ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.948
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

Maria Ortega e Carlos Font presentan o portal "AtoPO"


Maria Ortega, deputada responsable do Servizo de Patrimono Documental e Bibliográfico, e Carlos Font, responsable do Servizo de Novas Tecnoloxías. veñen de presentar na mañán de hoxe nas dependencias do Arquivo o portal AtoPO (https://atopo.depo.gal/)

AtoPO é un portal de descubrimento de recursos de información a partir das coleccións e fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación,do Museo de Pontevedra, dos arquivos municipais e doutras institucións, públicas ou privadas, da provincia de Pontevedra.

Concíbese, como non pode ser doutra forma, como un proxecto vivo que engade fondos de xeito continuo. Unha parte destes fondos están dixitalizados e a totalidade ofrece información actualizada sobre os contidos ofertados polas diferentes institucións.

Por medio dunha ferramenta de software libre (Vufind), dende o metabuscador, facilítase o acceso completo e sinxelo aos fondos, independentemente do seu formato, localización física e procedencia institucional. Trátase dunha solución que permite consultar unha ou máis bases de datos á vez e obter respostas en intervalos de tempo mínimos.

Este portal inclúe, por decisión da Deputación de Pontevedra no seu día, nun único punto de acceso a información dos fondos documentais definidos como públicos e de libre acceso de 130 institucións, entre elas a propia Deputación e o Museo de Pontevedra, a nivel de unidade documental; ademais os fondos bibliográficos, audiovisuais e cartográficos da propia Deputación, conservados polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e polo Museo de Pontevedra.

Esta definición orixinaria implicou dende o principio unha normalización dos procesos técnicos e unha unificación de determinados criterios a partires da implementación, logo do oportuno concurso público, de dúas ferramentas de software libre: ATOM para o patrimonio documental e KOHA para os fondos bibliográficos, audiovisuais e cartográficos.

Nos últimos dous anos lévanse desenvolvendo denodados esforzos de revisión e mellora da información, alcanzando en moitos casos uns niveis moi aceptables que posibilitan dende fai tempo a necesaria publicidade e difusión, unha das principais razóns de ser destes centros e destes procesos técnicos.

O portal do cidadán cavará dando saída á información e aos elementos dixitais que se foran xenerando noutro proxecto paralelo de dixitalización, que deu como resultado presto de 14.000.000 de imaxes dixitais.