ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.351
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.762

Acta de sesión 2009/06/26_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.43.826/3.2009-06-26_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2009/06/26_Ordinaria

  • Data(s) 2009-06-26 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión. 38 follas

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido A C T A Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Deputación o día, 26 de xuño de 2009 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e trece minutos do día vinte e seis de xuño do ano dous mil nove, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Julio Alén Montes, D. Francisco Xabier Alonso Pérez, D. Silvestre José Balseiros Guinarte, Dona Francisca Canal Gómez, D. Xosé Crespo Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. José Amador Eiras Paz, D. Jesús María Fernández Portela, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Juan A. González Pérez, D. Rafael Lores Rosal, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. José Antonio Olmedo Granja, D. Juan Luciano Otero Besada, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva, D. Agustín Reguera Ocampo, D. Severino Reguera Varela, D. Daniel Rodas Chapela, D. Xosé Carlos Silva Mariño, D. José Enrique Sotelo Villar e D. Jesús Vázquez Almuiña, co obxecto de celebrar sesión ordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asisten os Deputados Provinciais D. Pauliño Damián del Río Iglesias nin D. Gabriel Martínez Giráldez. Da fé do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Bueno, moi bos días a todas e a todos. Antes de dar comezo a esta sesión de Pleno ordinario, igual que fixeron todos os Deputados e Deputadas, darlle a especial benvida, pola magnífica e extraordinaria recuperación, a D. José Enrique Sotelo, que xa o temos entre nós, o cal, pois creo que para todos é unha enorme satisfacción, é máis, que en tan pouco tempo, pois, se houbera recuperado, polo tanto quero entender que en nome de todos os compañeiros e compañeiras da Corporación a especial benvida a José Enrique Sotelo, e xa sen máis. Si me pide a palabra D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente, bos días a todas e a todos. Evidentemente xa o dixemos persoalmente, pois á marxe do que acaba de dicir o Presidente, pero a intervención era para xustificar a falta de dous compañeiros, que por un lado Gabriel Martínez, pois o Alcalde de Salvaterra lle puxo o Pleno á mesma hora, agardemos que se resolva, porque no mes pasado non puido ir ó do concello e agora aquí. E bueno, por Pauliño del Río, estamos agardando, en fin, supoño que vai levar unhas cantas voltas neste momento pois, polos problemas derivados, vai intentar vir, a moción de censura de Gondomar. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Intentaremos na medida do posible que iso, que foi cambiado recentemente, non era un tema que viña establecido, neste caso, que me acaba de informar o portavoz do Bloque Nacionalista Galego en relación a ese tema puntual de Salvaterra. 1.5830.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- E como dicía, pois vamos a dar comezo, creo que non hai máis ausencias de momento á sesión ordinaria, que o primeiro punto é a aprobación do borrador da acta anterior, sesión ordinaria do día 29 de maio de 2009. ¿Se non hai nada en contra?, polo tanto, se aproba a acta. Acórdase por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 29 de maio de 2009. 2.5831.- TOMA DE POSESIÓN DE DON FRANCISCO XABIER ALONSO PÉREZ COMO DEPUTADO PROVINCIAL Sr. Presidente.- E o punto número dous é a toma de posesión de D. Francisco Xavier Alonso Pérez, como Deputado Provincial. Que o chamamos xa para que tome posesión. Doulle a palabra ó Secretario. Sr. Secretario.- Se ha recibido de la Junta Electoral Central la credencial del Diputado D. Fancisco Javier Alonso Pérez, en substitución de Doña María Xosé Méndez Piñeiro, y ha presentado en Secretaría declaraciones de Bienes Patrimoniales, de causa de posible incompatibilidad y así como la liquidación del impuesto de la Renta. Por lo tanto, no hay obstáculo legal para la toma de posesión conforme a la fórmula establecida en el Real Decreto 707/79 de 5 de abril. Sr. Presidente.- Toma posesión entón D. Francisco Xavier Alonso Pérez. Sr. Alonso Pérez.- Prometo pola miña conciencia e honra cumprir coas obrigas do cargo de Deputado Provincial con lealdade ó Rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado. Unha vez recibida da Xunta Electoral Central a credencial de Deputado Provincial a favor de Don Francisco Xabier Alonso Pérez e presentada na Secretaría a declaración de bens patrimoniais, declaración de causas de posible incompatibilidade, así como a liquidación do imposto sobre a renda, e non habendo obstáculo legal, toma posesión do cargo de Deputado Provincial Don Francisco Xabier Alonso Pérez. Sr. Presidente.- Bueno, pois dámoslle a benvida a Francisco Xavier Alonso para que tome xa posesión do seu escano. 3.5832.- EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS NÚMERO 1/2009 Sr. Presidente.- E pasamos xa ó punto número 3 da orde do día que é o expediente de modificación de créditos número 1/2009. Ten a palabra D. José Manuel Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Si, bos días. En primeiro lugar darlle a benvida a Francisco Xavier Alonso, dobremente, primeiro coma Deputado, pero segundo, tamén coma compañeiro da corporación de Vigo, e desexarlle loxicamente o mellor para todos e por suposto para el tamén. Hoxe temos aquí un expediente de modificación de crédito por un importe de 15.431.000,00€, dos cales os créditos extraordinarios son 502.000€, e o suplemento de créditos 14.929.000,00€. Dicirlle que había un expediente inicial, pero hai unha serie de propostas que consideramos que serían convenientes engadir a este expediente, pois incrementamos, se fixo unha modificación, para iso se convocou unha Comisión Informativa extraordinaria urxente esta mañá, e queremos agradecer ós dous grupos políticos, por suposto, as facilidades que nos deron nese senso para poder tramitar este expediente. Esta modificación de crédito leva unha serie de partidas que non se incluíron no presuposto, e a maiores tamén a incorporación dunha serie de partidas para os investimentos para os concellos para os anos 2009-2011, que é a partida maior, que é un importe de 9.550.000.00€, isto xa estaba previsto para a incorporación de remanentes que tiñamos, e polo tanto, era unha previsión que tiñamos inicialmente. A maiores, tamén se incrementaron dúas partidas para Vías e Obras e tamén para estradas provinciais, tamén se leva unha modificación para o edificio de Príncipe Felipe, para seguir mantendo ese edificio en construción; e tamén temos unha partida para as construcións dos pendellos da Agolada, que é unha cuestión que xa se convenceu, e que temos un convenio coa Xunta de Galicia e coa Consellería de Cultura; tamén para o Servizo de Publicacións, que se está facendo un bo traballo, era interesante, así se fixo un incremento de 120.000,00€, ou se vai a facer; tamén, temos neste expediente unha serie de partidas que pensamos que son interesantes, o tema da Semana Verde de Silleda, para a Fundación, que xa se aprobou noutro Pleno, e loxicamente se tiña que dotar presupostariamente; e tamén para a Escola de Canteiros, nese traballo que están facendo, creo que un magnífico traballo, se necesitaba un incremento de 250.000,00€, que se incorporou; e hai tamén unha serie de incrementos para concellos de partidas que eran necesarias para rematar unha serie de obras, polo tanto, digamos que o máis fundamental e importante é a aportación deses 9.500.00,00€ para o plan de investimentos, para os concellos, 2009-2011, que a partir de aquí con esta tramitación, e tendo a dotación presupostaria suficiente e a necesaria que marcamos dentro das prioridades para estes tres anos, pois xa a partir de aí, pois estamos en condición de facer o plantexamento do plan para ir soportando a situación de crise que están vivindo moitos concellos. Isto, en definitiva, o que traemos hoxe, é unha modificación de crédito de 15.431.000,00€, dos cales a partida máis importante, volvo a repetir, son eses 9.500.000,00€, destinados a ese plan anticrise; e dous millóns por un lado para Infraestruturas de Vías e Obras; e outro para proxectos de estradas, tamén outros 2 millóns de euros. Nós consideramos que esta modificación de créditos é necesaria, loxicamente, o motivo de traela canto antes é que se poida poñer os expedientes en marcha para poder ir resolvendo todas estas demandas que nos plantexan os concellos e a sociedade da nosa provincia de Pontevedra. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Ten a palabra Don Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Ben, estamos ante un expediente de modificación de créditos que é, perdoe que faga unha referencia clara ó que sucedeu a semana pasada, dígoo porque podemos entender algo así, ¿non?. Vostedes están absolutamente empeñados en descualificar, desautorizar, case diría que masacrar ó grupo municipal de Pontevedra, porque ese grupo, ó cal a Sra. Teresa Pedrosa ten a honra de pertencer, e aquí tamén, pois, se falta un papel dez días antes do Pleno monta un lío que mete medo, aquí traino o último día, vale, se se agotan remanentes do concello de Pontevedra, como se fai aquí, practicamente nos ameaza con ir ó cárcere, vostedes agótanos e fan e demáis, si unha suposta futura inestabilidade, o concello de Pontevedra non está aí en inestabilidade, pois resulta que iso xa é o, vamos, que se vén o ceo enriba, ¿verdade?, aquel medo que tiña Obelix, e aquí pois están en inestabilidade. Ben, eu case diría que se reuniran algún día para fixar algúns criterios propios e non facer este espectáculo, porque o que din un día nun sitio á semana seguinte fan exactamente o contrario á outra, eu, porque o fan moi cantoso, cada institución é distinta, pero é un enfrentamento, á parte na mesma cidade, no mesmo sitio, non parece así como moi serio. Con respecto á modificación en si, pois ten uns remanentes, incorpóranos e os destinan ó que vostedes lles parece ben, pero non damos saído do noso asombro, ou sexa, non damos saído do noso asombro cando por un lado se seguen gardando as partidas de sostemento, as famosas do chapapote, de Vías e Obras, cun orzamento aprobado que entrou en vigor hai uns días, e agora escoitamos, non sabemos que hai, de que se vai a privatizar o servizo, non sei para cando, ¿van seguir engordando Vías e Obras e á parte gastando en privatizalo?, e ¿exactamente en que trámite está?. Non tivemos ocasión, por moito que preguntamos, de saber se esa infeliz idea de privatizar o servizo pois ía adiante ou non ía adiante, ou se é algo serio ou se simplemente foi unha ocorrencia para saír do congreso, francamente non o sabemos, pero isto é así como moi contraditorio, é como moi contraditorio con esa suposta mellora, é pagar máis polo actual servizo e pagar moitisimo máis pola privatización, non sei exactamente cal é a finalidade, tampouco, métenselle máis cartos para ese suposto plan anticrise que ó final non ten nin ese nome. Pero bueno, o plan de investimentos xestionados, seguimos sen saber para nada en que vai a consistir, estamos en xuño, estamos en xuño, eu non sei como vai esta casa a licitar e a votar a andar todos eses supostos proxectos, que na actualidade non existen, e que non hai en principio nada feito, se hai xestión, conveniado e vai facelo directamente esta Deputación, pois non sabemos exactamente en que estado está, pasan os