Fondos
2009-03-27_Ordinaria. Acta de sesión 2009/03/27_Ordinaria
Acta de sesión 2009/03/27_Ordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.43.826/3.2009-03-27_Ordinaria
Título Acta de sesión 2009/03/27_Ordinaria
Data(s) 2009-03-27 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido A C T A Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 27 de marzo de 2009 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e oito minutos do día vinte e sete de marzo do ano dous mil nove, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Julio Alén Montes, D. Silvestre José Balseiros Guinarte, Dona Francisca Canal Gómez, D. Xosé Crespo Iglesias, D. Pauliño Damián Del Río Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. José Amador Eiras Paz, D. Jesús María Fernández Portela, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Juan A. González Pérez, D. Rafael Lores Rosal, D. Gabriel Martínez Giráldez, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. José Antonio Olmedo Granja, D. Juan Luciano Otero Besada, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva, D. Agustín Reguera Ocampo, D. Severino Reguera Varela, D. Daniel Rodas Chapela, D. Xosé Carlos Silva Mariño, D. José Enrique Sotelo Villar e D. Jesús Vázquez Almuiña, co obxecto de celebrar sesión ordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asiste a Sra. Deputada Dona María Xosé Méndez Piñeiro. Da fé do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Comezamos a sesión ordinaria do día de hoxe, do Pleno da Corporación Provincial. 1.5802.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Primeiro punto. Aprobación do borrador da acta da anterior sesión, extraordinaria, do día 4 de marzo de 2009. Non habendo nada, apróbase. Acórdase por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, extraordinaria, do día 4 de marzo de 2009. 2.5803.- DAR CONTA DA LIQUIDACIÓN DO ORZAMENTO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA E DOS SEUS ORGANISMOS AUTÓNOMOS CORRESPONDENTE Ó EXERCICIO DE 2008 Sr. Presidente.- Punto número dous. Dar conta da liquidación do orzamento da Deputación Provincial de Pontevedra e dos seus organismos autónomos correspondente ó exercicio de 2008. Só é dar conta. D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Bos días a todos e a todas. Ben, este punto de dar conta da liquidación, do resultado do exercicio do ano 2008, que chega en tempo e forma, e evidentemente como lle apuntaba o Secretario só é dar conta, pero bueno, dar conta non quere dicir que non se poida facer algún comentario, simplemente é que se dá conta, que se dá por enterado o Pleno e que non hai que votar. Vaia por diante que dende logo á vista destes resultados e á vista mesmo do contido do Pleno, tanto deste coma do pasado, vostedes son uns auténticos artistas, non sei se no bo ou no mal sentido da palabra, pero son uns auténticos artistas. Non vamos a entrar a desmenuzar as contas pero resulta que visto o resultado final, resultado final entendido como os remanentes líquidos, ou sexa, o que queda, o que sobrou do ano pasado despois de todo o que se ingresou e todo o que se gastou, pois resulta, visto incluso o histórico, pois resulta que aparecen estas cousiñas, é dicir, por exemplo no ano 2005 quedaron libres vinte e sete millóns, no ano 2006, dezaseis, no ano 2007, vinte e un e no 2008, trece. Si, curiosamente, por iso digo que son uns artistas, curiosamente cando máis tiran da maquinaria de gasto e gastan máis e efectivizan máis, son a véspera dos anos preelectorais, xa non son os electorais. Por iso digo que son uns artistas planificando o gasto e tirando da institución cando realmente pode dar resultado, evidentemente, porque se gastan no 2008 evidentemente habendo eleccións no 2009 pois luce algo, se no 2009 se menten en grandes aventuras pois en fin, ata o 2011 non hai resultados, e o mesmo sucedeu no 2006, non, non, a ver, quere dicir que vostedes o fan así e realmente o demostran cunha vontade política de utilizar a institución na forma en que a utilizan e tamén cunha capacidade de facelo, por iso digo que é un artista, non sei se nun sentido ou noutro ou incluso nos dous. Se a isto xuntamos que no Pleno pasado e máis neste practicamente non vén nada, non vén nada, pois creo que demostran que os ritmos a que imprimen nesta institución a función do momento político, das previsións, da rendabilidade política, de cando vai haber eleccións, se pasaron as eleccións, se adiantamos os asuntos, se gastamos máis ou gastamos menos, pois o fan dunha maneira bastante acaída para os seus fins. A verdade é que non, entendemos que non se deberían utilizar as institucións para este fin, é moi sorprendente que, me dirá que son casualidades, pero non o son, e todos sabemos que non o son, entón fan unha planificación do gasto e unha intensidade do gasto e dos asuntos que teñen que aprobar, etc., pois absolutamente condicionado ó momento político dos seus intereses, senón, podemos falar por exemplo do gasto, o que pasou ata o 2004, o que pasou despois do 2004, pero bueno, eu creo que estas cifras e o feito e o contido do Pleno, creo que deixan bastante claro o que todos sabemos, pero bueno, agora está traducido en contas. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Bueno, pois, ¿algunha intervención?. Parece ser que non hai intervencións. Eu creo que era máis ben en tono político a propia intervención do Sr. Mosquera, o cal nos leva a dicir que a xestión que a Deputación está facendo pois é óptima, porque así o din as cifras, así o din os resultados e polo tanto eu creo que é mostrar a nosa satisfacción por esas cifras que hoxe se aportan. ¿Algunha cousa máis?. Sr. Mosquera Lorenzo.- Non, efectivamente, efectivamente. Sr. Presidente.- Pero hai algunha cifra errónea. Sr. Mosquera Lorenzo.- Non, non, é óptima como utilización política para os rismos do Partido Popular. Sr. Presidente.- Non, para os intereses da provincia. Sr. Mosquera Lorenzo.- Non, para iso parece que máis ben, os intereses da provincia son os mesmos un ano que outro, sexa o ano previo ó ano electoral ou o seguinte e demais, é o mesmo hai seis meses ou hai un ano que agora, por exemplo os temas que trae ó Pleno que non hai nada, os intereses da provincia son os mesmos e as necesidades son as mesmas, eu creo que son máis, ¿non?, dígoo pola época na que estamos, aí precisamente non é o forte desta institución, todo o contrario. Sr. Presidente.- Pois moitas gracias Sr. Mosquera. E como digo vamos a dar conta porque así o di o punto da liquidación do orzamento para o exercicio 2008. O Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra de conformidade co previsto nos artigos 191.3 e 192.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e 90.1 do Real decreto 500/1990, de 20 de abril, aprobou, dentro do prazo establecido ó efecto, a liquidación do orzamento da Deputación e a liquidación dos orzamentos dos seus organismos autónomos correspondente o exercicio de 2008. A efectos de dar cumprimento ó disposto no artigo 193.4 do citado Real decreto lexislativo 2/2004, no artigo 90.2 do Real decreto 500/1990 e no artigo 16.2 do Real Decreto 1463/2007, de 2 de novembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei 18/2001, de 12 de decembro, de Estabilidade Orzamentaria, na súa aplicación ás entidades locais, dáse conta ó Pleno das resolucións ditadas polo Presidente aprobando ditas liquidacións nas que destacan como datos máis significativos, o resultado orzamentario axustado, o remanente de tesourería total e o remanente libre para gastos xerais, que son os seguintes: ORGANISMOS RESULTADO ORZAMENTARIO REMANENTE TOTAL REMANENTE LIBRE PARA GASTOS XERAIS Deputación 40.511.149,31 € 56.608.029,41 € 13.654.031,61 € Escola Universitaria de Enfermería 43.230,90 € 314.348,84 € 314.348,84 € Escola de Canteiros 252.741,77 € 559.757,35 € 559.757,35 € Museo Provincial 693.975,33 € 2.167.702,62 € 1.940.811,11 € Turismo Rías Baixas 1.308.003,63 € 3.043.307,11 € 2.317.317,37 € Caixa de Anticipos 1.840.462,96 € 4.296.651,46 € 217.609,10 € ORAL 1.998.490,79 € 6.711.636,42 € 5.409.982,38 € IPESPO 2.091.924,40 € 5.313.591,26 € 1.415.916,88 € TOTAL....... 