ATOPO
Rexistros actuais: 1.334.728
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.461

Novas altas na Guía do patrimonio documental da provincia de Pontevedra


28 de maio de 2021 , Arquivos municipais , Fondos documentais

Veñen de incorporarse dúas novas institucións viguesas na Guía do patrimonio documental da provincia de Pontevedra, sumando así a información sobre os seus fondos, actuacións e servizos na procura do fomento do seu coñecemento, uso e difusión a través deste espazo común de compartimento.

O arquivo da Fundación Penzol  e o arquivo da Biblioteca Museo Francisco Fernández del Riego  son centros de gran tradición que poden consultarse fisicamente, ámbolos dous, na súa sede, situada na Praza da Princesa, 2 (Vigo), en horario de 9 a  14 horas, ou ben a través dunha base de datos accesible en liña e dispoñible na web do Concello de Vigo ou en Galiciana

Primeiramente o Arquivo da Fundación Penzol  que ten o seu núcleo inicial na doazón de Fermín Fernández Penzol-Labandera (1901-1981), quen ao longo da súa vida forma unha das coleccións bibliográficas e documentais privadas máis importantes de Galicia, recompiladas precisamente pola súa relación con esta.

A Fundación Penzol constitúese mediante escritura pública outorgada en Vigo o 7 de abril de 1963 coa misión de servir ao estudo e á investigación da historia e dos problemas da realidade cultural e social galega. No mesmo documento acórdase a formación dun Padroado como órgano de goberno da entidade, presidido polo propio Fermín Penzol e no que figuran entre outros Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Ricardo Carvalho Calero.

Inicialmente o Arquivo esta formado fundamentalmente por documentación adquirida en librerías de vello por Fermín Penzol. A súa procedencia é moi heteroxénea e contempla fondos públicos e privados. Co paso do tempo, vanse incorporando toda unha serie de fondos procedentes de particulares, sobre todo fondos de persoas sobranceiras no eido cultural galego que constitúen hoxe un dos seus grandes bloques. A organización inicial débese a colaboración desinteresada dos arquiveiros Olga Gallego e Pedro López, autores das primeiras guías e inventarios.

En 1985 a Fundación acada un convenio co Concello de Vigo, polo que este ultimo cede un espazo na Casa Galega da Cultura, antigo edificio do Concello. O convenio tamén supón a cesión de persoal, dedicado sobre todo o tratamento do fondo bibliográfico.

O volume conservado aproximado é de 150 metros lineais, con datas dende 1135 ata a actualidade. Divídense en fondos públicos, fondos privados e fondos especiais.

  • Fondos públicos: Comprenden documentos notariais, fondos xudiciais e da administración. Documentos diversos que reflicten a actividade de escribáns, da Real Audiencia de Galicia, Capitanía Xeral, Real Intendencia, etc...
  • Fondos privados: Eclesiásticos de mosteiros, dioceses, parroquias e fundacións; familiares pertencentes á nobreza e fidalguía galegas (Arias Teixeiro, Brión, Marquesado de Vilagarcía,...); unipersoais (Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro,...); de asociacións e económicos.
  • Fondos especiais: principalmente coleccións documentais; executorias de fidalguía, pergameos e documentos soltos.

Por outra parte o  Arquivo da Biblioteca Museo Francisco Fernández del Riego resposta a súa documentación persoal (1913-2010); personaxe clave na cultura galega do século pasado que no ano 1995 doa ao pobo de Vigo a súa colección artística, biblioteca e arquivo.

O titular do mesmo polo tanto é o Concello de Vigo, aínda que nunca chegou a incorporarse ao arquivo municipal. Por vontade do doador estableceuse unha cláusula para que tanto o arquivo como a biblioteca e colección de arte se instalasen na Casa Galega da Cultura. O arquivo comparte espazo e persoal coa Fundación Penzol, entidade de titularidade privada, da que Fernández del Riego foi director ao longo de corenta e seis anos ademais dun dos seus grandes valedores. Ambos fondos documentais, o da Fundación Penzol e o da Biblioteca Museo Francisco Fernández del Riego, resultan complementarios no estudo da realidade política e cultural galega do século XX.

As características particulares da doazón propiciaron o establecemento dunha identidade e tratamento diferenciados para o Arquivo da Biblioteca Museo Francisco Fernández del Riego a pesar da súa titularidade municipal.

Este arquivo é un conxunto moi variado no que podemos destacar a seguinte documentación:    

  • Correspondencia: abrangue a gran cantidade de personaxes da vida política e cultural de Galicia no século pasado. Destaca a mantida con escritores e artistas, a raíz do papel desenvolto por Fernández del Riego na recuperación na vida cultural e artística galega durante a ditadura.
  • Actividade política: recolle a súa participación política desde os tempos da segunda República, aínda que destaca por conservar a documentación do Partido Galeguista tras o seu restablecemento na década de 1940, dentro da actividade clandestina.
  • Actividade como editor: Fernández del Riego foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, encargándose de boa parte da súa actividade inicial.
  • Obra propia: autor moi prolífico de artigos xornalísticos e de ensaios fundamentalmente dirixidos a crítica literaria.
  • Coleccións: ocupan un volume considerable e inclúen desde propaganda política á orixinais literarios.