Descubrindo Ponte Sampaio como concello

Actualmente no Arquivo da Deputación ven de levarse a cabo un proceso de dixitalización para dar visibilidade e, coa mesa, máis e mellor accesibilidade á documentación que se atopa no Arquivo municipal de Pontevedra, pertencente ao antigo Concello de Ponte Sampaio.
O antigo Concello da coñecida ponte medieval, testemuña da célebre batalla de Ponte Sampaio contra a invasión francesa os dos días 7 e 8 de xuño de 1809. creouse como constitucionalmente de forma definitiva en 1836, coa denominación e capitalidade en Ponte Sampaio, integrado por dúas parroquias: Ponte Sampaio e Canicouva. Correspondíanlle un alcalde, catro rexedores e un procurador síndico. Funcionou como tal durante 124 anos ata a súa integración no Concello de Pontevedra o 21 de xuño de 1960.
A documentación que se conserva hoxe en dia no arquivo municipal de Pontevedra disponse en 46 unidades de instalación, descrita en 240 agrupacións documentais, dun período comprendido ente os anos 1900 e 1972; o conservado é polo tanto unha pequena mostra documental da documentación que tivera sido producida e corresponde na súa totalidade ao século XX, destacando as actas municipais dende 1900 e, polo seu volume, a documentación derivada da xestión e control presupostario e tributario.
No proceso actual veñen de dixitalizarse un total de 19 libros de actas do pleno (1900-1960) e tres libros de actas da Comisión Permanente (1925-1932) que xa están dispoñibles a "golpe de clic" no portal AtoPO. Así pois dita documentación pódese consultar en liña. A modo de curiosidade a primeira sesión do pleno do 7 de xaneiro de 1900, foi celebrada sendo alcalde Santiago Barros Pazos.
Por outra banda, no Arquivo da Deputación tamén podemos atopar mostras documentais derivadas da súa xestión, actividades e actuación deste Concello na súa relación coa institución provincial en diferentes ámbitos, con descrición a disposición pública en Atopo e nas propias dependencias físicas do Arquivo .