48.739.979,09 € 79.015.024,47 € 25.829.774,64 € Consolidado 48.739.979,09 € 79.015.024,47 € 25.829.774,64 € O Pleno queda enterado do seguinte: • Do resultado da liquidación do orzamento da Deputación Provincial de Pontevedra e das liquidacións dos orzamentos dos seus Organismos Autónomos (Escola Universitaria de Enfermería, Escola de Canteiros, Museo Provincial, Turismo Rías Baixas, Caixa de Anticipos de Cooperación, ORAL e IPESPO), correspondente ó exercicio de 2008. • Da liquidación do orzamento consolidado da Deputación Provincial de Pontevedra e dos seus Organismos Autónomos, correspondente ó exercicio de 2008. • Do informe de Intervención sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria da “Unidade Institucional Deputación Provincial de Pontevedra”, e do cumprimento do “Plan económico financeiro” aprobado para o período 2006-2008. 3.5804.- APROBACIÓN INICIAL DO PROXECTO “ENSANCHE E MELLORA DA EP 8002 CALDAS-SAN CLEMENTE (TRAMO CALDAS-ABOI)”. EXPOSICIÓN PÚBLICA DO MESMO E DO EXPEDIENTE DE EXPROPIACIÓN. DECLARACIÓN DE UTILIDADE PÚBLICA DA OBRA. SOLICITUDE Á XUNTA DE GALICIA DA DECLARACIÓN DE URXENTE OCUPACIÓN. MOTIVACIÓN DA URXENCIA Sr. Presidente.- Punto número tres. Aprobación inicial do proxecto “Ensanche e mellora da EP 8002 Caldas-San Clemente (Tramo Caldas-Aboi)”, exposición pública do mesmo e do expediente de expropiación, declaración de utilidade pública da obra, solicitude á Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación e motivación da urxencia. ¿Algunha intervención?. Pois se non hai intervencións en principio se aproba por todos os grupos. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O proxecto “Ensanche e mellora da EP 8002 Caldas-San Clemente (tramo Caldas-Aboi)”, que está dotado dun orzamento para coñecemento da Administración de 1.050.562,97 euros, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 736.004,97 euros, reposición de servizos 49.100,00 euros e capítulo de expropiacións nunha contía que ascende a 265.458,00 euros, redactouse ó obxecto de definir as características técnicas necesarias para levar a cabo a mellora da seguridade viaria no tramo de estrada comprendido entre Caldas e Aboi, cunha lonxitude de 2.043 metros, xa que o estado actual non reúne as características técnicas mínimas esixidas para este tipo de viario, cun ancho medio pavimentado de seis metros ou inferior, importantes deficiencias no firme e sen un itinerario alternativo para os peóns que reúna unhas mínimas condicións de seguridade. Para paliar esas deficiencias o proxecto contempla distintas solucións en función do tramo de estrada e do estado da mesma. Así na primeira parte, que discorre polo núcleo urbano de Caldas de Reis, respectaranse as aliñacións previstas no correspondente instrumento de ordenación urbanística e, nalgúns casos, mantense o ancho entre edificacións existentes na metade do trazado, no cruzamento co viaduto da variante de Caldas, proxéctase eliminar unha curva de radio moi pequeno e sección reducida, actuación que leva a realización dunha nova obra de fábrica sobre o rego de Rabexe. No resto de trazado levarase a cabo unha ampliación da plataforma con sete metros de calzada e dúas beiravías de 0,50 metros cada unha, rectificando o trazado dalgunhas curvas. Á vista do informe emitido polo Servizo de Infraestruturas, advertindo da necesidade de acometer canto antes a devandita obra, e de conformidade co ditame da Comisión de Infraestruturas e Servizos Xerais, o Pleno acorda por unanimidade: 1. A aprobación inicial do proxecto “Ensanche e mellora da EP 8002 Caldas-San Clemente (tramo Caldas-Aboi)” que está dotado dun orzamento para coñecemento da Administración de 1.050.562,97 euros, desagregado en orzamento de execución por contrata por importe de 736.004,97 euros, reposición de servizos 49.100,00 euros e capítulo de expropiacións nunha contía que ascende a 265.458,00 euros. 2. A exposición pública do mesmo e do expediente de expropiación que conleva por prazo regulamentario, a efectos de posibles reclamacións, entendéndose aprobado definitivamente de forma automática en caso de non producirse as mesmas. 3. A declaración da utilidade pública da obra de acordo co exposto no informe emitido polo Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona e que serve para motivar a urxencia que se pretende dar ás expropiacións. 