Fondos
2010-06-25_Ordinaria. Acta de sesión 2010/06/25_Ordinaria
Acta de sesión 2010/06/25_Ordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.43.827/1.2010-06-25_Ordinaria
Título Acta de sesión 2010/06/25_Ordinaria
Data(s) 2010-06-25 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión. 23 follas
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido A C T A Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Deputación o día, 25 de xuño de 2010 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día vinte e cinco de xuño do ano dous mil dez, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Francisco Xabier Alonso Pérez, D. Silvestre José Balseiros Guinarte, Dona Francisca Canal Gómez, D. Xosé Crespo Iglesias, D. Pauliño Damián Del Río Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. José Amador Eiras Paz, D. Jesús María Fernández Portela, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Juan A. González Pérez, D. Salvador González Solla, D. Rafael Lores Rosal, D. Gabriel Martínez Giráldez, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. José Antonio Olmedo Granja, D. Juan Luciano Otero Besada, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva, D. Severino Reguera Varela, D. Daniel Rodas Chapela, D. Perfecto Rodríguez Muíños, D. José Enrique Sotelo Villar e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión ordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asiste o Sr. Deputado D. Carlos Silva Mariño. Da fé do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Bueno. Moi bos días. 1.5963.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Comezamos co primeiro punto. Aprobación do borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 28 de maio de 2010. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Acórdase por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 28 de maio de 2010. 2.5964.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MOAÑA A FAVOR DO ORAL PARA EXERCER AS FACULTADES DE RECADACIÓN, EN VÍA EXECUTIVA, DOS INGRESOS DE DEREITO PÚBLICO QUE NON SE ATOPEN XA DELEGADOS Sr. Presidente.- Punto número 2. Delegación de competencias do concello de Moaña a favor do ORAL para exercer as facultades de recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que non se atopen xa delegados. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Pleno do concello de Moaña na sesión celebrada o día 26 de marzo de 2010 acordou a delegación na Deputación de Pontevedra-ORAL das facultades de recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que non se atopen xa delegados. Resultando que o Consello Reitor do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL), na sesión que tivo lugar o 16 de xuño de 2010 acordou aceptar a delegación efectuada polo Pleno do concello de Moaña, para exercer as facultades de recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que non se atopen xa delegados. Considerando o previsto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais e o establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e tendo así mesmo en conta que a citada delegación figura dentro dos servizos que o artigo 4 dos Estatutos reguladores do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) enumera como obxecto a prestar polo ORAL. O Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: 1. Aceptar a delegación que en materia de recursos locais realizou o concello de Moaña, por acordo do Pleno de data 26 de marzo de 2010, para que a Deputación Provincial de Pontevedra exerza as facultades de recadación, en vía executiva, dos ingresos de dereito público que non se atopen xa delegados. 2. Esta delegación do concello de Moaña será levada a cabo polo Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) e sométese ás condicións establecidas nas bases para a prestación do servizo, aprobadas polo Pleno desta Deputación en sesión de data 20 de xullo de 1992, á Ordenanza Reguladora da taxa por prestación de servizos polo ORAL, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de data 30 de abril de 2010, e ós Estatutos do Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL) publicados no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra en data 26 de agosto de 2004. 3. Facúltase ó Ilmo. Sr. Presidente para que formalice o correspondente convenio co concello de Moaña así coma os demais documentos que procedan. 4. A delegación efectuada polo Pleno do concello de Moaña, para exercer as facultades de recadación, en vía executiva, dos ingresos de dereito público que non se atopen xa delegados, publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. 3.5965.- MODIFICACIÓN DA BASE 52ª DAS APROBADAS PARA A EXECUCIÓN DO ORZAMENTO XERAL DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA O EXERCICIO DE 2010 Sr. Presidente.- Punto número 3. Modificación da base 52 das aprobadas para a execución do orzamento xeral da Deputación Provincial de Pontevedra para o exercicio 2010. Ten a palabra D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas grazas Sr. Presidente. Bos días a todos e a todas. Evidentemente, independentemente do que se votou no último Pleno con respecto ás medidas, pois nós vamos a votar a favor porque o acordo que vamos adoptar agora aquí é exactamente a tradución das directrices que a FEMP, co acordo de todos os grupos, porque houbo algunha abstención, pero co acordo de todos os grupos, pois trasladou ás administracións locais para que a aplicaran. En concreto neste caso pois a redución do 10% do salario do Presidente e do 9 das outras exclusivas. Ben, para unha vez que estamos todos de acordo pois o lóxico será votar a favor e así o vamos facer, pero hai exactamente unha semana estabamos discutindo o mesmo asunto na casa do lado, incluso coa presenza de dous Deputados que están agora aquí, e o seu grupo político alí, pois un concello que as contribucións son bastante máis baixas que aquí, e demais, pois votou en contra argumentando que eran moi insuficientes e non se sabe que cousas máis. Home, Sr. Presidente, vostede é o Presidente do