meses, van 8 meses dende que empezou isto a andar, este suposto plan anticrise, e realmente pois non vemos que se avance nada, home, neste caso meterlle máis cartos, que tampouco sabemos se se van poder tramitar ou non, se se van poder gastar este ano ou non, porque á altura que vamos pois francamente non, salvo, salvo que xa teñan os proxectos para concellos que lle interese e outros aínda non saiban de que vai a música, porque senón, francamente co que queda, á altura que estamos a cousa vai francamente mal. Deléitanos con algúns convenios, isto dos convenios unen, vamos, bilaterais con concellos, segue sendo unha espita fantástica porque o que topamos sempre son convenios con concellos do PP, e eu creo que con isto se pode resumir, se pode resumir a modificación. A nós o que nos parece, e aventuramos unha hipótese, que todo vai nesa dirección, é que vostedes queren convertir esta Deputación ó modelo Ourense. O modelo Ourense, ¿que significa?, pois que a Deputación puentea e pasa por riba dos concellos, e pasa a ter máis peso que os propios concellos á hora de xestionar ou de facer as cousas. ¿Por que dicimos isto?. Porque facer un plan por primeira vez na historia da Deputación, en que o investimento o fai directamente a Deputación e non os concellos, sería a primeira vez que se fai nesta casa, iso supón unha subordinación absoluta dos concellos a esta Deputación, e moito nos tememos que a idea, cremos que inviable, absolutamente, e incluso disparatada, de privatizar a xestión ou o sostemento das estradas provinciais, vai para que o parque de maquinaria poida ter moita capacidade de actuación nos viarios municipais, co cal, pois xa poden ir temblando todos os alcaldes de calquera signo político incluídos os do PP, porque van a quedar, a Deputación vai a estar pasando por riba continuamente e tendo moito máis peso de actuación dentro dos concellos, sobre todo dos pequenos, que o propio alcalde de turno. Ou sexa, que ó final, modelo Baltar ou modelo Cacharro dende a Presidencia da Deputación, pois tanto traxinamos mocións de censura como traxinamos ós nosos propios alcaldes, ós seus propios alcaldes, porque como algún non sexa absolutamente obediente pois xa sabe que lle poden colocar outro, pola presencia fortisima da Deputación dentro do seu concello, francamente preocupante, francamente preocupante a deriva que está tendo esta Deputación en todas as ordes que acabamos de dicir. En todo caso, obviamente despois do que dixemos, polo contido específico da modificación e tamén pola cuestión xeral de que a xestión desta Deputación non a compartimos, vamos a votar en contra. Sr. Presidente.- Moitas gracias D. Cesáreo Mosquera. Ten a palabra D. Emilio González. Sr. González Iglesias.- Bos días. Ben, estamos ante unha modificación que ó final se vai ós quince millóns e medio de euros, e realmente aínda que o Sr. Figueroa votou cinco minutos explicándonos os por menores do asunto a realidade é que se reduce fundamentalmente a dúas cuestións. Primeira cuestión, dificilmente un orzamento aprobado fai quince días pode resistir que partidas como, con dous millóns de euros incrementan agora mesmo, como as dos temas dos camiños, etc., etc., para facer, de vías e obras, dificilmente se fai isto salvo que o orzamento da Deputación fora feito por vostedes no seu día, sen ter en conta a realidade, probablemente pecharon o orzamento á macheta, necesitaban poñer unha cantidade, puxeron esa cantidade, e agora mesmo, quince días despois, descobren que hai que incrementala nun 20%, difícil de xustificar, pero bueno, é a súa forma de gobernar. Iso mesmo pode dicirse sen ningún tipo de dúbida coa outra partida de dous millóns de euros, que incrementan tamén, adicada a estradas, expropiacións, proxectos e melloras, pasa exactamente igual, é dicir, hai unha falta de previsión clarisima no orzamento que se aprobou definitivamente hai quince días, para incrementar quince días despois este tema, pero xa, digamos que a guinda de todo isto, de todo este pastel, son os nove millóns e medio de euros para o plan Louzán, digo o plan Louzán porque é o único que aparece en diferentes medios de prensa anunciando o que lle vai a tocar a este concello, ó outro concello e ó outro concello, eu a única persoa que mirei ata agora foi o Presidente. Pero a realidade é que a Corporación, ou polo menos os grupos da oposición, non coñecemos en que vai a consistir o plan. Levan vostedes seis meses dicindo que agora xa vai, agora xa vai, e non acaba de chegar, e a iso sumámoslle, sumámoslle que, e xa o dixemos no seu día no Pleno de aprobación do orzamento, que por primeira vez fano dende o capítulo 6. E seguen insistindo nese tema. É certo, é certo que cando nos plantexaron o orzamento nos dixeron que bueno, que en principio deron seis, pero que había que mirar, nos dixeron incluso algún Deputado seu, Sr. Louzán, que ía a facer, digamos, que unhas consultas cos alcaldes, ata onde eu sei non é certo, salvo que, salvo que as consultas sexan somentes con alcaldes do Partido Popular, o resto non. Con todo isto, con estes tres plantexamentos que conteñen este punto nós loxicamente temos que votar en contra, polo retraso no plan, porque non compartimos en ningún momento que a Deputación pase por riba dos concellos, e a isto hai que añadirlle tamén que aparecen diferentes Plenos, se van vendo vostedes, aparecen os convenios cos concellos. Eu xa lle anuncio que os concellos gobernados polo Partido Socialista vanlle plantexar todos convenios, absolutamente todos, porque claro, isto é rirse absolutamente de todas as institucións municipais, de todas. Se queren facelo vía convenios plantexen, fagan un plantexamento obxectivo, no que todos os concellos poidan entrar por esa vía, e é unha fórmula, pero claro, o que non pode ser é convenio á carta con cada concello, iso é o que non pode ser. Polo tanto, anúnciolle que todos os concellos onde goberna o Partido Socialista vanlle plantexar a firma de convenios, decidan vostedes despois cal é o criterio que van a utilizar. Como lle dicía antes, con todo isto non nos dá nin para absternos, é dicir, votamos en contra e algún día cando nos aclaren cales van a ser os criterios de inversión dese plan Louzán, canto lle vai a corresponder a cada concello, se van a pagar vostedes proxectos ou non, se os concellos teñen que facer unha aportación ou non, porque non sabemos nada do tema, pois cando sepamos algo do tema poderemos discutir dese tema, mentres, lóxicamente, quédanos votar en contra. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Ten a palabra o Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Con respecto ó que se dixo neste Pleno eu creo que esta Deputación está dando mostras de ter unha planificación de cara ó futuro que está perfectamente deseñada, non coincidimos para nada no que se acaba de dicir aquí, e se esta Deputación vai substituír ós concellos, e se as políticas que as fagan os concellos, creo que temos un labor importante de coordinación dos concellos que se está facendo, e creo que calquera comparativa onde gobernan vostedes co que se fai aquí é que non se sustenta baixo ningún principio nin un mínimo. Creo que aquí se está practicando unha política claramente igualitaria para todos os concellos, é dicir, me gustaría, e se queren algún día facemos un debate sobre esta cuestión, cando vostedes gobernaron, ou onde gobernan, que é o que fan, a aplicación do sectarismo o fan dunha maneira clara e contundente, temos bastantes datos, é dicir, seguramente ata agora non os tiñamos pero agora empezan a aparecer os datos da distribución dos cartos que vostedes fixeron durante os últimos catro anos na Xunta de Galicia e hai para dar e tomar, é dicir, a discriminación aí si que xa nin con criterios, aí se produce todo a nada, e iso bueno, pois é unha realidade, aquí o que está claro é que nós plantexamos unha situación, unha situación que están vivindo moitos concellos de crise, se fixo un estudo riguroso que o plantexaremos nos próximos días, onde vai haber uns criterios e uns baremos de reparto, onde lle vai a corresponder a todos os concellos, a todos os concellos, se van a distribuír con criterios, e nos parece que aquí o único que se está a facer pois é traer esta modificación de crédito para implementar unha serie de partidas, precisamente para levar a cabo este tipo de políticas. Vostedes critican a esta Deputación e a queren comparar con outras, seguramente non a comparan coa da Coruña nin a de Lugo, porque aí tamén os criterios que se plantexan só hai que escoitar ós compañeiros nosos que temos do Partido tanto en Coruña coma en Lugo. Polo tanto, exemplo de nada ou de case nada, é dicir, eu creo que vostedes durante unha temporada deberían ser un pouco máis prudentes porque o seu pasado está aí, é moi recente, e claro, cando hai concellos gobernados polo Partido Popular que durante os últimos tres anos e medio ou catro anos, na Xunta bipartita, non foron nin recibidos, nin recibidos, é dicir, hai concellos, este mesmo Presidente desta casa non foi nin recibido. Bueno, pois entón hai pouco que escoitalos, ou pouca credibilidade lóxicamente poden ter vostedes, eu diría que nada. Con respecto ás críticas e ás situacións doutros concellos, Sr. Mosquera, vostede pon o exemplo de Pontevedra e a crítica que fan os nosos compañeiros, seguramente teñan fundamento, segundo vostedes pois ó mellor non teñen nin presuposto, eu estou convencido de que se os critican é porque algún fundamento teñen. É raro que vostede intente xustificar aquí algo co seu propio concello cando vostede sempre foi partidario, eu me acordo aquí cada vez que sae no Pleno e sae a comparativa con outros concellos, que vostede sempre nos recorda que estamos no Pleno da Deputación de Pontevedra. En calquera caso se algún día quere facer un debate sobre esta situación tampouco temos ningún problema. O que si temos é que nesta casa creo que se están facendo as cousas con criterios, con obxectividade, con coherencia, e evidentemente houbo un plan de inversións que agora mesmo está a rematar, e que nós o que queremos é que poidan ter os concellos pois un novo plan, un novo plan do cal se poidan ver beneficiados os veciños e as veciñas, e sobre todo unha situación importante que é a creación de emprego que é o obxectivo que perseguimos. Con respecto ó tema que vostedes queren trasladar, de privatizacións, é dicir, nós o que estamos buscando é fórmulas de xestión que melloren esta casa, sempre, é que é o normal, o noso partido se caracteriza por intentar racionalizar o gasto, é dicir, que o gasto poida ser o menor posible co maior servizo. E evidentemente, claro que estamos buscando fórmulas, porque o que está, é evidente que co futuro da situación que estamos a vivir e que podemos vivir as administracións van a ter moitas dificultades, non só esta casa senón os propios concellos, os concellos máis pequenos, e nós facemos os nosos números, temos os nosos números, temos lóxicamente ás persoas que nos asesoran e si que hai que buscar fórmulas de xestión, hai que buscar fórmulas de xestión que pasen porque as administracións cada día, cada día, pois intenten captar máis recursos e que os servizos que se presten sexan loxicamente co menor custe posible para todos os veciños e as veciñas. E fórmulas as hai, é dicir, eu que tiven oportunidade de xestionar algunhas cuestións, nós por exemplo en Vigo fixemos usos de aparcamentos, creación de aparcamentos e de piscinas climatizadas con custe cero para o propio concello. Bueno, pois ó mellor non se chega a ese tope, que é o que queremos todos de custe cero para as administracións, pero si, o que está claro é que vostedes