4. A solicitude á Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e terreos afectados pola referida obra. 5. A motivación da urxencia que se pretende dar ás expropiacións que xera dita obra xa que o devandito proxecto redactouse ó obxecto de definir as características técnicas necesarias para levar a cabo a mellora da seguridade viaria no tramo de estrada comprendido entre Caldas e Aboi, cunha lonxitude de 2.043 metros, xa que o estado actual non reúne as características técnicas mínimas esixidas para este tipo de viario, cun ancho medio pavimentado de seis metros ou inferior, importantes deficiencias no firme e sen un itinerario alternativo para os peóns que reúna unhas mínimas condicións de seguridade. Para paliar esas deficiencias o proxecto contempla distintas solucións en función do tramo de estrada e do estado da mesma. Así na primeira parte, que discorre polo núcleo urbano de Caldas de Reis, respectaranse as aliñacións previstas no correspondente instrumento de ordenación urbanística e, nalgúns casos, mantense o ancho entre edificacións existentes na metade do trazado, no cruzamento co viaduto da variante de Caldas, proxéctase eliminar unha curva de radio moi pequeno e sección reducida, actuación que leva a realización dunha nova obra de fábrica sobre o rego de Rabexe. No resto de trazado levarase a cabo unha ampliación da plataforma con sete metros de calzada e dúas beiravías de 0,50 metros cada unha, rectificando o trazado dalgunhas curvas. Por todo iso e como queira que a obra leva a afección de terreos de particulares resulta imprescindible iniciar un expediente de expropiación forzosa cuxo carácter urxente queda sobradamente xustificado polos motivos antes expostos. 4.5805.- CORRECCIÓN DE ERRO MATERIAL NO ACORDO NÚMERO 3.5765 DA SESIÓN PLENARIA DE 28 DE NOVEMBRO DE 2008 EN RELACIÓN COAS OBRAS DA DEPUTACIÓN E DO CONCELLO DE SILLEDA, COMPRENDIDAS NO PROGRAMA OPERATIVO LOCAL –OBXECTIVO 1-, PERÍODO 2000-2006-REMANENTES Sr. Presidente.- O punto número catro é a corrección de erro material no acordo número 3.5765 da sesión plenaria de 28 de novembro de 2008 en relación coas obras da Deputación e do concello de Silleda, comprendidas no Programa Operativo Local –obxectivo 1-, período 2000-2006-remanentes. Bueno, me di o Secretario que é un erro administrativo e que son uns euros só a adaptación da memoria descritiva. ¿Estamos de acordo?. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Producíndose un erro de transcrición no financiamento das obras da Deputación e do concello de Silleda comprendidas, ambas, na relación de obras incluídas no Programa operativo Local, Obxectivo 1, anualidades 2000-2006- remanentes, para que lle sexan aplicables os remanentes producidos por economías de proxectos, descertificacións ou calquera outra causa no citado programa, acordo do Pleno da Corporación Provincial núm. 3.5765, adoptado na sesión ordinaria do día 28 de novembro de 2008, e, de conformidade co establecido no artigo 105 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común, e de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Cooperación, o Pleno acorda por unanimidade, correxir os citados erros de xeito que: ONDE DI: Concello Denomina-ción Obra Plan Procedencia FONDOS Total FEDER Deputa-ción Concello Deputa- ción Estrada provincial Nigrán-Vincios Deputación 139.820,19€ 91.938,79€ 231.758,98€ Silleda Abastecemento de auga en Taboada, Margaride e Piñeiro PSA/06-08 72.948,30€ 35.863,53€ 12.103,64€ 120.915,47€ DEBE DICIR: Concello Denominación Obra Plan Procedencia FONDOS Total FEDER Deputación Concello Deputación EP 2102 Estrada Provincial Nigrán-Vincios Deputación 139.914,28€ 92.000,66€ 231.914,94€ Silleda Abastecemento de auga en Taboada, Margaride e Piñeiro PSA/06-08 72.948,36€ 35.863,55€ 12.103,65€ 120.915,56€ 5.5806.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- Comunicacións. Sr. Secretario.