Partido Popular e ben que fai gala diso, eu pregunteille no pasado Pleno se ía a ter certa coherencia e ía ter, polo que vexo non a hai, polo que vexo non a hai en absoluto, e obviamente neste caso non lle vou a votar a culpa ó grupo de goberno da Deputación que está aplicando o que aplicou todo o mundo, ¿non?, simplemente resaltar, resaltar que con tan pouca distancia física e temporal, pois que o seu grupo e incluso algunha persoa que está nos dous, pois teña unha postura tan extraordinariamente contraditoria, pois non parece así como moi serio nin moi solvente. Sr. Presidente, eu xa sei que son marróns que lle mete o Sr. Martín a vostede, bueno, pois mala sorte, pero comprenderá, comprenderá que creo que é a nosa obriga poñer de manifesto estas contradicións súas e nada máis, simplemente, pois en todo caso se alguén se vai a molestar en dicirnos que isto xa é, isto non corresponde a esta casa, o que estamos dicindo, pido desculpas por anticipado, efectivamente, non corresponde a esta casa e esta casa está facendo o acordo segundo o que todos tiñamos acordado, pero permítaseme que poña de manifesto esta contradición tan flagrante. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera, que non deixa de sorprenderme a súa coherencia, que teña que apoiarse nunha institución de ámbito nacional para vostede, sempre renuncian en todo aquilo que suene Madrid, Estado, etc., e que agora, evidentemente, veña presumindo precisamente dun acordo de ámbito do Estado, cando vostedes, evidentemente, están sempre en contra de algo que poida soar máis alá do Padornelo e da Canda, iso non, iso é doutra etapa, co cal “bienvenido al reino de los creyentes en el ámbito del Estado”, o cal non deixa de ser paradigmático para o Sr. Mosquera. Polo tanto, sabe que incoherencias hainas onde se queiran buscar, vostede é sempre, niso foron o paradigma e polo tanto non hai que ter en conta esa proposta. Pero bueno, espero que nesa mesma liña de coherencia vaia actuando vostede no futuro cando veña algo de Madrid, “non, non, de Madrid nós non queremos saber nada”, vén da FEMP, non sei quen son pero a min non me soan. Polo tanto, me alegro moito de que dalgunha maneira empece a concibir o Estado dentro do que vostede tamén está. Pero ten a palabra o Sr. Figueroa, que me había pedido en relación a este asunto. Sr. Figueroa Vila.- Non, bueno, nós loxicamente vamos a votar a favor, pero, Sr. Mosquera, está pasando en cada concello o que os gobernos consideran e as corporacións. Eu votei unha cousa en Vigo e vou votar outra cousa distinta aquí hoxe, a maiores máis, é dicir, non acordamos a proposta da FEMP, acordamos máis, e bueno, e hai dous compañeiros, supoño que á Sra. Abelairas lle pasará exactamente igual, bueno pois o alcalde de Vigo tomou unha decisión tamén por libre, e polo tanto, eu creo que non hai incoherencia, que hai plantexamentos de cada grupo en cada concello, onde toman unha decisión libremente, incluso os propios alcaldes ou as propias corporacións. Polo tanto, eu creo que aquí o que se trata é de intentar reducir o gasto no maior número posible en porcentaxe, ata onde cada corporación ou cada alcalde ou cada membro de grupo político considere, e eu creo que os plantexamentos van nesa dirección. Hai un acordo marco da FEMP e a partir de aí eu creo que hai a liberdade, nós aquí non temos disciplina de grupo, nadie nos marcou dende ningunha institución nosa, do propio partido, o que tiñamos que facer cada un, bueno, pois se está actuando en coherencia, dependendo tamén da situación de cada concello, dependendo tamén dos emolumentos de cada concello e de cada concelleiro. Como comprenderá vostede pois non é igual ó mellor falar dun concello pequeno que dun concello grande como pode ser Vigo e Pontevedra. Eu creo que nestes temas, como no inicio xa tamén dos plantexamentos das corporacións, cada corporación pois toma a decisión das súas remuneracións segundo considera oportuno. Aquí temos sentados alcaldes, lle pasará a vostedes tamén, supoño, onde gobernan, e corporativos, onde ó mellor concellos co mesmo número de habitantes pois teñen soldos totalmente distintos, os alcaldes ou os propios corporativos, hai lugares onde cobran, outros onde non cobran, outros onde hai máis dedicacións, noutros onde hai menos. Bueno, pois eu creo que neste tema non hai unha disciplina, nadie nos marcou unha disciplina senón que cada un, segundo a institución que representa toma unha decisión. Nós en Vigo tomamos a decisión do 15%, bueno, pois o alcalde tomou esa decisión, consideramos que podía ser razoable polas cifras que se movían no concello de Vigo e así se fixo. Eu creo que polo tanto, bueno, eu creo que neste tema o que temos que respectar é a cada corporación e cada plantexamento que se poida facer. E despois existe evidentemente o dobre, a dobre condición, nós estamos aquí porque somos concelleiros en cada un dos concellos que representamos, a min me podía parecer unha incoherencia se en Vigo votei unha cousa e aquí votamos outra, ó mellor a Sra. Abelairas e máis eu podía dicir, bueno, por que non máis, o que fixemos en Vigo, bueno, pois eu creo que porque consideramos que temos que ser compañeiros, e en cada institución, bueno, pois é a situación que ás veces sucede con estas cuestións. Polo tanto, eu creo que neste tema, volvo a repetir, é a decisión de cada corporación, de cada alcalde e de cada grupo político, e que evidentemente eu son un tamén dos que vou votar unha cousa distinta aquí do que votei en Vigo. Polo tanto, non me sinto baixo ningún concepto aludido por vostedes, senón todo o contrario, creo que en Vigo é unha cousa, porque temos unha serie de situacións e aquí temos outras, e supoño que no concello de Pontevedra, e supoño que ós compañeiros e ós alcaldes que están aquí lle pasará exactamente igual, é dicir, aquí hai alcaldes sentados nestas bancadas que teñen o mesmo número de habitantes e que cobran totalmente distinto nun lado que noutro, cada un ten a súa situación. ¿E iso quen o marca?. O inicio das corporacións, e aí tampouco hai ningunha directriz, polo menos no noso grupo político, vostedes eu non sei se a teñen ou non a teñen. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Grazas Sr. Presidente. Home, iso, vai a resucitar vostede aquilo do telón de grelos e tal, iso creo que viña de alá de Lalín, non, viña por alá aquilo do telón de grelos, non, que se nós queríamos fixar o telón de grelos e demais. Non entenderon. Me cachis na mar. Houbo un Secretario Xeral do Partido Popular de Galicia que dixo que estaba no borde da autodeterminación, porque a autodeterminación que era o que defendíamos nós era como poñer un telón de grelos no Padornelo. Dígoo para, por iso digo que viña de Lalín a historia, digo, se vostede se quedou con esa teoría, home a FEGAMP tamén acordou trasladalo a …, ou sexa, que podíamos acollernos a iso, non é maior problema. Por certo, un tono distendido, o Sr. Crespo sempre nos vén, digo porque tamén vén de Lalín, sempre nos vén con esa moda exquisita, hoxe parécese moito ó indiano de “Sempre Xonxa”, a vestimenta, a que caracterizaron, é máis, digo que, favorécelle moito pero ten esa connotación un tanto perigosa. Ben, vamos ó tema. Eu só quería dicir unha cousa, a ver, a ver, falamos de cifras, vamos a ver, mire, unha exclusiva aquí, que eu saiba, ata agora eran 65.734 euros, ¿verdade?, e se lle van baixar pois un 9%, correcto, estamos de acordo. Pero resulta que no concello de Pontevedra, vamos a falar así xa polo miudiño, son 43, 43, e vostedes propoñen, 43, si, 43, vinte e tantos menos que aquí e case vinte menos que en Vigo, ¿vale?. Bueno, e entón propoñer, propoñer que é insuficiente aí ó lado e que hai que baixar máis e demais, me parece, a ver, a ver, vostedes saben perfectamente que é unha cantada que meteron en Pontevedra, o Sr. Martín, pois vale, a cantada pon dificultades, creo que darlle voltas é absurdo. Polo tanto, procedamos a votar e punto. Eu comprendo que todo o mundo pode ter unha ovella negra, que lle está dando a vara, e neste caso vostedes téñena co Sr. Martín en Pontevedra, que lle vamos a facer, pois pasen páxina e aguánteno como ben poidan. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Vamos a proceder polo tanto á votación. E o título di, é, a modificación da base 52 das aprobadas para a execución do Orzamento Xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2010. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Ilmo. Sr. Presidente desta Deputación a través de escrito de data 14 de xuño de 2010, proponlle o Pleno a modificación da base 52ª das aprobadas para a execución do orzamento xeral da Deputación Provincial de Pontevedra para o exercicio de 2010, como consecuencia da recomendación acordada pola Comisión Executiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en relación coa redución de salarios dos cargos electos e altos cargos locais. Resultando que na proposta figura unha redución a partir do día primeiro de xuño de 2010, das retribucións a percibir polo Ilmo. Sr. Presidente de 7.954,80 euros/ano o que supón unha redución mensual de 568,20 euros, e para os Sres. Vicepresidentes e Deputados a redución das retribucións a percibir de 5.916,12 euros/ano o que supón a redución mensual de 422,57 euros. Considerando o disposto no artigo 75 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e nos artigos 169 e concordantes do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: 1. Modificar a base 52ª das aprobadas para execución do orzamento xeral da Deputación Provincial de Pontevedra para o exercicio de 2010, reducindo as retribucións dos cargos electos con dedicación exclusiva na seguinte forma: -O Presidente: redución do 10%, o que supón unha redución de 7.954,80 euros/ano e 568,20 euros/mes. -Os Vicepresidentes e Deputados: redución do 9%, o que supón unha redución de 5.916,12 euros/ano e 422,57 euros/mes. Unha vez introducidas estas modificacións, a base 52ª-1 pasará a ter o seguinte contido literal: Base 52ª.- Retribucións e indemnizacións De conformidade co establecido no artigo 75 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local (redacción Lei 14/2000, do 29 de decembro), artigo 225 da Lei 5/97, de réxime local de Galicia e segundo o artigo 13 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais vixente, os membros electivos da Deputación Provincial de Pontevedra, percibirán durante o exercicio de 2010 as seguintes retribucións e indemnizacións, segundo se determina seguidamente. 1.- Retribucións Presidente .................................................................... 71.593,20 euros anuais Vicepresidentes ou Deputados con dedicación ..... 59.818,48 euros anuais Os cargos con dedicación percibirán, ademais, a antigüidade que lles corresponda pola súa condición de persoal en situación de servizos especiais segundo o artigo 87 da Lei 7/2007, de 12 de abril, e normativa de desenvolvemento aplicable. Estas retribucións imputaranse á aplicación 10/900.912.100.00 2. Estas modificacións aplicaranse as retribucións e indemnizacións que se causen dende o día primeiro de xuño do corrente exercicio. 3. O expediente de modificación da base 52ª das aprobadas para a execución do orzamento xeral da Deputación Provincial de Pontevedra para o exercicio de 2010, será exposto ó público, para efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado en caso de non producirse estas. 4.5966.- APROBACIÓN DA CONTA XERAL DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA QUE INCLÚE A DOS SEUS ORGANISMOS AUTÓNOMOS, CORRESPONDENTE Ó EXERCICIO DE 2009 Sr. Presidente.- Punto número 4. Aprobación da Conta Xeral da Deputación Provincial de Pontevedra que inclúe a dos seus organismos autónomos, correspondente ó exercicio de 2009. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Ditaminada favorablemente pola Comisión Especial de Contas, en sesións celebradas os días 19 de maio e 25 de xuño de 2010, a Conta Xeral da Deputación Provincial de Pontevedra e os seus organismos autónomos, correspondente ó exercicio de 2009, ó non producirse reclamacións, reparos ou observacións contra a mesma, durante o prazo regulamentario que estivo exposta ó público, e a teor do disposto nos artigos 116 da Lei 7/1985 de 2 de abril, en concordancia co artigo 212 – 3º do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Pleno acorda por maioría de votos a favor do PP e coas abstencións do PSdeG-PSOE e do BNG, aprobar a Conta Xeral da Deputación Provincial de Pontevedra correspondente ó exercicio de 2009, e que a forman a da propia Deputación e a dos organismos autónomos seguintes: Escola de Canteiros, Museo Provincial, Escola Universitaria de Enfermería, Turismo “Rías Baixas”, Caixa de Anticipos de Cooperación, Instituto para a Promoción e o Equipamento do Solo Industrial da provincia de Pontevedra (IPESPO) e Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), integradas polo balance de situación final (composición e situación do patrimonio), a conta de resultados económico-patrimonial, o estado de liquidación do orzamento, a memoria, o estado de tesourería e o estado da débeda. Así mesmo incorpóranse certificacións de entidades financeiras cos saldos existentes nas mesmas a favor da Deputación referidos ó fin do exercicio, de conformidade co establecido nas regras 97 a 104 da Orde EHA/4041/2004, de 23 de novembro, polo que se aproba a instrución do modelo normal de contabilidade local. 5.5967.- PARTICIPACIÓN DA DEPUTACIÓN NO CONSORCIO PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO E CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN XESTORA PARA A ELABORACIÓN DOS ESTATUTOS Sr. Presidente.- Punto número 5. Participación da Deputación no Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento e constitución da Comisión Xestora para a elaboración dos Estatutos. Como aquí nos falta un documento tamén ademais da Intervención da Xunta, quedaría sobre a mesa. Polo tanto retírase. Retírase da orde do día asunto relativo á participación da Deputación no Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento e constitución da comisión xestora para a elaboración dos Estatutos. 6.5968.- RENUNCIA Ó CARGO DE DEPUTADO PROVINCIAL PRESENTADA POR D. JOSÉ CARLOS SILVA MARIÑO DO PARTIDO POPULAR Sr. Presidente.- Punto número 6. Renuncia ó cargo de Deputado Provincial presentada por D. José Carlos Silva Mariño do Partido Popular. Bueno, isto é tomar nota. Punto número 7, comunicacións. Sr. Muradas. Sr. Presidente.- Sr. Muradas. Sr. Muradas Ramos.- ¿En el acuerdo no va la renuncia y la propuesta del futuro Diputado?. ¿No hay que aprobar las dos cosas?. Sr. Secretario.- De conformidad con el Acta de la Junta Electoral de Zona. Sr. Muradas Ramos.- No, digo porque sólo se dice la renuncia y habría que decir la propuesta. Sr. Secretario.- No lo entiendo, perdone. Sr. Presidente.- No, el dice que tiene que ir la renuncia y la propuesta del nuevo. Sr. Secretario.- Es que va, así lo exige la Junta Electoral Central. Es lo que hablamos el otro día en la Junta de Portavoces. Dada conta do escrito presentado por D. José Carlos Silva Mariño (núm. Rexistro de entrada 23556 de 17/06/10), Deputado Provincial do Partido Popular, elixido en representación do Partido Xudicial de Vigo nas eleccións celebradas no ano 2007, mediante o que presenta renuncia ó seu cargo de Deputado Provincial. Resultando que a Xunta Electoral de Vigo proclamou no seu momento deputados provinciais suplentes en representación do Partido Popular a Dona Francisca Canal Gómez, D. Carlos Comesaña Abalde e D. Alberto Valverde Pérez. Resultando que en sesión plenaria de 4 marzo de 2009 a primeira suplente Dona Francisca Canal Gómez tomou posesión como deputada provincial, en substitución da á súa vez deputada Dona Corina Porro Martínez. Considerando o disposto no artigos 9.4 do R.d. 2568/1996, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, 73.1 da Lei 7/85, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e 208 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, de Réxime Electoral Xeral, así como a Instrución da Xunta Electoral Central de 10 de xullo de 2003. O Pleno toma coñecemento da renuncia ó cargo de Deputado Provincial presentada por D. José Carlos Silva Mariño, remitindo certificación acreditativa do presente acordo á Xunta Electoral Central coa indicación de que a xuízo da Corporación Provincial e á vista da acta da Xunta Electoral de zona de Vigo corresponde cubrir a vacante a D. Carlos Comesaña Abalde. 7.5969.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- Ben, punto número 7. Comunicacións. Sr. Secretario.- Los extractos de las Resoluciones Presidenciales dictadas entre el 24 de mayo y el 21 de junio. Queda enterado o Pleno das seguintes: - De extractos de Resolucións Presidenciais ditadas pola Presidencia entre os días 24 de maio e 21 de xuño do ano 2010 e que foron trasladados ós Voceiros dos distintos grupos políticos. Sr. Presidente.- Fóra da orde do día. Sr. Secretario.- Fuera del orden del día no hay nada. 8.5970.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Pasamos a Rogos e preguntas. D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Grazas Sr. Presidente. Mire, a pregunta, o rogo, é con respecto ó plan de investimentos, que se dou por chamar anticrise, desta casa, creo que ese plan era 2009-2010-2011, que era para executar esas obras canto antes, e en todo caso telas rematadas no 2011 todas, e incluso antes se se puideran adxudicar e pagalas no 2011. Ben, estamos á altura de mediados, exactamente de mediados do 2010, ou sexa, estamos á metade da vixencia do plan e advertímoslle, cando vostedes se empeñaron en que ían a adxudicar todas as obras, de que iso era unha temeridade, era unha auténtica temeridade, porque ía retrasar tremendamente o plan e non ía cumprir os obxectivos temporais nin de lonxe. Vostedes empeñáronse en adxudicar vostedes as obras e a consecuencia é que nestes momentos, nestes momentos, non chega dun total de obras, segundo as nosas contas, pode haber algún erro, de 264 solicitadas, teñen adxudicadas 52, a metade, ou sexa que tiñan que estar todas e hoxe había que facer un balance