Fondos
-
4. COMISIÓN PERMANENTE. COMISIÓN DE GOBERNO. XUNTA DE GOBERNO
2011-01-05_Ordinaria. Acta de sesión 2011/01/05_Ordinaria
Acta de sesión 2011/01/05_Ordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.4.9.19.670/1.2011-01-05_Ordinaria
Título Acta de sesión 2011/01/05_Ordinaria
Data(s) 2011-01-05 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido En Pontevedra, na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, sendo as dez horas e trinta minutos do día cinco de xaneiro do ano dous mil once, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. D. Rafael Louzán Abal, Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, reuníronse as/os señoras/es deputadas/os, D. José Enrique Sotelo Villar, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva, D. José Juan Durán Hermida, D. Xosé Crespo Iglesias, D. Silvestre José Balseiros Guinarte, D. Jesús Mª Fernández Portela, Dna. Francisca Canal Gómez e D. Salvador González Solla, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Xunta de Goberno, con carácter executivo, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Así mesmo asisten os señores deputados, D. Jesús Vázquez Almuíña, D. Perfecto Rodríguez Muíños e D. Carlos Comesaña Abalde. Da fe do acto Dona María Jesús Torres Peón, Secretaria Acctal., e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Non asisten os señores deputados D. José Manuel Figueroa Vila e D. Severino Reguera Varela. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: 1.18880.- ACTA ANTERIOR A Xunta de Goberno acorda por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 29 de decembro de 2010. 2.18881.- RECOÑECEMENTO DA OBRIGA POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO E DECLARACIÓN DE ABOO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Á COMUNIDADE DE USUARIOS DE AUGAS DO REGUEIRIÑO (COTOBADE) NO PAC/2009, PARA A REALIZACIÓN DA OBRA NÚM. 503 DENOMINADA “REPOSICIÓN DE TUBARIA” Dada conta da solicitude de aboo da xustificación achegada pola Comunidade de usuarios de augas do Regueiriño (CIF.: G-36.562.247), correspondente ó investimento nº503, denominado “Reposición de tubaria”, incluído no PAC/09, á vista dos informes de intervención e do servizo de infraestruturas, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade: - Recoñecer a obriga de tres mil euros (3.000,00 €), seguindo o procedemento de recoñecemento extraxudicial do crédito, a favor da citada Comunidade de usuarios de augas. - Declarar o aboo da cantidade de tres mil euros (3.000,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 10/942.459.789.07.2009, como pagamento da subvención concedida á Comunidade de usuarios de augas do Regueiriño (CIF.:G-36.562.247) para a realización do investimento núm. 503 denominado “Reposición de tubaria”. 3.18882.- RECOÑECEMENTO DA OBRIGA POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO E DECLARACIÓN DE ABOO DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA Á COMUNIDADE DE AUGAS DE SANTA MARÍA DE XEVE (PONTEVEDRA) NO PAC/2009, PARA A REALIZACIÓN DA OBRA NÚM. 413 DENOMINADA “MELLORA DA TRAÍDA DE AUGAS” Dada conta da solicitude de aboo da xustificación achegada pola Comunidade de augas de Santa Mª de Xeve (CIF.:E-36.116.242), correspondente ó investimento nº 413, denominado “Mellora na traía de augas”, incluído no PAC/09, á vista dos informes de intervención e do servizo de infraestruturas, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade: - Recoñecer a obriga de tres mil euros (3.000,00 €), seguindo o procedemento de recoñecemento extraxudicial do crédito, a favor da citada Comunidade de augas. - Declarar o aboo da cantidade de tres mil euros (3.000,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 10/942.459.789.07.2009, como pagamento da subvención concedida á Comunidade de augas de Santa María de Xeve (CIF.: E-36.116.242) para a realización do investimento núm. 413 denominado “Mellora da traída de augas” 4.18883.- APROBACIÓN DO EXPEDIENTE PARA ADXUDICACIÓN MEDIANTE PROCEDEMENTO ABERTO DA SUBMINISTRACIÓN DE PRODUTOS ALIMENTICIOS PARA A CIDADE INFANTIL “PRÍNCIPE FELIPE” Retírase da orde do día pendente de mellor estudo expte. relativo á “Adxudicación, mediante procedemento aberto, da subministración de produtos alimenticios para a Cidade Infantil Príncipe Felipe”. 5.18884.- RECLAMACIÓN DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL FORMULADA POR D. DOMINGO ANTONIO BERMÚDEZ GONZÁLEZ POR DANOS EN VIVENDA POR OBRAS NA PO-546 Dada conta que con data de rexistro de entrada 10/12/10 (rex. nº 041956) tivo entrada nesta Deputación instancia subscrita por D. Domingo Antonio Bermúdez González, con enderezo a efectos de notificacións en Pontevedra, na rúa Rosalía de Castro, 2-1º, por danos na súa vivenda sita na rúa Lugar da Igrexa 25- Lourizán, en Pontevedra, coma consecuencia das obras levadas a cabo na PO-546 fai dous anos, e que cuantifica economicamente en 315,00 €. Resultando.- Que con data 13 de decembro de 2010 e con fundamento no artigo 10.1, último parágrafo, do R.d. 429/93, en relación co 82 e 83 da Lei 30/92, e 172 do R.d. 2568/86, solicitouse informe ó Servizo de Infraestruturas, que o emitiu con data 15 de decembro de 2010 co seguinte contido: “… Pongo en su conocimiento que el citado vial no pertenece a la red provincial de carreteras siendo de titularidad autonómica [PO-546 Pontevedra – Marín (PO-551)].” Considerando.- Que a instancia se presenta cumprimentando os requisitos de capacidade, lexitimación activa e temporalidade (sen ter transcorrido o prazo de prescrición), descritos nos artigos 6.1 do R.d. 429/93 en relación co 70, 30, 31-1-a e 142.5 da Lei 30/92. Considerando.