moitas veces con ese modelo que vostedes defenden de progresismo, ó final o único que cargan sempre é o custe á administración, é dicir, para vostedes non existe outra fórmula cando están na oposición, cando gobernan, mire, eu en Vigo en tres anos, cando vostedes gobernaron, cando tiña un alcalde do Bloque, contei 272 asistencias técnicas, en tres anos, 272 asistencias técnicas. Creo que vostedes non son exemplos tampouco na Xunta de Galicia de modelos de xestión, porque todos os chiringuitos que deixaron montados nin se contan, é que xa non somos capaces nin de contalos. Ás veces se piden ós compañeiros de Partido en Santiago que nos manden todos os chiringuitos que montaron e non son capaces de contalos, cada día aparece un, e dentro dun aparece outro, é dicir, montaron vostedes un entramado que é terrible, é dicir, polo tanto, ¿quen privatizou máis?, o que pasa é que é curioso que mentres vostedes gobernan case todos están caladiños, cando vostedes deixan de gobernar a culpa é do PP sempre, aínda que levemos un mes e medio. Pois esa é unha cuestión que está aí, é dicir, eu creo que vostedes, algunhas estruturas sociais que os apoian en momentos determinados, tiñan que empezar a, loxicamente a dicirlle, que home, que se lle mira o plumeiro moi rápido, é dicir, cando vostedes deixan de gobernar, bumba, aparecen todos. Xa hai folgas xerais, xa plantexan folgas xerais, e xa plantexan todo, é dicir, nós non temos nin cen días. Eu creo que iso é pouco creíble, dende logo a cidadanía dunha vez por todas, eu penso que a batalla da rúa, xa por primeira vez, creo que a empeza a gañar o Partido Popular, non sei se será ata sorprendente, sorprendente, porque vostedes eran moi hábiles, son moi hábiles no manexo de certas estruturas sociais, é dicir, de mobilización, de manifestación, e ó final creo que últimamente todos eses métodos empezan a cansar á cidadanía, empezan a fracasar, é dicir, xa nadie os cre, e iso bueno, pois ó mellor teñen que empezar a replantexarse outros modelos de xestión política vostedes, é dicir, eu creo que iso xa está moi visto, que agora salan todos os sindicatos á rúa, quen o cre, despois de catro anos caladiños todos, e resulta que agora en cuestión de dous meses, en cuestión de dous meses algún plantexa ata unha folga xeral. Home, eu creo que é pouco creíble cando vostedes gobernaron, iso si, os seus dirixentes políticos que gobernaron están todos desaparecidos, é dicir, non aparece ningún por ningún lado, é dicir, quere dicir que moi ben non o deberon de facer, porque todo está atrancado, é dicir, non hai cousas novas feitas, agora se empeza a descubrir a realidade da súa xestión, e creo que nesta casa pois, vamos, coa situación que estamos a vivir vamos aguantando, se está facendo unha xestión razoable, equilibrada, é dicir, creo que cun endebedamento pois tamén razoable para os tempos que vivimos, cando outros están tirando e endebedando o país, pois non se sabe para que, nin por que, nin como, se fixo un plan anticrise que se dixo que ía a colocar a non sei cantas persoas, iso é un fraude, un fraude absoluto, é dicir, na maior parte dos concellos que se dixo que se ía a empregar novos traballadores, non chega nin a un 30, nin a un 40% deses novos empregos, cuestión que seguramente haberá que empezar a investigar, porque evidentemente se hai unhas condicións e despois se produce un fraude, e despois o máis grave de todo que hai en certas cidades, que os traballadores non son nin galegos nin españois, non digo de onde son, digo, non son nin galegos nin españois, é dicir, e iso, bueno, pois, é bastante grave. Polo tanto, eu creo que vostedes pouco exemplo poden dar de xestión, creo que evidentemente podíamos facer disto un discurso moi longo, con moitos detalles, con moitas propostas de xestión que vostedes fixeron, pero ó final o exemplo que vostedes nos deron, dende logo a nós no nos gustaría copialo. Eu creo que nós vamos na boa dirección e aí está o respaldo maioritario da cidadanía elección tras elección, está aí, iso quere dicir ó final, os representantes políticos nun estado de dereito como estamos, e nun estado democrático, evidentemente só podemos pois analizarnos ou cuestionarnos polo que digan os veciños e as veciñas, e dende logo, o Bloque Nacionalista Galego cada día ese respaldo é menor, entón algo está fallando, eu creo que teñen que facer unha reflexión, intentar cambiar o discurso, intentar colaborar, intentar, loxicamente, onde están na oposición facer unha oposición construtiva, crítica pero construtiva, e creo que o que non poden facer é con todo o histórico que teñen vostedes, todos os antecedentes, facer unha crítica porque ó final esa crítica non é realmente crible. E vou a rematar, porque podía dar para moito este debate, porque este é un debate político, ó final eu sempre digo o mesmo, as propostas son técnicas, pero detrás desas propostas técnicas hai unha defensa claramente dunha ideoloxía, dunha forma de funcionar, dunha forma de traballar, e o que temos claro é que o obxectivo primordial deste goberno, e non sei por que vostedes ridiculizan o plan para o fomento do emprego e para intentar resolver ou paliar a crise na nosa medida, que sexa o plan Louzán, evidentemente que o Sr. Louzán é o noso Presidente, é o Presidente de toda a Corporación, é o Presidente desta institución, e loxicamente o que ten que facer os pronunciamentos públicos é el, só faltaría, se queren pois tamén os levamos a vostedes, ós Voceiros, cando queiran a unha rolda de prensa, vamos os tres, vai ir o Sr. Louzán que é un bo, o Sr. Domínguez, o Sr. González e o Sr. Mosquera e fan as roldas de prensa, home, para iso é o Presidente da Deputación e para iso ten unha maioría que lle respalda, e que lle respalda dunha maneira suficiente para poder gobernar. Nós nos enteramos do plan estatal pola prensa, aquí teño un compañeiro á miña esquerda que foi a Madrid a unha reunión, que é membro da Comisión Executiva da Federación Española de Municipios, e resulta que o Sr. Zapatero se reuniu 10 minutos con eles, despois de facer o plantexamento á prensa. Polo tanto, bueno pois non sei por que critican tamén, intentan menospreciar este plan. E con respecto ás axudas ós concellos, lle volvo a repetir que non se preocupen, é dicir, todos os concellos da provincia de Pontevedra van a ter un criterio, un criterio para todos, un criterio de reparto, un criterio de axudas e seguramente, se vostedes nos catro últimos anos que estiveron na Xunta fixeran exactamente o mesmo, bueno, o mesmo, como o mesmo, que fixeran só un 20% do que fixeron, seguramente moitos concellos houbesen avanzado máis. Creo que vostedes non respectaron, non respectaron nin a relación institucional con moitos dos compañeiros que están aquí sentados e que son alcaldes, a algúns nin os recibiron, e iso, bueno, pois evidentemente tamén é certo, tamén é certo que os cidadáns o puxeron onde o tiñan que por, se ó final nos poñen a todos no noso sito, iso téñano moi claro, se vostedes están na oposición aí é por algo, se nós estamos no goberno non é fruto da casualidade tampouco, os cidadáns son o suficientemente intelixentes como para darse conta das actitudes e dos comportamentos de cada un e dos grupos políticos, e de momento parece ser, parece ser que nos están dando a razón, xa veremos, é dicir, xa veremos ata cando. De momento a nós nos respalda algo que se chama votos e que se chama maiorías, e por desgracia, incluso nin coas maiorías, nós temos que ter un condicionante añadido, maiorías absolutas. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Ten a palabra D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Sr. Figueroa, vamos a ver, as súas, os seus discursos así tan longos, tan prolixios, tan variopintos contraditorios e demais, son unha característica persoal, pero non só iso neste caso, é que vostedes seguen en campaña electoral permanente, é un discurso de campaña electoral permanente, xa nos coñecemos, e entón cando estamos en campaña electoral soltamos estas peroratas falando do divino e do humano e senón pois ceñímonos ou procuramos ceñirnos ós puntos da orde do día, fala do divino e do humano, non sei que de chiringos, non sei que doutras historias, ¿cando se van poñer a gobernar na Xunta?. Se pon a falar agora da Xunta, parece que estamos aquí na Xunta, parece que somos aquí non sei que, ¿cando se van poñer a gobernar?, claro, porque, agora lanzaron a campaña de chiringos, buratos e non sei que. Eu lle teño escoitado aquí a vostede mesmo que se o Consorcio non sei que desgracia, agora mantéñeno, resulta que era bo, etc., etc., entón dedícanse a criticar, como na campaña electoral, e non a facer, non a facer, ou si a facer certas cousas. Que casualidade, a ver, ¿por que, por que, nin nesta modificación nin no orzamento vai unha subvención para a Asociación Galega de Editores, 40.000 míseros euros que viñan dende hai 20 anos, ¡que casualidade!, ¡que casualidade!, ¡que casualidade!, total, é irrelevante, tanto para a asociación como para isto, pero con carácter simbólico, pero, que, que, ¿por que teñen gana de?, ¿por que están nesa cruzada contra o galego?, ben, entón vostedes tamén están. Non nos veñan con andrómenas de xestión, vamos a ver, por xestión, ese plan anticrise que vostedes saben, que non sei, como sigan así, se a crise non dura as peores previsións xa chegará tarde, pero por desgracia aínda así vai chegar a tempo, por que inflan o Servizo de Contratación transitoriamente disto, isto é unha distorsión administrativa, sería moito máis eficaz que contrataran os concellos, non nos veña con esa historia porque realmente o que está dicindo é que hai unha intencionalidade política, hai unha intencionalidade política clara, e que é obvia e o declarárselle publicamente vostedes saen con tinta de calamar. Repito, a súa pretensión, a súa pretensión nestes momentos nesta Deputación é que son ordes de fóra, obviamente, é reforzar o papel da Deputación porque vostedes non gobernan sobre a maioría da poboación da provincia, e tamén lle vai afectar ós seus habitantes, obviamente a todos, é poñer en cintura, ou sexa, controlar ós concellos na súa xestión. Esa é a súa intención, esa é a súa intención, claramente, claramente, e para iso rompen con todo nas predicións. ¿Qué están dicindo?, que cando adxudicaban os concellos era un mandato xestión, ou sexa, levan toda a vida nesta Deputación xestionando mal, bueno, obviamente, obviamente que non. Bueno, evidentemente non nos vamos a dedicar a contestar toda esa perorata porque igual é capaz a sacar outra, pero só lle podo dicir unha cousa, mire, a técnica de tu más, a técnica de tú más, cando estamos cun expediente que está analizando o expediente e nada máis, o único que significa é recoñecer “yo mucho”, “yo mucho”, e vostedes están collendo unha deriva nesta Deputación, están collendo unha deriva nesta Deputación, que vai na liña que acabamos de dicir. Curiosamente, e se o quere entender na clave que vostede ten perfectamente, naquela famosa declaración de Ciudad Real, o seu Presidente estatal, Mariano Rajoy, díxolle que non se debían facer modificacións de crédito, bueno, unhas barrabasadas sen tino, e cara fóra véndese aforro, xestión, racionalidade, as outras forzas políticas son un desastre, un despilfarro, sectarias e non sei que, verdade, ese é o seu discurso. Resulta que cando están na oposición e hai xente que o comparte, e á parte aquí en Pontevedra, pois intentan aplicar ese discurso, e din unhas burradas de marcha maior, non, en comparación a cando están no goberno que fan xusto o contrario do que din, xusto o contrario do que din. Claro, ¿por que?, entón fan referencia, ou sexa, é practicamente, practicamente a vostedes hai que aplicarlle sempre “Dime do que presumes e direiche do que careces”. Se vostedes din “somos transparentes”, ¡bueno! ¡oh!, ¡bueno!, ¡oh!, temblar, é que fabricamos obxectividade, temblar, é que estamos, temblar, temblar, se agora están nunha campaña de que, bueno, da que sexa, temblar, exactamente sempre o contrario, sempre o contrario, gustaranos ver, ver eses pasos que di, que nos próximos días, eses próximos días do plan anticrise xa non sei cantas veces os escoitamos aquí neste Pleno, eu creo que o levamos escoitando dende o Pleno de decembro, dende o Pleno de decembro levamos escoitado “nos próximos días, nos próximos días”. Ben, eu creo que o tema está, cremos que o tema está suficientemente debatido, vostedes teñen maioría, dende logo a razón non a teñen, non a teñen, pero como teñen maioría é sagrado, nós dende logo non podemos compartir esta maneira de funcionar. Sr. Presidente.