ATOPO
Rexistros actuais: 1.186.134
Obxectos dixitais dispoñibles: 427.506

Xosé Manuel Millán levou con orgullo ser do Morrazo

A segunda xornada de homenaxe ao ex alcalde e poeta desenvolveuse hoxe en Beluso, a súa localidade natal, da man da deputada María Ortega, o alcalde Félix Juncal, o escritor Manuel Rei e a música de Xardín Desordenado

30 de outubro de 2022 , Memoria histórica
Homenaxe a Millán Otero

As homenaxes ao ex alcalde e poeta Xosé Manuel Millán continuaron na xornada de hoxe en Bueu, a súa localidade natal. A Casa do Pobo de Beluso acolleu un novo acto -de novo emotivo- no que volveu participar a súa familia, a deputada María Ortega, e tamén o alcalde Félix Juncal, o escritor Manuel Rei e Xardín Desordenado, que musicou catro poemas do homenaxeado.

Novamente, a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico salientou o legado de Millán tanto no literario como no político, e subliñou que era unha obriga da Deputación editar o seu libro de ‘Obra Poética Completa' por ser un referente da poesía do país "que debe ser coñecido e recoñecido en toda Galiza". A nacionalista salientou que a publicación, da man da institución provincial, levarase a todas as bibliotecas e puntos de lectura dos concellos da provincia e tamén aos centros de ensino.

Pola súa banda, o autor da compilación dos textos e do limiar do libro, Manuel Rei, explicou que Millán "levou con orgullo ser do Morrazo" e era un home "vital, alegre e combativo" como toda a veciñanza desta comarca. Explicou que, de feito, a súa poesía está inspirada no microcosmos do Morrazo porque para el era a mellor maneira de renderlle tributo: "Era a súa materia prima, a comuñón que se dá aquí entre home e natureza, pero tamén era consciente de que esa materia había que elevala á condición de país e patria", dixo Rei.

Neste sentido, explicou que "Millán cría no pobo galego, na necesaria unión e autoorganización para superar a situación actual do país. Iso levouno a participar activamente no BNG na política, no plano sindical na agora chamada CIG-Ensino, na fundación da Mesa pola Normalización Lingüística, e no terreo cultural á crítica literaria".

O alcalde de Bueu Félix Juncal agradeceu na súa intervención á Deputación a súa implicación na "fermosa iniciativa" que supón homenaxear e difundir o legado de Xosé Manuel Millán. "Era veciño natural de Bueu que viviu boa parte da súa vida en Moaña, aínda que as súas raíces son bueuesas. Como era unha persoa tan cosmopolita, case hai que dicir que é universal", indicou o alcalde.

Juncal lembrou como coñeceu a Xosé Manuel Millán na súa época estudiantil no instituto Salvador Moreno de Marín, cando el comezou o bacharelato e o outro estaba a rematar etapa. "Lémbroo como unha persoa moza comprometida nun momento no que o estudantado tiña moita conciencia de clase e polo tanto había tamén un compromiso vital moi importante. Millán encarna perfectamente ese perfil de persoa moza. Exerceu dunha forma ilusionante ese compromiso vital con ideas da vida, o mundo, a xustiza e a solidariedade social que o acompañou toda a súa vida e en todas as súas facetas", lembrou.

"Compartín tamén con el moitos anos de militancia no BNG e tamén momentos, decisións e situacións como alcalde. Só teño palabras de recoñecemento e agradecemento pola parte que aprendín del, a xestionar situacións e emocións. Unha parte de min tamén forma parte dese legado. Creo que demostrou nos seus anos de xestión a súa capacidade para dirixir un concello e ser un rexedor con maiúsculas nun concello coma Moaña e realmente reactivar o municipio e darlle un rigor á xestión, que se puido demostrar que todos os logros foron moi importantes para a veciñanza de Moaña e a calidade de vida coa que contan neste momento", finalizou.

A xornada finalizou coa interpretación de varios poemas de Millán musicados polo grupo Xardín Desordenado especialmente para a ocasión: ‘In (e) vocación', ‘Invisibles pasan vidas', '25 de abril', e ‘Cara o mencer'.