ATOPO
Rexistros actuais: 1.336.161
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.467

Prazas esgotadas para a estrea do documental ‘Acordamos' de Memoria Histórica

O salón de plenos acolle mañá martes a presentación da segunda ‘cartografía musical' da memoria da provincia, que percorre Sobredo, Moaña, Lérez, a Illa de Arousa, Tomiño e Xiabre

19 de xuño de 2023 Memoria histórica
Estrea do documental ‘Acordamos' de Memoria Histórica

O Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra está a acadar o cheo absoluto nos seus últimos actos do mandato. Se onte domingo reuniu máis de 300 persoas na presentación do libro ‘A música represaliada', mañá martes tamén haberá cheo no salón de plenos na estrea do documental ‘Acordamos', a segunda ‘cartografía musical' da memoria da provincia, que percorre Sobredo, Moaña, Lérez, a Illa de Arousa, Tomiño e Xiabre, para reivindicar a loita polas ideas e xustiza de principios do século XX e os avances no agrarismo, sindicalismo, economía, e educación que se deron naquel entón, e pon en valor a resistencia ante o golpe do 36.

Acordamos é a segunda entrega da chamada ‘cartografía musical' da memoria histórica da provincia, que nesta edición segue a percorrer lugares significativos. A peza foi gravada en Sobredo, Moaña, Lérez, a Illa de Arousa, Tomiño e Xiabre e reúne testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa.

A idea orixinal é do Departamento de Memoria provincial, a dirección artística correu da man de Uxía, Lucas Terceiro foi o responsable da dirección técnica e realización, Tito Ledesma do son en directo, Conchi Carro da produción e Carmen Conde do guión e condución.