- Se da cuenta de los extractos de las Resoluciones Presidenciales dictadas por la Presidencia entre los días 23 de febrero y el 23 de marzo. Asimismo de las siguientes Resoluciones Presidenciales: una resolviendo que Doña Francisca Canal Gómez pase a sustituir como vocal a Doña María Corina Porro Martínez en distintas Comisiones Informativas; otra nombrando a Doña Francisca Canal Gómez como miembro de la Xunta de Goberno; otra delegando las atribuciones de la Presidencia a favor de Dona Francisca Canal Gómez en la Ciudad Infantil “Príncipe Felipe” y en el Centro de Vacaciones de A Lanzada; otra asimismo nombrando a Doña Francisca Canal Gómez como vocal en la Comisión Informativa de Benestar Social e Muller y a Don José Juan Durán Hermida vocal en la Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo; asimismo otra delegando en la Diputada Doña Francisca Canal Gómez las relaciones con la Tercera Edad; y delegando las atribuciones de la Presidencia en el Sr . Figueroa Vila los días 23 al 26 de marzo. Sr. Presidente.- ¿Algo máis?. Sr. Secretario.- Nada más. Queda enterado o Pleno das seguintes: A) De extractos de Resolucións Presidenciais ditadas pola Presidencia entre os días 23 de febreiro e 23 de marzo do ano 2009 e que foron trasladados ós Voceiros dos distintos grupos políticos. B) De Resolución Presidencial de data 9 de marzo de 2009 pola que se resolve que Dona Francisca Canal Gómez pase a substituír como vocal a Dona María Corina Porro Martínez en distintas Comisións Informativas. C) De Resolución Presidencial de data 12 de marzo de 2009 nomeando a Dona Francisca Canal Gómez como membro da Xunta de Goberno. D) De Resolución Presidencial de data 10 de marzo de 2009 delegando atribucións da Presidencia a favor de Dona Francisca Canal Gómez na Cidade Infantil “Príncipe Felipe” e no Centro de Vacacións de A Lanzada. E) De Resolución Presidencial de data 13 de marzo de 2009 nomeando a Dona Francisca Canal Gómez vocal na Comisión Informativa de Benestar Social e Muller e nomeando a Don José Juan Durán Hermida vocal na Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo. F) De Resolución Presidencial de data 16 de marzo de 2009 delegando na Deputada Dona Francisca Canal Gómez as relacións coa Terceira Idade. G) De Resolución Presidencial de data 20 de marzo de 2009 delegando as atribucións da Presidencia en Don José Manuel Figueroa Vila os días 23 ó 26 de marzo, ambos inclusive. Sr. Presidente.- Fóra da orde do día non hai nada. 6.5807.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Empezamos polo Sr. Martínez Giráldez. Ten vostede a palabra. Sr. Martínez Giráldez.- Bos días a todos e a todas. Era en relación cunha documentación que solicitei o 26 de xuño do 2008, onde pedía que se me pasara unha relación de contratados por esta Deputación durante o ano 2008. Eu creo que xa, que pronto vai facer un ano e sigo esperando por esa relación de contratados pola Deputación Provincial. A ver cando se dignan realmente a facilitarme eses datos ou que motivos hai para ocultar esa información. Sr. Presidente.- De acordo. ¿Máis?. Sr. Martínez Giráldez.- Despois, ¿para cando teñen previsto sacar as axudas do PAC?. Sr. Presidente.- ¿Do Plan de Acción Comunitaria?. Terán que ir incluídas no presuposto. Sr. Martínez Giráldez.- Pois, ¿para cando vai ser o presuposto?. Sr. Presidente.- Esperamos que no mes próximo estará listo para traer aquí ó Pleno da Corporación para aprobar. Sr. Martínez Giráldez.- Iso un pouco xa nolo viña contando fai un par de meses, dicindo que o próximo mes, o próximo mes, e van pasando os meses e seguimos igual. Sr. Presidente.- Non, somos bastante máis áxiles que algún que outro grupo político e polo tanto eu confío no traballo que están facendo os técnicos e neste caso o responsable económico desta casa. ¿Máis preguntas.? Sr. Martínez Giráldez.- Pola miña parte nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias. D. Pauliño Del Río. Sr. Del Río Iglesias.