ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

As Xornadas contra a Impunidade Franquista que falarán sobre "as ideas furtadas" emitiranse en liña en directo na web da Deputación

O venres 11 falarán -entre outros- o responsable de discursos de Pablo Iglesias, Manu Levin, e o especialista en espionaxe Fernando Rueda, quen afondará sobre o uso dos servizos segredos en favor do rei emérito

09 de novembro de 2022 , Memoria histórica
Xornadas contra a impunidade

As IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista organizadas polo departamento provincial de Memoria Histórica, que este ano  centrarán o debate nas ‘Ideas furtadas', poderán seguirse en liña en directo e sen necesidade de inscrición previa a través da web da Deputación (depo.gal).

Entre as persoas relatoras que participarán nesta edición están o guionista de ‘El Intermedio' e responsable de discursos e campañas electorais de Pablo Iglesias (2017-2021) Manu Levin; o xornalista e especialista en espionaxe Fernando Rueda, quen falará de como os servizos segredos do estado foron utilizados ao servizo do rei emérito; ou os parlamentarios estatais Aitor Esteban (PNV), e Joan Tardá (ER), xunto á parlamentaria galega Olaia Rodil (BNG) , que debaterán sobre a represión dos nacionalismos.

A edición de 2022 das Xornadas contra a Impunidade estará centrada en ‘As ideas furtadas' como tema porque o mantemento durante catro décadas de ditadura dun pensamento único fixo que determinadas opcións políticas e ideolóxicas fosen ‘demonizadas' e chegasen á actualidade deturpadas polo relato imposto: non só as persoas foron vítimas, senón que tamén se represaliaron ideas como o anarquismo, a masonería, o republicanismo ou os nacionalismos diferentes ao español. 

Nas charlas, relatorios e mesas redondas abordaranse todas estas opcións desprestixiadas e debaterse ata que punto foron afastadas da actual democracia, ou mal vistas nela, para coñecer se foi total a pluralidade política.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega amosa a súa satisfacción pola resposta do público e de inscricións para asistir tanto de maneira presencial ao evento –necesario rexistro previo- como en liña a través da web, xa que hai confirmación de que diversos colectivos memorialistas do resto do estado se conectarán para escoitar os relatorios.

Programa

A primeira conferencia do venres versará sobre a influencia que ten sobre a cidadanía o relato transmitido desde o poder e como ese relato se pode utilizar para impoñer un determinado discurso, sexa ou non real. O ponente de ‘As ideas roubadas e o relato oficial' será Manu Levin filólogo, guionista en 'El Intermedio', e secretario de Discurso e Análisis Político de Podemos e responsable dos discursos e as campañas electorais de Pablo Iglesias entre 2017 e 2021. Será presentado pola xornalista no Congreso Alba Tomé.

Tras a conferencia inaugural, haberá unha mesa redonda moderada polo xornalista de Pontevedra Viva Álex Espiño, baixo o título ‘Foi plural a democracia?'. Tres persoas que viviron a Transición explicarán a súa experiencia, se viron ou non cumpridas as súas expectativas co réxime do 78 e se cren que as súas ideas tiveron o debido respaldo democrático ou, polo contrario, seguen demonizadas pola democracia. Falarán o socialista e masón José Vázquez Fouz; Pilar Allegue, integrante na Transición de opcións minoritarias no nacionalismo de esquerdas, e o anarquista Alberte de Esteban.

A xornada do venres pola tarde continuará coa conferencia ‘Os servicios segredos: ao servizo do rei', a cargo do escritor Fernando Rueda –presentado pola xornalista de Faro de Vigo Ana López-, que falará sobre o papel que tiveron os servizos secretos na ocultación dos escándalos relacionados co rei emérito, tanto na ditadura como na democracia. Doutor en Xornalismo pola Universidade Complutense,  Rueda é considerado o maior especialista estatal en materia de espionaxe. O día rematará coa proxección do documental ‘La cigüeña de Burgos' e a presenza da súa directora, Joana Conill, filla do ex vicepresidente da Deputación de Barcelona, torturado e encarcerado en Burgos nos anos 60. 

A xornada do sábado pola mañá iníciase cunha mesa redonda baixo o título ‘A represión das identidades nacionais', que pretende debater sobre a situación dos nacionalismos distintos ao español na actual democracia. A pregunta principal será "Segue a afectar á visión que a cidadanía ten dos nacionalismos periféricos a persecución á que foron sometidos durante a ditadura?". Falarán diso –moderados pola directora de Nós Diario María Obelleiro- Aitor Esteban, voceiro do PNV no Parlamento estatal; Olaia Rodil, vicevoceira do BNG no Parlamento de Galicia e Joan Tardá, ex voceiro de ERC no Parlamento estatal.

Logo chegará a quenda da conferencia ‘O trauma franquista e a memoria da lingua', a cargo do profesor Carlos Callón, presentado por Fátima Frieiro, de Diario de Arousa. O relatorio de clausura correrá a cargo da profesora Ana-Sofía Ferreira –presentada pola xornalista de Radio Voz Bibiana Villaverde-, quen fará unha comparativa sobre as políticas públicas de memoria postas en marcha en Portugal. O programa finaliza cun roteiro pola cidade de Pontevedra a cargo de Os Quinquiláns e a actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico.