ATOPO
Rexistros actuais: 1.065.569
Obxectos dixitais dispoñibles: 400.920

Música para poñer en valor a memoria histórica, a resistencia e a dignidade na provincia de Pontevedra

O Departamento de Memoria Histórica da Deputación preestrea o documental ‘Acorda. Cartografía musical da Memoria Histórica de Pontevedra' o vindeiro día 17 no Teatro Principal

Documental Acorda

Dar a coñecer lugares e feitos singulares da memoria histórica da provincia "a través dunha expresión artística marabillosa que é a música". Ese é o obxectivo de ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra', un documental con idea orixinal do Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra que se vai preestrear o vindeiro día 17 no Teatro Principal de Pontevedra e se presentará oficialmente no Ourense Film Festival o vindeiro 1 de outubro.

A peza documental é un traballo feito baixo a dirección artística de Uxía e Marina Carracedo, a realización de Lucas Terceiro, o guión de Lois Pérez e o asesoramento de contidos de Montse Fajardo, no que a Deputación leva a traballar máis dun ano. Inicialmente tratábase de gravar vídeos musicais con cancións de resistencia ante o franquismo en lugares emblemáticos para a memoria, mais a iniciativa foi medrando e non só deu lugar á interpretación dunha canción, senón tamén a un guión para contextualizar cada peza contando o que aconteceu en cada un dos escenarios elixidos.

O proxecto, segundo dixo a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, é "moi necesario e urxente" e ten un importante "ton reivindicativo". Nel participan voces moi diversas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, que dan voz ás vítimas a través de cancións que evocan a represión, recreando situacións moi concretas en lugares moi simbólicos. "Escollemos as e os artistas porque eran os máis apropiados, pola súa sensibilidade... Tiña que ser xente con moita implicación e incluso ligada a situacións de represión na súa familia", apuntou a nacionalista.

Os espazos escollidos para a gravación de ‘Acorda' foron varios: a Deputación e a antiga Escola Normal, dous lugares chave para a memoria na provincia xa que foi no edificio provincial, antigo Goberno Civil, onde se organizou a resistencia ao golpe de Estado e logo da vitoria dos golpistas foi onde se condenou a morte a moitas persoas; a Ponte Regueiro, na Estrada, onde asasinaron a veciños da comarca do Deza-Tabeirós e do Salnés; o Pozo da Revolta, en Marín, onde se fala da represión contra as mulleres; a praia de Massó en Cangas onde foron arroxados os mártires de Anguieiro, e onde se representa o trauma que para as familias supuxo non poder chorar ás vítimas; a praia de Alcabre (Vigo), onde se fala do sufrimento das mulleres que quedaron e a súa loita porque se lles faga xustiza, para que se loite contra a impunidade; a Bombardeira ou Volta dos nove, onde están as nove cruces que durante décadas apareceron pintadas na curva de Baredo, onde foron asasinados nove homes, como acenos de resistencia; a Volta da Moura, onde se pon de manifesto a necesidade que ten a xeración neta e bisneta de rachar co silencio, para que non se dea un paso atrás na loita contra os fascismos; e finalmente a Illa de San Simón, o gran símbolo da memoria e a solidariedade en Galicia, nunha reclamación para que sexa denominada ‘Illa da Memoria'.

Segundo destacou María Ortega agora o obxectivo é chegar ao maior número de persoas co documental. Por iso farase unha preestrea o 17 deste mes no Teatro Principal, ás 20.30 horas, que será aberta ao público ata ocupar a capacidade. Está xa dispoñible na páxina web da Deputación e no apartado de Memoria Histórica** un formulario para reservar praza, á espera de concretar o máximo número de persoas permitidas de público (está en marcha unha revisión da capacidade do local). O 1 de outubro ‘Acorda' estrearase oficialmente no Ourense Film Festival 2021 tras ter sido seleccionado.

Contra o fascismo

A directora artística do proxecto, Uxía –coa codirección de Marina Carracedo–, agradeceu á Deputación a posibilidade de levar adiante un proxecto tan complexo como Acorda, que segundo destacou pretende ser un exemplo de resistencia e dignidade ante o fascismo. "A música é unha ferramenta extraordinaria para visualizar o terror", apuntou, ao tempo que explicou que o documental pretende sinalar o medo a través de melodías e cancións de resistencia, xunto ao guión do poeta Lois Pérez.

A realización correu da man de Lucas Terceiro, do que Uxía resaltou o traballo "delicadísimo" no aspecto formal a pesares de ser aínda un director novel cun gran potencial. A recreación de actrices e actores, apuntou tamén, "axúdannos a meternos na historia", destacando o papel das mulleres que participaron activamente na resistencia, e que se enlaza con testemuñas reais de persoas como Queta Molas, ‘Tatán' ou Blanca Francés.

Finalmente, Uxía manifestou a súa confianza en que o documental "teña percorrido, chegue ás persoas ligadas á memoria histórica, pero non só a elas, senón tamén a xente nova que non coñece a realidade histórica e o que aconteceu". Destacou, como intérprete, que "é fundamental que a música, que sempre ten ese poder de transmisión cara a xente máis nova poida chegarlles esta realidade e facer que ademais nos resgardemos contra o fascismo que aínda está en moitas ocasións campando ás súas anchas. Agardemos que as novas xeracións asuman o compromiso de que non se volva repetir a historia".

Exposición de imaxes da rodaxe

De forma paralela á estrea do documental abrirase una exposición con preto de medio cento de imaxes da rodaxe tomadas pola fotógrafa Alba Díaz. A intención é aproveitar as fotografías para levar ao público, con textos de Lois Pérez, o que aconteceu en cada un dos lugares.

A primeira parada da mostra será o vestíbulo do Arquivo Provincial, e despois porase a disposición de concellos e asociación da provincia, ao mesmo tempo que a proxección de Acorda, dentro do catálogo de actividades do Departamento de Memoria no programa "O pasado por vir".