- Que a teor do citado informe impide entrar sequera a valorar as circunstancias concorrentes do sinistro en cuestión, por canto non pode constituírse validamente a relación procedimental ó non resultar a Deputación Provincial pasivamente lexitimada para interpoñer perante dela ningunha reclamación que non se relacione directamente coa súa titularidade demanial. Considerando.- Que as Administracións Públicas réxense en materia de responsabilidade patrimonial polos artigos 106.2 da Constitución Española, 139 e seguintes da Lei 30/92, 54 da Lei 7/85, 223 do R.d. 2568/86 e R.d. 429/93. Considerando.- Que en ningún caso pode esta Deputación Provincial facerse responsable de danos producidos en estradas que non sexan da súa titularidade. Considerando.- Que o presente acordo cumprimenta o establecido nos artigos 89.1 e 54.1-b da Lei 30/92 en relación co 13.2 do R.d. 429/93, referido á inadmisión argumentada da reclamación. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade inadmitir a trámite dita reclamación. 6.1888 COMUNICACIÓNS Non houbo. FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos: 7.18886.- APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA A ADXUDICACIÓN, MEDIANTE PROCEDEMENTO ABERTO, DA XESTIÓN E ORGANIZACIÓN DO PROGRAMA DE DIÚRNO DE BALNEARIOS PARA O ANO 2011 Visto o escrito da Xefa do Servizo de Acción Social participando que a Deputación, coa finalidade de mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas de 50 anos ou mais, pensionistas ou persoas con necesidade de respiro familiar, pretende levar a cabo o programa Diúrno de Balnearios para o ano 2011, polo que solicita que se inicie o expediente para a contratación da xestión e organización do citado Programa. Visto o informe do Técnico Adxunto do Servizo de Contratación e o Informe emitido polo Sr. Secretario sobre o prego de cláusulas económico-administrativas particulares que terá que rexer na contratación, e visto así mesmo, o informe de fiscalización do expediente emitido por Intervención, considerando o disposto nos artigos 34.1, f) e i) da Lei 7/85, de 2 de abril, 185 do Trlrfl, de 5 de marzo de 2004, 117 e concordantes do R.d. 2568/86, de 18 de novembro, e a base 16.2 de execución do orzamento, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade: Aprobar o expediente de contratación para a adxudicación mediante procedemento aberto da xestión e organización do Programa Diúrno de Balnearios para o ano 2011. O prezo de licitación do programa estímase na cantidade de 129,63 € por persoa sen IVE, sendo o importe do IVE (8%) de 10,37 € o que fai un importe total de 140,00 € por persoa participante. O número máximo de prazas ofertadas no programa é de 4.615, non obstante a Deputación non se compromete a contratar un número mínimo de prazas xa que dependerá do número de solicitudes presentadas. O financiamento deste programa realizarase da seguinte forma: - A Deputación de Pontevedra achegará a cantidade de 52,00 € por persoa participante, ata un máximo de 4.615 prazas ofertadas. - Os Concellos interesados neste programa deberán achegar 32,00 € por cada persoa participante. - As persoas beneficiarias aboarán unha cantidade máxima de 56,00 €. No caso de que a oferta por persoa, da empresa adxudicataria, sexa inferior á estimada no tipo de licitación reducirase a cantidade a achegar polo beneficiario do programa. Así mesmo a Xunta de Goberno acorda por unanimidade: - -Autorizar o gasto por importe de 239.980,00 € para financiar a parte do programa correspondente á Deputación de Pontevedra, con cargo á aplicación orzamentaria 11/230.230.227.07, condicionado á aprobación do correspondente orzamento. - -Aprobar os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas que rexerán como Lei fundamental. - -Iniciar o procedemento de adxudicación para a dita contratación, concedendo un prazo de quince días naturais para a presentación de proposicións, contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio desta contratación no Boletín Oficial da Provincia. Dito prego é como segue: “PREGO DE CLÁUSULAS ECONÓMICAS-ADMINISTRATIVAS, QUE REXERÁ O PROCEDEMENTO ABERTO PARA A CONTRATACIÓN DA XESTIÓN E ORGANIZACIÓN DO PROGRAMA DIÚRNO DE BALNEARIOS PARA O ANO 2011” 1.- OBXECTO.- A xestión e organización do programa Diúrno de Balnearios para o ano 2011. O programa ten como finalidade mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas de 50 anos ou máis, pensionistas ou con necesidades de respiro familiar a través de estancias de 5 mañás ou tardes consecutivas en balnearios ou talasos da provincia. O número de prazas ofertadas no programa establécese nun máximo de 4.615 non obstante esta institución non se compromete a contratar un número mínimo de prazas xa que dependerá do número de solicitudes presentadas. Os servizos que deberá prestar a empresa adxudicataria, comprenden a xestión e organización do citado programa, establecéndose con detalle no prego de prescricións técnicas as accións a desenvolver pola empresa adxudicataria. 2.- FINANCIAMENTO.