de en que estado de execución estaban. Bueno, pois aínda teñen adxudicadas, se hai algún erro que puido ser da última semana, algún tal, exactamente 52, ou sexa, o 20%, adxudicadas, empezadas menos porque aínda quedan trámites, e sen adxudicar todo o resto. Home, eu non sei, agora será moi difícil xa cambialo pero creo, creo que por esa avaricia de controlar todas as obras o que están facendo é facendo absolutamente disfuncional o plan e demais. Home, e o que resalta dentro desas 52 adxudicadas é que 48 son concellos do PP, aínda así, non cumpren ningunha ratio e as demais, 4 concellos doutro signo. A ver, creo que os millóns de euros que se van meter neste, e o obxectivo que teoricamente se perseguía, home, debeuse ter plantexado con moita máis seriedade, con moita máis seriedade, non tomar esa decisión e demais. Entón, Sr. Presidente, a pregunta é clara, ¿cando pretenden ter adxudicadas todas as obras?. E o rogo é que, outra vez pensen máis seriamente e deixen de facer política así curtiña, de curtas miras, con algo tan ambicioso. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Estamos, evidentemente, traballando nese ámbito, van a un ritmo razoable, e polo tanto, eu espero que poidamos cumprir coa previsión inicial, de que agora está aprobado o 96%, o 98% dos proxectos, e polo tanto aí poidamos dar cumprida nota de todos e de cada un dos expedientes de contratación, ou sexa que, en principio vamos dentro do razoable. Vostede, evidentemente, discrepa con nós, como xa discrepou no seu día cando dicía que o plan tiña que ser de x, moito máis que do que foi, e despois por outro lado di unha cousa e máis a contraria ó mesmo tempo; despois por outro lado manifestara “non, é que a Deputación de Pontevedra está endebedada ata límites que non se entendería”, e supostamente vostede era un dos que propoñía que o plan de investimentos non tiña que ser de x senón que tiña que ser de x+x+x, eu sei que vostede é capaz de todo iso, de dicir unha cousa e maila contraria nun breve espazo de tempo, non fai falta que haxa moitas horas de diferenza, pero bueno, a política hai que sostela con argumentos, e polo tanto como non hai argumentos neste tema para dicir outra cousa, xa se aprobaron os proxectos, se revisaron, en principio vai todo dentro do razoable, é todo o que lle podo dicir neste sentido. Sr. Mosquera Lorenzo.- Grazas Sr. Presidente. A vostede parécelle razoable que á metade da vixencia, ou sexa que, dígolle, plan 2009-2010-2011 e con este ritmo, ó final de 2010, cando debían estar practicamente todas as obras acabadas, non van a estar nin a metade iniciadas, e a vostede parécelle razoable. Sr. Presidente.- Van a vir nun momento moi óptimo, cando non hai ningunha obra pública en marcha, iso é moi importante. Sr. Mosquera Lorenzo.- Segunda cuestión, Sr. Presidente, home, na lóxica, lóxica, lóxica, pois case mellor non entramos, non, pero só un apunte, se esta casa, esta casa, fixera o que se propoñía, o que se propuxo por parte deste grupo político, a situación sería radicalmente diferente. Non sei se lle falla a memoria, pero aquí propúxose a transferencia dunha serie de centros que non son competencia estrita desta casa e o aforro sería moi substancial, non quixeron, non quixeron, alá vostedes, primeiro case lle gustou, andaron bailando e despois non quixeron, ben, primeira cuestión. Segunda cuestión, cando se propuxo por este grupo político meterse nun plan deste tipo ía asociado un recorte, que esta casa ten grandes posibilidades de facelo, do gasto corrente, e vostedes este ano metéronlle un aumento do 15% ó gasto corrente desta casa, claro, sume, si, capítulo 2, 15,09, lle subiron, 15,09, lle subiron o gasto corrente a esta casa, claro, se tiran do gasto corrente, se seguen gastando en áreas que non, que non son competencia desta Deputación e que tiveron oportunidade de transferilas, entón a situación, e recorren a crédito nun volume alto, pero que esta casa podía soportar, variando as condicións previas, facendo transferencias e recortando en gasto corrente. Se vostedes non fan transferencias, non recortan en gasto corrente, e recorren a crédito, claro que esta casa está en mala situación e claro que propoñemos ir a máis, claro que si, porque tiñamos un deseño de reorganizar esta casa doutra maneira, vostedes non o quixeron facer, bueno, pero alá vostedes, pero non me acuse de falta de coherencia, é dicir, creo que é a primeira vez, a primeira vez non, houbo algún Presidente do seu partido político que o intentou e non lle deixaron, pero por parte nosa polo menos, da oposición, que se fai unha proposta clara de reorganización desta casa e coherente en cifras, absolutamente coherente, e daban perfectamente como vostede ben sabe, non me enganche por aí e demais, estamos falando deste plan, e volvemos, deste plan, que pola súa decisión de querer adxudicar vostedes todo; ó Estado, por exemplo, non se lles ocorreu adxudicar todas as obras dos outros plans, porque saben que non poden, nin a Xunta, tampouco nun plan deste tipo, vostedes si porque creron que ían ser capaces e non foron, non foron capaces, e total un plan que debía estar avanzado e de previsión pois non son capaces de levalo, á parte do sesgo do signo político con respecto ás que adxudicaron ou non. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Non me dou ningún novo argumento, polo tanto, bueno, nese tema eu creo que xa se vai a ir vendo a evolución, porque vai ir vendo nas Resolucións Presidenciais, das propostas e dos concursos públicos que están en marcha, e aí xa vai ir vendo a evolución dos mesmos. Sr. Muradas. Sr. Muradas Ramos.