ATOPO
Rexistros actuais: 1.065.410
Obxectos dixitais dispoñibles: 400.891

Colectivos memorialistas e partidos enfrontan posturas na xornada de traballo da Deputación, Galiza ten Memoria: Políticas Públicas

A deputada María Ortega presentou o catálogo de actividades gratuítas que ofrece este 2021 o Departamento de Memoria Histórica provincial

12 de xuño de 2021 Memoria histórica
Xornadas de memoria histórica

O anteproxecto da nova Lei estatal de memoria democrática, a impunidade do franquismo na actualidade, a simboloxía franquista que aínda permanece nas rúas, o litixio por Meirás ou a dificultade para o acceso a arquivos para investigar sobre o golpe e a ditadura foron hoxe algúns dos temas que se trataron na xornada Galiza ten Memoria. Políticas Públicas, organizada polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación. Nela participaron representantes dos tres grupos políticos do Parlamento galego, que tamén fixeron as súas achegas sobre as políticas de memoria no país, e representantes de 17 colectivos memorialistas que puxeron sobre a mesa moitas críticas ás normativas vixentes.

Segundo explicou a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, promotora da xornada, o obxectivo do encontro era realizar unha posta en común e intercambio de pareceres entre as distintas sensibilidades sobre a memoria histórica creando un foro de contacto "nun afán construtivo" para que as administracións e institucións escoitasen peticións.

Foron moitas as asociacións que tomaron a palabra sobre o tema da nova Lei de memoria democrática, todas elas moi críticas, asegurando que se trata dun texto insuficiente que non resolverá a defensa das vítimas do franquismo. Carlos Babío, da Asociación Comisión Suárez Picallo vencellou a nova normativa coa Lei de amnistía do 77 e lembrou que aquela lei, nacida para sacar dos cárceres ás persoas presas políticas do franquismo, foi aumentada cun artigo "que se colou co beneplácito da esquerda e do que esta nunca máis se preocupou" que permitiu amnistiar a todos os franquistas. Segundo dixo, desa Lei de amnistía xorden moitos vicios na nova Lei de memoria democrática.

Ese mesmo fío foi o que seguiu o represaliado Miguel Ángel Gómez ‘Gus', vítima de torturas de Billy El Niño, quen salientou que o Estado español está a incumprir a súa Constitución e os Tratados Internacionais sobre Dereitos Humanos, defendendo a prescrición dos delitos franquistas e a inmunidade dos represores aínda sen ter sido xulgados. "O Estado esmérase moito con outras vítimas, de ETA ou do Islamismo, mais non con nós. É patente que non se poden amnistiar delitos de lesa humanidade, pero hai verdugos vivos. Todo o aparato franquista permaneceu no Estado intacto na transición. A xustiza está en posición de búnker. Non quere saber de nós", criticou, pedindo ao Goberno central que recapacite e reconsidere o novo texto normativo, anulando a Lei de amnistía.

Verdade, xustiza, reparación

Pola parte política, no acto estiveron Alberto Pazos Couñago do Partido Popular, Luís Bará do Bloque Nacionalista Galego, e do Partido Socialista a senadora Margarita Adrio Taracido, en substitución de Paloma Castro que escusou a súa ausencia por motivos de última hora.

Margarita Adrio sinalou que a nova Lei é un texto aínda aberto no que se poden incorporar melloras e comprometeuse a trasladar á Secretaría de Estado de Memoria todas as opinións vertidas hoxe na xornada de traballo da Deputación. Destacou que por primeira vez, no texto fálase de ‘golpe de Estado' e de ditadura, se dá presenza ás mulleres que loitaron polas liberdades, se crea unha Fiscalía de Memoria Democrática, se poñen as bases para realizar inventarios de bens espoliados con censos de empresas que obrigaron a presos a facer traballos forzados, e se protexe a investigación e divulgación, a aposta pola memoria na escola, ademais de crear un réxime sancionador, retirar símbolos e traballar pola extinción de fundacións profranquismo.

Por parte do BNG, Luis Bará criticou que se teña que falar de Memoria Histórica e de reparación ás vítimas aínda 46 anos despois da ditadura. Sinalou que se mantén a argumentación do medo a ferir sensibilidades para ficar na inacción e non solucionar un problema grave para a democracia cun grave problema de "valentía política". O nacionalista resaltou que o Estado español está incumprindo a xurisdición internacional no relativo á verdade, xustiza e reparación e puxo de manifesto que a nova Lei de memoria é probablemente a "última oportunidade" para garantir os dereitos das vítimas. Apuntou que, se ben se contempla a creación dunha Fiscalía, esta baterá contra a barreira da Audiencia Nacional que non permite xulgar as causas. "Esta é a lei do punto final, a lei de pasar páxina e de deixar soterradas ás persoas. O BNG vai dar debate para superar este marco limitado", insistiu.

Pola súa banda, o representante do Partido Popular, Alberto Pazos Couñago cuestionou a oportunidade da nova Lei de memoria sinalando que hai cuestións xa vixentes na actual normativa e que o principal problema chegará polo orzamento que se destine a executala. "Resulta sorprendente que haxa xente que non condene o franquismo", dixo, para destacar que é preciso traballar nos informes sobre a nova lei para "nin demonizar nin santificar" posturas, senón para mellorar o texto. Tamén afirmou taxativo que "a Lei da amnistía é a semente de todo o bo que está a pasar hoxendía", xa que ao seu entender é preciso valorar a Transición tendo en conta as dificultades e a enorme complexidade da situación daquel tempo. "A de hoxe e aquela son sociedades distintas, non se pode facer un exercicio de presentismo", afirmou, asegurando que precisamente pola amnistía e a maneira na que se pasou da ditadura á democracia en España é un exemplo para outros países.

