ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.566
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.494

A alumna da ESAD Susana Villaverde García, gañadora da terceira edición do Premio de Microteatro da Memoria da Deputación e a ESAD

A peza ‘Espigas negras' narra unha revolta de mulleres que en 1946 desafiaron ao réxime para defender o gran de centeo que lles querían quitar

13 de marzo de 2023
Susana Villaverde

A estudante de Dirección e Dramaturxia da Escola Galega de Arte Dramática de Galicia (ESADg) Susana Villaverde García vén de gañar a terceira edición do ‘Certame de Microteatro da Memoria' convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a ESAD coa peza ‘Espigas negras'. O xurado destacou a obra entre os 20 traballos presentados pola calidade da documentación utilizada, pola orixinalidade de salientar os trazos emocionais no teatro documental e tamén pola capacidade interxeneracional da recuperación da memoria histórica.

O galardón foi comunicado na mañá de hoxe á autora pola deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, quen  subliñou que o texto "cumpre á perfección" coa petición ás persoas aspirantes de enfocar a memoria dende unha perspectiva de xénero, país e clase, xa que fala dun feito real, unha revolta de mulleres no Saviñao en 1946 na defensa do gran de centeo que precisaban para comer e dar de comer ás súas familias, así como a súa relación coa loita guerrilleira e a resistencia ante o réxime e os abusos da Garda Civil.

O premio, dotado con 500 euros, foi concedido por un xurado formado pola escritora Eva Mejuto como persoa designada pola Deputación, Cristina Domínguez Dapena, do Servizo de Dinamización da  Lingua Galega da ESAD; e Roberto Pascual, persoa do equipo docente da ESAD, xunto con Inma López Silva (coordinadora do SDL da escola) que actuou como secretaria.

A acta  recolle a "calidade da documentación para a descuberta escénica dun feito real dos anos máis duros da represión na posguerra, unha revolta de mulleres" e salienta "a capacidade de poñer de relevo as posibilidades da resistencia, coa orixinalidade de salientar os trazos emocionais no xénero do teatro documental. Alén diso, o xurado salienta a capacidade interxeneracional da recuperación da memoria histórica".

Susana Villaverde García é unha viguesa afincada en Redondela que estuda terceiro curso de Dirección e Dramaturxia na ESAD na especialidade de Dirección. Recibirá o galardón na primeira vez que se presenta ao certame, e subliña que a súa escritura sobre a temática da memoria está inspirada na súa familia (a súa avoa tiña unha panadería), a escaseza do pan, e a fame no país durante a ditadura, así como do estraperlo e os maquis. "Escribín sobre o que a min me remove, sobre o que resoa en min porque é o que coñezo, dando voz a unhas mulleres que tiñan que defender o seu", asegurou ao ter coñecemento do premio.

Até o de agora no seu currículo inclúese a dirección de varios proxectos e instalacións artísticas, a escrita de tres obras, a súa axuda na dirección da compañía ‘Olivas negras', e tamén no proxecto sen ánimo de lucro ‘Pon o teu propio título' en colaboración coa ESAD, a asociación Xaruma e o ciclo APSD do IES Chapela, entre outros traballos.

O ‘Premio de Microteatro da Memoria' da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á Memoria Histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeneracional. Unha vez fallada a terceira edición do certame, a Deputación e a Esad teñen previsto facer a entrega do galardón en breve.