A Deputación publica o libro ‘Da terra espoliada' de Pancho Candeira sobre como a veciñanza do condado sobreviviu no primeiro franquismo
A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico, vén de publicar o libro ‘Da terra espoliada. Poder político, control social, explotación económica e fame no primeiro franquismo. O condado, 1936-1959', do investigador Pancho Candeira. A presentación terá lugar o vindeiro día 13 ás 20 horas no auditorio municipal de Ponteareas e contará coa presenza do autor e a deputada de Patrimonio e Memoria Histórica María Ortega, impulsora da edición.
No libro, de máis de 500 páxinas, o autor fai un percorrido histórico polos primeiros anos da ditadura e pretende amosar "cal foi a vida que resultou daquela guerra cruel e incivil e como cada quen se situou nas novas circunstancias para mellor sobrevivir". "A moitas das persoas sobrevivintes dos anos 40 aquilo parécelles hoxe un mal soño que, cando o teñen que lembrar segue a causarlles unha fonda dor".
A publicación divídese en seis capítulos, un primeiro no que se dá unha contextualización histórica, falando da diversidade política, a Restauración e o caciquismo, o agrarismo e obreirismo, os movementos sociais durante a ditadura de Primo de Rivera, a Segunda República e a Guerra Civil.
Na segunda parte fálase da toma do poder e o proceso xeral de depuración municipal no caso de Ponteareas e a relación de persoal funcionario que foi inmediatamente separado do servizo polo delegado gubernativo Mauricio Troncoso, así como a relación de expedientes incoados a persoas traballadoras tan diversas como o interventor, o exsecretario, unha empregada da limpeza, gardas municipais ou empregados diversos.
No capítulo terceiro relátanse as condicións de vida xerais na posguerra, a perspectiva infantil e xuvenil, as vinganzas, o contrabando; pero tamén se recolle a autarquía e os anos da fame, das cartillas de racionamento, dos auxilios da Falange e da beneficencia; do mercado negro e a corrupción do réxime franquista, entre outras.
O seguinte capítulo aborda a ideoloxía, o poder político, os cadros de persoal, e os sistemas de contratación, organización e funcionamento político administrativo, con especial relación dos privilexios do sistema aos ‘caballeros mutilados', falanxistas e excombatentes.
O capítulo quinto fai referencia ás irmandades sindicais de labradores e gandeiros como integrantes do sistema de poder e control social, e finalmente o derradeiro apartado, o sexto, relata a política autárquica de repoboación forestal e os seus efectos sobre a economía da bisbarra, falando das persoas beneficiarias e prexudicadas.