ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.271
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.655

Melloras no portal Atopo


Buscador Atopo

Logo de dous anos e medio de funcionamento, o portal ATOPO estrea agora novas funcionalidades co obxectivo de mellorar diversos aspectos relacionados coa experiencia de usuario e coa accesibilidade aos seus rexistros.

Desenvolvido co software libre VuFind, que permite a creación dun único índice para diferentes bases de datos a través do protocolo de estándares de interoperabilidade OAI-PHM, o metabuscador funciona como un punto único de consulta dos fondos e coleccións documentais, bibliográficas, cartográficas e audiovisuais da Deputación, en concreto do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e do Museo de Pontevedra.

Trátase dun conxunto de recursos de evidente interese para investigadores e público en xeral, que na actualidade supera amplamente o millón de referencias, das que máis de 400.000 se poden visualizar e descargar na súa integridade, accesibles como obxectos dixitais.

ATOPO é un espazo vivo e dinámico de colaboración entre administración e cidadanía para a salvagarda e a difusión do noso patrimonio. Como se pode observar nas últimas métricas do portal, os accesos e consultas teñen experimentado un crecemento continuo, o que xustifica unha labor de vixilancia permanente para detectar erros, mellorar funcionalidades existentes e desenvolver outras novas.

As modificacións, xa implementadas, teñen un dobre obxectivo: dunha banda, mellorar a integración en Atopo de recursos procedentes das bases de datos bibliográficas e documentais internas e doutra, e de xeito especial, mellorar o acceso dos usuarios ao metabuscador. Nesta liña, os cambios máis significativos son os que seguen:

  • Axustes na busca avanzada para permitir seleccionar recursos por tipo de formato e, especificamente, mellorar os resultados combinando tipoloxías coas institucións que xestionan os recursos.
  • Desenvolvemento de novos filtros para minorar o ruído documental: filtros de resultados por subtipos (formatos e soportes), escala ou área xeográfica, etc.
  • Modificacións no acceso a determinados rexistros (documentos de arquivo, publicacións do texto completo, fotografías e tarxetas postais, mapas…) para facilitar a visualización e descarga dos obxectos dixitais asociados.
  • Mellora na información relativa ás condicións legais e aos dereitos de acceso e uso dos rexistros.
  • Desenvolvemento de bloques ou espazos informativos (novidades, descubrir, destacados….) complementarios do metabuscador, para facilitar o acceso directo a coleccións ou fondos seleccionados.