ATOPO
Rexistros actuais: 1.186.134
Obxectos dixitais dispoñibles: 427.506

Da "democracia low cost" ao "futuro de osíxeno": o recoñecemento das nacionalidades, chave para unha democracia de calidade

A Xornada de Memoria Histórica da Deputación falou hoxe de desmemoria, de dereitos e de sedición con Aitor Esteban, Olalla Rodil e Joan Tardá

12 de novembro de 2022 , Memoria histórica
Xornadas contra a impunidade

Permitir que haxa maneiras de concibir o estado e a política diferentes ao centralismo é a base da democracia. Esa foi a idea central sobre a que xirou a mesa de debate sobre ‘A represión das identidades nacionais' celebrada hoxe na Deputación dentro das Xornadas de Memoria Histórica ‘Na loita contra a impunidade' que reuniu a Aitor Esteban (PNV) e Joan Tardá (ERC), deputados no Parlamento estatal, e a Olalla Rodil (BNG), deputada no Parlamento galego.

Despois da xornada de onte na que se falou de masonería, anarquismo e outras opcións políticas, as tres representantes das nacionalidades históricas dentro do Estado español reflexionaron sobre como o franquismo censurou opcións políticas independentistas diferentes á visión da ‘Una, grande y libre' que defendía para España, e como esa situación chegou ata o día de hoxe nunha democracia "consolidada".

Olalla Rodil (BNG) destacou a importancia de que a cidadanía vexa o nacionalismo como unha proposta política lexítima que plantexa "o dereito a decidir sobre a vida colectiva e o que nos afecta como pobo galego". Neste sentido, criticou o intento de partidos centralistas de criminalizar ese proxecto democrático e de progreso: "queren achicarnos e intentar que haxa medo na sociedade galega, e utilizar ese medo como ferramenta de control para manter o ‘status quo' e o orde natural das cousas onde nada pode cambiar nin pode estar o BNG. Equivócanse", subliñou.

A nacionalista destacou que "non hai que ter vergonza por defender o teu país; vergonza dá roubar... e diso saben moito algúns". Salientou que é un exercicio de solidariedade entre xeracións facer saber que os culpables do sufrimento que se viviu en moitas casas -por ter persoas represaliadas ou fusiladas- non foron as persoas que defenderon a liberdade. "Hai que levantar a paletilla e levar a cabeza ben alta. Nós somos o que representamos: democracia, transformación, progreso, benestar e dereitos, non eles!", sentenzou.

Subliñou tamén que as xeracións novas teñen dereito a criticar que o que sucedeu entre o 75 e o 78 na Transición "era todo o que podía dar de si". "Temos dereito a ‘desanudar' ese ‘nudo' e que non se nos esixa seguir a pagar a hipoteca das decisións que se tomaron absolutamente erradas", dixo. Defender proxectos políticos transformadores, profundamente democratizadores como o soberanismo, nacionalismo e independentismo "é a maneira de desatar ese nudo e de construír non sobre a parte derruída senón sobre un futuro de osíxeno e esperanza", finalizou.

O ex voceiro de Esquerra Republicana de Cataluña Joan Tardá, pola súa banda, foi contundente ao asegurar que a democracia en España, realmente, "é moi low cost", posto que se construíu nunha transición "que foi o que foi", demonizando opcións que defendían a fraternidade e liberdade dos pobos. "A democracia en Europa construíuse cos materiais nobles produto da derrota do fascismo e do nazismo. Aquí en España a democracia construíuse con materiais de derrubo, o que leva a asumir como normal -e preocupante-, que máis que unha separación de poderes existe un reparto de poderes que permite que sexamos unha anomalía", subliñou.

Segundo o independentista, a impunidade é a chave que explica que a día de hoxe, en lugar de buscar unha solución á realidade diferencial existente no estado para os nacionalismos, "se vulneren os códigos democráticos máis básicos". De aí, explicou, que existan as cloacas do Estado, a represión e incluso ser capaces dende o Estado de poñer en risco a capacidade de solucionar problemas inmediatos e transcendentais "só para preservar a unidade española".

Tardá recoñeceu que a día de hoxe aínda non é posible un pacto de San Sebastián como o de 1930. Subliñou que se todos os galegos e galegas pensasen igual, igual que cataláns e vascos, sempre serían unha minoría demográfica á hora de defender os seus intereses, polo que argumentou que "ou somos capaces de entender que a democracia non se mide ao peso ,se non pola súa calidade, e de incorporar un relato diferente e rachar co imaxinario vixente, ou estaremos nun ‘cul de sac' do que non sabemos como saír".

