Sociedade Cultural e Deportiva Condado para publicar a ‘Historia da ASCD Condado. 50 anos'.

Na área de Vigo, as axudas (preto de 13.500 euros) chegan a catro colectivos: a Plataforma de afectados por el vial poderá realizar o audiovisual ‘O musgo luminiscente Schistostega Pernnata', A asociación etnográfica A Merdeira poderá editar a publicación ‘O Merdeiro', a Asociación APAMP poderá rodar a peza audiovisual ‘A peli rodante' e a Fundación para a pesca e o marisqueo poderá facer a publicación e o audiovisual ‘O mar a raias. Shu e as mulleres do mar' .

No Val Miñor, dentro do concello de Nigrán, a Coordinadora para o estudo dos Mamímeros editará un audiolibro titulado ‘A Toniña', cunha axuda de 3.700 euros, e a Fundación Carlos Casares a publicación ‘Verbas vivas. Ruta literaria por Vigo e o Val Miñor'.

Esta imaxe forma parte do fondo do profesor Ares Espada, do proxecto do Arquivo Histórico Diocesano