- O prezo do programa financiarase pola Deputación de Pontevedra e os usuarios participantes de acordo coa seguinte distribución: A Deputación de Pontevedra achegará a cantidade de 52,00 € por participante. Os Concellos interesados en participar neste programa deberán achegar 32,00 € por participante. As persoas beneficiarias aboarán unha cantidade máxima de 56,00 €. No caso de que o prezo por persoa ofertado pola empresa adxudicataria sexa inferior á estimada no tipo de licitación reducirase a cantidade a aboar polo beneficiario. A parte correspondente á Deputación, por importe de 239.980,00 €, será financiado con cargo á aplicación orzamentaria 11/230.232.227.07. O expediente de contratación poderá ultimarse mesmo coa adxudicación e formalización do correspondente contrato, aínda cando a súa execución, deba iniciarse no exercicio seguinte, quedando condicionado á aprobación do correspondente orzamento. 3.- PAGAMENTO.- O pagamento do prezo do contrato, efectuarase contra a presentación das correspondentes facturas, unha vez presentada a conformidade por esta Deputación. A factura deberá recoller unha relación de todas as persoas beneficiarias do Programa. 4.- DATA E LUGAR DE CELEBRACIÓN.- O programa desenvolverase durante o ano 2011 en dúas quendas, unha na primavera e outra no outono nalgún dos balnearios ou talasos pertencentes á Federación Galega de Balnearios da Provincia de Pontevedra. 5.- TIPO DE LICITACIÓN.- O prezo máximo de licitación fíxase na cantidade de 129,63 € por persoa, sen IVE, sendo o importe do IVE (8%) de 10,37 €, o que fai un importe total de 140,00 € por persoa participante. 6.- PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN.- A adxudicación realizarase utilizando o procedemento aberto, que é o ordinario, tal e como o estipula o artigo 122.2 da Lcsp. 7.- CAPACIDADE PARA CONTRATAR.- Están capacitadas para contratar as persoas naturais ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e acrediten a correspondente solvencia económica, financeira ou técnica nos termos que dispoñen os artigos 64 e 67 da Lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público, e non se atopen incursas nalgunha das prohibicións que contempla o art. 49 da devandita norma. A efectos da licitación, os empresarios que desexen concorrer integrados nunha unión temporal deberán indicar os nomes e circunstancias dos que a constitúan e a participación de cada un, así como que asumen o compromiso de constituírse formalmente en unión temporal en caso de resultar adxudicatarios do contrato. A duración das unións temporais de empresarios será coincidente coa do contrato ata a súa extinción. A Administración poderá contratar con unións temporais de empresas que se constitúan ó efecto (sen que sexa necesaria a formalización delas en escrituras públicas, ata que se formalizou a adxudicación); ditas empresas serán responsables solidarias ante a Administración debendo nomear ante ela un representante ou apoderado único da unión con poderes bastantes para exercitar os dereitos e cumprir as obrigacións que do contrato se deriven ata a extinción do mesmo, sen prexuízo da existencia de poderes mancomunados que poidan outorgar para cobros e pagos de contía significativa. Ditas empresas deberán ter por obxecto a realización de actividades que teñan relación directa co obxecto do contrato e dispor dunha organización dotada dos elementos persoais e materiais suficientes para a debida execución do contrato. 8.- GARANTÍA DEFINITIVA.- O seu importe será do 5% do prezo de adxudicación, excluído o Imposto sobre o Valor Engadido, e poderá constituírse en calquera das formas previstas no art. 84 da Lcsp. A constitución da garantía definitiva terá que ser acreditada dentro do dez días hábiles seguintes contados dende o seguinte ó requirimento á empresa coa oferta economicamente máis vantaxosa. En caso de incumprir este requisito a Administración poderá efectuar unha nova convocatoria ou adxudicar provisionalmente ó licitador ou licitadores seguintes a aquel que incumpriu a obrigación, pola orde en que quedasen clasificadas as súas ofertas, sempre que iso fose posible e que o novo adxudicatario prestase a súa conformidade, nese caso concederase a este un prazo de dez días hábiles para cumprimentar o sinalado no segundo parágrafo do apartado anterior. A garantía definitiva terá que ser ingresada exclusivamente na Caixa da Deputación. 9.- PRESENTACIÓN DE PROPOSICIÓNS; LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN; FORMALIDADES; DOCUMENTACIÓN.- 9.1º.-Lugar e Prazo de Presentación.- As proposicións presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación, de luns a sábado, ou na Sede da Deputación en Vigo, de luns a venres, dentro do prazo de quince días naturais a contar dende o día seguinte á publicación do anuncio no BOP. Se o último día de presentación de proposicións coincidise en domingo ou festivo, prorrogarase o prazo ata o primeiro día hábil seguinte. Tamén se poderán presentar por calquera dos procedementos establecidos polos artigos 38.4º da Lei 30/92, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e 80 do Rd. 1098/2001 de 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas, excepto por correo electrónico. Cando a documentación se envíe por calquera dos procedementos antes indicados, o empresario deberá xustificar a data e hora da imposición do envío e anunciar ó órgano de contratación a remisión da oferta mediante correo electrónico (contratacion@depo.e), ou tamén mediante télex, fax (número 986804126) ou telegrama, sempre no mesmo día. 9.2º.-Formalidades.