ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

O departamento de Memoria da Deputación cataloga e dixitaliza novos fondos sobre a publicidade franquista e a represión económica e contra as mulleres do réxime

Trátase de expedientes, imaxes e libros da Xefatura Provincial do Movemento, a Sección Feminina e o Patronato de Protección á Muller, así como dos bens incautados a entidades e persoas asasinadas no Concello de Redondela

22 de decembro de 2021 , Fondos gráficos
Fondos memoria histórica

O departamento de Memoria Histórica de Pontevedra continúa a traballar na divulgación e posta a disposición de documentación sobre a ditadura franquista. Cun orzamento que supera os 10.000 euros vén de contratar a dixitalización e catalogación de expedientes e fondos relacionados coa Xefatura Provincial do Movemento (XPM), a Sección Femenina e o Padroado de Protección á muller, ou a incautación de bens a persoas asasinadas e entidades do Concello de Redondela.

Segundo explica a deputada de Memoria Histórica María Ortega estes tres proxectos permitirán ás persoas dedicadas á investigación afondar no estudo da represión franquista, nomeadamente na publicidade do réxime a través da mestura entre actos da XPM e da Deputación; na represión económica e na represión contra as mulleres. "Basicamente o obxectivo é facilitar a realización de estudos sobre o funcionamento da ditadura, poñendo a disposición  a maior documentación posíbel., e que as persoas interesadas non teñan que acudir aos arquivos, que o poidan facer desde casa a través do ATOPO", subliña.

Por unha banda, a Deputación, logo de subir ao ATOPO o pasado mes de outubro as fotos do gabinete de prensa da Xefatura Provincial do Movemento, comeza agora a dixitalizar e subir ao programa un cento de tomos que o propio gabinete da XPM elaborou coas novas que sobre esas actividades recollidas naquelas imaxes e publicou a prensa no seu momento, axudando polo tanto a contextualizalas. Os 55 primeiros tomos recollen novas da XPM entre 1956 e 1961 e os outros 45 da propia Deputación entre 1963 e 1972, cun total dunhas 13.000 imaxes. No concurso público adxudicouse o traballo á empresa Xercode por un valor de 4.950 euros máis IVE.

Por outra banda, a Deputación non só pon a disposición documentación sita no Arquivo provincial, senón que tamén está a destinar recursos propios para dixitalizar e subir ao ATOPO fondos doutras institucións que desde o departamento de Memoria Histórica, e desde o propio Arquivo, se consideran de interese para afondar no estudo da represión.

Nesta liña, e seguindo co estudo da represión económica que xa centrou as ‘III Xornadas Contra a Impunidade' celebradas no mes de novembro, vense de contratar a dixitalización de 48 expedientes do Concello de Redondela (ao que pertence a Illa de San Simón) sobre incautacións de bens a persoas e entidades, que agora poderán ser consultados desde calquera ordenador.

Trátase de expedientes de grande importancia e interese, tales como a incautación de bens  ás sociedades de agricultores de O Viso, Chapela, Cesantes ou Ventosela, a IR de Redondela, á agrupación galeguista, ou á Casa do Pobo do mesmo municipio. Tamén a persoas asasinadas como Emilia Cabaleiro Amoedo e o seu fillo Antonio (asasinados por solidarizarse con persoas fuxidas) ou Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo fusilado en Pereiró.

Finalmente, e como paso previo á dixitalización, a Deputación procedeu tamén a sacar a concurso o inventariado dos fondos que o Arquivo Histórico Provincial -dependente do Estado- tiña sobre dous organismos fundamentais para estudar a represión femenina na provincia, especialmente no tardofranquismo: a Sección Femenina e o Padroado de Protección á muller.

En total vanse inventariar 123 caixas e 53 libros, para que calquera persoa interesada nesta temática saiba, grazas á web ATOPO da Deputación, que documentación existe. Así mesmo, este paso é o primeiro chanzo para poder dixitalizar os fondos que resulten de maior interese.