Políticas públicas galegas

Ademais do enfoque de cada grupo sobre a lei estatal, a xornada tamén serviu para valorar as políticas públicas de memoria que se están a desenvolver no país. Neste sentido, Couñago recoñeceu que no Goberno galego non hai un departamento específico que se encargue sobre o tema, mais destacou que se están a desenvolver iniciativas e acordos parlamentares relativos á retirada de simboloxía franquista, de localización de restos ou resolucións (como a de 2019) para demandar ás administracións competentes diversas accións. resaltou a excelente relación entre a Xunta e a Secretaría de Estado de Memoria Democrática e avogou pola "colaboración e o consenso" entre institucións.

Bará foi contundente neste sentido e cualificou de "cero", "nada" e territorio "hermo" o labor da Xunta na materia. "O problema non son os 12 anos de ‘nada'. O problema é que se desmantelaron os proxectos en marcha no 2005 e 2009", dixo, lembrando o Consello da Memoria, o nomeamento de San Simón como Illa da Memoria, o acordo co Imelga para a exhumación de foxas ou a "aniquilación" do proxecto investigador ‘Noves e voces', "asfixiado ata a desaparición no 2013". Lembrou tamén que o PP votou en contra da admisión a trámite para a creación dunha Lei galega de memoria "nin permitindo o debate", e resaltou que hai que traballar por unha normativa galega propia, con perspectiva de xénero, que teña centralidade e transversalidade no Goberno e que sexa participativa e con socialización.

Finalmente, Margarita Adrio destacou, como fixera Bará, que as políticas vixentes no 2009 quedaron no caixón. Criticou ao PP por non admitir a moción presentada por Paloma Castro para incluír 1,6 millóns de euros nos orzamentos autonómicos destinados a Memoria Histórica, e salientou a alegría pola recuperación de Meirás.

Meirás, arquivos, educación

Ademais das normativas estatais e autonómicas relativas a Memoria, na xornada de traballo tamén se puxeron sobre a mesa temas tan de actualidade como a Recuperación de Meirás, cunha petición ás administracións para que "se unan á reclamación da sociedade e entre a democracia no pazo". Foi Carlos Babío, investigador e loitador pola devolución do pazo quen destacou que foi a mobilización memorialista durante moitos anos a que conseguiu o que ata o de agora se acadou. "As institucións formularon a demanda porque non tiñan outra saída, pero aínda hoxe temos que saír á rúa porque nos furtan os nosos dereitos. O día 19 queremos estar en Meirás e nin nos deixan estar nos xardíns", lembrou, a pesares de que a normativa di que ten que estar aberto polo menos 4 días ao mes.

Outra das peticións dos colectivos memorialistas foi a garantía de acceso libre e universal aos arquivos no marco do dereito á información e os dereitos humanos. Pepe Álvarez Castro, de Sempre con Vós-Pontevedra, animou a facer unha lei xeral de arquivos para permitir o acceso a persoas investigadoras, destacando que no caso de haber restricións estas deben ser claras, razoadas e con posibilidade de recurso.

Tamén se puxo sobre a mesa, por parte de Betty León Fong, do Grupo de traballo sobre Memoria do Partido Comunista de Galicia (Vigo) a importancia da formación nos colexios con unidades didácticas, así como a educación do profesorado de Historia que, na súa meirande parte, foi aleccionado para reproducir o relato franquista. Non se deixou atrás a necesaria colaboración das institucións para retirar as condecoracións a persoeiros franquistas e a simboloxía da ditadura que aínda segue presente nos espazos públicos.

Catálogo de actividades

Ademais da posta en común das propostas políticas de cada partido e do intercambio de ideas, a xornada –que se desenvolveu desde as 9:30 ata pasadas as 15 horas no salón de plenos do Pazo provincial– serviu tamén para que a deputada María Ortega fixera unha presentación do catálogo de actividades que o Departamento de Memoria Histórica pon a disposición dos concellos da provincia e dos colectivos para realizar ao longo deste ano de maneira gratuíta. Incluíuse a preestrea do documental Acorda dirixido artisticamente por Uxía, a escenificación da peza teatral A señora de Forcadela e o obradoiro musical Músicas represaliadas a cargo de Xurxo Souto.

Tamén estiveron presentes no acto os deputados Gregorio Agís e Manuel González. Pola parte dos colectivos memorialistas asistiron ás xornadas representantes da Asociación Amigos De Johan Carballeira, Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía de Arousa, Asemblea Republicana de Vigo, Ceaqua, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás, Irmandade do Dolmen, Grupo de Traballo sobre Memoria Democrática do Partido Comunista de Galicia-Comarca de Vigo; Memoria Histórica de Marín; A. C. Vagalumes-Terra de Montes; Asociación Comisión Suárez Picallo, Fundación Tilve, Sempre con Vós-Pontevedra, Asociación Levada Libre de Tui, Memoria Histórica de Valga; Iniciativa Galega pola Memoria, e CRMH do Barbanza como convidada da provincia da Coruña.