- Os contratistas interesados na licitación deberán presentar tres sobres distintos, nos que se escribirá de forma lexible e visible, sen que sexa preciso abrilo para a súa lectura, o seguinte: Nome do Licitador CIF Dirección e teléfono de contacto Número de inscrición no rexistro de contratistas (no seu caso) Dependendo de cada sobre incluirase a seguinte documentación: Sobre “A”: documentación xeral, coa seguinte inscrición: “Documentación xeral para o procedemento aberto para a contratación da xestión e organización do programa diúrno de balnearios para o ano 2011” Este sobre conterá os seguintes documentos: 1-A capacidade de obrar dos empresarios que fosen persoas xurídicas acreditarase mediante a escritura de constitución ou modificación, no seu caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito fose exixible conforme á lexislación mercantil que lle sexa aplicable. Se non o fose, a acreditación da capacidade de obrar realizarase mediante a escritura ou documento de constitución, estatutos ou acto fundacional, no que constaren as normas polas que se regula a súa actividade, inscritos, no seu caso, no correspondente Rexistro oficial. Cando se trate de empresarios non españois de Estados membros da Comunidade Europea, deberán acreditar a súa inscrición nos Rexistros ou a achega das certificacións descritas no artigo 9 do Real decreto 1098/2001, de 12 de outubro, polo que se aproba do Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas (Rxlcap). Os demais empresarios estranxeiros deberán acreditar a súa capacidade de obrar con informe da Misión Diplomática Permanente ou Oficina Consular de España no lugar do domicilio da empresa, no que se faga constar, previa acreditación pola empresa, que figuran inscritas no rexistro local profesional, comercial ou análogo, ou na súa falta, que actúan con habitualidade no tráfico local no ámbito das actividades ás que se estende o obxecto do contrato. Ademais, deberán xustificar mediante informe da respectiva Misión Diplomática Permanente de España ou da Secretaría Xeral de Comercio Exterior do Ministerio de Economía e Facenda sobre a condición de estado signatario do Acordo sobre Contratación Pública da Organización Mundial de Comercio, nos casos previstos no Real decreto 1098/2001, de 12 de outubro, polo que se aproba do Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas (Rxlcap). Se é persoa física, o documento que acredite a súa personalidade (Documento Nacional de Identidade para españois; Pasaporte, autorización de residencia e permiso de traballo, no seu caso, ou calquera outro documento equivalente para estranxeiros). Se o asinante da proposición actúa en calidade de representante do licitador, deberá acompañarse o documento que acredite a personalidade deste representante (Documento Nacional de Identidade, para españois; Pasaporte, autorización de residencia e permiso de traballo no seu caso, ou calquera outro documento equivalente para estranxeiros) e, ademais, poder bastante en Dereito ó seu favor, debidamente inscrito no Rexistro oficial correspondente que habilite para concorrer á celebración de contratos coas Administracións Públicas. En caso de concorrer á licitación varias empresas constituíndo unha unión temporal, cada unha delas deberá acreditar a súa personalidade e capacidade, indicando os nomes e circunstancias dos empresarios que subscriben as proposicións, a participación de cada unha delas, designando á persoa ou entidade que, durante a vixencia do contrato, terá que ostentar a representación da unión temporal ante a Administración. 2.- Poder debidamente bastanteado. 3.- Unha declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións de contratar establecidas no artigo 49 da Lei de contratos do sector publico. Esta declaración incluirá a manifestación de atoparse ó corrente do cumprimento das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes, sen prexuízo de que a xustificación acreditativa de tal requisito deba presentarse, antes da adxudicación definitiva, polo empresario a cuxo favor se vaia a efectuar esta. 4.- Para as empresas estranxeiras, declaración de someterse á xurisdición dos xulgados e tribunais españois, de calquera orde, para todas as incidencias que de modo directo ou indirecto puidesen xurdir do contrato, con renuncia, no seu caso, ó foro xurisdicional estranxeiro que puidese corresponder ó licitante. 5.- Documentación acreditativa da solvencia económica, financeira e técnica: a) As contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil ou no Rexistro oficial que corresponda. Os empresarios non obrigados a presentar as contas en Rexistros oficiais poderán achegar, como medio alternativo de acreditación, os libros de contabilidade debidamente legalizados. b) Unha relación dos principais servizos ou traballos realizados no últimos tres anos que inclúa importe, datas e o destinatario, público ou privado, dos mesmos. Os servizos ou traballos efectuados acreditaranse mediante certificados expedidos ou visados polo órgano competente, cando o destinatario sexa unha entidade do sector público ou, cando o destinatario sexa un suxeito privado, mediante un certificado expedido por este ou, a falta deste certificado, mediante unha declaración do empresario. Nota importante: A acreditación das circunstancias mencionadas nos artigos anteriores poderase realizar mediante a certificación (modelo estendido), orixinal ou compulsada, dun Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas ou mediante un certificado comunitario de clasificación, sempre que se acompañe dunha declaración responsable do licitador na que manifeste que as circunstancias reflectidas no correspondente certificado non experimentaron variación. Esta manifestación deberá reiterarse, en caso de resultar adxudicatario, no documento en que se formalice o contrato, sen prexuízo de que o órgano de contratación poida, se o estima conveniente, efectuar unha consulta ó Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas. Sobre “B”: Documentación correspondente á valoración de criterios non avaliables mediante fórmulas, coa seguinte inscrición: “Documentación Técnica para o procedemento aberto para a contratación da xestión e organización do Programa Diúrno de Balnearios para o ano 2011”. Presentarase pechado e contendo os seguintes documentos: 1.- Como primeiro documento presentarase unha relación numerada e foliada de todos os documentos que se presenten, debendo estar debidamente asinado e selado polo representante legal da empresa. 2.- Memoria dos balnearios ou talasos ofertados. 3.- Descrición do programa: Transporte e guías acompañantes, actividades, horarios de balneario ou spa, etc. 4.- Proposta sobre a forma en que levarán a cabo as funcións de coordinación, xestión das prazas, implantación do programa e avaliación do mesmo. 5.- Melloras ofertadas (Enumeradas e valoradas economicamente), valorándose entre outras as seguintes: -Excursións guiadas ou outras actividades lúdicas non incluídas no programa. -Prezos especiais ou gratuidade en tratamentos de saúde e beleza. -Entrega ós participantes de material serigrafiado da Deputación e do programa. Nota importante: Deberanse ofertar un mínimo de tres balnearios ou talasos pertencentes á Federación Galega de Balnearios da Provincia de Pontevedra, cunha capacidade de entre 50 e 100 persoas. Cada opción poderá ter un prezo diferente, sen que ningunha supere o tipo de licitación. Sobre “C”: Documento correspondente á valoración de criterios avaliables mediante fórmulas, coa seguinte inscrición: “Proposición económica para o procedemento aberto para a contratación da xestión e organización do Programa Diúrno de Balnearios para o ano 2011” Presentarase pechado e contendo o seguinte documento: Modelo de proposición, seguindo o modelo determinado na última cláusula deste prego de condicións, debendo estar asinado e selado. Nota importante: Só se procederá á apertura e valoración das propostas do Sobre “C” daquelas empresas que obtivesen unha ponderación dos criterios avaliables mediante xuízos de valor que superen os 30 puntos. 10- MESA DE CONTRATACIÓN.- Estará composta por : PRESIDENTE: -O Presidente da Corporación Provincial, ou membro en quen delegue. VOGAIS: -O Secretario Xeral da Corporación. -O Interventor da Corporación. -A Xefa do Servizo de Acción Social. SECRETARIO: -O Técnico Adxunto do Servizo de Contratación Facenda e Patrimonio da Corporación. 11.- CUALIFICACIÓN DA DOCUMENTACIÓN XERAL E APERTURA DE PLICAS.- Unha vez finalizado o prazo de presentación de proposicións, constituirase a mesa de contratación e procederase á cualificación da documentación xeral achegada polos licitadores no Sobre “A”. No caso de que resulte preciso a subsanación de erros ou omisións na documentación establecida na cláusula 9.2, a mesa de contratación concederá un prazo máximo de 3 días hábiles para corrixir estes defectos. Posteriormente, a mesa ás 10 horas do quinto día hábil seguinte ó día en que finalice o prazo sinalado para a presentación de plicas, en acto público, sinalará aquelas que fosen cualificadas como inadmitidas e admitidas, e procederá á apertura do Sobre “B” correspondente á documentación técnica valorable mediante criterios non avaliables mediante fórmulas, tal e como prevé o artigo 27 do Real decreto 817/2009, polo que se desenvolve parcialmente a Lei de contratos do sector público. Dita documentación será traslada ós técnicos que se consideren oportunos, os cales a avaliarán e ponderarán seguindo criterios de valoración establecidos no prego. Unha vez avaliada esta documentación técnica, sinalarase no perfil do contratante da Deputación, a data e hora na que se procederá, en acto público, á apertura do Sobre “C” da documentación correspondente á valoración de criterios avaliables mediante fórmulas. Neste acto, darase a coñecer a ponderación asignada á proposta técnica de cada empresa e procederase á apertura do Sobres “C” daquelas empresas que obtivesen unha valoración superior a 30 puntos sobre os criterios non avaliables mediante fórmulas. 12.- CRITERIOS BASE PARA A ADXUDICACIÓN.- Para a valoración das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa atenderase ós seguintes criterios directamente vinculados ó obxecto do contrato: 12.1.-Enumeración dos criterios non avaliables mediante fórmulas (Sobre “B”) Os criterios avaliables mediante xuízos de valor valoraranse cun máximo de 50 puntos, de conformidade cos seguintes criterios: • Calidade dos establecementos hoteleiros ofertados, ata un máximo de 15 puntos. • Programa, ata un máximo de 15 puntos. • Proposta sobre a forma en que levarán a cabo as funcións de coordinación, xestión das prazas, implantación do programa e avaliación do mesmo, ata un máximo de 10 puntos. • Melloras ofertadas ás características mínimas esixidas, ata un máximo de 10 puntos. 12.2.-Enumeración dos criterios avaliables mediante fórmulas (Sobre “C”). Os criterios avaliables mediante fórmulas valoraranse cun máximo de 50 puntos, de conformidade cos seguintes criterios: Menor prezo ofertado, ata un máximo de 50 puntos. A valoración deste criterio realizarase calculando a media aritmética dos prezos dos hoteis ofertados por cada licitador, e de conformidade coa fórmula do anexo I. 13.- OFERTAS CON VALORES ANORMAIS OU DESPROPORCIONADOS.