ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

Esgotadas as prazas para asistir ás III Xornadas contra a Impunidade do departamento de Memoria Histórica da Deputación

Os relatorios, que se desenvolverán o 26 e 27 de novembro no Pazo Provincial da Deputación, poderán seguirse en liña dende depo.gal

20 de novembro de 2021 , Memoria histórica
III Xornadas contra a Impunidade

As III Xornadas contra a Impunidade organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra que se celebrarán os vindeiros 26 e 27 de novembro teñen xa esgotadas as súas prazas para asistir de maneira presencial. Dada a importante demanda, e ante o interese amosado para seguir as intervencións incluso dende outras localidades do Estado, vaise habilitar a posibilidade de presenciar todos os relatorios en liña a través da web da Deputación  (depo.gal).

As xornadas contra a impunidade celébranse neste 2021 por terceiro ano consecutivo  cando se cumpren 85 anos dende o golpe de Estado. Estarán centradas na ‘Corrupción Franquista: métodos e consecuencias na actualidade', abordando temas como a relación entre monarquía e igrexa coa ditadura, as empresas que se viron beneficiadas polo réxime, ademais da loita contra a impunidade xudicial do franquismo e a reclamación dunha tutela xudicial efectiva para as vítimas, unha cuestión que nos últimos días está a centrar o debate estatal pola emenda introducida para a nova Lei de Memoria Democrática do Estado que pretende cambiar a interpretación da Lei da Amnistía.

Segundo adiantou a deputada responsable de Memoria, María Ortega, nas xornadas quedará reflexado que esa ‘corruptela' non rematou no 75 coa morte do ditador, nin no 78 coa aprobación da Constitución, senón que as persoas herdeiras daquel tempo, das empresas e dos cargos, levan máis de 40 anos enriquecéndose con total impunidade "baixo a cegueira premeditada" de certas institucións e quen as ocupa.

Algunhas das persoas que estarán en Pontevedra para falar do franquismo e as súas corruptelas serán Antonio Maestre, autor de ‘Franquismo SA'; o historiador Xosé Álvarez Castro, que falará da represión económica e dos espolios ; a profesora de Filosofía e Antropoloxía da USC Beatriz Busto que falará da ‘Galiza do No-DO'; Rebeca Quintáns, autora do libro ‘Un rey golpe a golpe' publicado no 2000 baixo pseudónimo e reeditado co título ‘Juan Carlos I, la biografía sin silencios', a obra máis importante para coñecer a corrupción borbónica; o profesor da Universidade de Vigo Xosé Ramón Rodríguez Lago, que falará sobre igrexa e ditadura; e a profesora de Historia Contemporánea da USC Araceli Freire, membro de Histagra, que falará de como o pobo galego resistiu e se impuxo na ditadura cando esta se intentaba apropiar do ben común.

Posteriormente, na mesa redonda ‘Cando a herdanza é a memoria', estarán Carlos Babío, autor da peza sobre Meirás; Susana Sánchez Aríns, autora de ‘Seique' e que falará de como o irmá da súa avoa, xefe local da Falanxe, tamén se apropiou de terras da súa familia aproveitando os seus galóns; e Paqui Maqueda, presidenta dun colectivo memorialista andaluz integrante da plataforma que está a reivindicar unha edificación que aínda hoxe é da familia Queipo de Llano en Sevilla "donada" como Meirás e sobre a que está aberto un proceso xudicial como o feito en A Coruña.