- Moitas gracias D. Cesáreo Mosquera. Ten a palabra D. Emilio González. Sr. González Iglesias.- Sr. Figueroa, hai analistas políticos en España que din que a situación política en España é mellor que noutros países europeos porque nas eleccións a extrema dereita non saca votos. A verdade é que non é tan así, a verdade é que o problema de España é que a extrema dereita está nalgún sector do Partido Popular, e parece, parece polo seu discurso Sr. Figueroa, que vostede forma parte dese sector, porque claro dicir, como se acaba de afirmar aquí, que hai que ver as contratacións, porque xa está claro que hai traballadores que non son galegos nin españoles nas contratacións. Mire, iso é xenofobia, dito así como o dixo vostede é iso, punto. E é un plantexamento, volvo a repetirlle, tradicional da extrema dereita, o que pasa é que iso dito nun país como Galicia, onde non hai ningunha familia, ningunha, que nos últimos 60 anos non tivera algún membro traballando fóra de aquí, é moi duro, é bastante máis duro que dito en calquera outro sitio, e eu pensaba, e vostede ten algúns na súa familia tamén, eu pensaba, pensaba que iso nos tiña vacunados contra a xenofobia, miro que non é así, desgraciadamente non é así, pero bueno. Por certo, fala vostede da folga dos traballadores do metal, e parece que a folga é contra o Partido Popular porque é o que está gobernando na Xunta, é o que se desprende da súa afirmación. Mire, por recordar, nada máis, simplemente por recordar, hai dous anos vostedes non gobernaban na Xunta de Galicia e traballadores do metal asaltaron directamente a sede da Xunta en Vigo. Home, ¿que quere que lle diga?, non era contra o Partido Popular, está claro, nin é esta nin era aquela, nin era aquela contra os que gobernaban tampouco. Os traballadores teñen unhas reivindicacións e utilizan o que cren conveniente, que se pode compartir ou non, pero que cren conveniente para conseguilas, punto. Por certo, mire, Sr. Figueroa, por suposto que nós respectamos os resultados das eleccións e os cidadáns nos puxeron na oposición aquí e no goberno da Xunta de Galicia, pero, bueno, a vostede tamén o puxeron na oposición en Vigo, ¿que quere que lle diga?, claro, é dicir, nos podemos rasgar nós as vestiduras aquí e vostede en Vigo, pero poñen a cada un no seu sitio e eu son dos que sempre dixen que os cidadáns non se equivocan nunca cando votan, nunca, votan realmente o que queren votar e son libres para facelo, e eu o único que fago ós cidadáns é felicitalos polas súas decisións, pero nada máis. Agora, xa lle digo, na Xunta nos puxeron na oposición e a vostede en Vigo tamén. Curiosamente, curiosamente, isto vén a fío un pouco do plantexamento que contén hoxe o punto da orde do día, é dicir, no único concello, no único concello onde esta Deputación investiu directamente nos últimos anos foi en Vigo. Porque claro, vostedes estaban no goberno e eran incapaces de lograr acordos para aprobar un orzamento e tiveron que buscar o suterfuxio de facer as contratacións dende a Deputación. Resultado final, vostedes na oposición. Dígollo para que vaian tomando un pouco nota do tema, porque probablemente lles vaia a pasar o mesmo en máis concellos, probablemente e probablemente tamén se tomen en concellos onde non poidan facer as obras que queren facer, con toda a claridade do mundo, porque as competencias non son de vostedes, son dos concellos, e van a ser os concellos os que elixan. E por certo, fala vostede de que teñen criterio para o reparto, pero diga cal é o criterio, porque levan seis meses anunciando o plan e o criterio non é público, seis meses. Por certo, Sr. Figueroa, di vostede que, bueno, está rematando un plan de inversións da Deputación e por iso fan outro agora mesmo, certo, pero rematou hai seis meses o plan de inversións da Deputación, rematou en decembro, e levan seis meses sen ser capaces de sacar adiante o plan seguinte. Por certo, por certo, o que di vostede efectivamente é así, e vén a teses que mantivemos algúns no Pleno do orzamento, que é tan simple, tan simple, como que non hai ningún plan anticrise, non hai ningunha cousa extraordinaria senón simplemente estamos falando exactamente do mesmo plan de hai tres anos, o Plan de Acción Municipal, simplemente cun crédito amais de 50 millóns de euros, punto. Non hai máis, aquel non colocaba esta casa nunha situación de quebra técnica e este si, e por riba non son capaces en seis meses de dicirnos cal é o criterio de reparto e todas as demais cousas que anuncian, di que o teñen pero non o fai público. Iso si, é dicir, eu non dubido en absoluto, en absoluto, da súa eficacia, en absoluto, é dicir, a ver, déixeme recordar, plan de recollida de basuras provincial, última xuntanza, agosto do ano pasado, é dicir, vai facer un ano o próximo mes e seguimos na mesma situación, non avanzou en nada, absolutamente en nada, eficacia, chámase eficacia Sr. Figueroa. Por certo, bueno, podemos falar do tren de alta velocidade, de moitas máis cousas, que claro, cando vostedes estaban na oposición en Santiago sacábano a pasear e agora non, agora están caladiños co tema. Se non é utilizar as institucións para facer oposición noutros lados, pois dígame vostede como se chama iso. Si é certa unha cousa, Sr. Figueroa, parece que a vostede danlle a orde de utilizar determinado tempo, un tempo determinado en cada intervención, e é o que fai, e enche a intervención co que sexa, e vai dicindo cousas, e claro, dicindo cousas que dan pé a ridículos como este. Por certo, mire, de verdade, é dicir eu non teño ningún inconveniente, pero ningún, en asistir a un debate con vostede sobre o que acaba de dicir, o que pasa é que claro, vostede me di “non vamos a debater os catro últimos anos do goberno de Galicia”, e eu si, perfecto, e os dezaseis anteriores de vostedes tamén, e os criterios de reparto dos dezaseis anteriores, que eran bastante peores que os dos catro pasados, pero bastante peores, tanto nun lado coma no outro, e simplemente, simplemente lle dou un dato, volvo a repetir, eu non teño inconveniente en asistir con vostede ó debate cando queira, sobre ese tema, e tamén, anticípolle xa, vou poñerlle enriba da mesa cales son os concellos paraísos fiscais, que curiosamente van a coincidir cos de maior inversión do Partido Popular cando gobernaba na Xunta, que vai a seguir facendo agora igual, e dende as Deputacións, onde vostedes gobernaban. Resultado final desa historia, un paraíso fiscal nese concello, e no do lado, claro, había que cobrarlle as taxas e os impostos ó mesmo prezo que nos demais concellos de fóra de Galicia. Fíxese, por algo sería, xa lle digo, póñolle eses dous datos, os datos enriba da mesa, e cando queira o debate onde queira ese debate, cando queira e onde queira, sen ningún tipo de problema. Está claro que isto non dá para máis, é dicir, se vostede non fai as referencias que fixo na contestación eu non lle houbera contestado porque o criterio non o anuncia, non sabemos se van a investir, que cantidade e con que criterios en cada concello, e por certo, mire, eu para nada quero asistir a ningunha rolda de prensa co Sr. Louzán, para nada, o que si me molesta, o que si me molesta, é que sen facer públicos os criterios de reparto, sen facer públicos se os concellos teñen que aportar algo ou non, o Sr. Louzán anuncie en cada concello determinado as inversións que lle van a tocar, cando os demais non o sabemos, nin a oposición aquí nin os demais concellos. Dígame vostede como se chama iso, porque nome moi normal non ten, non ten nome, nun sistema democrático non ten un nome agradable. Vamos a votar en contra loxicamente deste punto. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. González. Ten a palabra o Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Sr. González, eu me considero tan, tan progresista como vostede e sempre o dixen, e volvo a defender o que dixen, vostede sabe perfectamente que no plan estatal había unha condición, que os traballadores tiñan que ser contratados do paro, e sabe vostede que non se está a cumprir, primeira cuestión. Bueno, se me deixan rematar, se me deixan rematar, se me deixan rematar. Sr. Presidente.- Por favor. Sr. Figueroa Vila.- Esa é unha parte e a segunda seguir mantendo o emprego. E sabe perfectamente o que lle digo, sabe perfectamente que nalgúns sitios, nalgúns sitios non está habendo control, e que non se está cubrindo nin o 50% dos obxectivos marcados para a xeración de emprego, e que a maiores hai persoas que non teñen a residencia nin teñen o permiso de residencia e están traballando neses concellos. Polo tanto llo volvo a repetir para que, mire, llo volvo a repetir, lle digo que nalgúns concellos non hai nin galegos nin españois e lle sigo matizando, algúns que non teñen nin o permiso de residencia. E vostede sabe perfectamente o que lle estou dicindo, ¿Sabe como se chama iso?, fraude, fraude. ¿Sabe por que?, porque están utilizando a algúns traballadores en condicións que non son as adecuadas para facer traballos e cubrindo uns obxectivos de certas empresas e de certos obxectivos desas empresas para facer os seus traballos, e saben perfectamente todos do que estamos a falar. Polo tanto, non mezcle vostede ningún tema de xenofobia nin nada que se lle pareza, porque llo volvo a repetir, é que estou perfectamente, me ratifico no que dixen e ademais lle reafirmo aínda moito máis esa situación. Mire, nós gobernamos dezaseis anos na Xunta, vostedes non foron capaces de pasar por catro, cumpriron, bateron o récord, o récord de calquera comunidade autónoma en España. Pero ¿sabe cal é o problema?, é que agora non van a estar dezaseis, van a estar mínimo outros vinte máis, é dicir, é o que lles queda, é dicir, ¿por que?, porque a cidadanía, a cidadanía se deu conta perfectamente en tres anos ou tres anos e medio como xestionan vostedes, eu lle podería poñer mil exemplos de cómo se fixeron contratacións nas consellerías de vostedes. Dende a Consellería de Medio Ambiente se falou dun plan de 200.000 euros mínimos para os concellos ¿sabe quen o adxudicou?, o Sr. Pachi Vázquez, ese, bueno, ata o fixo por contrato ordinario, porque a característica del eran as emerxencias, ou as urxencias, non, máis de emerxencia, que é adxudicalo como lle dá a gana a un e despois resulta que as obras de emerxencia que se adxudicaron a día de hoxe aínda non comezaron. Polo tanto, ese é un exemplo, un só, é dicir, dos moitos que lle podía poñer. Con respecto á situación que nos coloca a cada un, si, si, ¿sabe cal é a diferencia?, que nós cando gobernamos temos que gobernar con maioría absoluta e vostedes gobernan con minorías. Vostede pon o exemplo de Vigo, pois o Partido Popular ten 25.000 votos máis nas últimas