- Bos días. Eu queríalle preguntar Sr. Presidente, a raíz dunha sentenza do Xulgado contencioso-administrativo de Pontevedra respecto dun traballador do ORAL. Gustaríame saber, ¿en que situación se atopa ese traballador a raíz da sentenza?, ¿se ten algunha relación contractual de calquera tipo con esta Deputación actualmente?, e se iso é así, ¿os motivos e a cargo de que orzamento está feito este contrato se é que o ten?. En segundo lugar, gustaríame dicirlle unha pregunta que non por reiterativa é necesaria, e é, ¿cando vai vostede ter a ben recibir a unha serie de alcaldes da provincia de Pontevedra que xa levan dous anos de mandato e vostede non é quen de recibilos?. Gustaríame saber se os ten en standby, en lista de espera, ou, ¿en que situación están estes alcaldes para que poidan tratar con vostedes temas que afectan á administración local?, en concreto ós concellos e á Deputación para tratar temas que sería bo tratalos para o conxunto da cidadanía. Moitas grazas. Sr. Presidente.- Moitas gracias D. Pauliño. En relación á primeira lle daremos contestación por escrito, no que se refire a un traballador do ORAL. En relación á segunda pois o antes posible intentaremos recibir a eses alcaldes. Eu con moitos deles falei con eles en persoa ou nos concellos onde lle tocaba e incluso por teléfono, e algúns querían tratar algúns temas aquí e serán recibidos proximamente. Máis preguntas. D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, é un rogo, exactamente quero dicir que vai cumprirse, creo que o martes catro meses, catro meses, que as conversas que empezaran a principios de novembro sobre a necesidade dun plan especial desta institución de investimento contra a crise e demais, pois van alá catro meses que non houbo ningún contacto nin nada parecido. Entón non utilicen, cando quedaran vostedes de chamar e de convocala, que non se utilice esa razón, como estamos vendo todos os días na prensa para outros motivos que non teñen nada que ver. Se vostedes teñen parado iso ou o teñen parado porque quixeron, vale, pero dende logo non hai nada que avanzara nin houbo ningún contacto nin ningunha conversación, e catro meses paréceme un tempo excesivo como para dicir, non, non, un día destes, un día destes, está pendente, está pendente, se decidiron facer outra cousa pois punto, vostedes o comen e vostedes o guisan, pero non estean utilizando un día destes, vamos a ver, vamos a replantexalo, vamos a falar, vamos a non sei que, porque cando non é certo, demostraron claramente que non teñen ningunha vontade nin nada parecido cando van alá catro meses. Moitas grazas. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Bueno, dicirlle que na semana que vén o Vicepresidente económico coordinará cos dous grupos da oposición a continuidade para traer aquí finalmente o presuposto e tamén esa prioridade que non é outra que buscar solucións a un problema que estamos atravesando, que é o tema laboral, que creo que con esa medida coa que a Deputación está traballando neste momento, podela consensuar e chegar a un bo porto. D. Juan Otero Besada. Sr. Otero Besada.- Si, bos días a todos. Eu teño un par de preguntas, as dúas referidas ós fondos FEDER, para o período 2007-2013, de 56 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes se habían adherido á iniciativa da Deputación para unha serie de proxectos, concretamente o proxecto denominado “Wimax rural na provincia de Pontevedra” ten concedida unha axuda de 4.685.700 euros e figuraban como beneficiarios todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Pola prensa enterámonos que hai catro concellos que van a ser plan piloto, parece ser, que son Agolada, Arbo, Meis e Pazos de Borbén, a miña pregunta era ¿en que situación se van a atopar o resto dos concellos? ou ¿cando van a ter opción o resto dos concellos a esta rede wimax?. E no mesmo contexto dos fondos FEDER está tamén o proxecto denominado “Pousadas Xardín del Salnés”, ten concedida unha axuda de 6.158.007 euros, e figuraban no proxecto inicial como beneficiarios oito concellos do Salnés. Pola prensa, enterámonos pola prensa, que parece ser que esas Pousadas van a ir para catro concellos. Entón a miña pregunta é ¿se é certo que están asignadas esas Pousadas? e ¿qué criterios seguiron para asignalas a eses en detrimento dos outros catro?. E unha última que máis que unha pregunta é un rogo, é que se me conteste a unha pregunta que fixen en xullo do ano pasado, que repetín en xaneiro e que eu rogo que me contesten, era unha pregunta dunha asociación veciñal da Illa de Arousa que quería saber que subvencións lle concederon nos últimos cinco anos. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Bueno, vamos a ver, en relación á última que me comentaba agora da asociación, xa me ten preguntado, eu lle digo agora ó Secretario que lle conteste por escrito á maior brevidade posible, se ten algunha subvención concedida nos últimos anos, etc., etc. En relación ós outros dous temas primeiro empezamos polo proxecto “Wimax Pontevedra”, que non foi fácil o camiño ata agora porque é un tema complexo, é un tema difícil, e sobre todo un tema que non queremos, esta casa non quere fracasar, e sobre todo que unha vez que se poña en marcha o proxecto en si, que se quede obsoleto, porque as novas tecnoloxías e sobre todo no mundo da internet, etc., etc., avanzan de maneira destacada e de aí que temos o máximo interese en poñelo canto antes a disposición de todos os concellos, vamos a intentar chegar ós 55. Neste momento si é ben certo que se fixo un plan piloto para catro, onde se van a instalar creo que son, neses catro, vinte e cinco aparatos, que eran concellos que normalmente tiñan unha certa, porque son comarcas distintas, complexidade, a hora de dar cobertura de acceso á banda ancha e que poidan ter todos os fogares acceso a internet. Entón agora vai saír o prego, estamos en contacto con varias operadoras e vamos a sacar a concurso un prego que nos permita pois que todos e cada un dos concellos que se adheriron, os cincuenta e cinco, poder poñer en marcha o plan. Ó mesmo tempo necesitamos que á parte deses fondos FEDER temos que obter fondos das empresas, das operadoras, que deben ser finalmente as que xestionen este importantísimo servizo, hoxe en día tan importante como un servizo básico nunha vivenda, ou incluso quizais nalgún caso máis, e polo tanto estamos en contacto con distintas operadoras deste tipo de servizos para que tamén aposten de maneira decidida polo proxecto, que creo que é, xa digo, un proxecto sumamente interesante pero, bueno, pois o tempo que fixo falta ata chegar a hoxe, pois é porque xa tiveron xa reunións abundantes, por certo, con moitos para poñer en marcha este tema. Entón, eu xa digo que agora está este plan experimental nos catro con vinte e cinco domicilios, e esperamos pois ver o resultado, pero ó mesmo tempo xa está o, creo que está aprobado o prego para poñelo en marcha, creo que non hai ningunha cousa máis. Se neste caso o Deputado de proxectos europeos me corrixe nalgunha destas cuestións. En relación ó segundo tema, de Pousadas, dicir que si afecta neste caso a eses concellos, e creo que se lle comunicou, creo que non me equivoco, de que se lle comunicou a todos os concellos que nos trasladaran pois se algún deles posuía terreos que, ou había terreos que puideran ter unha cualificación axeitada para poñer en marcha esta iniciativa. Sei que hai concellos que responderon e hai concellos que non responderon, entonces en función diso se están facendo, se sacou incluso un prego para sacar ideas que nos permitan levar para adiante este proxecto que é un proxecto tremendamente novedoso, que ó mesmo tempo tamén é complexo, porque bueno, hai que buscar fórmulas que nos permitan levar adiante as catro construcións, para o cal hai un presuposto, bueno, pois, moi, moi axeitado, pero que xa digo, hai que aquilatar ben para que non se nos desfase. Entón nese momento, neste momento, xa digo, está en concurso un avance para que nos aporten ideas empresarios e asociacións do sector e a raíz de aí pois se sacará definitivamente a iniciativa, e a ver para onde vai. Eu sei, xa digo, hai concellos que xa contestaron, e hai concellos que non contestaron á posibilidade, porque ás veces non é fácil, eu enténdoo, de que poida haber terreos axeitados, e ver que negociacións se poden establecer. E iso é o que eu podo dicir neste momento dese proxecto, os cales tanto o primeiro coma o segundo se está traballando e esperamos dar unha resposta rápida, aínda que xa digo, o traballo noso é incesante neste sentido, por parte dos servizos que levan os dous temas importantes, son proxectos estrella desta casa para os practicamente dous, tres, próximos anos. E con iso, xa lle digo, é a información que eu podo darlle neste momento, porque non hai máis, pero vamos, se algunha cousa hai pois lle vamos a ir informando sen ningún problema. ¿Algunha pregunta máis?. D. Pauliño. Sr. Del Río Iglesias.