- Yo casi tengo que darle las gracias por la intervención del Bloque, por los datos aportados, que este ya es el tercer Pleno que reitero la misma pregunta. Entonces, casi voy a tener que elevar el tono y decirle que si en este viaje no me contesta voy a deducir que usted se instaló en la desvergüenza institucional, si, si, son tres plenos, son tres plenos, no es una pregunta complicada, es el volumen de contratación del plan anticrisis y los criterios utilizados, porque mediáticamente parece que el criterio que utiliza es que vengan por aquí los alcaldes, a visitarlo, sino me lo contradice pues casi, casi, le voy a traer unos cuantos, casi, casi, le voy a traer unos cuantos alcaldes por aquí, para ver si eso desencadena la adjudicación a unos ayuntamientos que se están considerando en este momento marginados. Entonces, concreto la pregunta, la reitero, por tercera vez consecutiva, de ¿cuál es el volumen de adjudicación del plan anticrisis?, y ¿qué criterios se están utilizando para la adjudicación de las obras?. Nada más. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Muradas. Coa mesma resposta do Sr. Mosquera lle contesto, que vai evidentemente dentro do razoable e polo tanto, vostedes o poden comprobar, mesmo ademais, porque o teñen por cada unha das Resolucións Presidenciais, saben, cantas propostas hai, cales están en concurso público, cales non, e polo tanto, vostede ten exactamente a mesma información ca min. Polo tanto, se eu o teño que calcular o invito a vostede a que o calcule tamén, e xa o calcula e xa lle dan os números perfectos. D. Pauliño Del Río. Xa me fixo a pregunta e xa lle contestei. ¿Quere facer máis preguntas?. A ver, outra pregunta. Sr. Muradas Ramos.- Como no lo entendió pues tendré que hacérsela de otra manera, no me respondió qué criterios ni qué volumen, yo tengo mucha dificultad para sumar, lo reconozco públicamente, entonces no voy … Sr. Presidente.- Pero con axuda do grupo, a axuda do grupo lle pode … Sr. Muradas Ramos.- No, tengo dificultad, tengo dificultad para sumar, llego escasamente a la suma de dos manos. Le reitero la pregunta, ¿qué volumen va contratado y los criterios?. Yo no le estoy preguntando como va, si va bien, mal, regular, que esa es su respuesta, esa es su respuesta, yo quiero saber, ¿qué volumen va contratado y cuáles son los criterios que usted está utilizando para adjudicar esas obras?. Sr. Presidente.- Vale, pois lle reitero, gracias Sr. Muradas, parece que non escoitou antes, o criterio é o que establece Contratación, e o segundo, o volume, vostede calcula, volume de proxectos e volume de obras e lle sae xa o resultante final, é faciliño, fácil. D. Pauliño Del Río Iglesias. Sr. Del Río Iglesias.- Bos días. Sr. Presidente.- Bos días. Sr. Del Río Iglesias.- Eu era simplemente para facerlle a vostede un rogo, non se poña nervioso que non vai a ir por aí. Sr. Presidente.- ¡A min, nervioso! … Sr. Del Río Iglesias.- Si, o miro un pouco inquieto hoxe, non sei por que. Mire, creo que xa é habitual que vostedes non contesten ás preguntas que se lle fan dende os distintos grupos, incluídas preguntas por escrito, e este que lle fala ten algunha pregunta dende hai dous ou tres meses, e gustaríame que contestara, aínda que fora nese ton dicharachero que ten hoxe, verdade, pois estaría ben que contestara, que cumprira a súa función, porque vostede ten ó seu cargo funcionarios moi eficientes, que estou seguro que se vostede lle dá a orde pertinente teremos a documentación inmediatamente, polo cal hai que colixir de que senón o fan é porque vostede non actúa como debería de actuar, e en segundo lugar, polo tanto, rógolle que conteste ás preguntas que se lle fan. En segundo lugar, gustaríame saber se a Deputación de Pontevedra e vostede ten algún tipo de compromiso co concello de Gondomar para subvencionar a obra da Escola de Música de Vincios, se é así gustaríame sabelo, gustaríame saber o montante desa axuda e a que partida corresponde a mesma. Moitas gracias Sr. Louzán. Sr. Presidente.- Moitas gracias D. Pauliño Del Río. Se son dous, tres meses, estamos dentro do razoable, eu lle digo que o grupo do Partido Popular no Parlamento de Galicia votou catro anos na oposición e algunhas preguntas non tiveron contestación aínda hoxe, polo grupo de goberno daquel entón, do cal formaban parte o seu grupo. Pero eu lle vou a contestar, estea tranquilo que eu lle vou a contestar unha por unha, sen ningún problema, a diferenza, iso é para que vexa como son as prácticas e os modos de cada quen, nós catro anos, e algunhas non se contestaron porque ademais houbo que incluso levar alí a alguén que dera fe de que se presentou, non se contestaba, nin caso, nin caso, polo tanto sen ningún problema. En relación a ese tema de Vincios, si, estamos traballando na posibilidade dunha colaboración entre varias administracións, a Deputación de Pontevedra, o concello e tamén a Xunta de Galicia, para iso. Vostede sabe ademais que era unha importante e necesaria actuación, que nós comprometéramos con anterioridade, despois vostedes tamén, e vostedes nin nós non o fixemos, e agora finalmente creo que se vai a facer. Pero bueno, é unha boa nova neste caso para esa actuación, que vostede sabe que ademais é unha necesidade e polo tanto que sepa que si frutifican, que eu creo que si, as negociacións que se están entablando, vamos a poñer en marcha esa importante actuación, e necesaria por certo, para esa Escola de Música de Vincios que engloba tamén á banda de música. ¿Algunha pregunta máis?. D. Pauliño. Sr. Del Río Iglesias.- A ver, eu a verdade é que teño aquí, non sei, realmente son asombrosos …, vostede, e cando menos, supoño que será un pecado de xuventude, non, é que vostede é moi novo e entón ese ímpeto lle fai ás veces dicir as cousas que di. Vostede se algún día contesta unha pregunta, correcto, ó que lle preguntan, eu non sei, ese día algo haberá que facer. Fálame vostede do Parlamento, de, é dicir, vamos a ver Sr. Louzán, vostede debería de predicar co exemplo, verdade, e hoxe que empezou neste tono tan bíblico, pois debería de predicar co exemplo. Vostede leva neste mandato sen recibir a alcaldes que o solicitaron, verdade, e as preguntas que lle fago cando exceden de dous ou tres meses, ese prazo razoable, xa as reitero, verdade, porque é mellor reiteralas, para refrescarlle a memoria, porque eu sei que vostede é un home moi ocupado e que ten outras cousas que facer á parte de estar aí sentado nese sillón. Polo tanto, en