- Consideraranse ofertas con valores anormais ou desproporcionados aquelas cuxa porcentaxe de baixa exceda nas porcentaxes que se sinalan a continuación en función do número de empresas presentadas e admitidas ó procedemento: - Unha oferta: Será anormal se a súa baixa porcentual é superior ó 25% do prezo de licitación. - Dúas ofertas: Unha das ofertas será anormal se a súa baixa porcentual é superior á da outra en máis de 20 unidades. - Tres ofertas: Serán anormais aquelas que teñan baixas porcentuais superiores en máis de 10 unidades a media aritmética das baixas porcentuais das baixas admitidas. Con todo, excluirase para o cómputo de dita media a oferta coa baixa porcentual máis pequena cando sexa inferior en máis de 10 unidades a esa media. En calquera caso, consideraranse anormais todas as ofertas con baixas porcentuais superiores ó 25% do prezo de licitación. - Catro ofertas ou máis: Consideraranse temerarias aquelas ofertas con baixas porcentuais que sexan superiores en máis de 10 unidades a media das baixas porcentuais das ofertas admitidas. No entanto, se entre elas existen baixas porcentuais inferiores en máis de 10 unidades a dita media, calcularase unha nova media só coas ofertas que non estean no suposto indicado. En todo caso, se o número das restantes ofertas é inferior a tres, a nova media calcularase sobre as tres ofertas de menor contía (maior baixa porcentual). • n = 1: Se b1 > 25, entón a oferta 1 (única) é temeraria. • n = 2: Supoñemos que b1 ≤ b2. Se b2 > bm + 10 entón a oferta 2 é temeraria. Obsérvese que a condición b2 > bm + 10 equivale a b2 > b1 + 20 porque: bm = (b1 + b2). • n = 3: Supoñemos que b1 ≤ b2 ≤ b3. Sexa b*m definida como: b*m= ½ (b2 + b3) se b1 < bm - 10 bm en caso contrario Para i = 1,2,3, se b1 >25 ou b1 > b*m + 10 a oferta i é temeraria. • N ≥ 4: Supoñemos que b1 ≤ b2 ≤ ….≤ bn. Se b1 < bm – 10 sexa 1 ≤ l ≤ n tal que b1 ≤ b2 ≤ ….≤ b1 < bm – 10, bl+1 ≥ bm – 10. Definimos: b*m= 1/n-l (bl+1 + ...+ bm) se b1 < bm – 10 e l ≤ n-3. 1/3 (bn-2 + bn-1 + bn) se b1 < bm - 10 e l > n-3, bm se b1 ≥ bm - 10 Para i = 1,2,……,n, se b1 > b*m + 10 a oferta i é temeraria. Cando a mesa de contratación presuma fundadamente que a proposición non se poida cumprir como consecuencia das baixas anormais ou desproporcionadas, darase audiencia ó contratista, por un prazo máximo de cinco días hábiles, para que xustifique a valoración da oferta e precise as condicións da mesma, en particular no que se refire ó aforro que permita o procedemento de execución do contrato, as solucións técnicas adoptadas e as condicións excepcionalmente favorables de que dispoña para executar a prestación, a orixinalidade das prestacións propostas, o respecto das disposicións relativas á protección do emprego e as condicións de traballo vixentes no lugar en que se vaia a realizar a prestación, ou a posible obtención dunha axuda do Estado. Este mesmo procedemento empregarase cando, a xuízo dos técnicos, os licitadores presenten solucións técnicas ou un prazo de execución de imposible cumprimento. Se o órgano de contratación, considerando a xustificación efectuada polo licitador e os informes mencionados no apartado anterior, estimase que a oferta non pode ser cumprida como consecuencia da inclusión de valores anormais ou desproporcionados, acordará a adxudicación provisional a favor da seguinte proposición economicamente máis vantaxosa, de acordo coa orde en que fosen clasificadas, que se estime pode ser cumprida a satisfacción da Administración e que non sexa considerada anormal ou desproporcionada. 14.-REQUIRIMENTO.- O órgano de contratación, tras solicitar os informes técnicos que estime pertinente, avaliará as ofertas, e en función dos criterios establecidos na base anterior, as clasificará por orde decrecente, e requirirá á empresa que presentase a oferta economicamente máis vantaxosa para que dentro do prazo de 10 días hábiles , a contar dende o día que recibise a comunicación, presente a documentación xustificativa de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social, e calquera outro documento acreditativo da súa aptitude para contratar ou da efectiva disposición dos medios que se comprometese a dedicar ou adscribir á execución do contrato que lle reclame esta Institución, así como constituír a garantía definitiva. 15.-ADXUDICACIÓN.- O órgano de contratación adxudicará o contrato dentro do cinco hábiles seguintes á recepción da documentación referida no punto anterior, fixando os termos definitivos do contrato. De forma simultánea publicarase a adxudicación no perfil do contratante da Deputación de Pontevedra. 16.- FORMALIZACIÓN DO CONTRATO.- A Administración e o contratista non poderán formalizar o contrato antes de que transcorran quince días hábiles dende que se remita a notificación da adxudicación ós licitadores, ó ser o contrato susceptible de recurso especial de contratación constituíndo devandito documento título suficiente para acceder a calquera rexistro público. Non obstante, o contratista poderá solicitar que o contrato se eleve a escritura pública, correndo do seu cargo os correspondentes gastos Cando por causas imputables ó contratista non se formalizou o contrato dentro do prazo indicado, a Administración poderá acordar a resolución do mesmo. Non poderá iniciarse a execución do contrato sen a súa previa formalización 17.- RECURSO ESPECIAL EN MATERIA DE CONTRATACIÓN.