Tres meses de AtoPO

Co inicio deste ano, logo da porta en marcha do portal atopo a dimensión do servizo aos cidadáns no eido documental e bibliográfico, guía do noso traballo, vai tomando progresiva e exponencial outra dimensión.
Por un lado os profesionais recibimos a gratificación do tanxible resultado de moitos anos do noso esforzo, non sempre suficientemente valorado, e por outro os cidadáns encontran cada vez menos atrancos nas barreiras espazo-temporais para a consulta, o coñecemento e en definitiva a posta en valor dos recursos dos que todos nos dispomos.
Se longo e dificultoso foi o camiño para chegar ata este punto, gratificante está a ser o resultado, especialmente porque se basea no traballo e na realidade do "produto" ofrecido máis alá de "ofertas mareantes ou de espectaculares promocións temporais ou de postas en escena ficticias"; confiando en que as melloras progresivas, as que xa son visibles e as que están por vir de forma inminente, continúen a facilitar e dimensionar o acceso dos cidadáns á información, ao aproveitamento social e persoal e ao lecer.
As cifras fálannos de máis de 2.000 usuarios diferentes neste primeiro trimestre; con máis de 4.500 sesións de consulta. Un número de visitas por enriba das 70.000, cunha media de 18 páxinas por sesión… o que ten aumentado exponencialmente, cáseque cuadriplicado nas últimas semanas de "realidade domiciliaria" e de" confinamento activo" na que este tipo de posibilidades, fai pouco tempo impensable, alcanzan o seu verdadeiro potencial.
Coincide ademais co aumento progresivo de contidos; se en decembro se arrancou con 500.000 rexistros a dia de hoxe superamos xas os 730.000 e cáseque 400.000 imaxes dixitalizadas; mellorouse a información bibliográfica coa aportación de novos fondos e da imaxe das tapas da maioría das publicacións; o número de fotografías pasou de 4.500 a máis de 11.000…. e este camiño seguirá e en poucos días teremos novos contidos de interese e novas aportacións das institucións que participan neste proxecto.