vez de eludir as preguntas, de cando en vez debería de contestar e dicir, pois si, perdoe, ou estamos dentro do razoable, paréceme boa resposta, pero non me veña a falar aquí do Parlamento, se tiveron que levar un Notario, etc., etc., porque aquí todos podemos contar contos pero non vimos a contar contos, vimos a intentar resolver problemas, polo tanto, conteste, bueno, razoablemente, vamos a deixalo. No tema de Vincios alégrome, veremos se desta volta vai adiante, vostede sabe que o problema fundamental da escola de Vincios era a non desafectación desa escola, verdade, e que pois alguén durante vinte anos de mandato non foi quen de facelo, e nós resolvemos ese problema, e nese moi …, vostede ás veces en Gondomar, xa me dou a impresión a primeira vez que me contestou unha pregunta Sr. Louzán, vostede en Gondomar ás veces toca de oído, e claro a banda desafina, a súa banda desafina, e de cando en vez hai un músico que hai que substituílo, non toque tanto de oído, toque de partitura. A desafectación dese edificio, que era o tema polo cal non había forma de facelo, verdade, e que o Partido Popular non foi quen de facelo durante 20 anos de goberno en Gondomar, este goberno tan malo e falto de xestión e que vostede cambiou, verdade, debería dicirlle que tamén debería de facer orzamentos, porque aínda non os fixo, e creo que ten vostede aí para dar e tomar, aínda non fixo os orzamentos, iso si, onte houbo que aprobar dedicacións exclusivas facendo unha transferencia de crédito, para iso si son eficientes, para o resto parece que non. Bueno, vamos ó asunto, a desafectación da escola está feita, correcto, e está feita dende hai xa máis de ano e medio, que era o principal problema, hai un proxecto que está feito, e agora espero de vostede que nesta colaboración institucional a tres bandas cando menos, que cumpra desta volta o seu compromiso, porque xa non hai o escudo, o parapeto, de que a escola non está desafectada e non está posta a disposición. Alegraríame porque é unha obra necesaria, é unha obra importante, verdade, para Gondomar, non só para Vincios senón para Gondomar, e que alegraríanos de que vostede colaborara na realización da mesma. Gracias Sr. Louzán. Sr. Presidente.- Moitas gracias D. Pauliño. Pois vamos a colaborar, seguro, ou sexa, fíxese que rápido nos entendemos, sei que é unha necesidade, vostede me dicía que non, que toco de oído, fun alí catro veces, co goberno do PP, co seu goberno non me invitaron pero … Xa digo, asistín, vin os locais por dentro, e, bueno, finalmente se chegou a esa solución, que quizá non era a mellor solución, como opinión nada máis. Quizá mellor houbera sido buscar unha ubicación máis ampla porque está bastante achicado de espazo. Pero finalmente non se atoparon os terreos e parece ser que vai a ser unha remodelación desa instalación a que se vai poñer en marcha, e como, xa digo, non hai posibilidade de, aínda que se intentou, hai que dicilo, buscar unha ubicación no entorno próximo de onde está agora, pois ó final teña por seguro que a Deputación, a Xunta de Galicia e o Concello, van a entablar un acordo para facelo. Eu creo que vostede está no ámbito de que se faga porque sabe que é unha necesidade, e eu tamén, se algo hai na provincia de Pontevedra que teña pois unha necesidade é esa, porque hai, vin alí ademais que hai un potencial humano moi importante, que hai que darlle unha instalación digna, e nese sentido pois creo que merece que esa actuación a respalden as institucións, neste caso a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello. Polo tanto o seu obxectivo se vai a cumprir e o noso tamén, nós tardamos, vostedes pasoulle o tempo tamén, e non o fixeron, e as circunstancias da vida pois nos levan a que teñamos que facelo a Deputación de novo. Pero bueno, cando unha cousa é para ben, como neste caso, nos felicitamos diso e polo tanto o poñemos en marcha. Polo tanto, xa digo, síntase ben que iso está en marcha, e cando teñamos coñecemento exacto lle direi a concreción da actuación total. Moitas gracias. Sr. Martínez Giráldez. Sr. Martínez Giráldez.- Bo día a todos e a todas. Pedirlle, Sr. Louzán, que por favor, que me conteste ás preguntas efectuadas nos últimos Plenos, que xa non as vou facer, non as vou a volver a presentar ata que, bueno, a ver se se digna xa, que no último Pleno dixo que me ía a contestar por escrito, espero que o faga efectivo. Sr. Presidente.- Creo que están, están feitas, non chegaron ó seu poder, pero dende Recursos Humanos, é que vostede pide algunha información que hai que andar buscando nos arquivos. Sr. Martínez Giráldez.- Non home non, non era ningunha documentación atrasada, eran moi sinxelas. Sr. Presidente.- Pero creo que xa está. Sr. Martínez Giráldez.- Mire, e á parte diso tamén me gustaría saber, vostede presentou no seu momento aquí un proxecto estrella, que era o tema do circuito de alta velocidade, me gustaría saber en que situación se atopa neste momento ese proxecto estrella. Sr. Presidente.- Bueno, pois estamos vendo a posibilidade de financiamento externo para chegar a un acordo coas comunidades, que ceden os terreos gratuitamente, e ademais o alcalde de Mondariz e de Pazos tamén están nese mesmo ámbito de colaboración, e polo tanto, temos o anteproxecto feito, está o estudo de viabilidade económica tamén feito, e bueno, vamos seguir co que nos permita a situación económica, ir traballando para conquerir ese obxectivo. É evidente que a situación económica, se fose outra pois sería máis doado, como é a que é, pois nos levará un pouco máis de tempo pero eu estou convencido de que o obxectivo se alcanzará, porque é un recurso importante para esa comarca, para a provincia de Pontevedra en xeral, e polo tanto, bueno, pois o agradecemento ás comunidades que van a colaborar para iso. Esperamos poder dar inicio a esa actuación. Sr. Otero Besada. Sr. Otero Besada.