ATOPO
Rexistros actuais: 1.065.569
Obxectos dixitais dispoñibles: 400.920

O Arquivo da Deputación recibe unha subvención da AMTEGA para dixitalizar os seus fondos cos estándares das principais bibliotecas dixitais internacionais

A compatibilización permitirá que toda documentación provincial sexa accesible dende os portais Galiciana, Hispana e Europeana

O Arquivo da Deputación recibe unha subvención da AMTEGA para dixitalizar os seus fondos cos estándares das principais bibliotecas dixitais internacionais

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra vén de recibir unha subvención da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para dixitalizar e facer compatibles os seus documentos cos estándares das principais bibliotecas dixitais internacionais.  Unha vez se realice o traballo de estandarización toda a documentación manexada no Arquivo da Deputación poderá ser difundida dende os portais Galiciana, Hispana e Europeana e, polo tanto, estará accesible para un meirande grupo de persoas usuarias.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de notificar a concesión dunha subvención da totalidade da axuda (90.000 euros) conforme ao solicitado no seu día polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. Este ambicioso proxecto tenta complementar o traballo xa realizado no pasado e contribuirá á súa posta en valor mediante a incorporación á principal biblioteca dixital galega de todos os rexistros dixitalizados dende o ano 2012 e hoxe visibles a través do portal www.atopo.depo.gal.

Para iso procesaranse un total 400.000 rexistros compostos de preto de 11.000.000 de imaxes xa dixitalizadas, e dixitalizaranse un total aproximado de 50.000 novas imaxes. Ademais dos fondos xerais, este novo proxecto de dixitalización afecta a dous grupos documentais principalmente, o fondo familiar ‘Pazo Torre Quintáns' e a unha serie de expedientes de sanidade.

O primeiro posúe información de transmisión da propiedade, administración do patrimonio, foros, vínculos, e outros aspectos da vida económica das áreas do Salnés: Cambados, Meis, Ribadumia, Caldas de Reis, Portas, Vilanova de Arousa, e o segundo, procedente dos fondos da Deputación de Pontevedra, que recolle a documentación relacionada coa actividade asistencial e o funcionamento e control dos diferentes centros e recursos sanitarios, control de pragas, xestión de cemiterios, xestión e control de balnearios. actuacións desenvoltas nos diferentes concellos,  control do persoal sanitario e da súa formación e titulación, con especial referencia ao intrusismo de especial interese para coñecer a situación sanitaria na provincia nos séculos XIX e XX.

Preservación e difusión

O resultado do proxecto plasmarase no entregable de preservación, xunto cos propios entregables de imaxe e os arquivos de validación, ademais de xerar unha copia para a AMTEGA e de poñer a disposición sen restrición todo o contido dixitalizado no portal da Deputación AtoPO.

Ademais de utilizar e normalizar os sistemas, todas as imaxes que conteñan caracteres recoñecibles -menos os manuscritos- serán procesados con OCR, indexado no PDF resultante para xerar a maiores un XML co contido deste para o seu posterior consumo por ferramentas de descubrimento.

Con este proceso, a Deputación de Pontevedra adaptará o 100% do fondo dixitalizado, tanto no relativo ao patrimonio documental como ao bibliográfico, e sentará as bases para que futuros procesos de dixitalización sexan 100% compatibles, favorecendo unha difusión futura dos novos contidos dende os portais de Galiciana, Hispana  e Europeana.

 A deputada responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, María Ortega, quixo poñer de manifesto, unha vez concedida esta subvención, o importante e constante traballo de actualización texnolóxica que realiza o servizo.

A nacionalista subliña que os obxectivos do departamento provincial de Patrimonio Documental e Bibliográfico son incrementar o acceso por parte das persoas  usuarias aos fondos da biblioteca ou o arquivo, mellorando o acceso a determinadas coleccións; proporcionar un acceso de maior calidade aos recursos da institución en relación coa educación e a formación continua; reducir a manipulación e o uso de materiais orixinais fráxiles ou utilizados intensivamente e crear unha copia de seguridade para o material; impulsar o desenvolvemento de recursos cooperativos, compartindo intereses comúns con outras institucións para crear coleccións virtuais e incrementar o acceso a nivel internacional; e aproveitar as oportunidades financeiras que se nos presentan cara á mellora técnica.

Na actualidade poden consultarse no portal de difusión da Deputación de Pontevedra Atopo (atopo.depo.gal), preto de 1.058.653 rexistros con 400.056 obxectos dixitais dispoñibles.