eleccións municipais que vostedes na cidade de Vigo, e case 40.000 máis que o Bloque Nacionalista Galego, mire cal é a diferencia, é a preto de 1.000 e pico votos dunha maioría absoluta ten que ir á oposición. Bueno, pois vale, pois estamos na oposición. Pero con 25.000 votos máis que o alcalde, case nada, é dicir, non son 1.000, nin 500, nin 600, 25.000 votos máis que vostede. E nós claro que queremos facer un reparto equitativo e racional para todos os concellos, que é o que estamos a preparar, que está deseñado e que por iso nesta modificación de créditos se trae unha partida de nove millóns e medio de euros para incrementar esa partida global. Polo tanto esa é a diferencia, a única diferencia é esa, é dicir, a importante, que nós estamos no fondo do tema preparando os asuntos para que os concellos se vexan beneficiados e vostedes parece ata que lle molesta que esa situación se poida producir. E como este debate non dá para moito máis, claro que é certo, claro que é certo que nós estamos no que temos que estar, pero a diferencia que hai é que mentres nós, na Xunta de Galicia se está dicindo a verdade deses plans fantasiosos que vostedes tiñan, é dicir, porque claro, falar de proxectos, de maquetas, e resulta que sen ter financiamento detrás, pois iso é moi fácil para todos, pero claro, cal é a realidade que nos encontramos, que a maior parte deses grandes proxectos non tiñan consignacións, tiñan, iso si, expedientes inflados en publicidade, expedientes inflados en promoción, expedientes inflados en marketing, miren, vou poñerlles só un exemplo, o Hospital de Vigo se presentou sete veces á sociedade viguesa, sete, primeiro ós colectivos sociais, despois ós empresariais, despois a todos xuntos, despois outra vez ós de sanidade, despois volveuse a presentar outra vez para os políticos, é dicir, sete veces en tres anos, e resulta que cando nos enteramos non hai financiamento. Pero podemos falar de moitisimos máis proxectos da nosa provincia na mesma situación. O Plan Integra, foi un absoluto ridículo, o 90 ou o 99% da poboación en contra, para unha cousa que presentan se lle pon a poboación totalmente en contra. A Ponte de Rande, miren vostedes agora, ata o Enxeñeiro Xefe que construía a Ponte de Rande despois de dous anos e medio nos vén a dicir que é imposible a ampliación deses viais, o Enxeñeiro Xefe, o Director da obra da Ponte de Rande. Home, eu creo que, de verdade, hai algúns conselleiros ou conselleiras que fixeron o ridículo de tal maneira, eu dende logo como vigués, coa conselleira que vostedes tiveron os compadezo, eu se son compañeiro dela dende logo canto máis lonxe mellor, non sei se era do Partido ou non era do Partido, ou a ficharon porque era amigo do Presidente, ou amiga do Presidente, pero evidentemente, evidentemente lle fixeron un flaco favor. Dende logo déannos así moitos políticos, ó noso grupo, ogallá que vostedes teñan moitos políticos dese nivel, porque dende logo, manda narices, unha conselleira da cidade de Vigo que non fixo nin unha soa obra na cidade, non fixo nin unha soa inversión na cidade, e para os poucos proxectos que presentou o 90% da poboación se lle puxo en contra. Eu me imaxino que vostede que ten experiencia, e iso comentámolo moitas veces nos partidos, supoño que vostedes, dentro, a nivel interno, a teñen que poñer pero nun sitio bo, no altar, no altar, no altar, pero das súas oracións, porque dende logo eu creo que foi unha magnífica conselleira pero para o Partido Popular, iso dende logo, eu creo que así, conselleiras así ou conselleiros, ogallá que teña moitos o Partido Socialista. Eu creo que isto non dá para máis, o importante é aprobar esta modificación de crédito dos 15.000.000 de euros que implementan o presuposto e que ó final pois poidamos levar a cabo as políticas que dende logo se plantexan dende o goberno, e esperemos que a oposición, nese plan, nese plan que poñamos en marcha, ó final nolo vote, porque estamos convencidos que nolo van a votar a favor, mire o que lle digo, totalmente convencidos, ademais vostedes, o Sr. Zapatero lles deu as directrices para absterse como mínimo, eu creo que van a votar a favor, estou convencido que van a votar a favor. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Vostede me di a min sempre que o que propón é o que cerra, ¿non?, ¿entón?. ¡Ah!, bueno, teño en consideración entón ese tema, é para recordarllo. Nada máis. Ten a palabra D. Emilio González. Sr. González Iglesias.- Si, Sr. Figueroa, mire, clariño pero clariño de todo. Di vostede que coñece que en diferentes obras hai contratadas persoas sen papeis. Sr. Figueroa, iso se denuncia, se denuncia Sr. Figueroa, non se deixa caer así como está facendo vostede, non, Sr. Figueroa, mire, Sr. Figueroa, iso se denuncia e se di, mire, na obra a, b e c, hai estes señores contratados sen papeis. Sr. Figueroa Vila.- Xa está denunciado Sr. González. Sr. González Iglesias.- Mentres non o fagan e mentres non o fagan e faga a intervención como acaba de facer aquí, volvo á teses de antes, vostede está no plantexamento da extrema dereita, punto, que é bastante normal. Por certo, mire, con respecto á conselleira á que facía alusión antes, home, eu non teño ningún inconveniente en dicirlle que eu tiven diferencias importantes con ela, ningunha, como supoño, supoño, que vostede as ten co Sr. Bárcenas, supoño que tamén teñen diferencias importantes, e dende logo os motivos son moi diferentes, son moi diferentes, son moi diferentes. ¿Que quere que lle diga?. Facía unha referencia hai un momentiño vostede á ampliación da Ponte de Rande, que se o Enxeñeiro Xefe, agora, despois de dous anos e medio di que non é posible, etc., etc. Ben, o que vostede queira, pero eu leo a prensa de onte e na prensa de onte aparece que o Presidente da Xunta de Galicia ínstalle ó Ministro de Fomento a ampliación da AP-9, ¿que quere que lle diga?, non sei, non sei, creo que é do seu partido ¿non?, vale, bueno, creo que está aclarado o tema. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Vostede tamén. Bueno, despois terei que intervir eu tamén. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, si, non hai ningún problema. Mire, eu simplemente quería dicir dúas cousiñas, home, primeiro pedir desculpas ó Sr. Sotelo por sometelo a esta tortura así, co esforzo que fixo para vir acá. E segundo, pedirlle desculpas á que parece, non sei exactamente a que vén todo este debate, porque ás doce, xa pasou de largo, a Pontevedra, pois viña o Presidente da Xunta en visita institucional, vou a referirme, non, en plan moi correcto, porque con iso do bilingüismo harmónico é Alberto Núñez Feijoo ou “Alberte Núñez Habichuela”, pero á parte diso digo, para que non haxa problemas. Sr. Presidente.- Núñez. ¿Como era o segundo apelido?. Sr. Mosquera Lorenzo.- Habichuela. Sr. Presidente.- ¿Habichuela?. Sr. Mosquera Lorenzo.- Feixoo en español é “Habichuela”. Dígoo para o bilingüismo harmónico e máis para a supresión de subvencións e a liña dese bilingüismo, ¿como é?, non, non, harmónico non, era amable. Sr. Presidente.- Harmónico e amable … Sr. Mosquera Lorenzo.- Pois exactamente, creo que é, creo que é Alberte Núñez Feixoo ou, dígoo por respecto a el, “Alberto Núñez Habichuela”. Pero digo que é a falta de respecto de non poder ir alí e estar aquí perdendo o tempo en voltas falando do divino e do humano, pero bueno, en todo caso é o Sr. Sotelo, Enrique perdoa, en fin. Sr. Presidente.- Non, pero xa está habituado. Sr. Mosquera Lorenzo.- Hai, xa está, non, pero dígoo polas tal. Grazas. Sr. Presidente.- Moitas gracias polo tono humorístico que lle pon sempre o Sr. Mosquera ó asunto. E bueno, eu creo que, ¡ah!, perdón, ten a palabra por suposto o Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Non, só para rematar. Mire Sr. Mosquera, ¿sabe cal é a diferencia?, que o Sr. Presidente que está aquí sentado, o Sr. Touriño, vostedes como cómplices, nunca o recibiron, e o Sr. Feijoo, como di vostede doutra maneira, que bueno, que a min me parece que merece un respecto, hoxe está no concello de Pontevedra tratando temas importantes para a cidade. E iso é o verdadeiramente importante, é dicir, seguramente a vostede ó mellor, eu que sei, ó mellor ata lle molesta que o Sr. Feijoo estea hoxe na cidade de Pontevedra, pero estou convencido que vai a implicarse con esta cidade e eu como vigués me sentiría orgulloso de que o meu Presidente, o Presidente de todos os galegos se implique coa cidade de Pontevedra, porque para os vigueses a cidade de Pontevedra é importante, é a nosa capital, é a nosa capital, mire o que lle estou dicindo, pero vostedes, vostedes non teñen nin a delicadeza de respectar ós de Vigo. Eu creo que é infantil, que é demagóxico, e que é de pouco nivel político e intelectual, que unha persoa para pedir algo para el diga que non lle dean algo a outro. Iso é do máis baixo nivel político que eu me encontrei, é dicir, para que non me castiguen a min que castiguen ó outro. Dende logo, os vigueses nos sentimos orgullosos de que Pontevedra sexa a capital, pero tamén nos sentimos orgullosos de que un Presidente da Xunta respecte a Pontevedra e tamén respecte a Vigo. Sr. Presidente.- Bueno, pois eu creo que non estivo nada mal, verdade, esta intervención. Gracias Sr. Mosquera. Ademais eu creo que nós somos o goberno do sentido común, porque eu, non, pero estamos en este tono cordial e vostede lle chama bilingüismo harmónico, vamos a falar cun vocabulario afable, e dicía que somos un goberno de sentido común, porque 55 días despois de tomar posesión como Presidente da Xunta de Galicia, que o Presidente da Xunta de Galicia veña, neste caso, por segunda vez a Pontevedra, a entrevistarse co alcalde, despois, por certo, de facer o consello da Xunta por primeira vez fóra de Santiago, e habelo feito en Pontevedra, e 55 días despois veña a entrevistarse cun alcalde, que é o alcalde de Pontevedra, non en votos, senón nun acordo posterior, pero que ó mesmo tempo é o alcalde de Pontevedra, non hai nada que dicir en contra, pois creo que é unha verdadeira lección de sentido común, de sentido común. Xa lle digo, 55 días só despois de ter tomado posesión de Presidente da Xunta de Galicia. E igual pasa, que esta mañán me chamou ás 8 da mañán a Conselleira de Sanidade dicindo que o alcalde de Pontevedra, que esperamos, igual que pasou co caso de José Enrique Sotelo, pois que teña unha pronta recuperación, pois el plantexou unha cuestión de sentido común, que ía a ser intervido e que quería ter unha entrevista coa Conselleira de Sanidade e creo que está prevista para o próximo luns, ou sexa, que polo tanto isto en política debía darse habitualmente e polo tanto quizais teñan que tomar exemplo do sentido común que está aplicando este goberno actual da Xunta de Galicia. Considero que se fose ó revés, con vostedes na Xunta de Galicia, isto non houbera sucedido, para mal, pero bueno, como é un goberno serio, responsable, e neste caso que ten moito sentido común pois así se vai a facer. Polo tanto eu me felicito diso, igual que facía o Sr. Figueroa, porque creo que esas cousas son boas para todos, especialmente para os cidadáns. Pero bueno, vamos ó tema que nos ocupa, que eu creo que xa está suficientemente debatido e creo que non hai máis nada que engadir, que o Sr. González, pois, quería desvíar a atención hacia unha cuestión de xenofobia, etc., que non ten ningún sentido, porque eu creo que non sei se vostede recordará que o Sr. Zapatero dicía que ía a reducir con ese plan os catro millóns de parados, e entón o Sr. Figueroa lle estaba intentando explicar que os catro millóns de parados están no cómputo de España e de Galicia, de España e de Galicia, non noutros países, en Portugal, ou persoas que son residentes noutros países. Entón, vostede como non entendía, era para explicarlle que como el presentou ese plan dicindo, “Eu vou a reducir drasticamente o paro con este plan para os concellos, que prexudicou por certo a Galicia, porque temos moita dispersión e el só fixo unha valoración desa contía económica para darlle ós concellos considerando só neste caso o tema da poboación, e creo que discriminou unha vez máis a Galicia. Entón el o que quería explicarlle con claridade e con …, o que pasa que eu, ás veces un fai que non oe ou fai que non entende, pero o que realmente pasou, sobre todo na cidade de Vigo, é que había moitos do país veciño que non estaban dentro deses catro millóns de parados, senón que eses estaban computados nos parados que ten Portugal. Home, é certo que nós temos que solidarizarnos con Portugal, pero nós dalgunha maneira, como o Sr. Zapatero ofertara iso, pois creo que era bo reducir o paro en España. Pero, xa digo, eu como respectei a súa opinión pois agora vostede vai a respectar a miña, e agora vamos a proceder á votación do expediente de modificación de créditos número 1/2009. