ATOPO
Rexistros actuais: 1.095.209
Obxectos dixitais dispoñibles: 413.195

A documentación histórica da conserveira Alfageme, accesible "a golpe de clic" en Internet grazas ao portal ‘Atopo' do Arquivo da Deputación de Pontevedra

Inclúense preto de 3.000 rexistros organizados e descritos polo Arquivo do Museo ANFACO de Vigo

22 de setembro de 2021 Atopo , Fondos documentais
Edificio fábrica alfageme

A documentación histórica da conserveira Alfageme está xa accesible a golpe de clic grazas ao portal web ‘Atopo' do Arquivo da Deputación. Nos fondos que se poden consultar de maneira dixital a distancia inclúense preto de 3.000 rexistros conservados no Arquivo do Museo ANFACO de Vigo, tanto documentos empresariais, de márketing, fotografías como recortes de prensa, que permitirán o estudo dunha das fábricas de conservas máis relevantes do país.

Segundo explica o persoal técnico do Departamento de Patrimonio Bibliográfico e Documental da Deputación, a posibilidade de consulta dos fondos de forma dixital a través da web provincial débese á incorporación da Institución do Arquivo do Museo ANFACO como usuario de Atom, un novo paso para contribuír á conservación, difusión e accesibilidade dun importante fondo documental sobre a industria do mar.

Grazas a esa modernización tecnolóxica e ao preciso traballo previo de organización e descrición do fondo documental levado a cabo polo persoal do Arquivo do Museo ANFACO, no ‘Atopo' poderanse consultar 170 unidades de instalación con 2.824 rexistros das diferentes agrupacións documentais ou documentos en diferentes soportes.

O fondo está formado por papeis, expedientes, informes e outro tipo de materiais producidos pola organización empresarial na fábrica de Bouzas a partires de 1931, pero tamén conta con libros diarios e maiores da etapa de Candás e algún documento como o libro de visitas de 1913 da fábrica do Arenal, e do réxime de retiro obreiro de 1922.

Todos os documentos dan a pauta para coñecer o funcionamento desta fábrica de conservas, o que permitirá o estudo desta organización empresarial desde os anos vinte do século XX ata 2010. Abarcan un amplo abano de actuacións e actividades, xa que se resgarda información relativa a outras sociedades, órganos de goberno, persoal, produción ou márketing. Son de interese polo seu valor informativo as noticias de prensa relacionadas coa empresa que se foron recompilando, así como cartas e outros documentos de índole persoal e familiar. O arquivo fotográfico reúne tamén gran cantidade de imaxes que son testemuña das diversas accións e momentos destacados da empresa.