ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.566
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.494

Conmemoración do centenario de Xosé Conde Corbal

31 de marzo de 2023

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra conmemora o centenario de Xosé Conde Corbal.

Trátase dun dos máis grandes artistas galegos do século xx cunha gran teima: recuperar a memoria das vítimas do 36. Unha das súas obras máis importantes é unha colección de 88 láminas —que titulou O fardel da guerra— creadas nas décadas de 1970 e 1980, na que dá unha visión poliédrica do que foi o golpe de Estado en Galiza. Nelas atópanse todas as tipoloxías posibles de vítimas: persoas asasinadas, presas, fuxidas no monte, rapadas, nais chorando pola marcha do fillo á guerra ou criaturas loitando contra a fame nos comedores do Auxilio Social. Pero tamén lles pon rostro aos verdugos e ao seu xeito de proceder: hai gravados da lectura do bando de guerra, da sección feminina, de falanxistas percorrendo as vilas brazo en man para sementar o terror, dos señoritos de Pontevedra instigando "paseos"...

Nos anos 80 apenas se falaba de memoria histórica e Xosé Conde empregou os cartos da herdanza familiar en editar esta colección de gravados, e a Pontevedra de elite non llo perdoou. Considerou un agravio que unha persoa dunha familia tan próspera tentase recuperar a memoria do pobo derrotado, así que boicoteou o seu proxecto: nin vendeu exemplares dos gravados nin a prensa se fixo eco da exposición que fixo primeiro no Museo de Pontevedra e logo no Museo do Pobo Galego, de onde se descolgou o 20 de abril de 1987.

Xusto 36 anos despois do fin daquela exposición, este 21 de abril de 2023, a Deputación de Pontevedra volve recuperala e conmemora o centenario do nacemento do seu autor con diferentes actividades: 

  • Unha edición de luxo dos gravados que, baixo o título O fardel da memoria de Conde Corbal recolle as 88 pezas da colección comentadas por persoas do mundo da investigación, a memoria, a literatura, a poesía e a música
  • Unha exposición cos gravados, que se poderá visitar a partir do 21 de abril no vestíbulo do Pazo da Deputación de Pontevedra
  • Unhas xornadas sobre a arte e memoria, que o día 21 de abril se centrarán na obra de Conde Corbal e o 22 na relación da arte coa memoria histórica galega

   Videoresumo

Corbal Primeira Xornada (venres)

Corbal Segunda Xornada (I) (sábado)

Corbal Segunda Xornada (II) (sábado)