ATOPO
Rexistros actuais: 1.336.161
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.467

Cesión ao Arquivo da Deputación da documentación procedente da Xunta Reitora do Parque natural das illas Cíes


04 de outubro de 2023 , Fondos documentais
Illas Cíes

Un novo fondo "Parque Natural das Illas Cíes" custodia o Arquivo da Deputación como depósito permanente, desde o 15 de Xuño de 2023. Trátase de 258 agrupacións documentais que ocupan 26 unidades de instalación, cun marco cronolóxico que se move entre 1958-2016.

Así pois, para deleite e interese dos estudosos, investigadores ou amantes da natureza , e grazas a Felipe Bárcena e Varela de Limia ( V Conde de Torrecedeira), quen entregou a documentación que conservaba no seu pazo de Pena do Ouro, na localidade coruñesa de Noia, temos un interesante fondo que amosa toda a engrenaxe que se foi desenvolvendo, para protexer e xestionar a paraxe natural das Illas Cíes, illas hoxe en día,  e desde o ano 2002, integradas no Parque Nacional das Illas Atlánticas (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) .

A xulgar pola pertenza de Felipe Bárcena a organizacións como a "Real Sociedad Española de Historia Natural"; "Sociedad Española de Ornitología" ou "Sociedad Española para el Estudio y Conservación de los Mamíferos", ademais da súa paixón e dedicación ó longo de moito tempo ao estudo dos cabalos salvaxes autóctonos, lobos, ou aves mariñas, convérteno nun gran coñecedor e destacado zoólogo.

No que atinxe o fondo que presentamos, Bárcena foi nomeado presidente da Xunta Reitora do Parque natural das illas Cíes en 1985, órgano colexiado de colaboración coa Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Xunta de Galicia, adscrito a efectos administrativos á Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes.

Por outra banda en canto ao contido, podemos atopar información dos órganos de goberno a través dos: libros de actas, expedientes de sesións do pleno e da comisión permanente da Xunta Reitora do Parque Natural Illas Cíes ou de aqueles que ocuparon cargos de goberno; datos relativos a administración: por medio dos regulamentos, correspondencia ou rexistros de entrada ou de saída; sendo de especial interese todos aqueles documentos que teñen que ver coas actividades e produción científica relacionada co parque como traballos de investigación, proxectos de obras, plans de ordenación ou recortes de prensa.

Sen dúbida unha achega documental, gráfica e incluso bibliográfica novidosa, pois mergullámonos  nunha temática peculiar e diferente a cal non solemos atopar nos arquivos, ademais de ter a oportunidade de coñecer e valorar o potencial medioambiental, biolóxico e natural dun tesouro que temos o privilexio de ter nós, os galegos.

Máis información través do portal atopo da Deputación de Pontevedra no enlace seguinte: https://atopo.depo.gal/ ou consulta  nas dependencias do Arquivo en horario de 9 a 14:00 de luns a venres.