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por maioría, cos votos a favor do PP e cos votos en contra do PSdeG-PSOE e do BNG, aprobar o expediente de modificación de créditos número 1/2009, que resumido por capítulos presenta a seguinte estrutura: Capítulo 2º Gastos en bens correntes e de servizos 2.290.800 € Capítulo 4º Transferencias correntes 560.000 € Capítulo 6º Investimentos reais 12.237.000 € Capítulo 7º Transferencias de capital 343.626 € Total variacións por capítulos 15.431.426 € Dito expediente será exposto ó público, para efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado en caso de non producirse estas. 4.5833.- RESOLUCIÓN DAS ALEGACIÓNS PRESENTADAS Ó PROXECTO “ACCESO OESTE A MONTECELO. TRAMO I: PO-223 Á AVDA. DE BOS AIRES”. APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO DE TRAZADO Sr. Presidente.- Punto número 4. Resolución das alegacións presentadas ó proxecto “Acceso oeste a Montecelo. Tramo I: da estrada provincial 223 á Avda. de Bos Aires”. Aprobación definitiva do proxecto de trazado. Non sei se hai algún comentario. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Moi brevemente, simplemente felicitarnos de que sala adiante e mellor non recordamos algún retrasiño que houbo, tanto por intervencións alleas ás institucións como por certa tramitación e broncas bastante inorportunas, de aí felicitámolos por tal, agora quédalle a redacción do proxecto e empezar as obras. A ver se logramos que sexa canto antes. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Pois moitas gracias. Eu supoño que si, vamos a empezar canto antes esas obras, bueno, están iniciadas, eu creo, polo menos están facendo os estudos xeotécnicos, alí máquinas hai, ou sexa que polo tanto para poder dar inicio ás, bueno, pois ós movementos de terras e posterior colocación dos pilares desa nova ponte de Monteporreiro. ¿Non sei se hai algunha intervención máis?. Si. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moi brevemente. Para facer o proxecto construtivo evidentemente hai que facer o xeotécnico, senón se sabe xusto, xusto o que hai debaixo non hai maneira de dicir ata que profundidade hai, entón estase elaborando o proxecto e iso forma parte dos traballos do proxecto. Esperemos que estea canto antes e se poida facer. Sr. Presidente.- Moi ben, pois así era. ¿Algunha intervención?. Non habendo máis intervencións procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O proxecto de trazado "Acceso oeste a Montecelo. Tramo I: PO-223 á Avda. de Bos Aires" que está dotado dun orzamento de 4.773.140,98 euros, foi aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación Provincial o 30 de novembro de 2007. A posta en marcha deste acceso, que leva consigo a execución dun vial no que é necesaria a construción dunha nova ponte sobre o río Lérez e a urxencia da cal fora manifestada polo concello de Pontevedra, requiriu a cooperación da Deputación Provincial de Pontevedra ó exceder a súa execución as posibilidades municipais, para o cal se articulou un Convenio de colaboración aprobado polas respectivas Corporacións, sendo incluída a devandita obra dentro do plan de vías provinciais -período 2007/2011. O proxecto ten por obxecto definir as obras necesarias para habilitar un acceso ó complexo hospitalario de Montecelo de maneira que se evite a conxestión actual dos viais existentes e se estruture un complemento á rede viaria da cidade de Pontevedra, xa que existen movementos dos itinerarios os cales é necesario optimizar. Tendo en conta que a localización da nova ponte está incluída na Rede Natura como Lugar de Interese Comunitario, redactouse -por parte da empresa adxudicataria das obras tal e como constaba no prego de condicións- un estudo de impacto ambiental (que foi supervisado por técnicos desta Administración) e que é conforme coa normativa comunitaria, estatal e autonómica aplicable. O devandito estudo de impacto ambiental foi aprobado polo Pleno da Corporación Provincial na sesión extraordinaria celebrada o día 12 de setembro de 2008. Pola súa banda a Dirección Xeral de Calidade Ambiental emitiu, o pasado 25 de maio de 2009, a correspondente Declaración de Impacto Ambiental do citado proxecto, sinalando unha serie de medidas que serán recollidas no proxecto construtivo. Logo da tramitación ambiental cómpre resolver as distintas alegacións presentadas durante o período de exposición pública (BOP nº 239/data 12 de decembro de 2007) ó proxecto de trazado “ACCESO OESTE A MONTECELO TRAMO I: PO-223 Á AVENIDA DE BOS AIRES”; é por iso que á vista do informe emitido polo Servizo de Infraestruturas e de acordo co ditame da Comisión de Infraestruturas e Servizos Xerais, o Pleno acorda por unanimidade: Primeiro. A resolución das alegacións presentadas ó proxecto de trazado “ACCESO OESTE A MONTECELO TRAMO I: PO-223 Á AVENIDA DE BOS AIRES” segundo o seguinte detalle: a)Desestimar as alegacións presentadas por D. Leoncio Feijoo Lama e D. Jesús López Fernández -alegacións idénticas no seu contido- de acordo cos seguintes fundamentos técnicos e xurídicos: ALEGACIÓNS I A III: O MOSTEIRO DE LÉREZ E O SEU CONTORNO ESTÁ DECLARADO COMO MONUMENTO HISTÓRICO-ARTÍSTICO E PAISAXE PINTORESCA E BIC Resumo: As cualificacións de protección con que conta o Mosteiro de Lérez e o seu contorno limita as actuacións a realizar nas súas proximidades. Motivación da desestimación: O Decreto de 21 de xullo de 1946 polo que o Mosteiro de Lérez e os seus arredores foron declarados Monumento e Paraxe pintoresca, non conta con cartografía onde se reflictan os límites da paraxe declarada. No curso da prospección arqueolóxica intensiva procedeuse á consulta dos inventarios municipais e consulta da información e documentación existente no Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural depositado no Instituto de Conservación e Restauro de BB.CC (baleirado de Fichas de Inventario de Xacementos Arqueolóxicos de Galicia, Inventario de Bens Arquitectónicos e Etnográficos, etc.), Catálogo de Patrimonio Cultural, normativa de protección de bens culturais, etc. Durante a devandita consulta ós arquivos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, non se localizou ningunha representación cartográfica da delimitación de protección do ben. Igualmente consultouse a figura de Planeamento Urbanístico (PXOM de 1989) vixente no municipio onde se encadra a obra, onde unicamente se designa o espazo do Mosteiro e a súa contorna inmediata como Ben Cultural Protexido. Respecto ó carácter pintoresco da contorna do Mosteiro de Lérez, que propicia a súa cualificación como contorna protexida, hai que sinalar que o punto de partida do proxecto de referencia está formado por un enclave totalmente urbano, onde xunto a edificacións tradicionais conviven vivendas modernas, algunhas de moi recente construción, que determinou a perda obxectiva do carácter de pintoresco para a zona. Na vista fotográfica que se ofrece a continuación apréciase a paisaxe que pode observarse cara ó norte dende a glorieta de enlace coa PO-223, a escasos metros do Mosteiro; nela obsérvase a predominancia de chalés de nova construción, que desprazaron totalmente a vivenda tradicional. Esta situación repítese con maior ou menor grao desde o Mosteiro ata as ribeiras do río Lérez, estando a marxe esquerda do río totalmente urbanizada (urbanización de Monteporreiro), perdéndose por completo o carácter pintoresco. A continuación recóllense algunhas das edificacións de recente construción situadas na ladeira dereita do río Lérez, na contorna do Mosteiro. A perda do carácter pintoresco da contorna vese agravada polo estado de degradación no que se atopa a vexetación da zona. O antigo mosaico de parcelas dedicadas ó cultivo tradicional atópase totalmente alterado, dominado pola crecente presenza de parcelas edificadas con xardíns e parcelas abandonadas colonizadas por especies ornamentais e invasoras que ameazan a vexetación autóctona da ribeira, como o eucalipto, a acacia e a falsa acacia. Na contorna do novo viario esta situación de regresión veríase investida coa aplicación da medida compensatoria recollida no apartado 11.12 do EIA, que consiste na realización de labores de eliminación de especies vexetais non autóctonas e invasoras (robinias, acacias, bambú, etc.) que actualmente se están propagando sen control polas ribeiras, ameazando a pervivencia das especies autóctonas. Profundando neste sentido convén sinalar que no curso da tramitación do Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto elaborouse unha documentación complementaria ó estudo de impacto ambiental, alegacións técnicas, onde se inclúe un estudo de integración paisaxística da infraestrutura, co obxectivo de asegurar o mantemento da visibilidade existente na zona. No devandito documento analízase a visibilidade da vía dende o Mosteiro de Lérez e dende os camiños da ribeira existentes en ámbalas dúas marxes do río. Deste estudo dedúcese que a profusión de vexetación existente na zona, dificulta nun alto grao a visibilidade da vía dende o Mosteiro e a súa contorna, así como dende os camiños da ribeira. Para reforzar este apantallamento vexetal deseñouse unha revexetación da infraestrutura, que permite reducir por completo a visibilidade da mesma. A documentación complementaria foi presentada ante a Dirección Xeral de Patrimonio, organismo competente sobre as distintas proteccións relacionadas co Mosteiro de Lérez e a súa contorna e que se compendían na cualificación de Ben de Interese Cultural (BIC). Analizada pola Dirección Xeral de Patrimonio a documentación presentada (EIA, Prospección Arqueolóxica Intensiva e Documentación complementaria ó estudo de impacto ambiental. Alegacións Técnicas) esta emitiu informe favorable en marzo de 2009, aceptando o trazado proposto. Por conseguinte, dende o punto de vista do patrimonio histórico, considérase que o trazado de proxecto é perfectamente compatible coas proteccións existentes sobre o Mosteiro e a súa contorna. ALEGACIÓN IV A VI: OS SALÓNS DO LÉREZ FIGURAN PROTEXIDOS POR TRES INSTRUMENTOS DE PLANEAMENTO (PXOU, CATÁLOGO DA CIDADE E NNCCSS DE PLANEAMENTO DE PONTEVEDRA) Resumo: Os Salóns do Lérez figuran en tres instrumentos de planeamento que son o Plan Xeral de Ordenación Urbana, o Catálogo de Edificacións e Elementos a Conservar da Cidade e do Rural e nas Normas Complementarias e Subsidiarias de achaiadura de Pontevedra). Motivación da desestimación: A figura de planeamento vixente actualmente no municipio de