ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.566
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.494

O Arquivo da Deputación incorpora preto de 300 documentos do fondo familiar da familia Gándara de Portas

A través do Atopo pódese acceder en liña a fotografías, información de bens como a capela barroca de San Pedro Mártir, ou a documentos como un convenio de separación matrimonial do século XVIII

05 de outubro de 2021 Fondos documentais
fondo familiar da familia Gándara de Portas

O Arquivo da Deputación vén de incorporar recentemente un novo fondo de carácter privado: a colección documental reunida e depositada con carácter permanente e de forma gratuíta pola familia Gándara, orixinaria do concello de Portas.  Os preto de 300 documentos permiten mergullarse e coñecer a historia social e económica dunha parte da provincia entre os anos 1784 e 2003.

Os Gándara foron herdeiros, entre outros bens doados ao Concello de Portas no ano 1995, do Cruceiro do Culebrón e da Capela barroca de San Pedro Mártir -no lugar de Cachal na parroquia de San Pedro de Lantaño-, fundada por Don Pedro da Riva e a súa muller Alberta Alonso no último terzo do século XVIII. Estes erixiron a capelanía Mercenaria a título de Padroado Real de Legos e dotárona dos recursos necesarios para o sostemento da mesma, establecendo un vínculo regular sobre outros bens.

Os documentos depositados no Servizo de Patrimonio Documental da Deputación para súa organización, descrición, conservación e disposición para a consulta polas persoas investigadoras, transmiten una rica información sobre a evolución familiar e o seu patrimonio, destacando especialmente as certificacións eclesiásticas; partidas de bautismos e defuncións detalladas –que incluso achegan datos relativos aos motivos de falecemento-, inventarios de bens, testamentos -como o de Pedro da Riva e Alberta Alonso de 1797 no que se fai referencia a fundación da capela antes mencionada- ou incluso un convenio de separación matrimonial pouco frecuente para a época.

Cóntase tamén cunha colección de boa calidade de 32 fotografías en branco e negro de temática variada relacionada cos distintas persoas integrantes da familia, imaxes que xunto a outra documentación xa están dixitalizadas e dispoñibles para a súa consulta en liña a través do portal  Atopo (atopo.depo.gal).