- Segundo o establecido no artigo 310 da Lcsp serán susceptibles de recurso especial en materia de contratación previo á interposición do contencioso-administrativo, os seguintes actos: a) Os anuncios de licitación, os pregos e os documentos contractuais que establezan as condicións que deban rexer a contratación. b) Os actos de trámite adoptados no procedemento de adxudicación, sempre que estes decidan directa ou indirectamente sobre a adxudicación, determinen a imposibilidade de continuar o procedemento ou produzan indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos ou intereses lexítimos. Consideraranse actos de trámite que determinan a imposibilidade de continuar o procedemento os actos da Mesa de Contratación polos que se acorde a exclusión de licitadores. c) Os acordos de adxudicación adoptados polos poderes adxudicadores. O recurso especial regulado no artigo 310 e seguintes Lcsp terá carácter potestativo. As cuestións litixiosas xurdidas sobre a interpretación, modificación, efectos e resolución do contrato serán resaltas polo órgano de contratación, cuxos acordos porán fin á vía administrativa. Os devanditos acordos poderán ser recorridos potestativamente en reposición, no prazo dun (1) mes, ante o mesmo órgano de contratación ou ser impugnados directamente ante a Sala do Contencioso -Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non se poderá interpor recurso contencioso -administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produciu a desestimación presunta do recurso de reposición interposto. 18.- PERFIL DO CONTRATANTE.- Co fin de asegurar a transparencia e o acceso público á información relativa á súa actividade contractual, e sen prexuízo da utilización doutros medios de publicidade nos casos esixidos pola Lcsp ou polas normas autonómicas de desenvolvemento ou nos que así se decida voluntariamente, a Deputación difundirá, a través de Internet (www.depontevedra.es), o seu perfil de contratante. 19.- MODIFICACIÓNS DO CONTRATO.- Unha vez perfeccionado o contrato, o órgano de contratación poderá introducir modificacións no mesmo por razóns de interese público e para atender causas imprevistas, xustificando debidamente a súa necesidade no expediente. Estas modificacións rexeranse polas mesmas condicións do contrato inicial. 20.- DEVOLUCIÓN DA DOCUMENTACIÓN.- A documentación incluída no Sobre “B” de “Documentos” dos licitadores que non resultasen adxudicatarios poderá ser retirada polos licitadores, previo aviso ó servizo de contratación, mediante escrito ordinario ou electrónico no e-mail contratacion@depo.es, transcorridos tres meses contados dende o día seguinte á notificación do acordo de adxudicación ós licitadores, e durante o prazo de 30 días naturais, salvo que a administración considere oportuno retela no suposto que interpuxeran reclamacións ou recursos, ou exista algunha incidencia administrativa. Transcorrido os prazos anteriormente mencionados, esta administración disporá da documentación quedando exenta de toda responsabilidade. 21.- GASTOS A CARGO DO ADXUDICATARIO.- Serán por conta do adxudicatario, os gastos de anuncios e calquera outros que xere o expediente. 22.- RESPONSABILIDADE DANOS.- Será de conta do contratista a responsabilidade derivada de todos os danos, prexuízos e accións de calquera natureza que sexan ocasionados a terceiras persoas pola súa persoa, a súa maquinaria, produtos ou como consecuencia dos traballos realizados ou por abandono, demora ou deficiente execución dos mesmos Cando tales danos e prexuízos fosen ocasionados como consecuencia inmediata e directa dunha orde da Administración, será esta responsable dentro dos límites establecidos na Lei. Así mesmo, o contratista responderá civil, e, no seu caso, penalmente os danos causados á Administración Contratante ou a terceiros como consecuencia dos vicios ocultos das tarefas de limpeza. 23.- RESOLUCIÓN DO CONTRATO.- O contrato poderá extinguirse por calquera das causas de resolución enumeradas nos arts. 206 E 284 da Lcsp. 24.- RÉXIME XURÍDICO.- En todo o non previsto expresamente no presente prego de condicións, estarase ó disposto, en canto á súa preparación, adxudicación, efectos e extinción, pola Lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público e as súas disposicións de desenvolvemento; supletoriamente aplicaranse as restantes normas de dereito administrativo e, na súa falta, as normas de dereito privado. 25.-MODELO DE PROPOSICIÓN ECONÒMICA.- Don ........................................................................................, maior de idade, veciño de ................................................................., con domicilio en ...................................................... titular do DNI .............................................................., expedido en data........................................................., actuando en nome propio ou en representación de .................................................con domicilio en ..........................................................................., teléfono ................................................................ segundo acredito mediante poder debidamente bastanteado. Decatado do anuncio , para adxudicar mediante procedemento aberto o contrato correspondente á xestión e organización do programa diúrno de balnearios para o ano 2011 comprométese a realizalo con suxeición ó prego de condicións económico administrativas particulares e de prescricións técnicas, polos seguintes prezos por beneficiario para cada un dos hoteis que oferte: Balneario o Talaso Prezo por persoa (sen IVE) IVE Prezo total por persoa Opción 1 Opción 2 Opción 3 Opción 4 Opción 5 (Data e sinatura do propoñente)” O documento que se anexa é o que segue: ANEXO I Fórmula a aplicar na valoración da oferta económica. 8.18887.