Pontevedra é o Plan Xeral de Ordenación Urbana, aprobado o 18 de decembro de 1989. Actualmente está en fase de tramitación o novo Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra. O citado PXOM superou a fase de primeira exposición pública e está pendente da súa aprobación pola corporación. O proxecto obxecto de valoración constitúe unha das fases da futura estrada EP-0020, que constituirá o novo acceso Oeste ó Hospital de Montecelo, tal e como vén recollido nas previsións do concello de Pontevedra de habilitar un acceso a Montecelo de maneira que se evite a conxestión actual dos viarios existentes. Para iso no novo PXOM procedeuse ó establecemento dun eixo que partindo da Avda. de Bos Aires ó sur e atravesando o Río Lérez consegue acceder á Porta do Sol (PO- 223) para continuar dende este punto ata a estrada N-550 (Avda. Médico Ballina). A viabilidade da nova conexión co Hospital de Montecelo foi estudada no marco dos traballos previos elaborados con motivo da redacción do citado PXOM. Para iso, o concello de Pontevedra realizou unha análise de posibles trazados para realizar a conexión entre a N-550 e Monteporreiro, seleccionando a alternativa que supoña un menor impacto. Como resultado dos devanditos traballos de planeamento, o concello realiza no Avance de Planeamento unha proposta de novo viario que permite complementar o viario principal; establecendo un eixo que partindo ó norte da estrada N -550 (Avda. Médico Ballina) accede á PO-223 (Porta do Sol), atravesa o Río Lérez á Avda. de Bos Aires á altura de Monteporreiro, para continuar ata a N-541 e finalmente acceder ó Hospital de Montecelo. A devandita proposta recóllese no apartado 5.3.2 A rede Viaria. Proposta e xerarquización do Novo Viario do Documento 2 Diagnose, Obxectivos, Criterios e Propostas do Avance e no Documento Planos, plano serie O-2 folla B-4 Clasificación e ordenación Xeral. Esta alternativa é a que se recolleu no proxecto realizado e licitado pola Deputación de Pontevedra. Dado que a nova figura de planeamento que rexerá en breve na cidade de Pontevedra, establece un trazado preciso para o viario obxecto do proxecto que se avalía, a formulación de calquera outra alternativa que non estivese contemplada no próximo PXOM do concello de Pontevedra incumpriría as previsións viarias do municipio, polo que dificilmente sería viable o seu desenvolvemento. ALEGACIÓN VII: A ZONA AFECTADA ESTÁ INCLUÍDA NA REDE NATURA COMO LIC Resumo: A zona afectada pola intervención afecta un LIC polo que deben sopesarse os impactos sobre a contorna. Motivación da desestimación: O EIA realiza un estudo detallado dos posibles impactos provocados polo proxecto sobre a súa contorna. O devandito estudo complétase cunha análise de visibilidade na documentación complementaria ó estudo de impacto ambiental, alegacións técnicas. O proxecto atravesa o río Lérez no tramo final do espazo protexido, a 500m do límite inferior do LIC Río Lérez e a uns 20 km. do límite superior (no municipio de Forcarei). Esta zona final é a máis degradada do Espazo Natural; esta degradación maniféstase de forma patente na invasión de especies vexetais non autóctonas e/ou invasoras (eucalipto, acacia, mimosa, robinia, eucalipto, bambú e canas) que dende fai anos veñen colonizando irreversiblemente ámbalas dúas beiras, desprazando cada vez con máis forza a vexetación orixinal. O total do LIC ocupa 149 ha., polo que a afección de proxecto é mínima: uns 1.200 m2 de afección permanente (o que supón un 0,08% do total do LIC) e uns 6.000 m2 de afección temporal que será restaurada unha vez finalizadas as obras (o que supón un 0,4% do total do LIC). Neste sentido, sinalar que, como se recolle no apartado 11.12 do EIA, o Estudo expón como medida compensatoria a realización nas marxes do río Lérez de labores de eliminación de especies vexetais non autóctonas e invasoras (robinias, acacias, bambú, etc.) que actualmente se están propagando sen control polas ribeiras, ameazando a pervivencia das especies autóctonas. Outro aspecto que condicionou a rápida regresión da vexetación existente e propiciou o avance das especies invasoras, en ámbalas dúas beiras do río fai relación ás recentes obras das que foron obxecto, situacións estas nas que as especies invasoras teñen maior capacidade de supervivencia e desenvolvemento; esta situación é verdadeiramente determinante no caso das obras de saneamento da marxe dereita do río. Sinalar como no caso anterior que o EIA establece unha vixilancia ambiental que garantirá o control e seguimento da execución da obra, asegurando no seu caso, a detección de calquera efecto negativo non considerado no EIA, ou que se desvíe do previsto no mesmo. Sinalar finalmente que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, organismo competente respecto diso dos espazos protexidos, informou favorablemente o proxecto. CONCLUSIÓNS Para asegurar a correcta execución ambiental do proxecto, na documentación ambiental que complementa o proxecto inclúense os estudos que garanten a correcta avaliación dos efectos ambientais da obra na contorna, as medidas correctoras e compensatorias que evitarán os efectos sobre o medio e os mecanismos de control que permitirán detectar durante a obra calquera desviación das previsións realizadas, garantindo no seu caso a adopción de novas medidas. En virtude das consideracións realizadas ás alegacións formuladas por D. Leoncio Feijoo Lama e D. Jesús López Fernández, considérase que non é necesario atender ningunha delas, dado que o proxecto obtivo o informe favorable das Administracións implicadas, entre elas a D.X. de Conservación da Natureza, a Dirección Xeral de Patrimonio, o organismo de conca Augas de Galicia ou a Dirección Xeral de Costas. b)Desestimar as alegacións presentadas o 10 de marzo, 17 de abril e 23 de xuño de 2008 por D. José Dios Crespo e D.ª María Dolores Dios Poceiro, xa que o acordo da Deputación Provincial de Pontevedra polo que se sometía a información pública, durante un período de 30 días hábiles, a aprobación do proxecto de trazado “ACCESO OESTE a Montecelo TRAMO I: PO-223 Á AVENIDA DE BOS AIRES”, foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o 12 de decembro de 2007(BOP nº 239), finalizando o prazo para presentar alegacións o 19 de xaneiro de 2008. En consecuencia as alegacións foron presentadas de forma extemporánea ó superar con creces o prazo de 30 días hábiles contemplado no artigo 15 da Lei 4/1994, de 14 de setembro, de Estradas de Galicia, prazo que obrigaba ós citados propietarios tal e como preceptúa o artigo 47 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. Respecto da presunta vulneración do réxime de notificacións á que aluden nos seus escritos basta recordar que, segundo a doutrina do Tribunal Supremo (entre outras, sentenza de 19 de xullo de 1999) non é necesaria a notificación individual da aprobación dos proxectos de obra aínda que si sometelos ó trámite inescusable de información pública, requisito que se cumpriu no presente expediente. En calquera caso e unha vez aprobado de forma definitiva o proxecto de referencia, de acordo co disposto no artigo 4.1.d) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e o artigo 2 da Lei de Expropiación Forzosa -que establecen a potestade expropiatoria da provincia- e o artigo 94 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local -en virtude do cal a aprobación dos proxectos de obras levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación-, así como os artigos 10 a 21 e 52 da Lei de Expropiación Forzosa e 56 e 58 do seu Regulamento, en datas próximas procederase á apertura do trámite de información pública en relación ó expediente de expropiación, por un período de quince días hábiles, para que os interesados poidan facer as alegacións que consideren oportunas. Segundo. A aprobación definitiva do proxecto de trazado “ACCESO OESTE A MONTECELO TRAMO I: PO-223 Á AVENIDA DE BOS AIRES” dotado dun orzamento de 4.773.140,98 euros e que ten por obxecto definir as obras necesarias para habilitar un acceso ó complexo hospitalario de Montecelo, de maneira que se evite a conxestión actual dos viais existentes e se estruture un complemento á rede viaria da cidade de Pontevedra, xa que existen movementos dos itinerarios dos cales é necesario optimizar, obras que conlevan a execución dun vial no que é necesaria a construción dunha nova ponte sobre o río Lérez. 5.5834.- RESOLUCIÓN DAS ALEGACIÓNS PRESENTADAS Ó PROXECTO “MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA EP-8004 CALDAS-VILANOVIÑA (TRAMO CALDAS-PORTAS)”. APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO. APROBACIÓN DEFINITIVA DA RELACIÓN DE BENS E PROPIETARIOS AFECTADOS. RATIFICACIÓN DA SOLICITUDE Á XUNTA DE GALICIA DA DECLARACIÓN DE URXENTE OCUPACIÓN DOS BENS E DEREITOS AFECTADOS POLA EXECUCIÓN DO PROXECTO Sr. Presidente.- O punto número 5. Resolución das alegacións presentadas ó proxecto “Mellora da Seguridade Viaria na EP-8004 Caldas-Vilanoviña (Tramo Caldas-Portas)”. Aprobación definitiva da relación de bens e propietarios afectados. Ratificación da solicitude á Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto. Esta era unha obra moi demandada, que era a conexión entre Caldas e Portas, que agora mesmo é certo que non hai por onde andar, levaron a cabo unhas negociacións que están practicamente cerradas pero hai algún dos afectados que, bueno, pois pode haber algún problema, pero en principio, por iso entendíamos que debe ser posta en marcha neste caso a aprobación da relación de bens afectados por se vai a ser necesaria a expropiación nun ou en dous casos. Polo tanto procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión extraordinaria celebrada o 4 de marzo de 2009, adoptou, entre outros, o acordo de aprobación inicial do proxecto denominado “Mellora da seguridade viaria na EP 8004 Caldas-Vilanoviña (tramo Caldas-Portas)” que está dotado dun orzamento para coñecemento da Administración de 443.621,33 euros, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 287.961,33 euros e capítulo de expropiacións por importe de 155.600,00 euros. O devandito proxecto enmárcase dentro das actuacións que a Deputación Provincial de Pontevedra está acometendo durante os últimos anos na estrada provincial 8004 Vilanoviña-Caldas mediante diversos plans de obras, co ambicioso fin de lograr unha estrada adecuada ás condicións de tráfico que soporta e, ó mesmo tempo, mellorar notablemente a seguridade do viandante, sendo esta segunda condición fundamental por tratarse dunha zona densamente poboada. Someténdose a información pública o proxecto técnico e o expediente de expropiación que conleva, durante o período regulamentario establecido, en virtude de notificación individual ós afectados e de edicto publicado no Boletín Oficial da Provincia de data 17 de abril de 2009 (BOP nº 72), no taboleiro de anuncios dos concellos de Caldas e Portas e en varios xornais da localidade, e de acordo co ditame da Comisión Informativa de Infraestruturas e Servizos Xerais, o Pleno acorda por unanimidade: 1.- A resolución das alegacións presentadas ó proxecto e ó expediente de expropiación segundo o seguinte detalle: Estimar as alegacións presentadas por D. Pedro Figueiras Alonso xa que técnicos do Servizo de Infraestruturas da Deputación Provincial de Pontevedra comprobaron que a leira nº 11 non pertence ó mesmo; é por iso que, mentres se realizan as operacións tendentes a pescudar a titularidade da citada parcela, esta figurará na relación con titular descoñecido. 