- Si, Gracias Sr. Presidente. Bos días a todos. As miñas preguntas van en relación coas Pousadas Xardíns do Salnés, porque días pasados estou vendo na prensa que se anuncia que a Deputación vai comprar 23 parcelas no concello de Meis. Por outra banda, anúnciase a continuación a contratación do proxecto da Pousada para Ribadumia, nun terreo que era propiedade da igrexa. Como queira que no proxecto solicitado ó FEDER prevíase estas instalacións en oito concellos, non concretamente neses catro, nos que se dixeron, agradezo se me facilite a seguinte información: Primeiro, ¿Que cantidade aportou a Deputación de Pontevedra para os terreos de Ribadumia?. Segundo, ¿se é certo que pagou 108.000 euros para a compra de 23 parcelas en Meis?; e, ¿se é certo que se aportaron cartos para os terreos de Ribadumia e Meis?. ¿Por que non se propuxo a compra a outros concellos que tamén podían estar interesados, se os terreos os compraba a Deputación?, porque nun principio no proxecto, tal como se fixo constar non aparecía que a Deputación puidese comprar os terreos. E por último, ¿cal é a situación do proxecto da Pousada de Vilanova de Arousa?. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Otero Besada. Primeiro, dicirlle que, hai que recordar que este proxecto, que é un proxecto de ámbito social para persoas con discapacidade ou con problemas de mobilidade, que foi presentado para esa comarca do Salnés nun total de 27 proxectos, e foi posto en marcha por parte desta institución, non exento de dificultades, se lle trasladou a todos e cada un dos concellos da comarca do Salnés que nos pasaran a súa posibilidade de dispoñibilidade de terreos, e sobre todo posibilidade dende o punto de vista urbanístico. En principio só contestaron os municipios que agora mesmo estamos en negociacións, uns máis avanzado e outros menos, que poidan ser destinatarios desta instalación. No que se refire a Meis, concretamente, que tamén dou varios emprazamentos entre os cales este, aínda que sexa de ámbito privado, o proxecto en si establece a posibilidade de adquirir esas parcelas que se adquiriron. E ademais quero facelo aquí publicamente, un agradecemento ós propietarios porque ofertaron un solo apto para este tipo de construción, a un prezo máis que razoable, que está englobado dentro do proxecto, que non lle custou nada polo tanto a esta institución. Ademais diso creo que acertamos de pleno, neste caso felicito ó alcalde de Meis pola proposta que nos fixo da ubicación, porque é moi razoable, moi axeitada e con moitísimo atractivo. Polo tanto, quero que lle quede claro esa posibilidade, finalmente, do asentamento no lugar de Armenteira, na parroquia de Armenteira, no municipio de Meis. No caso de Ribadumia non hai evidentemente custe máis que a propia urbanización do entorno onde vai ubicado, porque é un convenio co arzobispado de Santiago de Compostela. Polo tanto, tendo como criterio base o primeiro que se mandou, porque ningún concello máis, evidentemente, se interesou máis que estes, incluído tamén o de Meaño, que nos cede gratuitamente unha parcela dunha hectárea de terreo, con posibilidades dende o ámbito urbanístico para a ubicación disto, pois creo que estamos dentro do razoable, proxecto como digo complexo el, que estamos levando a cabo non exento de dificultades. No caso de Vilanova de Arousa, neste momento temos dificultade dende o punto de vista urbanístico, cremos que é un emprazamento magnífico, pero temos como digo, problemas coa tramitación da, porque houbo unha reforma da Lei do Solo, que hai un tempo imprescindible para poder tramitar a licenza desa parcela para esta instalación, o cal nos levará probablemente a que se teña que construír nos terreos de Meaño. E iso é máis ou menos como está a situación deste importante proxecto que como digo, moi laborioso, con moita complexidade dende o punto de vista de conseguir terreos para a ubicación das mesmas. Pero bueno, lle dou a palabra. Sr. Otero Besada.- Vostede mesmo está recoñecendo que nun principio se ofreceu ós concellos quen tiña terreos para poñer a disposición para facelas, pero polo que vexo ata agora ningún puxo a disposición terreos, ningún. Sr. Presidente.- Meaño. Sr. Otero Besada.- O de Ribadumia, o de Meaño é o único, que eu descoñezo como se fixo, descoñézoo; o de Ribadumia houbo que facer un convenio a propia Deputación; o de Meis houbo que comprar as parcelas, polo que vostede acaba de recoñecer, ¿por que non se lle deu esta oportunidade ó resto dos concellos?. Porque eu sei que hai outros concellos que se lle dixera que os terreos os compraba a Deputación seguro que aparecían terreos por todos os lados. Eu o que penso é que non se lle dou oportunidade ó resto dos concellos. Sr. Presidente.- Eu sinto que vostede pense iso, pero teña por concibido que dende aquí se actuou coa máxima transparencia, non creo que, en ningún caso houbo ningún concello que se interesara por este tema, máis que os que lle digo, porque ademais consta por escrito, consta por escrito, e non creo que ningún concello estea en condicións, incluído Meis, e incluído Ribadumia, de que estea en condicións nadie de aportar a superficie que aí se aporta, con esa cualificación urbanística polo prezo, no caso de Meis, que aí se aporta. Se vostede consegue algo nesas características o estudaríamos, pero non creo que estea nesa posición de conseguir a 15€m2 un terro apto, evidentemente, para urbanizar e para instalar aí un complexo destas características. Polo tanto, creo que finalmente vai ser un proxecto importante, que cumpre un obxectivo social dunha demanda de máis de dous millóns de persoas en España, que teñen problemas de mobilidade e de discapacidade, que poden ir a este tipo de instalacións. Pola miña parte nada máis. Levántase a sesión e moi bos días. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as doce horas do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. O Presidente, O Secretario, Asdo. Rafael Louzán Abal Asdo. Carlos Cuadrado Romay
Área de documentación
Existencia e localización de copias Enlace para escoitar o audio da sesión do Pleno
Ãrea de notas
Nota
Puntos de acceso
Puntos de acceso de topónimos
Nome dos puntos de acceso Deputación de Pontevedra. Pleno (Tema)