- ADXUDICACIÓN DO PROCEDEMENTO ABERTO PARA A EXECUCIÓN DA OBRA ”CONSTRUCIÓN DE LOCAL SOCIAL EN FILGUEIRA (LALÍN) A Xunta de Goberno, en sesión celebrada o día 1/09/2010, prestou aprobación ó expediente de contratación para a adxudicación, mediante procedemento aberto, da obra “Construción de local social en Filgueira (Lalín)”, con orzamento de 259.913,80 €, máis a cantidade de 46.784,48 € correspondentes ó IVE. Con data 15 de outubro de 2010, constituíuse a Mesa de Contratación do procedemento aberto convocado para a contratación das referidas obras, procedendo a continuación á cualificación da documentación xeral (Sobre “A”) admitindo a todas as empresas presentadas. Resultando que con data 19 de outubro de 2010, este mesmo órgano, en acto público, indicou as plicas que foron cualificadas como non admitidas e admitidas, procedendo á apertura dos Sobres “B” destas últimas, correspondente á documentación técnica valorable mediante criterios non avaliables mediante fórmulas, tal e como prevé o artigo 27 do Real decreto 817/2009, polo que se desenvolve parcialmente a Lei de contratos do sector público. Polo Enxeñeiro Director de Infraestruturas en funcións emítese informe relativo á documentación técnica presentadas polas empresas, posteriormente, a Mesa de Contratación, en sesión celebrada o día 20 de decembro de 2010, da a coñecer a ponderación asignada ás propostas técnicas, contidas nos Sobres “B”, procedendo a continuación á apertura dos Sobres “C” das empresas que alcanzaron unha valoración mínima de 30 puntos. Resultando que a Mesa de Contratación, á vista do informe emitido por Arquitecto Provincial, relativo á valoración da documentación contida nos Sobres “B”, e valorada a documentación contida nos Sobres “C”, eleva ó Órgano de Contratación proposta de adxudicación da obra a favor de NAROM, S.L., tendo en conta que obtivo a máxima puntuación, unha vez ponderada a documentación contida nos referidos sobres, de acordo cos criterios de adxudicación que figuran no prego de cláusulas administrativas que rexeu no procedemento aberto para a contratación da obra e que a continuación se detalla: Licitador Puntuación Sobre “B” Puntuación Sobre “C” Puntuación Total NAROM, S.L. 30,45 49,310 79,760 ORECO, S.A. 30,71 39,722 70,432 CONSTRUCCIONES TABOADA Y RAMOS, S.L. 31,21 33,965 65,175 ANTONIO FRAMIÑAN CONSTRUCCIONES, S.L. 33,72 16,414 50,134 Resultando que NAROM, S.L. ofertou executar a obra de “Construción de local social en Filgueira (Lalín)”, na suma de 192.882,03 € máis 34.718,76 € correspondentes ó IVE, cun prazo de execución de tres meses, melloras valoradas en 12.150,34 € e o 3,45 % do orzamento de execución material correspondente á adxudicación da obra para control de calidade. A Xunta de Goberno, en sesión de 22 de decembro de 2010, requiriu á empresa, segundo o establecido no art. 135 da Lei 30/2007, de Contratos do Sector Público, para que dentro do prazo de dez días hábiles, a contar dende o seguinte a aquel en que recibise o requirimento, presente a documentación xustificativa de atoparse ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, de dispor efectivamente dos medios que se comprometeu a dedicar ou adscribir á execución do contrato, e de ter constituído a garantía definitiva equivalente ó 5% do prezo do contrato excluído o IVE. A empresa Narom, S.L. acredita depositar a cantidade de 9.644,10 € en concepto de garantía definitiva, mediante carta de pagamento, número 201100001189, de data 4 de xaneiro de 2011, e de cumprir cos demais requisitos requiridos. Considerando o disposto nos artigos 34-1, f) e i) da Lei 7/85, de 2 de abril, 185 do Trlrfl, de 5 de marzo 2004, 117 e concordantes do R.d. 2568/86, de 18 de novembro, e a base 16.2 de execución do orzamento, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade: Adxudicar o contrato para executar a obra de “Construción de local social en Filgueira (Lalín)” á empresa NAROM, S.L.(B 36.163.418) na suma de 192.882,03 € máis 34.718,76 € correspondentes ó IVE, cun prazo de execución de tres meses, melloras valoradas en 12.150,34 € e o 3,45 % do orzamento de execución material correspondente á adxudicación da obra para control de calidade. O contrato financiarase da forma que se establece a continuación: ANUALIDADE APLICACIÓN IMPORTE 2010 2011.942.942.652.45.2010 154.112,07 € 2011 2011. 942.942.652.45 75.014,58 € Desígnase a dirección da obra a D. Pablo Fernández Villamarín, COAG nº3281. 9.18888.- DAR CONTA DA RENUNCIA DA ASOCIACIÓN VECIÑAL A MALLADOURA DE COUSO DO CONCELLO DE PONTEAREAS Á SUBVENCIÓN CONCEDIDA PARA “OBRAS DE REFORMA DA ESTRUTURA DO TELLADO DO LOCAL SOCIAL”, APROBADA Ó SEU FAVOR NA XUNTA DE GOBERNO DE 01/09/2010 Aprobada pola Xunta de Goberno desta Deputación provincial de data 01/09/2010 unha subvención a favor da Asociación Veciñal A Malladoura de Couso con CIF: G-94.020.807, do Concello de Ponteareas, por un importe de 2.741,00 €, para “Obras de reforma da estrutura do tellado do local social”, con cargo á aplicación 10/330.334.789.04, e recibido escrito, presentado no Rexistro Xeral con 30/12/2010, da citada Asociación renunciando á subvención concedida no seu día por non dispor dos medios económicos necesarios, a Xunta de Goberno queda enterada de dita renuncia. 10.18889.- ROGOS E PREGUNTAS Non se formularon. E non habendo máis asuntos que tratar polo Sr. Presidente, sendo as dez horas e cincuenta minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente acta, que asina o Ilmo. Sr. Presidente, comigo, a Secretaria Acctal. que dou fe. O Presidente, A Secretaria Acctal.,
Ãrea de notas
Nota