- Gracias Sr. Presidente. Era, perdoe, pero me quedaron atrás dúas preguntas. A primeira era relativa ás 152 prazas de cooperación, gustaríanos saber como está este tema, porque, bueno, en principio houbera, creo recordar, un acordo, despois houbera unha resolución e agora hai tamén outra especie de modificación sobre o previsto. Non sei se as bases de contratación na Deputación son algo así como bases móviles, pero gustaríanos saber en que situación se atopa este tema. Despois gustaríanos saber se as prazas que se sacaron de forma temporal, non sabemos moi ben exactamente en base a que criterios, porque cando se lle preguntou dende aquí vostede non o contestou, simplemente dixo que eran prazas, contratos temporais do persoal que está prestando servizos en Vigo, na sede da Deputación Provincial en Vigo, aínda a día de hoxe non sabemos que criterios se usaron para acceder a esas prazas, si sabemos, porque vostede o dixo, que eran de forma temporal, ¿gustaríanos saber se se van a sacar a concurso ou a oposicións?, ¿se se lle vai dar estabilidade?, ¿se se vai a ter unha serie de criterios?, ¿a ver se se van a meter na relación de postos de traballo da Deputación?, etc., etc., ¿en que?, ¿cal vai a ser a situación destas prazas da sede que teñen en Vigo?. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Bueno, vamos a ver, dicir xa en relación a ese último tema que aínda non levan un ano as persoas que están traballando na oficina de Vigo, por certo, que con moi bos resultados en relación ó número de persoas que diariamente visitan esas instalacións e que as utilizan, e polo tanto, iso quere dicir que esta posta en marcha da oficina de Vigo pois foi todo un éxito dende o punto de vista administrativo, xa que non hai que olvidar que todas aquelas persoas que pasan por alí e que non teñen que desprazarse a Pontevedra, pois lle estamos facilitando, primeiro, por proximidade, segundo, por custe económico, non ter que desprazarse a Pontevedra, se son neste caso do sur da provincia de Pontevedra. Xa digo, estas persoas non levan un ano aínda realizando este labor, e en principio pois proximamente aparecerán os postos de traballo para facer a selección definitiva tan pronto como creamos que é conveniente a posta en marcha dese tema para, pois, deixalo de maneira definitiva. En relación ó tema das prazas, prazas non, contratos que se poñen en marcha por parte desta casa para mandar ós concellos de menos de 10.000 habitantes, en principio o que está previsto é facer unha selección que farán evidentemente os funcionarios, na cal participarán ademais os sindicatos, e bueno, a única dificultade que hai é que son, se mal non recordo, 3.100 persoas e que hai que facer unha selección nun tempo máis ou menos razoable e prudente, pero non ten ningún tipo de obxectivo máis que acelerar o proceso, e como digo non vai a participar, como xa é sabido, ningún grupo político neste proceso. E polo tanto, espero que se poñan en marcha porque os alcaldes o que si demandan é que necesitan persoal para a temporada de primavera-verán, sobre todo nos municipios que teñen moitos visitantes, para o cal vamos a complementalo cunha dotación económica que xa temos previsto para limpeza de espazos naturais, de maneira especial para o tema de praias. E iso é todo o que lle podo dicir. ¿Algunha pregunta máis?. Sr. Del Río Iglesias.- … por non contestar. Sr. Presidente.- Bueno, eu creo que lle contestei claramente, non lle podo dicir máis porque máis tampouco non sei. Pois moitisimas gracias a todos. Moi bos días. Levántase a sesión. Gracias. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e corenta minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe.
Área de documentación
Existencia e localización de copias Enlace para escoitar o audio do Pleno
Ãrea de notas
Nota
Puntos de acceso
Puntos de acceso de topónimos
Nome dos puntos de acceso Deputación de Pontevedra. Pleno (Tema)