Fondos Gráficos do IES Frei Martín Sarmiento
Tras remataren os traballos técnicos de catalogación e dixitalización destes fondos fotográficos, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación pon a disposición da cidadanía un conxunto formado por 68 imaxes (fotografías en papel) que percorren a historia da Escola Elemental de Traballo de Pontevedra, denominada posteriormente Escola de Mestría Industrial. Os fondos foron cedidos para o seu tratamento técnico pola actual dirección do centro, hoxe en día IES Frei Martín Sarmiento.
A Escola Elemental de Traballo foi creada no ano 1932 e nela impartíase ensino profesional nas ramas de electricidade, madeira e metal. A maior parte das fotografías incluídas neste fondo corresponden ás décadas dos cincuenta aos setenta do século xx, logo da conversión desta escola en Escola de Mestría Industrial, con ensinanzas de oficialía e mestría das especialidades antes indicadas.
Coa entrada en vigor da Lei xeral de educación do ano 1971, o centro denomínase Instituto Politécnico de Formación Profesional e instálase no novo edificio da Avenida de Vigo. A esta etapa pertencen tamén un bo número de fotografías, relacionadas moitas delas coa construción e posta en marcha desas novas instalacións, nas que actualmente funciona como IES Frei Martín Sarmiento.
Nas imaxes podemos distinguir personalidades da vida local pontevedresa de mediados do século xx como os alcaldes Filgueira Valverde ou Prudencio Landín, gobernadores civís como Rafael Martínez ou Ramón Encinas, Luis Huesa, director do centro, así como outros dos seus profesores, e tamén podemos aproximarnos a obradoiros, actividades e costumes da época coma a Festa dos Maios na que había unha representación do centro. Todo iso grazas ás cámaras fotográficas locais de Rafa, Chao ou Graña, testemuñas activas do seu tempo.
As fotos pódense consultar no metabuscador Atopo da Deputación de Pontevedra nesta ligazón