ATOPO
Rexistros actuais: 1.558.864
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.164

Fondos gráficos do Instituto de Pontevedra


26 de marzo de 2025 Fondos gráficos
001 Alumnos no laboratorio do Instituto. Entre 1940 e 1950

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, a través da súa sección de Fondos Audiovisuais, recibiu unha transferencia de documentación procedente do Arquivo do Instituto Sánchez Cantón en decembro de 2024. Consistiu en 18 caixas e/ou arquivadores con fondos gráficos (fotografías e tarxetas postais, negativos fotográficos, diapositivas e placas fotográficas) e outros fondos de tipoloxía variada.

A maior parte do fondo gráfico que se catalogou, procedente do Arquivo do Instituto Sánchez Cantón, está composto por fotografías pertencentes ó antigo Instituto de Pontevedra, na actualidade Instituto Valle Inclán. Se trata do conxunto de fotografías de maior valor histórico e patrimonial xa que recollen a vida social, cultural e mesmo política da cidade entre 1882 e a década dos anos 60 do século XX.

Nesta colección de imaxes posúe especial significación a etapa na que o Centro estivo dirixido por Filgueira Valverde, entre  1945 e 1976 e na que se desenvolveron actividades en moi distintos eidos do ensino. Así, temos imaxes do edificio (aulas, laboratorios, biblioteca), profesorado, actos académicos (aperturas de curso e entregas de distincións, conferencias e cursillos), visitas de autoridades (locais, provinciais e mesmo de autoridades do Ministerio de Educación), actividades dos alumnos (o tradicional concurso de decoración navideña, por exemplo, actuacións dos Cantores do Instituto), actos relixiosos, etc.

Merecen unha especial importancia, tanto cuantitativa como cualitativamente, as imaxes correspondentes a dúas actividades desenvolvidas polo Instituto, en parte de xeito pioneiro no Estado: a participación nos Xogos escolares nacionais na década dos anos 50 e a realización de visitas e excursións. O desenvolvemento destas viaxes permite contar cunha colección de imaxes de localidades e monumentos de España, Portugal e mesmo de países europeos de moito valor.

Ademáis deste conxunto de imaxes relacionadas coa época na que na cidade funcionaba únicamente un centro de ensino secundario, o resto do fondo gráfico corresponde con actividades desenvoltas  polos alumnos e profesorado do Instituto Sánchez Cantón dende a súa posta en funcionamento ata mediados dos anos 90.

En definitiva, estamos a falar dun fondo gráfico que debemos considerar, xunto a outros catalogados con anterioridade polo SPDB e dispoñibles en ATOPO (Arquivo Municipal de Pontevedra, Xefatura Provincial do Movemento, o propio fondo gráfico da Deputación de Pontevedra) e xunto ó Arquivo gráfico do Museo, como unhas valiosas testemuñas en calquera aspecto ou eido da vida da cidade de Pontevedra nos anos centrais do século XX.