2. A aprobación definitiva do proxecto “Mellora da seguridade viaria na EP 8004 Caldas-Vilanoviña (tramo Caldas-Portas)” que está dotado dun orzamento para coñecemento da Administración de 443.621,33 euros, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 287.961,33 euros e capítulo de expropiacións nunha contía que ascende a 155.660,00 euros. 3. A aprobación definitiva da relación de propietarios e bens afectados segundo o seguinte detalle: Nº FINCA PROPIETARIO BENS AFECTADOS 1 JESÚS BLANCO NARTALLO Domicilio a efectos de notificacións: C/ JOSÉ SALGADO Nº 22. 36650 CALDAS DE REIS. 100 M2 DE TERREO 2 JOSÉ A. MONTEAGUDO GOLDAR C/ JOSÉ SALGADO, Nº 22 36650 CALDAS DE REIS 796 M2 DE TERREO 3 ROSA Mª PIÑEIRO DE LA CRUZ PEDRO SAGASTA Nº 25- STO. TOMÁS. 36650 CALDAS DE REIS 910 M2 DE TERREO; 81 ML. DE PECHE FORMADO POR PILARES E BLOQUE; 4X3 ML. PECHE PERPENDICULAR Ó ANTERIOR; 20 POSTES REVESTIDOS EN PEDRA DE 1,80 M. 4 LUCIA LATORRE BÚA ESTACIÓN Nº 25 36658 PORTAS 376 M2 DE TERREO 5 RAMÓN MARTÍNEZ MARTÍNEZ PAZO Nº 42-STA. MARIA 36655 CALDAS DE REIS 385 M2 DE TERREO 6 RAÚL LORENZO CASTRO CASTRO DE SAN PEDRO, Nº 20 36658 PORTAS 436 M2 DE TERREO 8 JOSÉ RAMÓN SILVA MAGARIÑOS PAZO Nº 10. STA MARÍA. 36655 CALDAS DE REIS 203 M2 DE TERREO 10 CARMEN PIÑEIRO ESTÉVEZ LUGAR DE CURRAS, nº 5 36658 PORTAS 402 M2 DE TERREO 11 DESCONOCIDO 170 M2 DE TERREO 12 ROSA CASTRO DIZ CIMADEVILA Nº 8-BRIALLOS. 36658 PORTAS. 350 M2 DE TERREO 4. Ratificar a solicitude á Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e terreos afectados pola referida obra xa que o devandito proxecto enmárcase dentro das actuacións que a Deputación Provincial de Pontevedra está acometendo durante os últimos anos na estrada provincial 8004 Vilanoviña-Caldas mediante diversos plans de obras, co ambicioso fin de lograr unha estrada adecuada ás condicións de tráfico que soporta e, ó mesmo tempo, mellorar notablemente a seguridade do viandante, sendo esta segunda condición fundamental por tratarse dunha zona densamente poboada. Por iso este proxecto redactouse ó obxecto de mellorar a seguridade viaria no tramo de 720 metros comprendido entre a rede viaria urbana do municipio de Caldas de Reis e o seguinte tramo da estrada que xa foi obxecto de ensanche, mediante variante que circunvala o núcleo urbano de Portas. O estado actual do devandito tramo de estrada non reúne as características técnicas mínimas esixidas para este tipo de viario, cun ancho medio pavimentado de seis metros, importantes deficiencias no firme e sen un itinerario alternativo para os peóns que reúna unhas mínimas condicións de seguridade. Para paliar esas deficiencias o proxecto contempla a construción dunha plataforma de 15 metros de ancho con dúas calzadas de 3,50 metros cada unha, dous arcéns de 1 metro cada un, dous espazos verdes de 0,50 metros e dous paseos peonís de 2,50 metros cada un. Por todo iso e como queira que a obra leva a afección de terreos de particulares resulta imprescindible iniciar un expediente de expropiación forzosa cuxo carácter urxente queda sobradamente xustificado polos motivos antes expostos. 6.5835.- MOCIÓN DO GRUPO PROVINCIAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO RELATIVA Á CONSTRUCIÓN DUNHA ENTRADA E SAÍDA DA AP-9 EN DIRECCIÓN VIGO Á ALTURA DE BARBEIRA (FIGUEIRIDO) Sr. Presidente.- Moción do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego relativa á construción dunha entrada e saída da AP-9 en dirección Vigo á altura de Barbeira (Figueirido-Vilaboa). Ten a palabra D. Daniel Rodas. Sr. Rodas Chapela.- Bos días a todos e a todas. Vén aquí esta moción novamente, xa no ano 2004 xa viñera por iniciativa do Partido Popular, e xa fora aprobada por unanimidade, e volvemos outra vez aquí pois á iniciativa do Bloque Nacionalista Galego de Vilaboa, que xa leva tamén dende o ano 2004 con esta iniciativa, que a reproduciu no ano 2006 e que agora volve novamente, a través dunha moción presentada no Pleno do concello e que foi aprobada por unanimidade. A proposta que vén aquí pois intenta, tal e como está a A-9, pois que ten unha entrada e unha saída en dirección Pontevedra e Santiago e darlle un novo tramo que sexa alternativo e que poida comunicar non só a zona de Vilaboa senón tamén toda esa zona que colle Vilaboa e Soutomaior e concellos limítrofes para que teñan unha conexión coa A-9. E entón en base a iso paso a ler a moción. Sr. Presidente.- Non, non fai falta. Sr. Rodas Chapela.- ¡Ah!, bueno, pois senón fai falta entón unicamente traslado o acordo, e é que o Pleno da Corporación Provincial se dirixa á concesionaria AUDASA, ó Ministerio de Fomento e demais organismos competentes, solicitando a construción dunha entrada e saída na AP-9, en dirección Vigo, á altura da Barbeira en Figueirido. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moi ben. Pois eu creo que xa así foi na Comisión Informativa apoiada por unanimidade, xa no seu día dende esta institución, ademais se fixera incluso o proxecto, para poder dar solución especialmente ós municipios de Vilaboa e Soutomaior, que terían aí unha entrada, incluso para o municipio tamén de Pazos de Borbén, e creo que é unha reivindicación responsable porque é necesaria, e ogallá sirva esta reivindicación que hoxe se plantexa aquí no Pleno da Corporación Provincial, por segunda ou terceira vez, xa digo, foi remitido incluso o proxecto tamén, para que se faga e que ademais estaríamos dispostos na medida das posibilidades, xa que é un tema de ámbito provincial, a colaborar, sempre e cando evidentemente a propia concesionaria se faga cargo do que é a conexión, pois nós poderíamos colaborar co acceso, precisamente para poder dar entrada a esa autopista que nos comunica entre Vigo e Pontevedra, especialmente, e polo tanto todos apoiamos por unanimidade, por sentido común, por responsabilidade, que iso se faga, esperemos que isto non quede só nunha moción, senón que trasladaremos evidentemente á concesionaria e ó Ministerio de Fomento para que exista un compromiso da realización da mesma. Polo tanto, ¿votos en contra?. ¿Abstencións?. Todos a favor. De conformidade co ditame da Comisión Informativa de Infraestruturas e Servizos Xerais, o Pleno acorda por unanimidade aprobar a Moción do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego relativa á construción dunha entrada e saída da AP-9 en dirección Vigo á altura de Barbeira (Figueirido). Dita Moción é como segue: “Exposición de motivos: A Corporación Municipal de Vilaboa vense pronunciando novamente sobre a necesidade de contar cunha comunicación coa AP-9 dende o enlace da Barbeira en Figueirido. Dita conexión consistiría na construción dun carril de incorporación e outro de saída con dirección a Vigo, nas proximidades da estación de peaxe, e suporía facilitar a comunicación coa cidade olívica dos concellos de Vilaboa, Soutomaior e parroquias de Pontevedra, e completar os desprazamentos de vehículos entre a N-550 e a AP-9. Na sesión ordinaria do Pleno da Deputación Provincial do día 30 de xuño de 2004, tamén era aprobada, por unanimidade, unha Moción, a iniciativa do grupo Popular solicitando a conexión coa autoestrada A-9 á altura de Vilaboa, aducindo que era lóxico pensar que dende que comezara a funcionar o primeiro tramo de autoestrada do Atlántico, aló polo ano 1976, tiñan xurdido outras necesidades que o proxecto inicial non contemplaba e que era necesario complementar. Dita iniciativa, dicía o Presidente, nacía das conversas que el persoalmente viña mantendo con AUDASA. Por todo o exposto, o grupo provincial do BNG, presenta esta Moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación Provincial para a adopción do seguinte acordo: Que o Pleno da Corporación Provincial se dirixa á concesionaria AUDASA, ó Ministerio de Fomento e demais organismos competentes, solicitando a construción dunha entrada e saída da AP-9 en dirección a Vigo á altura da Barbeira (Figueirido).” 7.5836.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- Comunicacións. Sr. Secretario.- Dar cuenta de los extractos de las Resoluciones Presidenciales entre el 25 de mayo y el 23 de junio. Queda enterado o Pleno da seguinte: - De extractos de Resolucións Presidenciais ditadas pola Presidencia entre os días 25 de maio e 23 de xuño do ano 2009 e que foron trasladados ós Voceiros dos distintos grupos políticos. 8.5837.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Rogos e preguntas. ¿Fóra da orde do día hai algo?. Sr. Secretario.- No, fuera del orden del día no. Sr. Presidente.- Bueno, pois non habendo nada máis, se levanta a sesión, moi bos días. ¡Ah!, como son por escrito pensei que íamos a contestar... Ten a palabra Dona Isaura Abelairas. Sra. Abelairas Rodríguez.- Bo día. Sr. Presidente non teño ningunha dúbida de que son vostedes absolutamente democráticos e que todos temos as mesmas oportunidades, pero eu pedín a palabra, deille ó botonciño este no punto da orde do día de fai non sei cantos minutos, e se me permite, e era por algo que dixo o compañeiro Chema Figueroa. Falaba dos parados e dos plans de emprego, e falou de Vigo, se non falara de Vigo pois ó mellor calaba, si falaches de Vigo, si falaches de Vigo, e entón como falou de Vigo, que o levo especialmente, posiblemente non veña a nada aquí, pero sígoo contando, como se fala de moitas historias. Miren, non é unha forma democrática de chegar ó poder a través das urnas e a través dos votos, hai moitos personaxes na historia, de triste recordo, que chegaron ó poder polas urnas. Actualmente hai unha personaxe da cal me avergonzo, non digo nin sequera o nome, actualmente que tamén está no poder polas urnas. Ou sexa que non significa que sexamos máis ou menos demócratas, a democracia exércese, demostrase e vívese cada día. En canto ós plans de emprego, mire, Sr. Figueroa, a ver, e sabe vostede que en Vigo estamos tendo un control estrito, totalmente estrito, ben sabe que eu son seria e o estou levando eu persoalmente, en xuntanzas e en comisión, e vixiando obra por obra para que se cumpran os pregos de condicións, estamos falando de plans de emprego. E mire, as persoas que foron collidas do plan de emprego do INEM, que están censadas en Vigo poden ser portuguesas, están censadas en Vigo, ou poden ser doutro país, censadas en Vigo, censados en Vigo. Ben, respecto ás preguntas, eran dúas preguntas: A primeira delas, ¿cales foron os investimentos da provincia de Pontevedra no concello de Vigo, previstos nos capítulos 6 e 7 dos orzamentos para o ano 2007?, e a outra da Deputación, perdón, ¿cales foron os investimentos da Deputación de Pontevedra no concello de Vigo previstos nos capítulos 6 e 7 dos orzamentos para o ano 2008?. Gracias. E como sei que son vostedes especialmente rápidos sei que mos van a contestar antes de que remate a lexislatura. Sr. Presidente.- Home, se o rematamos antes da lexislatura avanzamos dous anos sobre o que nos tardou en contestar o Partido Socialista no Pleno do Parlamento de Galicia que hai algunhas que aínda non nos contestaron. Sra. Abelairas Rodríguez.- Pero mire por onde eu estou en Pontevedra. Sr. Presidente.- Eu son dous anos máis rápido se contesto, pero eu espero incluso ser antes. Sra. Abelairas Rodríguez.- Eu tamén espero. Porque están para arreglar as cousas seica, ¿non?. Sr. Presidente.- Non, por iso, por iso, é que eu se copio deles tardaría dous anos e aínda así levaríalle dous de vantaxe, pero non hai problema porque nós somos rápidos. Pois moitas gracias Dona Isaura Abelairas. Levántase a sesión. Gracias. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as doce horas e trinta minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe.

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de topónimos

  • Nome dos puntos de acceso Deputación de Pontevedra. Pleno (Tema)

Área de control da descrición