Salientou que Cataluña buscou resposta á súa realidade, mais destacou que "no Estado español están dispostos a chegar ata a locura". "Que queda? -preguntou- A forza da democracia, que para conquistala precisa tempo e moita enerxía. De aí que calquera encontro coas nacións do estado e as clases populares, progresistas e de pensamento republicano, sexa de agradece. É a luz da esperanza", finalizou.

Aitor Esteban, voceiro do PNV no Parlamento español, destacou que a percepción social do que en España debe ser aceptable e o que non vén incluso de antes do franquismo, cando se agravou considerablemente. Para o nacionalista é necesario que o Estado español dea resposta á realidade aos feitos diferenciais das nacións de Galiza, Cataluña e Euskadi. Criticou o ‘café para todos' repartido na Transición e subliñou que implicitamente a maneira de actual actual dos partidos centralistas fai que a cidadanía galega, vasca e catalana sexa considerada "de segunda".

"Feijóo dixo que Sánchez renunciou a ser presidente de todos os españois, pero o que quere dicir iso é que os que non se aveñan á súa maneira de España non merecen ser tratados como tales... porque se realmente fosen españois si merecerían unha resposta ás súas necesidades", destacou.

Tamén fixo referencia Esteban ás declaracións de García Page, quen destacou que cada vez hai "menos Constitución", e destacou que realmente o que pasa é que hai unha identificación da Constitución só cunha maneira de ver España. "Nós -en referencia aos nacionalismos- somos os que máis cumprimos a Constitución Española. A forza para saltar a Constitución téñena eles -as forzas centralistas-. A nós non nos queda máis remedio que cumplir", salientou, bromeando con que para Madrid todo é sempre pouco centralista. "Incluso para Madrid ata Feijóo é demasiado galego", dixo a modo de chanza.

A represión da lingua

O profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Carlos Callón falou nas Xornadas da Impunidade sobre ‘O trauma franquista e a memoria da lingua' galega. Segundo subliñou, o franquismo aplicou co galego unha política que levaba a aplicarse séculos na Galiza, dende a coerción incluso militar.

Para Callón é preciso humanizar e poñer voces e nomes á persecución que tivo o galego durante a ditadura, queimándose libros e revistas, prohibíndose o uso incluso na Real Academia Gallega ou clausurándose o Seminario de Estudos Galegos. Tamén lembrou que se impuxeron multas ás persoas que mantiñan a súa fala en galego, e que tamén se aplicou a violencia tanto nas escolas como no resto da sociedade, malleiras, torturas e asasinatos, para os que falaban galego.

En xeral, Callón subliñou que a sociedade galega non é consciente do dano que se fixo á lingua e á cultura galega, unha situación que foi parte do xerme da preocupante situación na que se atopa agora o idioma do país que, ademais, non é defendido, ao seu entender, pola Xunta de Galicia, administración que debería velar polo cumprimento das leis e os dereitos lingüísticos das galegas e os galegos.

A memoria en Portugal

Pola súa banda, a doutora en historia e investigadora do Instituto de História Contemporánea de Lisboa, Ana-Sofía Ferreira, falou no seu relatorio, titulado ‘O combate pola memoria e a construción da democracia en Portugal e España' sobre a memoria da transición española e portuguesa, a súa revolución dos caraveis, e as políticas públicas de memoria que se están a desenvolver por parte de ambos estados.

Ferreira destacou que a principal diferencia entre como os gobernos dos dous países falan da memoria é que en España as políticas baséanse na busca de reconciliación. "En Portugal non se fala tan forte de reconciliación. Houbo máis ruptura", salientou, para subliñar que tampouco houbo tanta discusión sobre as leis de memoria, evitando un debate público ao respecto como o houbo no estado español, onde os colectivos memorialistas amosaron o seu malestar pola insuficiencia da lexislación actual á hora de reparar ás vítimas.

" O proceso foi máis distinto. Pode haber críticas dalgúns sectores da esquerda, pero non hai ese sentimento, non hai esa necesidade. Hai máis debate sobre a propia revolución, sobre se houbo revolución ou transición, e tamén sobre a guerra colonial, e tamén sobre o intento de branquear a ditadura salazarista por parte da dereita", salientou.

Para finalizar as Xornadas pola tarde realizouse unha ruta teatralizada pola memoria histórica de Pontevedra dirixida por Os Quinquilláns, que contou coa actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico.

Fotos