ATOPO
Rexistros actuais: 1.335.669
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.455

A Deputación lanza a terceira edición das axudas para rehabilitar embarcacións tradicionais e instalacións de patrimonio marítimo fluvial na provincia

A deputada María Ortega subliña a necesidade de conservar, difundir e fomentar "o rico e singular" acervo sobre o mar e os ríos

Noticia - Subvencións 2022 patrimonio marítimo fluvial

A Deputación vén de aprobar as bases da terceira anualidade da liña de subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia. Con estas axudas, que teñen unha partida de 150.000 euros e se poden solicitar ata o vindeiro 2 de maio, a deputada de Patrimonio María Ortega pretende fomentar a recuperacións de bens de interese do patrimonio marítimo fluvial da provincia, que define como "dunha grande riqueza e singularidade", e que as institucións deben "axudar a conservar, difundir e fomentar".

As subvencións desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, manteñen o orzamento de 150.000 euros das anteriores anualidades. O importe máximo para cada actuación non poderá exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil euros, se ben no caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite por proxecto.

Entre as actuacións que poderán recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación.

As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización. Entre as actuacións subvencionadas están as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial.

Así mesmo, inclúense nas axudas as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. As intervencións deberán referirse a unha única construción ou instalación en terra.

Todas as actuacións subvencionadas deberán ter sido realizadas ao longo de 2022 e empregar solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.

En 202o, a liña de axudas para a recuperación e posta en valor do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 14 colectivos, que se repartiron 101.230 euros para a posta en valora de galeóns, dornas, chalanas e outras embarcacións tradicionais do Salnés, Vigo, Morrazo e Poio. En 2021 chegou a dezaseis asociacións e suman un total de 128.354,46 euros.